(CAMPANARIOS II)
IGREXA DE SAN TIRSO DE COSPINDO
(Todas as fotos están tomadas de Internet)
Esta igrexa atópase no concello
de Ponteceso, na parroquia de Cospindo (San Tirso), concretamente no lugar do
Couto. É unha construción de cantaría de estilo barroco do século XVIII. Posuía
unha planta rectangular dunha única nave con cuberta de madeira a dúas augas.
Posteriormente, fóronselle engadindo diversas capelas, así coma unha sancristía
e un novo altar. Actualmente a súa planta semella unha cruz latina.
Interiormente, os espazos da nave e do presbiterio están delimitados por un
arco triunfal, podéndose destacar, en canto á ornamentación, os retablos
característicos do século XVIII que reproducen modelos moi comúns nas igrexas
da zona. A fachada principal é sinxela rematando nunha torre-campanario. A
igrexa arrodéase dun muro de pedra, tendo un cruceiro fronte á porta de
entrada. Á beira da igrexa atópase a antiga casa do cura, hoxe rehabilitada e
cedida á Asociación Cultural “Monte Branco”.
Nesta igrexa foi bautizado o Bardo de Bergantiños, Eduardo Pondal, o
día 10 de febreiro de 1835. Na súa memoria hai unha obra en pedra, que lembra
este feito grazas a unha inscrición. No lateral sur da edificación hai un
sarcófago onde está enterrada parte da familia Pondal Abente.
As campás:
As campás desta igrexa non teñen
nome propio. Antigamente o sancristán era o encargado de tocar a misa e a
defunto, pero dos repeniques do día da festa adoita encargarse algún veciño;
este campaneiro interpreta toques de muiñeira que, mesturados cos foguetes e os
gaiteiros, acompañaban os santos durante a procesión. Porén, na actualidade
esta tarefa cotiá vén sendo desenvolvida por un veciño (Pepe de Arturo), que
toca a campá dende o chan a través dunha corda atada á campá, pois ten
prohibido o acceso ao campanario debido á súa avanzada idade e a posibilidade
de sufrir un accidente. Dentro dese repertorio de toques que foi aprendendo
desde a súa nenez, observando o sancristán e outros veciños, atópanse entre
outros:
Toque de Ángelus: Tócase para
marcar o mediodía.
Toque de Ánimas: É o último toque
do día.
Toque de Alba: Tócase ao abrir o
día para indicar que comeza a xornada.
Toque de Defuntos: Cando falece
algún veciño da parroquia. Este toque presenta variacións dependendo da idade e
do sexo da persoa morta, polo que os toques poden ter distinta forma e
cadencia. Antigamente distinguíase entre “Toque de Anxeliño” (cando morría un
neno ou nena), “Toque de defunto home”, “Toque de defunto muller” e “Toque de
entrada de defunto”.
Toques de Semana Santa: Cada día
ten sinalado o seu toque específico. Así, existe o “Toque de Xoves Santo”, “Toque
de Sábado Santo”, “Toques de Domingo de Resurrección”.
Toques de chamada a misa: Avisa
do comezo das misas.
Toques de Repique: Cando se
producía algunha situación excepcional de perigo, como por exemplo un lume.
(Foto do famoso cadro de Millet que ten como tema a oración do "Ángelus")
Toque de chamada á oración:
Antano era normal recitar unha pequena oración antes de emprender actividades
cotiás. Como estes toques se repetían en momentos concretos remataron servindo
como reloxo, xa que ao escoitalos sabían a hora do día que era.
Toque de comuñón: No intre de dar
a comuñón na misa.
Toque de procesión: Durante a
celebración das procesións.
Toque de festa: Empregábase os
días nos que se honraba algún dos santos da parroquia.
Con todo, hoxe en día moitos
destes toques encóntranse en desuso, pois a súa función de comunicación foi
substituída por outros elementos, quedando reducido o seu uso para avisar os
fregueses do comezo e final do culta, anunciar a defunción dalgún veciño ou a
celebración de vodas e bautizos, todos feitos relacionados co culto que se
procesa.
Alba Souto Parga.
Alumna do IESP ‘Eusebio da Guarda’ (o traballo foi feito cando estudaba 4º de
ESO)
Ningún comentario:
Publicar un comentario