LENDO O DRAE
(Biblioteca da Facultade de Filoloxía. O cadro do fondo é da autoría de José Luis Martínez Pereira, pintor recoñecido que exerceu moitos anos a docencia no noso Instituto)
Este día
(concretamente o 7 de maio do 2015) subín ao Campus da Zapateira, á Facultade
de Filoloxía, para reencontrarme con dous vellos coñecidos a quen me honro en
tratar. Ambos os dous dan ou deran clase na Universidade da Coruña, ambos
–correspondentes da RAE- aman
inequivocamente o tema de traballo, a lingua, e ambos foron beizoados cun
claro e intelixente sentido do humor e da fina ironía. Disertaron sobre a 23ª
edición do Diccionario de la Lengua
Española.
Primeiro falou o catedrático D. Álvaro Porto Dapena: “Sobre las
letras en el DRAE”, quen, redundando en algo que xa leva tempo dicindo (e
publicando..., comentaba con certa sorna que o seu era predicar no deserto,
polo pouco caso que os académicos lle facían, e eu cando o oía dicir isto,
pensaba algo así como benvido ao club,
porque todos os docentes de ensino medio padecemos algunha vez esa impresión,
de falar para as paredes... digamos que forma parte do oficio) que as letras
non son unidades léxicas, non son palabras e que –en síntese- non deberían
entrar na nomenclatura ou macroestrutura do dicionario académico. Argumentouno
con riqueza de datos, rastreou incluso fallos a nivel fonolóxico na vixésimo
terceira edición. En fin, foi entretido, minucioso, e en case todo o que dixo
tiña máis razón ca un santo. Así a todo, temos que engadir algo a favor da Academia: a
forza da tradición pesa. O dicionario non é de
nova planta, arrastra saberes, tópicos e formulismos anteriores, recordemos
que é unha creación do XVIII.
(Portada da vixésimo terceira edición do DRAE)
Máis cerca dos meus
intereses se situou o discurso do segundo relator, o catedrático D. Manuel
Casado Velarde: “La innovación léxica en el DRAE 2014”. Empezou citando ao
académico director da nova edición, Pedro Álvarez de Miranda, para logo
establecer unha comparanza numérica entre as ed. 22ª e 23ª; por ex., 93.111
artigos na 23ª /VS/ 88.431 na 22ª; 1350 supresións na nova fronte á vella; 5650
novos temas na macroestrutura do dicionario (macroestrura aquí oponse a microestrutura –como se organiza o
interior de cada artigo: o que segue a cada entrada ou palabra que se define- e
alude ao conxunto de lemas ou entradas, é un concepto da lexicografía). Artigos
emendados: 140.000. O prof. Casado dixo algo importantísimo e claro coma a
auga: enfocou o dicionario como unha
radiografía social da sociedade –valla a redundancia- que fala esa lingua.
Logo procedeu por
sectores: vexamos algúns.
Innovación léxica e innovación técnica e social (o ditame global aquí foi positivo, quer dicir, trázase neste sentido
un diagnóstico bastante axustado da sociedade nosa actual, malia o retraso
notable en relación co uso, e como exemplo disto, puxo o caso da acepción maría como materia de estudo, onde vai
que se di e mais tardou en entrar no dicionario). Entre a cantidade de novos
neoloxismos do ámbito das novas tecnoloxías de información e da comunicación
(recordade que esas son as sigras da materia chamada TIC, que vós aprendedes no
instituto) citou: Blog, ADSL, bloguero, chat, chateo, chatear, GPS, hacker, internet –fixádevos
que xa se formaron familias léxicas: dicía Casado que se hai derivación iso
significa que esa palabra está xa atornillada
ao dicionario e en xeral, ao idioma-; botou en falta blogosfera.
Bonito o tema, eh?
Seguimos un pouco aínda?
Dese mesmo campo
nocional: SMS, tuit, tuitear, tuiteo,
tuitero, tuitera, retuitear, USB, wifi, dron; botou tamén en falta videovigilar (fálase dabondo de espazos videovixiados; de todas formas, non
quixera que vos emocionedes demasiado coas novas tecnoloxías: tende en conta
que un 25% dos nosos concidadáns –falo de España- non están conectados, ou
porque non poden ou porque non queren e o bo demócrata sabe ter en conta eses
factores).
Outro campo
tratado: Alimentación. Entraron voces
como: priva, resopón, papear, papeo,
baguette, brócoli, carbonara, emplatar, veganismo, vegano, vegana.
Da medicina: depre, endorfina...
Do deporte (un eido
altamente produtivo de palabras novas, xa na ed. 22ª puidemos comprobalo): aerobismo, barranquismo, cicloturista, culé
(merengue, colchonero e periquito xa estaban), futbito, mediocampista, melé, pilates,
rafting, puenting...
Vexamos por último,
o sector relativo ao que Casado etiquetou As
Ideoloxías:
Antibelicista, antieuropeísmo, antisistema,
euroescepticismo, ultraderechismo, pepero, pepera, sociata, rojillo, rojilla,
fedayín, islamización, mulá,muyahidín, yihad, yihadismo, yihadista (botou en falta sharia e shoah
‘holocausto’; que conste que na miña opinión a sintonización do libro coa
ideoloxía da sociedade actual tamén se percibe nos exemplos: douvos un caso
para que me entendades mellor: En
Alemania es ilegal el revisionismo del Holocausto –s.v. REVISIONISMO-, este
exemplo, entre outros, denota que os lingüistas están no mundo e son receptivos
ás ideas sociopolíticas, como debe ser; nese sentido eu persoalmente boto en
falta a acepción memoria histórica,
hai lei, e nos manuais de literatura tamén aparecen as novelas que tratan de
recuperar esa memoria específica, moi española, e se escribimos as dúas
palabras en Google, aparecen 941.000 concorrencias).
Deixámolo aquí por
hoxe. Queda para outro día o tocante a un par de temas nucleares: xenofobia e
xénero (e un terceiro non tocado polo conferenciante: galeguismos). E fáltame
contarvos algo da intervención do público asistente.
[NOTA: as letras s.v. nun contexto coma este, de
dicionarios, significan sub voce,
‘baixo a voz’, é dicir, que tes que ir a esa entrada indicada].
(Mª Rosario Soto Arias)
(Fotografía do catedrático Manuel Casado Velarde, tomada da Internet)