Amosando publicacións coa etiqueta Banda Deseñada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Banda Deseñada. Amosar todas as publicacións

xoves, 22 de maio de 2014

Dublinés, de Alfonso Zapico, e V. Woolf, de B. Ciccolini e Grazier


Este álbum de Alfonso Zapico, sobre a vida de James Joyce (Dublín 1882- Zúrich 1941), obtivo no ano 2012, o Premio Nacional de Cómic. É unha obra excepcional, que os amantes do escritor irlandés e da literatura contemporánea non deixarán de agradecer, pois a súa lectura, permítenos achegarnos dunha forma amena e rigurosa á vida azarosa e difícil deste escritor xenial, autor do Ulises unha das obras máis complexas e revolucionarias da historia da literatura universal. Desde a súa infancia dublinesa até a súa morte en Zúrich, canso e case cego, abatido pola enfermidade dunha súa filla, o autor, cunhas imaxes tremendamente expresivas, vainos levando polos escenarios familiares e afectivos (como a relación coa súa muller Nora Barnacle), así como polos seus desvelos como escritor e o seu deambular polas distintas cidades onde o levou o seu destino errante (unha vez que deixou Irlanda, á que apenas volveu, mais que sempre levou canda el, pois toda a súa obra é unha homenaxe a súa amada-odiada patria verde). París, Londres, Roma, Padua, Trieste, Zúrich sonnos mostradas polo autor con tanto detallismo e veracidade que semella que esteamos a acompañar ao escritor por estas belas cidades europeas da primeira metade do S.XX, nun tempo de máxima creatividade artística, mais tamén convulso e dramático. 

Unha obra densa, rigurosa, con momentos de dor, de amor e tristeza, e tamén con grandes doses de humor, o que fai que o lector se adentre con curiosidade crecente na vida de Joyce, ese escritor que cambiou para sempre a nosa visión da literatura. De tal xeito que despois do seu paso polos territorios da imaxinación, xa non houbo máis volta de folla.

O mesmo podemos dicir da obra e da vida doutra escritora excepcional: Virginia Woolf (Londres 1882- Sussex 1941). Na biblioteca do instituto encontraremos outro álbum excelente sobre esta escitora. Este cómic sobre V. Woolf, o mesmo que o anteriormente reseñado sobre Joyce, forma parte dunha colección de historias gráficas sobre grandes escritores que o Club de Lectura adquiriu para a biblioteca, que constitúen uns recursos didácticos de grande valía, non só para os amantes da lectura e da banda deseñada, senón tamén como apoio para as aulas de Literatura, nas diversas linguas nacionais e internacionais, así como para outras materias como Literatura Universal. A través desta colección podemos acercarnos á vida e a obra de escritores como Joyce, Virginia Woolf, Melville, Ray Bradbury, Federico García Lorca, Castelao, A. Fernández Paz, Miguelanxo Prado… e a outros autores e libros moi atractivos. 

Só cómpre pasar pola biblioteca, procurar os cómics e ficar engaiolados por palabras e imaxes. 

(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

mércores, 14 de maio de 2014

Banda deseñada: Ardalén, de Miguelanxo Prado

Ardalén é un cómic escrito e debuxado por Miguelanxo Prado.
O tema trata (principalmente) sobre a memoria e como esta pode mesturar as cousas de tal modo que un olvide até a súa propia identidade. A historia pode ter algunhas secuencias que non se comprendan a primeira vez, o que require unha segunda lectura, pois convén darlle máis dunha volta ás imaxes e ao argumento para comprendelo na súa totalidade. Recoméndovos pensar profundamente cada cousa que non entendades xa que pode ser un chisco complicado. Iso só ao principio, pois pouco a pouco imos captando o sentido final desta historia tan humana.
O argumento está moi traballado por parte de Miguelanxo e cada viñeta é unha pequena obra de arte que merece ser contemplada un bon rato. Un non se cansa de contemplar cada detalle, cada imaxe, unha por unha cada páxina. É por iso que vos recomendo que, unha vez rematada a lectura, volvades con calma ao principio, simplemente polo puro pracer de gozar dos debuxos, das cores incribles, dunha historia tan fermosa.
Germán Tojeiro Graíño. 3ºESO
(sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

luns, 31 de marzo de 2014

Banda deseñada: Persépole, de Marjane Satrapi

Hai que ter un grande valor para relatar toda a túa vida a millóns de descoñecidos, e, aínda así, non importarche o que pensen de ti. Con Persépole, Marjane Satrapi logra narrar os feitos que condicionaron a súa vida, ó mesmo tempo que consegue entreternos e emocionarnos coa súa incríble historia, rodeada de sucesos coma a ditadura do Xa persa, e da terrible guerra civil que desencadeou a súa caída e a posterior imposición do réxime islámico. Satrapi conseguiu sobrevivir nestas condicións e, aínda así seguir adiante ata convertirse nunha exitosa debuxante, que xa gañou galardóns coma o Premio Autor Revelación do 2001 e o premio ó mellor guión do 2002 no Festival internacional do cómic de Angoulême. 
A historia comeza en Irán (a súa terra natal) con Marjane (ou Marj, coma a apodan) no 1980 relatándonos os eventos que precederían á revolución Islámica. Narra algunhas das numerosas protestas dos opositores ó réxime do Xa, un emperador absolutista que usurpara o trono ao lexítimo rei Iraní, converténdose en pouco máis ca unha marioneta suxeita ós designios dos países poderosos. Marj nárranos, baixo o seu punto de vista, algúns feitos destacados durante as revoltas como a queima dun cine a manos dos soldados do Xa, ou o Venres Negro, no que as manifestacións foron brutalmente sofocadas, cunha cantidade de mortos incríble. Sen embargo, o réxime do Xa remata por caer, para alegría dos numerosos protestantes. Por todo Irán celébrase este feito, e os presos políticos son liberados.  
Sen embargo, nas seguintes eleccións, sucedeuse a ‘revolución islámica’ de Jomeini, que demostrou ser un réxime opresivo,  peor co anterior. Os antigos heroes da revolución foron presos e executados, mentres que outros escapaban do país. A protagonista decatouse disto tras coñecer que o seu tío Anush, un comunista, foi preso polas súas ideas, opostas ó réxime.
Ao pouco de impoñerse este goberno, estalou a guerra con Iraq. Non se dan detalles de gran importancia desta, porque se centra na vida da familia Satrapi, caracterizada pola escasez. Movidos polo medo, os pais de Marjane mándana cunha amiga da familia a Austria.
Lonxe da súa familia, Satrapi ten que adaptarse á súa nova situación, completamente diferente á vivida ata entón. A súa vida coa familia resulta ser bastante conflictiva, pois aínda que a maior parte da familia é amable con Marjane, a nai resulta ser unha persoa moi desagradable, que envía á protagonista a un internado de monxas. Porén, tras uns poucos anos no internado, Satrapi é expulsada pola súa etnia e as súas ideas revolucionarias.
Os capítulos seguintes tratan dos anos de xoven adulta da autora, dos seus noivos e os seus estudos, que terminan fracasando, deixando a Marjane na rúa. Porén, consegue regresar a Irán, coa inesperada axuda da amiga da súa nai.
Xa de volta en Irán, a protagonista séntese desprazada e fóra de lugar, pois a xente e a situación cambiaron moito. Pouco a pouco vaise adaptando e retoma os estudos de arte, con numerosas dificultades de expresión debido á dureza do réxime e a súa personalidade revolucionaria. Ao final, consegue acabar os estudos e casar, aínda que ao pouco tempo divórciase. A novela remata con Marjane no aeroporto, saíndo de Irán.
Persépole resultou ser unha novela moi entretida, comprensible (pola súa linguaxe  coloquial) e moi expresiva polos fantásticas ilustracións da autora. 

Reflicte á perfección os sucesos históricos que sufriu Irán recentemente, como son a caída do Xa persa e a imposición do réxime islámico. O que máis me chamou a atención foron os capítulos sobre a guerra Iraquí-Iraní, nos cales toda a novela adquiría un ambiente triste, e sobretodo, tenso, pola probabilidade que tiñan os Satrapi de ser bombardeados dun momento a outro. Esa parte tamén amosa a peor cara da guerra: a destrución, as vítimas inocentes.  Aínda que esa parte foi a que maís me impresionou, o resto do libro non se queda atrás, sendo unha historia moi interesante, sobre todo se temos en conta que é verídica.                                                         
                                                                               Antón Tembrás López, 1º Bacharelato
(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

xoves, 27 de marzo de 2014

Banda deseñada: Engurras, de Paco Roca

Hoxe abrimos unha nova fiestra dedicada á Banda deseñada, na que os creadores galegos actuais están a ter unha relevancia importante.

ENGURRAS, de Paco Roca.
Engurras narra a historia de Emilio, ex-director dun banco, un ancián enviado a unha residencia pola súa familia. Nela, terá que botar unha loita contra a vellez, que finalmente non consegue gañar.

Francisco Martínez Roca, maís coñecido como Paco Roca, é un historietista valencián, autor de obras coma O inverno do debuxante e a novela que nos ocupa, Engurras. Esta última foi a súa aventura máis exitosa, chegando a ser adaptada ao cine e conseguindo o Premio Goia 2011 ao Mellor guión adaptado e ao Mellor filme de animación. A propia novela posúe numerosos premios, coma o Premio Nacional do Cómic 2008 ou o Premio Dolmen á mellor obra española.
En Engurras amósasenos a adaptación de Emilio á vida dun xeriátrico, xunto co seu compañeiro de cuarto, un egoísta cleptómano chamado Miguel, quen disfruta da vida na residencia, aproveitándose dos outros vellos.
Aparenta que cada vello representa un cliché da ancianidade ou unha enfermidade mental: Xoán só repite o que óe; Sol olvídase do que está a facer; Rosario cre que ten vinte anos e que está nun tren a Istambul... O autor xoga con estas historias, xerando situacións graciosas, coma con Carmiña, que evita quedarse soa porque cree que lle atacarían os marciáns.
Sen embargo, o verdadeiro punto de inflexión da historia é cando Emilio descobre que padece Alzheimer. A partir dese momento, os seus amigos téimanse en frear a acción da enfermidade. Miguel acompañará a Emilio á biblioteca para que practique a súa memoria, debuxará tarxetas para que recorde os nomes.... Estas accións cambian, pouco a pouco a Miguel, que abandoa a súa anterior actitude e convértese nunha persoa moito máis empática.
Engurras é, na miña opinión, unha novela non só limitada a persoas interesadas no Alzheimer. O seu encanto radica en que trata algo tan duro como é esta enfermidade con humor, sen fatalismos. Pese a este ton humorístico, hai espazo para as escenas máis emotivas, relacionadas co avance da enfermidade
Noutros aspectos non se queda atrás; as personaxes están estupendamente caracterizadas, mais destaca Miguel entre todos eles: sen darnos a coñecer a súa vida, o autor consegue que o comprendamos axiña, o que fai aínda máis sorprendente o seu cambio de actitude cara ó final. Pola parte gráfica, salienta a expresividade dos rostros e o ben que trasmiten os ambientes a sensación predominante nos distintos escenarios.
En resumo, éste resultou ser un cómic ben pensado e levado a cabo, cunha intrigante historia acerca dun dos temas máis preocupantes na actualidade como é o Alzheimer. Tamén da un novo punto de vista sobre esta realidade, dende a mira dos que a sufren.
Antón Tembrás López, 1º Bacharelato
(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)