mércores, 31 de outubro de 2018

VISITANDO


“Eusebio bótase ao monte”, Ancares galegos (27-outubro-2018)

 (A neve pillounos por sorpresa. Por volta das cinco empezaron as folerpas a cobrar un tamaño respectable...)
 
 Unha vez máis a expedición do profesorado do Eusebio da Guarda sae a descubrir alguna páxina da nosa xeografía, a coñecer lugares e xentes, para tal fin temos que ler entre liñas.

 (Beleza do castiñeiro nevado: un non podía deixar de pensar nos nosos ancestros nos castros no inverno...)

. Primeira liña, a boa disposición da empresa de servizo discrecional que nos leva aos diferentes lugares, sen eles non sería posible. Bo talante, bo trato e mellor manexo do volante. Sempre se apuntan ás nosas propostas.

 (Grupo de profesoras e profesores do noso Instituto. Estas viaxes que organiza marabillosamente Antonio son unha forma espléndida de unión)

. Segunda liña, a sorte do país que temos, alí onde imos recíbennos cos brazos abertos e ofrécennos o mellor que teñen. Tanto en Navia como no Piornedo á hora de pormenorizar na cultura gastronómica da comarca. Merece mención especial a acollida sinxela,  fraternal na Palloza do Sesto (“pásannos ata a cociña”), Isolina e Fuco achégannos a vida en tan familiar construción, edificio que alberga  todos os labores e tarefas do poboamento, menos o pastoreo e a agricultura. Levamos connosco toda unha serie de procedementos para acadar as competencias da vida en tan singular espazoo. Aprendemos de galocheiros (zoqueiros),  tecedeiras, gandeiros, cantareiras, agricultores de alta montaña, meleiras. Aprendemos a aprender a vivir na alta montaña, co xusto e cun digno aproveitamento dos manxares que a Nai Natura pon nas nosas mans.


 (Paixase nevada con can)

. Terceira liña, o turismo sostible que parte do traballo de tantos, intentando non fracturar a vida da comarca. Paisaxe, sendeirismo, arqueoloxía, patrimonio, etnografía, gastronomía, gandeiría de calidade, natureza ao fin e ao cabo, vestida con traxe glaciar do que destacan os diferentes elementos (cumes e tesos, circos e lagoas, gargantas e morrenas).

 (De novo nós, as mulleres, profesoras do 'Eusebio da Guarda', non están todas as que son...)

.Cuarta liña, o hábitat, tan disperso e cada vez máis reducido, hai núcleos de poboación que non teñen máis dun habitante, próximos a quedar deshabitados tamén mudan o topónimo (“o pobo ou a aldea de fulano”). Grandes dificultades para botar raíces, non é fácil chegar aos centros escolares, as estradas e camiños están deseñados con mil traballos para non romper a harmonía do terreo, tan só estremecida polos incendios.

 (Almorzo listo en Navia de Suarna a media mañá [a parva]. Boa terra, preciosísima ponte, saboroso embutido... Mirade como se preocupa Antonio por nós)

. Quinta liña, pouca xente volta do seu particular éxodo ou emigración europea. Voltan tentando aproveitar o turismo, gandeiría de carne, tarefas silvicultoras. Fan remocear os poboamentos, arranxan os diferentes edificios e construcións (orros, palleiros, pallozas, cuartos, casas, cortíns). A maioría está orgullosa de volver e de ver como os seus núcleos de poboación aparecen nos mapas, nos Ge Pe eSes, sacan peito véndose na televisión ao paso da Vuelta Ciclista a España ou da Volta a Galicia. 

 (A ponte de Navia de Suarna. O río leva nome de deusa prerromana)

. Sexta liña, as administracións intentan poñen os seus lugares no mapa e loitan por mellorar accesos, estradas, servicios, actividades propias e folclóricas,  ao cabo, comunicación e interacción. As vías de acceso aos concellos de Navia e Cervantes artéllanse desde o Alto do Restelo, desde Pedrafita ou desde o corredor natural do Navia, de onde parten estradas, antigas vías e a onde chegan as augas dos diferentes ríos, Cervantes ou Cancelada, Ser, Moia, Rao-Balouta, antigos glaciares. Non sei se a deusa Navia abreu os dedos da man cara ao sur para trazar no medio das glaciacións esas torrenteiras e regatos da man das gargantas e ríos que buscan o seu futuro, o seu norte na deusa fluvial.

 (Restos do castelo. Navia de Suarna, Lugo)

. Sétima liña, o esforzo por recuperar a historia de asentamentos como alzadas ou brañas e as diferentes cabanas; deseñar, en fin, unha ruta da Trashumancia ou da Mesta. Esmerar o coidado das diferentes especies de flora e fauna da zona. O coñecemento pode contribuír a un mellor coidado e conservación.

 (Bebemos as palabras dentro da palloza da guía, unha das derradeiras persoas, senón a derradeira, en nacer aí, na palloza ancaresa)

Rematamos as sete liñas seguindo o significado do número sete no mundo xudío. Sería posible seguir esbozando máis liñas que teñen que ver co xeito de ser dos naturais destas terras ancaresas, sinxeleza, amabilidade, cooperación, hospitalidade e sobre todo un carácter propio resultado de loitar contra os elementos.
                                                                                   Antonio Fondo Rodríguez, profesor de Relixión do IESP 'Eusebio da Guarda'. 


 (O gato é compaña imprescindible na vida da palloza, caza ratos...)

 
 (Ancares: vacas na neve)


.

xoves, 18 de outubro de 2018

COLABORACIÓNS ESPECIAIS


(CAMPANARIOS II)

IGREXA DE SAN TIRSO DE COSPINDO

(Todas as fotos están tomadas de Internet)

Esta igrexa atópase no concello de Ponteceso, na parroquia de Cospindo (San Tirso), concretamente no lugar do Couto. É unha construción de cantaría de estilo barroco do século XVIII. Posuía unha planta rectangular dunha única nave con cuberta de madeira a dúas augas. Posteriormente, fóronselle engadindo diversas capelas, así coma unha sancristía e un novo altar. Actualmente a súa planta semella unha cruz latina. Interiormente, os espazos da nave e do presbiterio están delimitados por un arco triunfal, podéndose destacar, en canto á ornamentación, os retablos característicos do século XVIII que reproducen modelos moi comúns nas igrexas da zona. A fachada principal é sinxela rematando nunha torre-campanario. A igrexa arrodéase dun muro de pedra, tendo un cruceiro fronte á porta de entrada. Á beira da igrexa atópase a antiga casa do cura, hoxe rehabilitada e cedida á Asociación Cultural “Monte Branco”.


Nesta igrexa foi bautizado o Bardo de Bergantiños, Eduardo Pondal, o día 10 de febreiro de 1835. Na súa memoria hai unha obra en pedra, que lembra este feito grazas a unha inscrición. No lateral sur da edificación hai un sarcófago onde está enterrada parte da familia Pondal Abente.
As campás:
As campás desta igrexa non teñen nome propio. Antigamente o sancristán era o encargado de tocar a misa e a defunto, pero dos repeniques do día da festa adoita encargarse algún veciño; este campaneiro interpreta toques de muiñeira que, mesturados cos foguetes e os gaiteiros, acompañaban os santos durante a procesión. Porén, na actualidade esta tarefa cotiá vén sendo desenvolvida por un veciño (Pepe de Arturo), que toca a campá dende o chan a través dunha corda atada á campá, pois ten prohibido o acceso ao campanario debido á súa avanzada idade e a posibilidade de sufrir un accidente. Dentro dese repertorio de toques que foi aprendendo desde a súa nenez, observando o sancristán e outros veciños, atópanse entre outros:
Toque de Ángelus: Tócase para marcar o mediodía.
Toque de Ánimas: É o último toque do día.
Toque de Alba: Tócase ao abrir o día para indicar que comeza a xornada.
Toque de Defuntos: Cando falece algún veciño da parroquia. Este toque presenta variacións dependendo da idade e do sexo da persoa morta, polo que os toques poden ter distinta forma e cadencia. Antigamente distinguíase entre “Toque de Anxeliño” (cando morría un neno ou nena), “Toque de defunto home”, “Toque de defunto muller” e “Toque de entrada de defunto”.
Toques de Semana Santa: Cada día ten sinalado o seu toque específico. Así, existe o “Toque de Xoves Santo”, “Toque de Sábado Santo”, “Toques de Domingo de Resurrección”.
Toques de chamada a misa: Avisa do comezo das misas.
Toques de Repique: Cando se producía algunha situación excepcional de perigo, como por exemplo un lume.

 (Foto do famoso cadro de Millet que ten como tema a oración do "Ángelus")

Toque de chamada á oración: Antano era normal recitar unha pequena oración antes de emprender actividades cotiás. Como estes toques se repetían en momentos concretos remataron servindo como reloxo, xa que ao escoitalos sabían a hora do día que era.
Toque de comuñón: No intre de dar a comuñón na misa.
Toque de procesión: Durante a celebración das procesións.
Toque de festa: Empregábase os días nos que se honraba algún dos santos da parroquia.


Con todo, hoxe en día moitos destes toques encóntranse en desuso, pois a súa función de comunicación foi substituída por outros elementos, quedando reducido o seu uso para avisar os fregueses do comezo e final do culta, anunciar a defunción dalgún veciño ou a celebración de vodas e bautizos, todos feitos relacionados co culto que se procesa.

Alba Souto Parga. Alumna do IESP ‘Eusebio da Guarda’ (o traballo foi feito cando estudaba 4º de ESO)