mércores, 28 de novembro de 2018

A NOSA CASA


A NOSA CASA


O venres 23 de novembro xuntáronse no Instituto varias ex alumnas para celebrar 50 anos des que acabaron o bacharelato (promoción 1962-1968) no vello Feminino, no ‘Eusebio da Guarda’. Nós falamos cunha delas, Manuela Pérez Fernández, máis coñecida como Lela, quen fora profesora de Educación Física de moitos de vós no centro. Lela transmite enerxía e entusiasmo, e si, a verdade é que foi unha estupenda iniciativa esta de xuntárense. Hai un punto no que insiste para que tome nota: eu recordo que viñan do Facho para darnos clase de galego... Eu aprendín galego con eles... Estouche falando do curso 66-67, si, creo que si, que era en quinto, non sei se era unha hora semanal ou dúas, ata creo relembrar que era aí ás seis da tarde. Heime achegar á sede do Facho para falar con eles, xa che contarei máis. Naturalmente, queremos saber. 

Quedei pensando que habería que agradecerlle á Dirección de entón –curso 1966, 1967- a súa colaboración para coa xente do Facho que impartía esas clases de galego naqueles tempos de ditadura: collo do fondo da gaveta o Libro de calificación escolar dunha servidora e vexo que na convocatoria do meu Ingreso, en xuño do curso 65-66, o Secretario é Juan Mansito e o Director é A. Vázquez; en maio do 67, en cambio, asina a páxina A. Respino como Director e Luis Artigas como Secretario. Se non erro, estes Respino veñen de Valdeorras (como Meijide), pero ese é outro tema.

A Lela hai máis cousas que lle chaman a atención: E ti sabes que cando nós estudabamos o bacharelato había no Instituto unha ‘Escola Preparatoria’? (a verdade é que algo me soa, por terllo oído contar a Pola e mais a Fátima, ambas amigas dunha miña amiga) Era para facer o ingreso e preparaba as rapazas unha mestra de fóra, que non tiña que ver co profesorado do Instituto, eu relembro perfectamente as meniñas con mandilón en fila, terían 8 ou 9 aniños, e as clases recibíanas no segundo andar, na chamada “aula de castigo”, onde castigaban a Pablo Picasso... 

 (A chamada 'aula de castigo', onde estivo Picasso castigado; aquí é onde recorda Manuela Pérez Fernández que se impartían as clase de preparatoria para o ingreso)


E ti seguro que xa non o viviches, pero nós nos recreos tiñamos que ir paseando polo corredor  sempre na mesma dirección [non recordo eu iso xa, non, eu lembro que baixabamos ao patio como cabalos desbocados e que xogabamos ao brilé, ao racacá –racacá!, xogo empezado está!, teño escrito sobre esa frase-lema-berro de guerra nun artigo para os Cadernos de Fraseoloxía Galega-, e recordo que nos gustaban as pipas -as pebidas de xirasol- pero que estaban prohibidas e había que gardar ben gardadas as cascas e a min pillárame unha vez Lolita a bedel e levárame ao Xefe de Estudos que impoñía un montón e chamábase Felipe, e nós, mellor dito, as maiores alcumábano Felipe el Hermoso..., iso si que o recordo], a bo ritmo e sempre na mesma dirección, e xogabamos ás tabas... Eu interrómpoa: As tabas? [porque xa sabedes como é a memoria, traidora algunha que outra vez, poderosa aliada outras, un lampo de luz onde crías que só reinaba o esquecemento, claro, as tabas, eu era malísima pero tiña amigas que dominaban a antiga arte con pericia e faciamos círculos sentadas no chan, super emocionante o pasado tan distante que volve así sen esperalo e sorpréndete, claro, e alégraste] Si, ás tabas, e ti non sabes, iamos así arrimadiñas á ventá e zas, escapabamos do control de Concha, e subiamos ao faiado, alí nos agachabamos, había un montón de trangalladas...


Xa o creo: eu subín hai poucos anos, con Isa, con Beni, con Maribel, cando formabamos parte do mesmo equipo directivo: moita poeira, iso fixo, pero era un auténtico faiado de libro, de novela de Carmen Martín Gaite... espazoso, con restos do que fora o fogar do conserxe, estantes, cuncas, pratos, botellas, lámpadas vellas, farois, unha especie de facistol de madeira, garrafóns enormes de vidrio verde, libros, libros de contas, revistas do ano da polca, cadernos, pupitres arrombados medio rotos, vellas mesas de profesor, aquilo era o soño dun artista quizais, a habitación do vello mariñeiro –polos trastes- de Lugrís, que sei eu... Quen vería aquelas nenas correndo e xogando á beira do reloxo...


(Algúns dos "trastes" do faiado, antes da reforma habida para reparar as trabes e o teito. Arriba, o que chamamos o facistol, abaixo estante con variados obxectos)

Rematamos xa: non sen antes recordarvos un último dato a propósito do ensino do galego no noso Instituto. Tamén a profesora Pilar García Negro –profesora de Lingua Española un tempo no ‘Eusebio’- deu clases fóra do horario oficial en galego, impartía para as alumnas que libremente acudían, unha hora semanal. Ela, Pilar, foi a primeira en dar a docencia en galego no noso Instituto, no curso 1976-1977. 


mércores, 21 de novembro de 2018

BUSCANDO PALABRAS


BUSCANDO PALABRAS: SOBRENOMES E ALCUMES I


Aí atrás tiven a fortuna de participar nunhas Xornadas de Onomástica dedicadas aos alcumes. Outro día falareivos máis de vagar desa experiencia enriquecedora. O caso é que me quedou gravada a idea –alí oída, creo que o dixo a profesora Ana I. Boullón Agrelo-  de que fai falta aínda moito traballo de busca e procura de alcumes na literatura. Dáse a coincidencia de que eu estaba relendo neses días un libro de Fole, Terra brava e de que abundan nel os alcumes. Así que, sen máis preámbulos, vouvos presentar un listado de alcumes de Terra brava, coa intención triple seguinte: 1. Que aprendamos a valorar esta parte da onomástica: os alcumes, gusten máis ou menos, forman parte da tradición e da cultura do noso pobo. 2. Que leamos con novos ollos os libros, abranguendo tamén este tipo de interesante información. 3. Que vos animedes, algúns de vós, a seguir por este camiño, o de investigar e publicar sobre alcumes literarios.


LISTAXE DE SOBRENOMES E ALCUMES DE TERRA BRAVA

 (Citamos pola edición de Galaxia 1985, e normalmente citamos a 1ª concorrencia na obra):
O Alláparo (este personaxe, que vivía na Ferreiría [do Incio], tiña un negocio onde se xuntaban os seareiros –cas o Alláparo-; esta voz, alláparo pode ser variante de olláparo,  derivada de ollo, cunha sufixación en parte despectiva e que en parte vale para acrecentar a palabra. O olláparo correspóndese co castelán ojanco, unha palabra para designar o cíclope, que como sabedes os que lestes as aventuras de Ulises, tiña un só ollo na fronte; pero alláparo vén no DdD co significado de ‘grande comellón, devorador’, un valor que lle cadra de medo a un alcume, p. 91).
O Almallo (temos un sobrenome ou alcume zoonímico. Un almallo  é un boi enteiro, un touro sen castrar; no DdD tamén figura a acepción figurada de home arroutado, aloucado; p. 147).
Andrés de Bértolo (améntase o prado de A. de Bértolo: temos un nome propio + un segundo nome propio –pode ser un ancestro dese Andrés ou xa o nome da casa familiar; pensade que se fose o nome da casa xa non teriamos necesariamente un ancestro de Andrés, porque as casas cambian de dono, e inda así poden conservar o nome vello; p. 230).
O señor de Argonde (o narrador xa nos explica por que era identificado don Enrique con este sobrenome detoponímico: Chamábanlle o señor de Argonde, que iste era o nome da casa dos seus abós, máis alá do Río Miño, p. 141).
El Badanas (aparecen aquí tres persoas alcumadas na fala dun personaxe que fala en castelán, nós optamos por conservar o artigo en castelán tal como o presenta Fole; a voz badanas é común e figura no DRAG; p. 168).
O Bastián de Luxilde (nome propio acurtado + detoponímico; o topónimo Luxilde é estudado polo insigne lucense Nicandro Ares Vázquez, quen di que está nel presente o xenitivo do nome xermano Leovegildus [en Estudos de toponimia galega, II, 943]; p. 147).
O Bieito de Barxa (nome propio + detoponímico; como dicimos abaixo, Barxa e Barcia proceden do mesmo étimo prelatino; unha nosa bisavoa valdeorresa levaba o apelido Barjacoba, forma castelanizada do composto Barxa + Cova; p. 222).
O Boticas (temos aquí un alcume motivado pola profesión, como tantos outros desta clase que se documentan entre nós desde a Idade Media; era boticario, e bastante aprensivo, polo que se conta del; p.239).
O Breixo de Gosende (nome + detoponímico; é bonito ese nome propio, Breixo, nome que procede moi probablemente de Verissimus, superlativo de vero ‘verdadeiro’; san Breixo foi un santo lisboeta, e se querede saber máis, remítovos ao Diccionario dos nomes galegos, libro que debería estar en todas as bibliotecas de todos os colexios e institutos, pode que xa estea…, no noso fixo; p. 341).
O Cara de Lúa (dísenos aquí non só por que lle chaman así a este home, senón que se nos di incluso de quen foi o que lle puxo o alcume; fálase da súa cara tan redondiña e tan branca, e din que se lle puxo asina a cara de tanto andar de noite; na fraseoloxía do noso idioma existe a frase cara de lúa chea para significar unha cara redonda: é frase sinónima de cara de bola ou cara de pan p.243).
Don Crisanto de Padorna (xa vedes que aquí se prescinde do artigo familiarizador e no seu lugar aparece o don, de onde coa vosa natural perspicacia deduciredes que o tal Crisanto era un señor de posibles; xa vedes como a linguaxe reproduce, espella, as categorías sociais; temos o esquema frecuente no libro, nome propio + detoponímico. Esta palabra tan fermosa –para nós, polo menos-, Padorna, parece a base de Padornelo (que sería un diminutivo…). Topónimos chamados Padornelo hai varios, di Nicandro Ares cando estuda un deles que deriva dun nome, Patronus (de pater ‘pai’, cita documentos vellos onde se le Patrunello e Paturnello), pero que non se pode descartar a influencia de ‘pedrón’; esa influencia cádralle ben ao orónimo (A Canda e o Padornelo nas portas de Galicia, vindo de Zamora). O xénero feminino do latín petra ‘pedra’ tamén lle acae a este Padorna; p. 261).
O Cuco (unha persoa leva este alcume zoonímico supoñemos que a causa dunha súa maneira de ser: astuta, lista, aproveitada…, pero imos ver con este alcume algo que oímos nas xornadas de onomástica este ano: non é igual coñecer o significado léxico da palabra-alcume que coñecer a motivación, a razón pola que é así alcumado: o propio Cuco di un pouco máis adiante da súa presentación: Chamábanme o Cuco porque arromedaba moi ben o canto diste paxaro, que por certo é ben doado de arromedare…;  na Idade Media documentamos unha Maria Petri de Fontano dicta Cuqua, 1239, CODOLGA, onde seguramente ese cuqua equivalla a cuca; pp. 145, 146).
A Faísca (dísenos dela: A Sabela, a súa fillastra, ou media fillastra, chamada de mal nome a Faísca etc. Información interesante, aínda que xa moitos de vós supuxestes o que aquí se nos fai ver, que non sempre os alcumes se poñen por ben, nin tampouco non sempre lles gustan aos alcumados… Faísca  é un deses alcumes cos que me topei no estudo dos sobrenomes medievais, e antes ca min, outros estudosos, por exemplo a profesora Boullón, máis abaixo amentada; a voz faísca ‘chispa’ vén dun étimo xermano, falaviska, e de aí deriva a forma intermedia falisca documentada na Idade Media no noso territorio, xa daquela abondo xermanizado na onomástica: Munio Petri cognomento Falisca (Sobrado, 1173), aí o tedes, o alcume recíbeo un home –cognomento vale por ‘nomeado’ ou ‘alcumado’-; a verdade é que a Faísca de Fole é mala bicha, porque mata o pai ou padrastro con aleivosía e nocturnidade; é unha mala chispa como a da cantiga popular do rodaballo: mala chispa te coma/mala chispa che de… P. 269).
O Falcón (este personaxe leva moi ben posto o alcume, un zoonímico, e dígoo porque veremos que se encapricha coa Rola, éntralle a zuna de que había de ser para el ou para máis ninguén…; p. 91).
O Farruco de Cernadas (hipocorístico –de Francisco- + detoponímico; p. 147).
O Ferrete (explica o narrador que lle vén o alcume pola “arte de espelexar ós outro vilegos”, é dicir, por ter a lingua coma un ferrete ou alferrón, lingua que fura as paredes, ou lingua viperina; p. 238).
O Fidalgo (o sobrenome está motivado pola súa condición social, tamén é amentado como o Fidalgo de Engrova, co engadido do topónimo onde naceu e/ou reside, p. 53).
Filiberto de Rul (nome propio + detoponímico? [non documentamos esa palabra]; era o pedáneo; p. 205).
O Fiz de Cotobelo (aquí Fiz é o nome propio e de Cotobelo é o sobrenome identificador, talvez detoponímico [na páx. de Toponimia da Xunta –PTX-, hai unha leira cerca de Santiago], funciona coma se fose un apelido, p. 90) (non sei se sabedes, por certo, que a ánima en pena de Fiz de Cotobelo con uve ilumina e ilustra os paseos nocturnos teatralizados polo cemiterio coruñes do santo Amaro…).
O Froilo (este nome, claramente xermano,  parece variante de Froilán, quizais se corresponda co antigo Froila, de onde deriva Froilán; vemos no CODOLGA que no século X era nome de muller –un xinecónimo-; p. 147).
O Galo de Regundo (alcume zoonímico + antropónimo?/detoponímico?; Regundo non o localizamos como topónimo, e a verdade é que parece en orixe un nome persoal xermano, coa mesma raíz que temos en nomes ben documentados como Recaredo ou Recaulfos [este último e mais a variante-apelido Regaulfiz son citados pola profesora Ana I. Boullón no seu libro Antroponimia Medieval Galega (ss. VIII-XII), unha magna obra publicada en Alemaña no ano 1999, pp. 387,8], p. 198).
O Garibaldo de Diciona (apelido [non vén este apelido nin no TILG nin no CORGA, pero si no CORDE] que ocupa o lugar do nome propio + detoponímico: Diciona vén na PTX, no Incio; p. 91).
A Garitera (esta era unha muller de mala sona, fálase dela na p. 142; o sobrenome está castelanizado; no DdD lemos que unha persoa gariteira é a que pon sempre boa cara para lograr o que quere, adulona).
O Grolo (este personaxe rexenta unha tasca, de onde deducimos a motivación do alcume: gustaríalle botar bos grolos de viño…; p. 145).
A Leitoa de Baranga (alcume zoonímico + detoponímico; o finado Nicandro Ares estuda o topónimo lucense Barangón e di que a súa etimoloxía é difícil –vol. II, pp. 1281,2- e cita un nome común baranga ‘porta de pau’ navarro; di que probablemente é voz prerromana; nós, por puro sentido entre lúdico e curioso, podemos fixarnos na equivalencia semántica que dá o DdD entre varangueirada = varganal ‘sebe formado de várganos’ [entre várgano e barango só habería unha especie de metátese se fosen da mesma familia…]. Un bárgano é unha louxa de pizarra, deriva de bargo ‘pedra plana’ [o propio Fole usa esa palabra, bargo, para referise á lousa que cerraba a boca da Cova das Choas, na p. 229] e francamente, dá que pensar que estamos diante doutro membro máis da familia de barcia, bárcena, barxa…, voces consideradas prelatinas polos expertos; p. 153).


El Longarela (o artigo aparece no libro en castelán porque é amentado o alcume por un personaxe que fala en castelán; Longarela dá idea dunha persoa moi longa de corpo; p. 168)
O Mingos de Crecente (é o pai do Xocas: temos un hipocorístico sobre Domingos + un detoponímico; p. 142).
O Paxarón de Corbelle (alcume zoonímico + detoponímico; a Corbelle cadraríalle mellor a ortografía con uve, parece relacionado co córvido; con todo, documéntase o antropónimo latino Corvilius, citado por Piel, a quen amenta Nicandro Ares –vol. II, 1064-; p. 148).
O Pego (alcume zoonímico; p. 208).
O Pepiño da Alborga (aquí temos unha palabra curiosa, Alborga, que non figura nos dicionarios galegos nin vén na páx. de topónimos da Xunta, se ben hai un Alvorge, topónimo, no CODOLGA, en documentación de Coímbra do ano 1144; debemos estar diante da palabra hispana alborga ‘abarca’, un calzado feito coa sola de esparto; este Pepiño calzaría alborgas; p. 91).
O Pernecas (este personaxe serviu ó Rei na Cruña, dinos outro o Gumersindo na p. 117; o alcume implica un posible atributo físico, ou teña pernas moi longas ou moi delgadas, ou as dúas cousas).
El Pipiolo (na fala do mesmo personaxe que citamos arriba, que fala en castelán; pipiolo figura no DdD,  deriva do latín PIPIO ‘pitiño’; p. 168)
O Pirulo (ten un certo valor hipocorístico, afectivo, p. 41)
A Presenta (máis que alcume propiamente dito, forma curta, familiar do seu nome propio, Presentación [se tendes curiosidade e ides ver no Diccionario dos nomes galegos, que dirixira X. Ferro Ruibal, veredes que a igrexa católica celebra dúas Presentacións: a do meniño Xesús, o 2 de febreiro, e a da súa nai, María, o 21 de novembro], p. 41).
A Rola de Trascastro (temos un alcume zoonímico: a rola equivale á rula –en Valdeorras tamén din rola- + detoponímico; na Idade Media xa documentamos Tareiga Roliña, en 1365, no corpus Xelmírez; dá idea dun apelativo afectivo;  p. 91).
A Rosalía de Óutara (nome propio + detoponímico; óutara  é voz da familia léxica de outeiro, outarelo e dá idea dunha pequena elevación orográfica; figura na páx. de Toponimia da Xunta, como pertencente á Pobra do Brollón; p. 214).
O Sarillo de Paderna (estaba casado coa Faísca; temos o esquema alcume + detoponímico; antes vimos outro de Paderna, pero era nome, non alcume; chamarlle Sarillo a alguén fainos pensar nunha forma de ser inquieta; p. 270).
O Séneca (este personaxe andaba sempre xuncido ao alcumado Ferrete –andaban sempre un candia o autro, coma o corpo i a súa sombra- e tamén se explica o alcume pola mesma razón, porque eran amigos de saber de vidas alleas e de atoparlles luxas ‘puntos fracos ou defectos’. A voz séneca é variante coloquial de sénica e ambas as dúas valen para designar o arsénico. Así que o tipo era malo coma o arsénico/coma un veleno; p. 239).
O Senín de Reboiro (nome hipocorístico + detoponímico; documéntase ese topónimo xa na Idade Media: in sancta Valeria de Castro et in Riadigos de Reboyro, 1201(ca)-1300(ca), Oseira, CODOLGA; o étimo que quede para os expertos: se fose Reboira estaba claro (de riparia ‘ribeira’ ou de ripa aurea pero o masculino véxoo máis complicado, unha variante sobre robur, de onde vén rebolo ‘carballo’?; p. 213)

 (Se non me falla a memoria esa torre exenta é de mármore azulado... Unha beleza de arquitectura e unha beleza de terra, o Incio lucense. Todas as fotos están tiradas de Internet)

A tía Trécola (ese é o que Fole chama o seu alcuño pero tamén se nos di que lle chamaban de seu nome a tía María: é dicir, Fole diferencia entre alcuño e nome de seu, o cal me recorda que non hai moito lin noutro libro, do portugués Vergílio Ferreira –Manhã submersa- outra distinción paralela: Eu, António Borralho (A. Santos Lopes, de lei), esta vez entre alcume e nome de lei –“nome oficial” tamén diriamos nós hoxe en día; a voz trécola dá idea de persoa charlatana; p. 101).
O Uxío de Teixiz (outro caso paralelo ao de Fiz de Cotobelo: pero aquí Teixiz é un sobrenome detoponímico claro: dádeslle ao ‘buscador’ da páx. de Toponimia da Xunta – http://toponimia.xunta.es/Buscador- e xa vedes que hai un no Incio; p. 91).
O Xocas (este personaxe entendíase coa Garitera. Temos un nome hipocorístico de Xoaquín, p. 142).
O Zascallas (de Entrimo) (alcume + detoponímico; tamén é designado simplemente como o Zascallas.  Zascallas non figura no DdD: pero si figura zascadoiro  como variante de zoscadoiro; por esa mesma regra de tres, zascallas pode derivar de zoscar, sumándolle un sufixo despectivo; tamén se pode pensar en orixe expresiva, a partir da partícula exclamativa onomatopeica zas. En autores como Bernardino Graña lemos zasca! como variante dese zas [no corpus chamado CORGA, de libre acceso na rede], p. 147).