luns, 11 de maio de 2015

ENTREVISTAS A HOMES QUE AMAN GALICIA



ENTREVISTA A MANUEL LOURENZO

PATRICIA PRADA E Mª ROSARIO SOTO: -Vostede naceu no Valadouro pero estudou aquí na Coruña, onde concretamente? No Instituto Masculino? Que lembranzas garda desa etapa da súa vida?
-Estudei na Academia Galicia. Lembranzas moi boas, por exemplo, dos profesores de literatura, D. Luís Seoane Rico e D. Miguel González Garcés, e pésimas do crego, que non mento, por se acaso reaparece con todo o seu odio e violencia... Tamén fixen, como é natural, algúns amigos para sempre.
-Vostede é un auténtico home de teatro, un ser nacido para esta arte: fixo de todo, creou compañías, editou libros, compuxo textos, dirixiu, fixo crítica, traduciu, foi actor... Que lle queda por facer, señor Lourenzo? E que foi o que máis satisfacción lle deu, ou que foi de todo o feito aquilo de maior transcendencia, na súa opinión?

- Eu veño dun tempo en que os recursos escaseaban. Nesa escola aprendín unha certa moderación no uso deles que me axuda bastante na briga diaria. Non penso no tempo perdido, porque o tempo non se perde, xa que non existe. E, se acaso o perdín en pasalo ben, por exemplo, teño que dicir que non me pesa. Agora, á parte do meu traballo, fillos e netos, familia e amigos, satisfacen todas as miñas aspiracións. O que máis satisfacción me deu? A humana resistencia...



-Vaiamos á obra escrita. En literatura é lícito buscar, centrar, as constantes universais: os temas nucleares. Se nós lle dixeramos que na súa obra son importantes o amor (Amar é, meu amor, máis que morrer; Amar é un insolente, magnífico, duro, interminável parto..., de Xoana), e o poder (cos seus excesos e as súas perversións), vostede que nos respondería, e que engadiría?

- As miñas constantes? Aí si que non son nada especial, e si orixinal (que ven de “orixe”). Os temas que eu chamo únicos, os propios da raza humana, con todas as súas rarezas, bondades e perversións. Aí non se escolle. Aí a realidade asalta. Acho que o único que se escolle –ou para o que un é escolleito–  son as formas...

-Unha nosa profesora e colega [Beni Vidal] contounos esta anécdota: Hai un tempo estaba eu no meu super e díxome a caixeira: “está aí Melgacho”, mirei e díxenlle: “Ah!, Manuel Lourenzo...”, e respondeu rápida: “Que dis ho!, Melghacho, muller!”. Diante do poder da televisión, e outros medios, que lugar ocupa nesta sociedade o teatro? Segue sendo A Coruña un lugar bo para representar (como vostede deixou dito noutrora)?

(Fotos tomadas da Internet)


- Melghacho é un máis deses que andan por aí, pola cabeza, que un día ocuparon. E aí deben continuar, abrigadiños... A televisión caeunos enriba de repente. O teatro xa levaba moito tempo a nos escarpuxar. Non teñen moita relación A imaxe pide consumición inmediata; o teatro lévanos a pensar e, máis aínda, a optar. Por iso é nu, directo, un acto público, unha convocatoria para tratar os temas candentes... A Coruña, un bo lugar para o teatro? Como todos. Se eu incido na Coruña, é porque aquí ubiquei a maior parte do meu traballo: o teatro independente, nado en colexios, no edificio da Caixa da Ronda de Nelle, en prazas –na Coruña hainas marabillosas–. Foi, si, nos sesenta e setenta do século ido, un modelo de teatro; contributo indispensábel para a recreación do teatro galego e encontro con numerosos grupos ibéricos, tanto do ámbito do castelán como do catalán e do euscaldún... Foise todo cando a democracia comezou a se deitar cos negocios, coa banca, e apareceron alcaldes e outras especies que deixaron nun lugar moi baixo o analfabetismo...

-Gustaríanos saber a súa opinión sobre a institucionalización do teatro. Están ben destinadas nese sentido as subvencións?

- Non quero ouvir falar de teatro e diñeiro. Neste país, cun só decreto sobre a lingua, desapareceu todo o que parecía que había... Ollo, que digo neste país, inculto e caníbal, e nestas circunstancias. No sei se poderá ser noutro momento; mais, tal e como van as cousas, non creo que eu o vexa...

-Esa riqueza lingüística dos seus textos, unha riqueza que abraia, innegable, cando lle debe ás súas orixes, ao Valadouro, terra de artistas, a medio camiño entre a Terra Chá e a Mariña?

- Todas as linguas teñen música. E nós temos a sorte de coñecer precedentes absolutamente maxistrais na súa detectación (existe a palabra?), como Rosalía, Otero, Cunqueiro... alguén que escriba ou que faga teatro ou que fale nun palco, non pode ignorar este herdo. O lugar onde naces tamén te marca, con talladas físicas –a orografía, o clima– e culturais –a historia, as tradicións, a lingua–. Na terra que aludimos, o Valadouro, hai, ademáis, a pegada de varios pobos, que configuraron unhas morfoloxía e sintaxe extraodinariamente ricas e expresivas...



-Trácenos, coma un personaxe profético, coma un novo bardo da tribo que realmente é, un adianto do futuro (poético, ou imperfecto...), vostede que ten fillos saberá facelo...

- O futuro é difícil de previr, dada a extraordinaria implicación de elementos sobre os que a maior parte dos humanos non ten ningunha dotación... Habería que tocar a historia de moito antes... Con todo, a resistencia á sumisión é natural na nosa especie e haberá que escoller os camiños que a viren máis valente e eficaz. Camiños hainos. Calquera cousa, agás a entrega a un inimigo que nos tolle e nos silencia.

-Moitísimas grazas por compracernos. Xa sabe –vostede que confiou neste centro para a educación da filla- onde nos ten. Desexámoslle o mellor, señor Lourenzo. Longos anos de boa vida para o teatro galego!

- E que eu vos vexa felices e cos ollos abertos!

(Patricia Prada é alumna de 2º de bacharelato no noso Instituto neste curso 2014-15).

Ningún comentario:

Publicar un comentario