domingo, 17 de maio de 2020

GALICIA


UN CATEDRÁTICO PARA A HISTORIA: DON RICARDO CARBALLO CALERO







DÚAS PALABRAS A MODO DE LIMIAR:


Pregúntame Dulce se me deu clase Carbalho Calero: lamentablemente, non. Pero coñezo moita xente, algúns ben amigos noutrora -ou sempre, porque a fidelidade lévase e nótase aquí, dentro- a quen si: deulle clase a Carmela, a Lisardo, a Uxía, a Beni, profes que son ou foron vosos… Deulle clase a Anxa, a Manolo Castelao, a Salinas, a Ferreiro, a Carlos Paulo…, todos alumnos que foron da Universidade de Santiago, todos daquela ilustre fornada, a Primeira Promoción de Galego-Portugués. Fermosa e feliz tamén ela, nunca suficientemente relembrada, frase nominal: a Primeira Promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa. Gloria de Galicia. Que grande cabaleiro era don Ricardo: nada que envexar a aquel Castro galego, Fernando se non erro, de quen ficou escrito no mármore Aquí yace toda la lealtad de España. Nadiña. Fiel ao ideal político, fiel a unha ética social, fiel a un idioma desprestixiado pero rexo e poderoso sempre. Había que velo polos corredores da facultade, oír a súa xurdia voz, ser fitada polos ollos de aguia ártabra. Aquela facultade co brasón na pedra de Mazarelos. De don Ricardo vénnos as primeiras lecturas medievais e no seu inmorredoiro manual prende forte a raigame en moitos de nós do amor á lingua galega. E cantos de vós, fillos, rapazas e rapaces que fostes meus alumnos, non me vistes encher con orgullo a boca cando vos dicía que el, Ricardo Carballo Calero, ferrolán universal, soubo honrar a cátedra de Lingua Galega na Universidade galega? Que a terra lle sexa leve!

Dulce prepara cos alumnos unha entrevista sobre o noso protagonista que promete compartir connosco. Mentres agardamos, déixovos en mans moi autorizadas. A Universidade da Coruña, onde imparten aulas brillantes ex alumnos de don Ricardo, pon á nosa disposición unhas páxinas que non podemos perder de vista. Velaquí: https://carvalhocalero.lbd.org.es/


Ningún comentario:

Publicar un comentario