BUSCANDO PALABRAS
NÓTULAS FRASEOLÓXICAS

(Este libro téñoo coma ouro en pano: agasallo dunha ex alumna a quen relembro con cariño, Sara Soto)
Miñas e meus: teño na recámara un par de temas pendentes pero non dispoño de tempo para desenvolvelos debidamente. Viñeron os netiños do alén mar e como comprenderedes todo é pouco para eles. É unha vez ao ano cando cruzan o charco. Así que imos falar un bocado de cousas doadas e gustosas.
Subín á oficina do meu banco con caxeiro, aló arriba nos Rosales ou Rosais e polo camiño, a mañá é bonita e soleada, ceo sen unha nube, un par de homes sesaxenarios saudáronse:
-Bos días.
-Hoxe pódense dar.
(Brevísima pausa)
-Polo momento…
Quedei co conto. A resposta hoxe pódense dar ten certo valor frásico, a interpretación non é literal, ten un valor léxico non desprovisto de certo humor ou retranca e hai que presupoñer certas circunstancias meteorolóxicas para entendela ben. Fíxome relembrar aqueloutra da nosa nai, cando nota algo de fresco ao baixar á rúa, aquí xunta o mar e di:
-Ai, a calor hoxe aguántase ben…
Boísima tamén. Son desas frases de difícil tradución. Piden, ademais, colaboración, complicidade. Os que non son galegos non sempre admiten ou interpretan como é debido a nosa pequena ou non pequena ironía. Recordo, neste sentido, un par de anécdotas na vida:
Unha no Bierzo. Compro cereixas en Valcarce. Pregunto a como (disto xa choveu…) e dime: a 5’5 o quilo. Respondo de contado: -Chégalle ben.
Tomouno pouco menos que coma unha ofensa. Entender entendeu, podédesme dicir. Eu diríavos que só ata certo punto. O meu ton tampouco foi moi marcado. É frase tópica. O seu era responder doutro xeito. Tipo: -O barato morreu… Ou se cadra, “é un prezo xusto para o boas que son”… ou que sei eu. Claro, inflúe o temperamento de cada un. Naturaca, que diría Valle-Inclán.

(Todas as fotos están tiradas de Internet)
A outra anécdota foi de traca. Estaba nunha panadería zona Riazor, antes ía moito, de volta do Instituto, lévome moi ben coa rapaza, unha delas, Carme. Atendíame ela e á vez atendía outro cliente, un home como de mediana idade, cincuentón, ben fardado que din os portugueses. E, Deus sabe a conta de que, porque ese fío xa o perdín, veu ao caso este refrán, refrán que dixen en voz alta, dirixíndome ao estraño: É ben verdade que vai a vella morrendo e vai aprendendo.
E o home, raudo, dime medio enfadado: ni soy viejo, ni soy mujer ni me estoy muriendo.
Chupa caravel!, que di o meu home dezao. Ou, se preferides, Tómate desas que son camoesas. E vale igualmente toma castaña!
Respondille cun engadido, xa en lingua cervantina: no, ni es usted gallego ni entiende una jota de refranes.
E coa mesma, saudei a Carme e funme.

(Nalgunhas variantes da vella pastora en Oriente Próximo, a muller é pegureira de camelos)
Como ben saberedes a grande maioría de vós, o refrán da vella dinos que nunca é tarde para aprender, mesmo ás portas da morte por idade. Morrer de vello non parece mala cousa e se aínda estamos aprendendo… é coma morrer coas botas postas. Pido para min unha morte desa clase, tamén cervantina, coa pluma na man case ata a última hora.

(Muller berber con xoias tradicionais)
A cuestión do xénero xa é fariña doutra muiñada. Aí debeu tropezar o paisano. En fin, non imos entrar en detalles sobre a xénese e a orixe desa perspectiva[1]. A muller como gardiá da sabedoría ancestral, popular. Tema fermoso no que non podo afondar. Mais si que vos podo dar exempliños doutra cultura en que a nai, a avoa, a muller en suma, figuran como protagonistas e/ou transmisoras da máxima proverbial. O refraneiro dese gran país, foco de cultura a través do tempo e a historia, que é o Líbano. Tiven unha alumna brillante que estivo alí un tempiño arrequentando os seus estudos. Sara Soto non só era -e imaxino que segue sendo- brillante intelectualmente, era un ceíño de persoa e moi receptiva ao aprecio en que a tiña. O caso é que lle pedín un libro de refráns libaneses e velaí que me trouxo un tesouro de libro. O título xa di moito: Les proverbes de ma mére, de Hana Samadi Naaman. A dedicatoria tamén é indicativa: En souvenir de ma mère, dont c’est la mémoire. Cando analiza as fontes do riquísimo repertorio paremiolóxico libanés, chama a atención o apartado dedicado á Tradición, Le hadīth. De aí vén esta fermosa homenaxe á nai: Le paradis est sous les pieds des mères.
E hai tamén outro interesante porque enfoca de forma distinta, intelixente, o que en moitos refraneiros é un cabalo desbocado ou un coitelo sempre ferinte, a lingua da muller:
L’arme da la femme est sa langue mais elle se garde de la laisser rouiller.
Ofrézovos un par de proverbios libaneses máis onde de fala da vella:
On a appris à la vieille à prier, elle s'est mise à demander miséricorde ‘Ensináronlle á vella a rezar e púxose a pedir misericordia’: adoita interpretarse dun xeito paralelo a “dáslle a man e cóllenche o brazo”.
En juillet, la vieille est réchauffée (a calor de xullo é suficiente como para quentar a vella).
Ne dis pas que l'hiver est fini avant que ne soient passés les jours de la vieille ‘Non digas que o inverno pasou antes de que pasen os días da vella’[2]
En conclusión digamos que todo, ben entendido, contribúe ao noso crecemento en sabedoría. Quedémonos tamén coa idea de que para unha comunicación óptima é importante a complicidade. Calquera emisión necesita talvez a complicidade do receptor pero a comunicación fraseolóxica pide un extra. Complicidade significa gana de seguirlle o xogo ao outro. Un xogo que necesita o seu aquel de sentido do humor. Certamente, o humor esixe intelixencia e non todos estamos ben servidos dela. Feliz setembro!
Alonso Miguel de Tovar, Divina Pastora, 1720. Museo Carmen
Thyssen Málaga.
(O tema da Virxe pastora é moi popular no sur de España. Aquí temos:
[1] Hai máis refráns galegos onde a vella é a actante única do proverbio. Sen ánimo de sermos exhaustivos temos estes, todos tirados do libro de Vázquez Saco (agás o da leña) (https://www.cervantesvirtual.com/obra/refraneiro-galego-e-outros-materiais-de-tradicion-oral--0/): En marzo, a que leve a vella no regazo / Marzo marzán, cara de can; ás doce canta a vella e á noite morre a ovella / Cando abril recacha, queima a vella a maza / En abril cubre a vella o mandil / Quen conocer un bon abril, cen anos ha de vivir; a vella que o decía viveu cento un e non conoceu ningún / A vella dos anos mil garda leña para abril / En maio a vella aínda queima o tallo / As tardes de agosto non teñen en canto a vella vai ó horto / En agosto queima a vella o rostro / En setembre non hai vella que non tembre / Aire de Portugal, vellas ó xestal / O sol da serra engañ'a vella
[2] Refírese a un período de sete días de a cabalo entre finais de febreiro e principios de marzo. Segundo a lenda popular, unha anciá burlouse do inverno porque pensaba que xa rematara; o inverno, enfadado, pediulle prestados uns días a marzo e lanzou unha treboada serodia e devastadora. Aquí hai tema para varias páxinas. Subxace un relato probablemente mitico. O que si podemos son contos folclóricos que se localizann normalmente baixo o lema ou título “O pastor e o mes de marzo” (en Aurelio Espinosa figuran variantes, a maioría teñen protagonista masculino, o pastor: No índice internacional de tipos de contos folclóricos (Aarne-Thompson-Uther), este relato clasifícase baixo o Tipo 294: Los meses y las estaciones. [1] (https://www.cervantesvirtual.com/research/cuentos-extremenos-de-animales--0/029713.pdf). Máis datos sobre este conto folclórico en: https://enelarandel.blogspot.com/2017/03/el-cuento-de-el-pastor-y-el-mes-de.html
No ámbito saxón tedes outra boa páxina sobre “Os días prestados” en: https://thewidowsweeds.blogspot.com/2012/03/borrowing-days.html
Agora ben, se quixeramos ir á orixe do mito, creo honestamente que hai que pensar na Vella mítica, unha das caras da deusa nai paneuropea e mediterránea, aquela figura estudada e/ou recreada por Graves na súa obra sobre a Deusa Branca. Un artigo fundamental, se queredes afondar neste mundo ancestral, que comunica Europa, Oriente Próximo e a Terra dos Berberes (que entraron con Tarik, por milleiros na península no VIII, que falan o idioma considerado o máis antigo de África, que xa é dicir), tedes que ler o artigo de Marianthi Kaplanoglou e Emmanouela Katrinaki, The theme of the Old Woman and March in Greek folklore (https://revistes.urv.cat/index.php/elop/article/view/3482/4032). Unha servidora, cando leu a parte onde se fala da Vella que nunha variante das montañas de Grecia fica convertida (ela e/ou o queixo das súas ovellas) en pedra polo frío do cruel mes, dígovos que recordei de contado unha frase que miña nai algunha vez me ten dito, oída dos beizos da miña bisavoa Clarisa: febreiro é moi malo, filla. Matou o pai de frío. Cambio o xénero, como cambia o vello matriarcado panmeditarráneo en patriarcado, pero o conto é o mesmo. Nese artigo fálase da vella mítica no norte de África.
Outro subtema importante sería localizar cantas variantes se conservan aquí, no territorio galego-portugués, coa vella e non co pastor. Falamos disto nun artigo noso e aí citamos un refrán portugués coa vella de protagonista (páx 216, nota 15, https://www.cirp.gal/pub/docs/cfg/cfg11_10.pdf). En Vázquez Saco temos estoutro: Dixo no monte unha vella: "Vaite, febreiriño corto, cos teus días vint'e oito; si tuveras máis catro, non quedaba can nin gato". Febreiro contestou: "Os teus becerriños oito, deixa que meu hirmán marzo hach'os de volver en catro".

