mércores, 26 de outubro de 2022

LENDO A...

LENDO A ART SPIEGELMAN: ALGUNHAS CATAS NA FRASEOLOXÍA DO INGLÉS AMERICANO

 

(Todas as fotos foron tiradas de Internet)

 

Hoxe tráiovos algunhas frases feitas que vou aprendendo: é un tema que, me encanta, me divirte. E como di o proverbio, a alegría compartida sempre se fai máis grande.

Tomaremos como base Maus, a novela gráfica de Art Spielgelman, coa que ganara o Premio Pulitzer en 1992 (traducida ao galego por vez primeira en 2008, por Diego García Cruz). Recomendouma o meu fillo Suso, como un óptimo complemento para os meus estudos de inglés en Alabama. Se queredes saber máis desta espléndida obra, aconséllovos a wiki en inglés: ofrece unha moi boa crítica ((https://en.wikipedia.org/wiki/Maus). Con todo e iso, en aspectos básicos como a zoomorfoloxía empregada polo autor vexo que aí faltan datos. Dísenos: The work employs postmodernist techniques and represents Jews as mice, Germans as cats, Poles as pigs, Americans as dogs, the British as fish, the French as frogs, and the Swedish as deer. Mais falta a xitana, a adiviña da bóla de cristal: é unha bolboreta.

Tampouco quixera empezar coas frases sen antes subliñar algún outro aspecto que ao meu ver é sumamente interesante, observacións que fan reflexionar: por exemplo, da importancia do propio nome, case como sinal básico de indentidade: Nun momento determinado do relato, cara á metade do libro, Vladek di, falando do que lle sucedeu ao chegar a Auschwitz: They registered us in… They took from us our name. And here [móstralle o antebrazo esquerdo ao fillo] they put me my number. Supoño que o entendestes, arríncanlle, coma quen di, o nome e póñenlle no seu lugar un número frío, impersoal.

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

 

Fraseoloxía de Maus, de Art Spiegelman

(a tradución que ofrecemos é sempre literal).

 

 

 

(O autor, Art Spiegelman)

You both think money grows on bushes ‘Ambos os dous pensades que o diñeiro medra nos arbustos’ (en galego dicimos non nacer ao pé/debaixo dun fento e en c. no crecer en los árboles; vedes que son imaxes próximas)

My mother’s suicide and his two heart attacks has taken their toll ‘O suicidio da miña nai e os seus dous ataques ao corazón cobráronlle a súa peaxe’ (nós máis ben diriamos ‘pasar factura’).

We must really tighten our belts until the wars ends ‘Realmente debemos apertar os nosos cintos ata que acaben as guerras’ (a correspondencia coa nosa lingua é boa)

You'll see... the war will be over like lightning! ‘É que verás… a guerra sobreveu coma un lampo/raio’ (compartimos a comparanza).

You look like a million (dolars/bucks) ‘Loces coma un millón (de dólares)’, é dicir, ‘veste de marabilla’ ou ‘séntate moi ben’(íbid.) (algo parecido temos nós cando dicimos que alguén nos gusta máis ca as pesetas).

I make uniforms for their officiers… And suits on the side when I can get the cloth ‘Fago uniformes para os seus oficiais… E traxes á parte cando podo conseguir a tea’ (a nosa frase a un lado ten outro valor).

It’s worth a shot ‘Compensa o disparo , é dicir, ‘Paga a pena intentalo’. Esta palabra, shot, é altamente polisémica. Intervén noutras unidades fraseolóxicas, como por exemplo, big shot (un peixe gordo). Esa frase documentámola tamén en Maus: Newcomers were afraid from me. I looked like a big shot ‘Os acabados de chegar tíñanme medo. Eu parecía un tipo con moito poder’.

You scared me, Artie. My nerves are completely shot, living with your father ‘Asustáchesme, Artie. Os meus nervos están completamente disparados, vivendo co teu pai’.  Nós pouco usamos a frase dos nervios disparados (só 1 caso no CREA, 3000 concorrencias en Google; 0 no CORGA), o normal é telos de punta ou a flor de pel. Si que podemos ter disparados os pelos ou disparada a tensión…

You put me here… shorted all my circuits… cut my nerve endings… and crossed my whires! ‘Puxéchesme aquí… cortaches todos os meus circuítos… cortaches as miñas terminacións nerviosas… e cruzaches os meus cables!’ A frase esa, a de cruzárselle a unha persoa os cables é posible que sexa un anglicismo entre nós (non se documenta no CORDE e tampouco a rexistra o TILG, e tanto no CORGA coma no CREA non aparece antes da década dos 90); en calquera caso, o uso é lixeiramente distinto: en inglés expresa confusión, desorde mental pero hai un valor factitivo (alguén crúzalle os cables a alguén), mentres que aquí a construción é intransitiva (a alguén crúzanselle os cables). Conste que a frase non é de noso, en galego podiamos dicir sacáchesme dos meus camiños, revolvíchesme os fígados, puxéchesme dos nervios ou así.

He doesn’t even look at my work when I stick it under his nose ‘Nin sequera mira o meu traballo cando llo meto debaixo da nariz’. Igual entre nós: diante dos narices, nos narices, diante dos ollos, nos fociños…

Such things it’s good to know exactly how was it -just in case  ‘Este tipo de cousas é bo saber como foi/foron exactamente, por se acaso…’ As frases son moi semellantes.

What had we to do? We took on him pity  ‘Que podiamos facer? Deunos pena’. Igual, cambia o verbo (tomar / dar) pero o substantivo é o mesmo.

From time to time I had other jobs also to do around the ghetto… ‘De vez en cando tiña outros traballos que facer tamén no gueto...’ Tamén temos a expresión de tempo en tempo e a frase que parece corresponderse máis literalmente coa inglesa, de tempo a tempo, documéntase no castelán antigo (vexamos un exempliño de B. J. Feijoo: un dolor de muelas que de tiempo a tiempo repite, CORDE).

Haskel heard that any day now they intend to deport everyone that’s still left here  ‘Escuchó que en calquera momento van deportar a todos os que quedan aquí’. Tamén valería a frase un día destes.

I tell you, I’m at my wits’end  ‘Dígoche que estou que non podo máis, estou ao límite’ (wits ‘enxeño, capacidade de entendemento ou de supervivencia’). Nós non necesitamos especificar ao límite de que estamos aínda que se pode dicir non podo coa alma ou co corpo.

Whenever I needed school supplies or new clothes mom would to plead and argue for weeks before he’d cough up any dough  ‘Cada vez que eu necesitaba material escolar ou roupa nova mamá tiña que razoar e discutir durante semanas antes de que el tusise algo de diñeiro’, é dicir, soltar a pasta, abrir a man etc. Quizais o verbo somático con valor frásico máis próximo semanticamente sexa o castelán rascarse na construción fraseolóxica rascarse el bolsillo).

Yes. I know already my story by heart, and even I am interested! ‘Si. Xa sei a miña historia de memoria e aínda estou interesado!’. Entre nós esa frase é arcaica pero ter tivémola: saber ou dicir de cor (DDGM), e lémola tamén en Berceo: dize essas palavras, ca de cor las retiene (CORDE)

But the experience cost me really a lot of hairs ‘Pero a experiencia realmente me custou un montón de pelos’. Co ‘pelo’ temos moita fraseoloxía: botar man aos pelos, poñer os pelos crechos/tesos/de punta, caer o pelo, lucirlle o pelo… Ningunha lle acae a esta tradución. Talvez diriamos aquí púxoseme o pelo branco ou custoume sangue.

It’s like talking to a wall. Nós dicimos o mesmo: “como falar coa(s) parede(s)”.

The photo never threw tantrums or got in any kind of trouble… It was an ideal kid, and I was a pain in the ass ‘A foto nunca colleu unha perrencha nin se meteu en ningún tipo de problemas… Era o rapaz ideal e eu era unha dor no cu’. Esa sería a tradución literal, evidentemente. Menos vulgar é a pain in the neck ‘unha dor no pescozo’ (moi usado en inglés). Nós falamos vulgarmente de ter un gran no cu ou mellor, moito máis enxebre, unha dor de dentes/moas/barriga.

 


 

I guess I bit more than I can chew ‘Supoño que mordín máis do que podo masticar’. A idea é de que abarcou máis do que podía manexar ou ‘dixerir’, é dicir, fixo algo que lle quedaba grande.  Talvez “demasiado arroz para o polo”. A frase de comer ou abarcar máis do que un pode dixerir tamén se usa entre nós, e desde hai tempo. Mirade esta documentación de 1653: Los que leen más de lo que pueden digerir… (CORDE)

One [bond] I wanted in trust of Mala, one for my brother in Israel, and one I wanted for you ‘Un [bono] que quería en fideicomiso de Mala, un para o meu irmán en Israel e outro que quería para ti’. A frase inglesa refírese a un acordo legal, fideicomiso ou así, algo baseado na confianza. A tradución con ‘fideicomiso’ soa moi propia da linguaxe xurídica, quizais nós coloquialmente diriamos un bono ‘a nome de Mala’.

Watch out. I’ve got my eye on you! ‘Coidado. Teño o meu ollo en ti!’. Non hai fraseoloxía paralela porque ‘téñote vixilado’ ou ‘estás controlado’ non chegan a ser unidades fraseolóxicas. E se dicimos téñoche botado un ollo queremos dicir outra cousa. O máis aproximado sería usar en ton ameazador unha frase do tipo Non te vou deixar de ollo ou non te vou quitar o ollo de enriba.

Bring him a few eggs, some butter or cheese… You’ll see. He’ll sing a different tune ‘Tráelle uns cantos ovos, algo de mantequilla ou queixo… (Ya) verás. Cantará una melodía diferente’. A frase é bonita. Vén equivalendo a xa verás como cambia a cousa, como pinta distinto, e querendo podemos dicir xa verás como daquela é outro cantar. Ou se cadra engadiriamos un refrán tamén con ritmo… xa verás como cambia a cousa, polo pan baila o can.

Just keep yours eyes open. You can organize things with the poles here ‘Ti ten os ollos abertos. Podes organizar cousas cos postes aquí’. A frase é a mesma en ambos os dous idiomas.

We lay one on the top the others, like matches, like herrings ‘Poñemos uns enriba dos outros, como fósforos, coma arenques’. A imaxe é sempre a de peixes prensados, amontoados, sexan arenques, sexan sardiñas. En inglés tamén hai fraseoloxía coa sardiñas en lata (sardines in a can) e os arenques tamén poden aparecer na fraseoloxía in a barrel/box/cask. Na obra de Juan Valera lemos vivimos como los arenques, colocados unos sobre otros (CORDE). Énos inevitable recordar a caixa de madeira, redonda, onde lucían tan planiños e ben colocados os arenques da miña infancia que tanto lle gustaban ao meu pai, facíame baixar por eles ao bar xunta a nosa casa dos Castros (aínda se conserva o letreiro, mítico no barrio, “Los peores vinos”). Na lingua actual coñecemos a comparanza coma un arenque para ponderar a extrema delgadeza.

I wish he and Mala could patch things up and make each other miserable again ‘Desexaría que el e Mala puidesen parchear as cousas e volver facer un ao outro [a vida] miserable’ (patch up ‘remendar’; aquí a frase cobra o valor de solucionar, amañar as cousas, referido á relación humana)

I don’t know if I’m going or coming! Your father is in St. Francis Hospital ‘Non sei se vou ou veño! O teu pai está no hospital San Francisco’. A frase inglesa pondera a a confusión e/ou a desorientación. En castelán normalmente se usa máis ben noutro sentido: En los círculos políticos se dice que se dice de usted no se sabe nunca si va o viene (CREA, tomado da oralidade: vedes que indica indefinición buscada), inda que tamén o podemos documentar cun valor fraseolóxico semellante ao do inglés: Y ahora mismo no sé si voy o vengo de un Consejo, si me levanto o me acuesto (CREA). A frase recorda bastante a do tópico ese de non saber do galego se sobe ou baixa a escaleira. En calquera caso e no que nós sabemos, pouco uso ten esa unidade fraseolóxica dentro do noso idioma; outra cousa é o valor recto, literal: e logo, vas ou vés?

I think he wants to be near you in case, God forbid, anything happens! ‘Creo que el quere estar cerca de ti no caso,  Deus o prohiba, de que pase algo’. Nós usamos frases paralelas: Deus non o queira ou o demo sexa xordo.

I swore I’d never see him again, but I’m just a sucker. He talked until I was blue in the face… And here I am ‘Xurei que non o volvería ver, pero son parva. El falou ata que se me puxo azul a cara… E aquí estou’. A frase non é nada fácil, nin sequera para os nativos de Alabama; é unha expresión polísémica en inglés: a tradución varía conforme o verbo rexente: I laughed until I was blue in the face, ou, I worked hard enough to be blue in the face, por exemplo, piden traducións lixeiramente distintas: ata máis non poder; en castelán hasta el hartazgo/la saciedad. No parágrafo de Maus o verbo é falar pero é ela, como oínte, a que fica farta ou a que xa non pode máis porque el -talvez- a deixa sen palabras, sen argumentos (non se sabe ben se a convence por fartura ou por persuasión ou polas dúas cousas). Na nosa fraseoloxía, unha persoa pode estar ou quedar pálido, branco, lívido (bastante próximo ao azul do inglés), morado, amarelo (de envexa), verde, vermello pero non azul, salvo que estea cianótico e non tería valor fraseolóxico; e xa vedes que a semántica das outras cores é variada pero distinta da da frase inglesa; quizais a que máis se aproxima é lívida de ira, se ben Mala non experimenta tanto ira como cansazo, fartura…, coma se gritase ‘basta xa!, xa me convenciches, non sigas…’

I made in the States a living dealing diamonds ‘Nos EEUU fixen pola vida tratando con diamantes’ (en castelán me gané la vida) (vedes que o verbo que usan en inglés é o mesmo que usamos en en galego nesa unidade fraseolóxica, facer pola vida).

Artie, we haven’t seen you in ages ‘Artie, non te viamos en idades’. Nós usamos ou ben tempo ou ben anos: había (moito) tempo que  non te viamos ou  anos sen verte.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

REFERENCIAS INTERNÁUTICAS:

CORDE = Corpus Diacrónico del Español (CORDE) http://corpus.rae.es/cordenet.html

CORGA = Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA) http://corpus.cirp.gal/corga/

CREA = Corpus de Referencia del Español Actual (CREA) http://corpus.rae.es/creanet.html

DDGM =    Dicionario de dicionarios do galego medieval (DDGM) http://ilg.usc.gal/ddgm/

TILG = Tesouro informatizado da lingua galega (Versión 4.1) http://ilg.usc.gal/TILG/

 


 

 

luns, 10 de outubro de 2022

VISITANDO...

 

VISITANDO DEZA

ALGUNHAS CATAS NAS FONTES DO CAMIÑO DE SANTIAGO AO SEU PASO POR TERRAS DE DEZA II

 

(Fonte do Botico. O Foxo-Silleda. As fotos foron feitas por Charo Soto)

 

7. Fonte de Taboada: Se nos situamos no adro da fermosa igrexa de Santiago de Taboada (Concello de Silleda), a fonte está do outro lado da estrada, indo para Carballeda, e preto da taberna. A xente do lugar con quen falamos dinos que eles lle chaman ‘o picho’. É de moderna construción, a auga vén da traída e cando fixemos as fotos había peregrinos de Estepona, Málaga. Falamos, démoslles os parabéns por ter feito o camiño e relembrei cando era nena e meu pai traballaba para un banco que tiña en Cercedilla e mais tamén en Estepona aquelas magníficas “residencias” para pasar os empregados e as súas familias as vacacións.

(A fonte nova de Taboada-Silleda)

 

8. Fonte de san Tomé: Atópase pretiño do Pazo de Trasfontao (concello de Silleda) e mais da carballeira que recibe o nome do pazo. O tramo do camiño que vai entre os carballos é dunha beleza dificilmente superable. A fonte está agachada entre herbas e silveiras, mágoa, habería que limpar esa zona e recuperalo; nós calculamos que debeu ser feita, tal como agora a vemos, no s. XVIII, que é a época en que se fixo ou refixo o pazo. Recibe o nome do apóstolo baixo cuxa advocación estivo e supoñemos que está aínda a capela do pazo. Hai un estudo, unha publicación en liña, que vos recomendo; aí podemos ler: Está encostada [a capela do pazo] ao edificio formando escuadra e en 1560 noméase como a “ermida de Santo Tomei existente na aldea de Trasfontao” (en http://www.edu.xunta.gal/centros/iespintorcolmeiro/system/files/Congreso%20IDE%20Silleda%20%28patrimonio%20material%29.pdf)

Hai moitísimas fontes que levan o nome dun santo, podémolas etiquetar como fontes haxiográficas, incluída a Virxe cos seus ricos e variados nomes: ás veces é a propia fonte a que dá nome á fonte, tal parece ser o caso da Capela da Nosa Señora da Fonte, en Boqueixón [VP], unha pequena xoia granítica construída en época románica. Normalmente estas fontes están a carón dunha igrexa, ermida, convento ou mosteiro homónimo.

(A fonte de san Tomé. Trasfontao-Silleda)

 


Na Coruña (CI) temos a fonte do santo André, monumental, pero fonte ao cabo; é moi posible que a chamada hoxe en día fonte do Gurruchiño -nome popular e xa case esquecido, hai quen lle chama “da Cetárea”-, noutrora se chamase de San Roque, porque deita a súa fresca auga na pequena cala situada a carón do lugar onde estivo a Capela de San Roque de Fóra,  e conservamos a famosa fonte de santa Margarida, agora trasladada de lugar, instalárona dentro do parque de santa Margarida; antes estaba do outro lado da estrada, preto da capela que leva o nome da santa, agora reconvertida en igrexa de dubidoso gusto arquitectónico; a miña avoa coruñesa recitaba unha cantiga que dicía: miña santa Margarida, / miña Margarida santa, / a auga da túa fonte / curou a miña garganta). E sen saírnos do CI temos a Fonte da Santa ou da virxe dos Remedios, en Abegondo.

Veñamos ao CP: en Padrón está a fonte do Carme: Santiago golpeou tres veces co báculo e a auga brotou milagrosamente; nela represéntase o bautismo da raíña Lupa; é preciosísima esa fonte.

En Lugo (P) temos a de San Vicente e nas inmediacións da capela da Virxe do Camiño ou do Carme estaba a chamada Fonte de San Froilán, hoxe tapiada.

En Dumbría (CFM) localízase a de Santa Lucía. No CF podemos citar: a fonte de san Xoán en Melide, a fonte da Saleta en Arzúa (supoñemos que se refire á Virxe da Saleta, unha veneración que vén de Francia na segunda metade do XIX, de onde se deduce que o nome é relativamente moderno), a fonte de san Antón (tamén chamada da Orza) no concello de Pino, a fonte de santa Irene (tamén en Pino: contan que a auga desta fonte se recollía para as hortas e que grazas a iso as colleitas sempre eran boas).

E chegamos a Santiago, fin do camiño. Non faltan fontes haxiográficas: a de santa Clara, a da Virxe da Cerca, a de santa María, a de san Marcos, a de san Lázaro, a fonte da Virxe da Cuncha (no barrio de Conxo, documentada xa por Tirso de Molina no XVII), a de san Clemente, a de san Roque…

9. Fonte Lumia: Está en Mourelos-Silleda, non moi lonxe do recinto feiral da Semana Verde. Non é nada doado atopala: máis ca fonte, é manancial. Desde logo, a contorna é absolutamente un locus amoenus, un lugar de novela pastoril. En Mourelos hai varias fontes e houbo un manancial de augas termais, agora desfeito; o lugar onde estiveran esas augas termais agora é privado. No riquísimo mapa que confeccionaron os alumnos do IES Pintor Colmeiro chámanlle Fonte de Lumia ao que fora manancial de augas termais. A auténtica fonte Lumia é arestora coma Urganda a descoñecida. Quedou, iso si, o nome máis estendido de eidos de fonte Lumia… Unha persoa (que non quere figurar con nome e apelidos) que sabe moito desa zona contounos que da fonte Lumia víanse saír vapores, que debía ser sulfurosa, parece que eran eses vapores máis visibles pola noite… Algo de misterio ou de marabilla había, para darlle o nome que lle deron.

 

(Nesta obra de Manuel Lugrís fálase da "lumia da noite")

 

O nome desta fonte lévanos a abrir un novo apartado. A fonte Lumia forma parte das que imos denominar fontes míticas. As lumias son seres míticos; din os estudosos do folclore galaico que se corresponden coas lamiak vascas, son de condición polo xeral maligna e poden aparecer descritas con metade do corpo de muller e metade de dragón: en consonancia ou emparentadas con outras donas da auga, seres míticos mixtos (mouras-serpes que gardan tesouros nas fontes, sereas que viven nas augas mariñas, xacias con atributo de peixes etc.). Na literatura hai lumias na obra de Miguel Mato Fondo, por exemplo. Tamén na obra dramática de Manuel Lugrís (buscade a lumia da noite no TILG). Dinos o noso amigo César Morán Fraga que pola zona de Camariñas aínda se usa a frase de claras connotacións negativas filla/fillo dunha lumia!

Cales outras podemos considerar fontes míticas? Por exemplo, aquelas fontes nas que aparecen os chamados encantos. Un par de exempliños: a famosísima Fonte Pormás en Arzúa, ben estudada hai xa moitos anos por Fraguas e fraguas (con dona-serpe) e o manancial do Penedo do Leite, en Piñeiro-Silleda, xunta o río Deza: dise que alí hai un encanto que sae en forma de cobra e lle dixo a unha persoa que o que a queira desencantar ha de darlle tres bicos. Tan pronto llos deu, volveuse todo en ouro. Se non a desencantaban íanse cara ó río maldicindo (en: http://www.edu.xunta.gal/centros/iespintorcolmeiro/system/files/Congreso%20IDE%20Silleda%20%28patrimonio%20inmaterial%29.pdf), con lenda semellante á da Fonte Pormás. Tamén hai encanto na fonte da Niveira, nos montes de Zoñan, Os Remedios, Mondoñedo (CN). Sábese que hai un encanto porque fai lume e toca a gaita (En https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=5&id=2721).

Logo hai fontes que se chaman do ouro e verosimilmente agochan mitos vinculados a ese metal marabilloso. Nalgúns casos aínda hai lenda e daquela o conto está claro; noutros casos, só se conserva o nome e pouco máis podemos dicir. Amentemos a fonte do Ouro de Cotá (Friol, CN), hoxe desaparecida, asociada ao mito da galiña cos pitiños de ouro. Tamén na Coruña (nos Chas, a Zapateira, nunha zona ben estudada no seu día polo relembrado Luis Monteagudo) houbo unha fonte do Ouro: a fonte dá nome a un monte a a unha decena de túmulos.

Fonte da Coca (Vedra, Santa Cruz de Rivadulla, VP; non tivemos aínda ocasión de ir vela persoalmente nin preguntar mais cabe a suposición de que a coca sexa a bicha ancestral, a serpe proteica que protexe un encanto ou tesouro). En Vedra atopamos tamén a Fonte da Raíña Lupa, raíña mítica no territorio galaico por excelencia, a quen lle dedicamos hai anos un estudo non desprezable e a el vos remito (“Da raíña Lupa e da tradición Xacobea”, en Garoza 3, 2003, pp. 197-212). Nesta mesma liña, tocante a Lupa e a Translatio, debemos facer presente a famosa fonte do Franco compostelá (interesantísima non só pola historia dos bois que pararon alí indicando dese xeito onde debería erguerse o sepulcro de Santiago Apóstolo, senón tamén porque o nome da fonte permítenos encetar un novo capítulo proximamente, o referido a fontes con nome de posesor, queda prometido, heivos falar dese tema).

 

(Fonte do Franco)

 

Fonte da Vella (Gondomar, CPC): Esta foi a entrada á Paradela para quen, a través do camiño da Fonte da Vella, procedía de Baiona e outros lugares por Pousada. Segundo Soliño & Chamorro (en: https://concellodegondomar.gal/wp-content/uploads/2022/03/Percorridos-polo-patrimonio-de-Gondomar-01.pdf), a referida “Vella” fai alusión á antiga deidade precristiá das alturas e as profundidades, da terra e o mar (unha hipótese que unha servidora subscribe; é máis, diría que xa nos atopamos no país con esta forma latina de nomear a vella -nunca mellor dito- deusa ancestral, a celto-indoeuropea Caillech [hai que pronunciar Kálex, quen sabe se comparte Galicia e (Portu)gal raíz con esa deusa soberana]; dela falamos neste blog, en “Visitando Monteagudo de Bergantiños”, 26 marzo 2021).

Á derradeira (sen que con isto se esgote o tema nin moito menos…) podemos beber na fonte do Luar; unha vez máis a título de hipótese, pero tendo presentes casos ben documentados de aquellarres nas fontes, pode aquí pensarse nunha xuntanza dese tipo á luz da lúa… Está en Triacastela (CF).

10. Fonte do Campo: Preciosa fonte, bastante ben conservada (o matiz vén pola falta de limpeza); a mágoa é o contexto, de altos e faltos de garbo edificios cementosos. Conforme vimos de Lalín, a fonte está a carón da estrada, entrando en Silleda. Dicíanos o escritor e bo coñecedor da vila Xosé Ramón Castro que cando era neno ten xogado moitas veces nesa fonte ou máis ben no lavadoiro anexo: xogaban a botar os barquiños que eles, os rapaces, facían de casca de piñeiro… Temos un caso máis de fontes toponímicas. Fontes así chamadas, do Campo, hai máis. Un exemplo prototípico é a betanceira Fonte do Campo, nome con que o pobo sempre a coñeceu (a nós facilitounos o dato o noso amigo Javier Chao); é coñecida oficialmente como fonte de Diana. No caso de Betanzos (CI), o campo é o antigo da feira. En Silleda, o “Campo” é un dos tres barrios en que Silleda está ou estaba dividida: O Campo, Cuartel e as Baratas (polas Casas Baratas). 

 

(Fonte do Campo. Silleda)

 

Outras fontes con ese nome son: a fonte do Campo de Arriba en Rianxo (AO), a fonte do Campo en Gondomar, a fonte do Campo do Forno na santiaguesa rúa de San Pedro etc.

11. Fonte da Ra: Esta fonte silledense foi trasladada de lugar, antes estaba na praza a carón da igrexa, no que chaman ‘O Parque’ e actualmente no seu sitio hai outra fonte moderna con pedras que levan escrito o nome de todas e cada unha das parroquias do Concello de Silleda. Chámanlle ‘da ra’ porque orixinariamente tiña varias ras como elementos arquitectónico, da boca das cales deitaba a auga. Desapareceron. Inicialmente, cando oín por primeira vez ese nome pensei nas numerosas fontes que levan o nome dun animal, podiámolas etiquetar como fontes zoonímicas. Se queredes repaso algunhas convosco, sen ánimo de sermos exhaustivos. Temos, por exemplo: a fonte Cangrexeira (en Betanzos, está ao lado do antigo leito da ría, lugar que noutrora sería abundante en cangrexos; tamén lle chaman fonte de San Gregorio); a fonte dos Teixugos (Dodro-Laíño, CPC), a fonte das Cabirtas (Lalín), a fonte do Piollo (Parada-Silleda e hai outra así chamada en Monterroso, CF), a fonte do Sapo (Verín, VP), a fonte do Raposo (Fisterra, AO), a fonte do Lagarto (Muros, CMN; aquí, como na das Ras, o zoónimo débese a un elemento arquitectónico porque por riba do cano hai labrado un espléndido lagarto de pedra), a fonte dos Ranchos en Lugo (lemos na prensa que antigamente a xente levaba a esa fonte os cochos para que se bañasen, en https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2007/05/10/so-falta-rancha-canteria/0003_5793357.htm) e a fonte dos Bois (O Portiño-A Coruña; nós non chegamos xa a vela pero temos coñecidos que dan fe dela, agora a entrada está bloqueada con grandes bolos que non deixan ver a auga: son palabras literais do noso informante, o grande coñecedor desa contorna e dos nomes das pedras, o señor B.; á fonte dos Bois baixaban os paisanos cos bois para que bebesen; cando nós chegamos ao barrio de san Roque de Fóra, hai 33 anos, había polo menos un veciño que tiña na corte -nunha casiña baixa que inda se conserva, por certo- unha parella de bois…, o cal nos trae á mente os campos próximos á torre onde Manuel Rivas relembra ver pacer as vacas ou os bois…). 

 

12. Fonte Botico: Debémoslle a J. R. Castro o encamiñarnos a esta fonte. Está no Foxo-Silleda, en pleno Camiño de Santiago. O lugar é xeitoso e paga a pena ir visitalo. José Ramón non quixo dicirnos o nome da fonte, ide alí e preguntade á xente maior. E así o fixemos. Con moita sorte, porque na cartelería oficial veñen outras variantes (“Fonte da Botica ou do Picho”). Foi un par de amables veciñas as que me dixeron que no lugar a chamaban fonte Botico. O primeiro que pensei foi nun alcume, no nome dun posesor. Logo, ao saber que no Foxo houbo, e moi próxima á fonte, unha botica, xa mudamos de opinión; entendemos que botico é unha variante de xénero sobre botica para indicarnos un reducido tamaño. A fonte, xa que logo, entra dentro do apartado xa visto, son as fontes metonímicas, que reciben o nome do edificio que teñen próximo.

 

E por hoxe xa chega de abondo. Parabéns ás Pilares, Pilaras, Pilis, Pilochas, Pilucas e Pilaricas!

 

 ::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

LISTADO DE ABREVIATURAS:

AO: A Orixe

CF: Camiño Francés

CFM: Camiño Fisterra-Muxía

CMN: Camiño da Ría de Muros-Noia

CI: Camiño Inglés

CN: Camiño do Norte

CP: Camiño Portugués

CPC: Camiño Portugués da Costa

P: Camiño Primitivo

VP: Vía da Prata