GALICIA INMORRENTE
DÍA DO SANTO ESTEVO
('Martirio de santo Estevo. Juan de Juanes. Museo do Prado)
Hoxe, 26 de decembro, celébrase o santo Estevo. Normalmente
moitos de vós, alumnos ou ex alumnos nosos, xente moza en xeral, non sabedes
gran cousa da haxiografía (vida e milagres dos santos) nin tampouco -en
principio- vos interesa demasiado. E porén, a vida e milagres dos santos pode
ser aleccionadora de facetas importantes do ser humano, a haxiografía integra
moita antropoloxía e folclore, e desde logo, dato nada desprezable, resulta
imprescindible coñecer un mínimo de haxiografía para comprender unha manchea de
obras de arte. E inda me queda na man un argumento: en épocas pasadas pero non
tanto, un santo moi venerado, un santo patrón poñamos por caso, era a causa
innegable de que os nosos ancestros decidisen poñernos o nome que temos. Mirade
por exemplo o caso do Estevo: o apelido Estévez ‘Fillo de Estevo’ está nunha
das pólas da miña árbore familiar, pola banda da familia do meu avó materno
valdeorrés. Como xa vos teño comentado, toda a familia materna é valdeorresa,
no que eu sei, todos nacidos en Valencia do Sil (aí onde hai moi pouco fixeron
finos estudos arqueolóxicos…). E se cruzas o río e vás á Rua, que vén sendo con
respecto a Valencia, o lugar “urbano” máis próximo, atopas xa na entrada, na
Rúa Vella, a magnífica igrexa do santo Estevo (da que por certo, xa falamos
noutra páxina deste blog, no capítulo “Galicia Inmorrente” do venres 31 de
agosto de 2018).
(Fermoso altar de pedra. Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil)
Vaiamos por partes. Primeiro algo da vida dese santo, e logo,
o folclore e as tradicións correspondentes. O santo Estevo é chamado
protomártir porque está considerado o primeiro mártir cristián. A súa historia
vén no libro do Novo Testamento titulado Feitos dos apóstolos (capítulos
6 e 7), atribuído a san Lucas. Vou destacar só tres cousas: 1ª, que
inicialmente forma parte dun grupo de sete persoas que os doce apóstolos elixen
para atender a mesa (o servizo do pan noso da cada día) das viúvas; 2ª, que o
encarceran (antes de lapidalo), e 3ª, a calma e a beleza que exhala: aqueles
que o van matar mal matado, cando o escoitan falar, ven nel o rostro dun anxo.
Logo, na Idade Media, a súa vida pasará a ser narrada na Lenda
Dourada de Santiago de la Vorágine, e aí insistirán na idea de serenidade e
beleza, engadindo un aspecto novo con esa idea relacionada: desprendía un
recendo tan fermoso e admirable o seu corpo, unha vez morto, que era capaz de
obrar milagres: aspirar tal recendo obraba a resurrección doutro ser humano
acabado de falecer. Persoalmente unha servidora nunca tal oíra nin lera. Pero
cobra un sentido cabal a unidade fraseolóxica que alude ao olor de santidade. Tiñamos lido
cousas curiosísimas sobre impoñer a man un santo, impoñer o cuspe incluso, ou
bicarlle o manto a, ou beber do sagrado leite de María, ou que che dera
simplemente a sombra de (por exemplo de san Pedro), pero que o puro recendo que
ulises resucitase, é novo para min. Marabíllame.
(Na moeda da dereita vemos ao deus pancéltico Lug co seu atributo da man longa, e polo que sabemos, tamén certeira, porque cando Lug ve o carrizo no aire, dálle un golpe certeiro e preciso que o fere no talón; todas as fotos foron tiradas de Internet)
Non menos importante para o noso entender é o traballo que
fai de la Vorágine para xustificar que a festa deste santo se sitúe
inmediatamente despois de Nadal. Esta é unha moi boa pregunta: por que a Igrexa
celebra a festa de Estevo o 26 de decembro? De la Vorágine di que por ser o
primeiro mártir, merece a honra de ir a súa festa, a primeiriña tras a do
Nacemento de Deus.
O 26 de decembro de 2009 o papa dixo: o que está no
presebe é o Fillo de Deus feito home, que nos pide que deamos testemuño do seu
Evanxeo, como o fixo santo Estevo.
Nós pensamos que tamén interviñeron outros factores na
colocación aquí, neste momento do ano, da festa deste santo importante, o
primeiro en verter o seu sangue pola nova fe naquel momento histórico, o cristianismo.
Pensamos na necesaria neutralización ou aculturación de ritos pagáns anteriores
ao cristianismo que se celebraban por estes días.
(Na parte superior vemos outra representación, esta vez hispánica, de Lug, moi esquemática. Peñalba de Villastar, Teruel)
Entramos así na segunda parte: Tradición e folclore arredor
deste día. Os primeiros refráns con que topamos están en inglés (e está ben que
empecemos con eles porque foron o detonante do noso interese por este tema).
Blessed be St Stephen, there is no fast upon his even ‘Bendito sexa san Estevo, non hai
xexún na súa véspera’.
If you bleed your nag on St Stephen’s Day, he’ll work your
work for ever and aye
‘Se sangras o cabalo o día de santo Estevo, hache facer o teu traballo para
sempre xamais’ (en: Dictionary of proverbs, Penguin Books, 2000).
Xa vedes: hai santos en cuxa véspera hai que xaxuar, mais non
é o caso deste, porque na súa véspera celebramos o Nadal. É máis: no día do
santo Estevo era tradición en moitos lugares da vella Europa celebraren as
familias un bo xantar. Así o recordan nos medios ou redes sociais moitos
internautas irlandeses; e tamén cataláns: parece ser que en Cataluña son
típicos estes días os canelóns. (en: https://www.barcelona.cat/culturapopular/es/noticia/infobarcelonaespor-que-san-esteban-solo-se-celebra-en-cataluna_446596). E tamén, por poñer outro caso, fan boa
celebración familiar con xantar incluído, en Finlandia, onde, ademais,
practican este día carreiras de cabalos (en: https://michanenfinlandia.com/2017/12/26/dia-de-san-esteban-finlandeses/). Pero nin Cataluña nin Finlandia
son os únicos territorios europeos onde se conservan tradicións vinculadas ao
santo Estevo. Tamén noutros lugares da cornixa atlántica. E sen ir máis lonxe,
en Galicia: na Rúa Vella, na terra dos meus, tamén se celebra un bo xantar
neste día, o que por aquí chamamos unha boa romaría, sendo o típico comer empanada
de costrelas. Antes facíase ese mesmo día, o do santo Estebo, no propio
adro ou praza da igrexa; agora faise noutro lugar (onde a capela de san Roque)
o sábado. Eu nunca o vivín e prometo facelo antes de morrer, deo volente.
Agradecemos desde aquí ao noso curmán querido, Manuel Trincado, que nos
transmitise tan estupenda información.
Así que mira ti por onde, volvemos ver a Estevo vinculado a
unha mesa ben servida… O segundo refrán británico fálanos dun costume antigo, o
de sangrar os cabalos; un estudoso, Eric Partridge (nun libro titulado Words,
Words, Words!), documenta esta tradición desde 1557 e di, dunha banda que é
posible que este santo fose o patrón dos cabalos (os finlandeses así o
aseguran: San Esteban
era un mártir y mozo en la cuadra de Herodes, por lo que se le hizo santo y
patrono de los caballos y los jinetes. De ahí que este animal haya adquirido
protagonismo en este festejo, na páxina web citada ), e doutra, que é moi posible que
fose un costume traído a Inglaterra polos daneses. Os vikingos eran,
efectivamente, grandes criadores de cabalos… Pero non podemos esquecer que
actualmente, en Mongolia, seguen a sangrar de cando en vez os cabalos: como
tampouco podemos esquecer que celtas e xermanos veñen da matriz
asiático-europea (IDE). Estamos máis unidos uns cos outros do que ás veces
cremos. Non sei eu se a Inglaterra chegou da man dos daneses, pero tampouco é
imposible pensar que estamos diante dunha tradición (proto)indoeuropea. Na nosa
península ibérica documéntase tamén esa tradición. Desaparecida xa, si, pero
aínda viva no XVIII polo que di o sabio galego Benito Jerónimo Feijoo: Digo
(…) que es superstición coger tales o tales hierbas el día o noche de San
Juan (…). De la misma harina es injerir los árboles el día de la
Anunciación, sangrar los caballos el día de San Esteban, cortarse las
uñas los viernes (…) ((en Cartas eruditas y curiosas (1741-1760),
subliñado noso).
Outra fascinante (de seu, e polas implicacións) tradición que
se realiza ou realizaba en certos lugares de Europa (en Irlanda, Inglaterra,
Francia, Galicia, Norte de Portugal e Zamora, no que nós sabemos) é a chamada solta
do paxaro ou caza do rei Charlo -na mariña lucense- ou caza del
reyezuelo (identificado ás veces co petirrojo ou entre nós, co
carrizo e co wren dos británicos; artigo fundamental aquí é este: “La
cacería del reyezuelo: análisis de una cacería ancestral en los países
célticos” de Fernando Alonso Romero (en: http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2001PDF/2001%20083_102.pdf).
(Retábulo do mosteiro de santo Estevo de Ribas de Sil, ou dos máis fermosos mosteiros, hoxe Parador Nacional de Galicia. Enriba de Xesús está o santo Estevo)
Alonso Romero (profesor universitario, sabio coñecedor das
culturas atlántico-europeas) pon en relación o ritual complexo desta caza do
carrizo ou reyezuelo con ritos panindoeuropeos de elección dun novo rei
(en correspondencia cun novo ciclo anual), ritos onde a cópula -simbólica as
máis das veces- cun semental ou cunha egua e un humano era un fito clave. Este
ritual deriva ou se acompañaba moitas veces cun sacrificio dun cabalo e dunha
festa máis ou menos comunal en que comían dese animal sacrificado (Snorri, por
exemplo, na saga Hákonar Saga goda 17, descríbenos o sacrificio ritual dun
cabalo que se celebraba en Hladir a principios do inverno).
Inda se complica máis o tema se temos en conta que cabe aquí
outro enfoque: hai un novo mito que lanza aquí a súa luz, e nunca mellor dito,
porque se trata do episodio de recoñecemento do vello deus atlántico, Lug, por
parte da nai, a quen el perseguía precisamente na procura da súa
identificación-acción de ela lle dar un nome. Nese episodio bautismal xorde no
aire o carrizo (reyezuelo), simboloxía clara de epifanía do deus Lug. E
segundo os expertos, esa é a xenese das posteriores versións pola Europa
Atlántica da caza do paxaro o día do santo Estevo. Nestoutro punto resulta
imprescindible a lectura (libre na rede) do artigo doutro sabio, esta vez cántabro, docente da USC:
García Quintela, M. V., «El Reyezuelo, el cuervo y el Dios céltico Lug:
aspectos del dossier ibérico», en ARYS, 5, 2002, pág. 160.
Que relación hai entre aquel ritual panindoeuropeo e esta
historia da vida de Lug? Na nosa humilde opinión viñeron aquí confluír como
conflúen camiños procedentes de distintos lugares nunha mesma encrucillada.
Conflúen no que teñen en común: presenza dunha certa epifanía, con certas
características de realeza. De aí talvez que se entrecrucen ou mesturen tamén
ritos da caza do paxaro con pantomimas cun cabaliño de madeira (*). Pode que o
factor aglutinador sexa o tempo: estas chamémoslles “pervivencias” de ambos
rituais coinciden no solsticio de inverno.
E por que se sangraban este día os cabalos? O refrán inglés
que vimos arriba fainos pensar nunha cuestión de vigor e forza, e quen sabe se tamén “purificación” dos
humores vitais do animal. Pero se queremos fiar máis fino, debemos traer á palestra unha crenza
atlántico-galaica que parece ancestral. En Buño fálase do Carballo do santo
Estevo: En Buño sobrevive a lenda do carballo de Santo Estevo. Marca o
linde coa parroquia de Cerqueda. Ata el foi o santo nun carro pero non quixo
seguir adiante e regresou a Buño, xusto ata o lugar onde se lle levantou a
igrexa. A lenda deste carballo centenario conta que nunca se chegou a cortar
porque se se fixese, do seu tronco brotaría sangue (en: http://www.concellomalpica.com/gl/as-parroquias-de-buno-e-leiloio-son-un-paraiso-de-lendas-e-tradicions/).
(Carballeira de Baio; non moi lonxe debe estar o carballo de santo Estevo de Buño, lamentablemente non logramos dar cunha foto...)
Cando un le isto, inevitablemente volve a súa mente cara ao
vello deus Lug, como outros moitos deuses do vello panteón celta e europeo,
vinculados aos cabalos (como Rudiobus, como Taranis, como Xúpiter, como Odin…,
ao propio Lug se lle atribúe a invención das carreiras de cabalos). Estes
deuses teñen cabalos consagrados e
sabemos de moitos casos de cabalos a eles sacrificados a carón dunha árbore sagrada
(que pode ser evidentemente un carballo ou un freixo -o freixo do cabalo
de Odin…- ou un bido -así, entre os
turcos-altaicos; é máis, o historiador
armenio do s. X, Movses Dasxuranci, describe como os turcos
Razares del Norte de Daghestan sacrificaban
cabalos debaixo de certos carballos
como ofrenda a Tengri, deus Solar coma Lug, e esparexían o seu sangue sobre as árbores-,
e tras o sacrificio, anacos do cabalo sangrando eran colgados desa árbore…
(máis datos en M. Alberro: Componentes ideológicos, mitológicos y religiosos
en los sacrificios rituales equinos de investidura y confirmación real de los
antiguos pueblos indo-europeos, https://core.ac.uk/download/pdf/58906096.pdf).
Imos
rematando xa. Non sen antes volver ao recendo marabilloso que a lenda áurea
medieval nos di do santo Estevo, recendo que tanto nos chamara a atención a
primeira vez que o limos. Lembrades? Pois velaquí que na vida de Lug hai unha
pasaxe onde nos conta de que se alimenta e nutre, e mirade que di el de si
mesmo:
“Tengo
por siempre un alimento que no es pequeño, el perfume de mi
hermosa
rama [estaba llena de frutas
olorosas y se había presentado con
ella ante
la asamblea], cada día y cada noche. La rama que me ves en la
mano, es
la saciedad de hombres y mujeres. Produce sus virtudes sin violencia, sobre el
frío, la sed y el hambre. Si tu consumes, el rostro vuelto
hacia el
norte, el fruto de la rama maravillosa, el anciano que lo toma se
vuelve joven.
Si consumes, el rostro vuelto hacia el sur, el fruto de la rama
cargada
de frutos no deberás temer ninguna enfermedad dolorosa”
(artigo citado de García Quintela, subliñado noso: estes
movementos marabillosos ora a un lado, ora a un outro da póla de Lug, volve
traernos á mente outro aspecto do que se facía co carrizo en Galicia o día do
santo Estevo, algo que di Sarmiento: Los
muchachos tienen unas devotas supersticiones en virtud de las cuales casi
veneran al carrizo y no le harán daño ni le desharán su nido. Si en una vara
de avellano que haga de asador se pone un carrizo muerto a asar, se irá
volviendo de por sí el asador sin que alguno le mueva. En: DdD,
s. v. CARRIZO. http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?lang=gl&pescuda=carrizo&tipo_busca=lema. Subliñado noso: volvemos ter unha
vara de máxicas virtudes tamén cargada de alimento… Etc., etc. Porque podiamos
enguedellarnos ad infinitum, e máis despois, parafraseando ao poeta…).
(Foto das famosas carreiras de cabalos de San Esteban del Valle, Ávila)
::::::::::::::::::::::::::::::::
(*) Poñamos
só un exempliño de confluencia:
En Europa sí encontramos
algunas celebraciones que poseen ambos elementos, como en Dingle (península del
suroeste de Irlanda), donde tradicionalmente se celebraba la caza del reyezuelo
por parte de los wrenboys o niños del reyezuelo, junto a los que aparece el
hobby-horse, personaje que portaba un armazón de madera con forma de caballo y
que movía a través de cuerdas. Otros caballitos festivos aparecen en lugares
como Cork (Irlanda), Gales o Cornualles. (artigo citado de García
Quintela).