xoves, 28 de novembro de 2019

A NOSA CASA


A NOSA CASA




O grupo de "iguais na diversidade" condena todo tipo de violencias machistas e para conmemorar o Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres, fixéronse siluetas representativas das mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas, un photocall con lemas feministas, un taboleiro con carteis e caligramas, unha mesa para o reparto de información e pulseiras con lemas, unha estrutura á entrada do IES onde poñer a nosa pegada contra o machismo, e ata dous alumnos de 1ºA fixeron un RAP reivindicando os dereitos das mulleres.
(https://www.youtube.com/watch?v=WMAm8GaQx3Y&feature=youtu.be).

Queda patente que o alumnado do Eusebio da Guarda está involucrado e concienciado na igualdade de homes e mulleres, fortalecendo deste xeito ao Eusebio da Guarda como Espazo libre de violencias sobre as mulleres.

FOTOS DO LUNS 25 DE NOVEMBRO










CUESTIÓNS PARA DEBATE


O tema da violencia contra a muller non é, por desgraza, de hoxe. Vén de vello. E inda non sendo os únicos casos de mortes digamos “evitables”, son sempre casos merecentes do noso interese. Nunca sobra a reflexión sobre o tema. Imos centrarnos un minutiño na literatura. Vexamos tres casos para o debate.



1º. Que vos axude a vosa profe ou o voso profe de literatura a localizar o relato “Las medias rojas” da coruñesa Emilia Pardo Bazán. Aí é o pai dela quen lle desfai e desfigura o rostro á filla por gastar os cartos, bastante escasos, nunhas medias… O mal que lle fai supera con moito o valor das medias… Lede ben o conto e debatede esta cuestión: sendo un pai o que maltrata a filla (cun fillo feito e dereiro dubido eu moito que se atrevera…), considerades que temos igualmente violencia de xénero?



2º. Hai un coñecido relato de Óscar Wilde, titulado The Canterville's Ghost ‘O fantasma de Canterville’. Aí o protagonista é o propio fantasma, Lord ou Sir Simon (xa non recordo ben o tratamento), quen matara coas propias mans a esposa, Leonor, por ser fea e por ser pésima cociñeira. Lede o relato e debatede se é merecente dese protagonismo, se verdadeiramente purgou ou non o seu grave pecado. Xustificariádelo vós como fixo Virxinia, ou?





3º. Agora ímosvos poñer un libro máis actual, da autoría dunha muller que faleceu recentemente, en agosto, e da que proximamente falaremos neste blog. A autora chámase Toni Morrison e o libro é The song of Salomon ‘A canción de Salomón’. Nesa espléndida novela, Macon Dead érguese da mesa e por un simple comentario algo impertinente da muller, Ruth, dálle un golpe que a fai caer da mesa e tira con ela por terra. Daquela, nun chimpo de furia, érguese o fillo, Milkman, que está na flor da vida, agarra polo pescozo sen miramentos o pai, empúrrao contra a parede e ameázao: “Se volves poñer a man enriba da miña nai, mátote”. Non estaría mal que localizásedes e lésedes esta secuencia (está nun dos catro primeiros capítulos). En calquera caso, a cuestión que vos formulo é esta: está ben ou está mal a reacción do fillo contra o pai? E vós, que fariades vós?









::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

(Nota: o noso agradecemento ao alumnado e ao profesorado que participou; mención especial merécennos Dulce, que foi a profesora que nos pasou as fotos, e Noemí, que foi a que soubo motivar os autores do Rap)

xoves, 14 de novembro de 2019

VISITANDO


 “EUSEBIO BÓTASE AO MONTE”, EDICIÓN XIX (26-outubro-2019)



Damos conta dunha nova singladura na nosa nave, uns cuantos regos e rodeiras de carro. A sorte lévanos a poner en escena e valor a campaña da nosa biblioteca para o curso 2019-2020, “E logo ti, de quen vés sendo?”.

Poñémonos en camino ás 9 da mañán con bo tempo meteorolóxico e con gana de pasalo ben, ao longo da xornada imos configurándonos como diferentes persoeiros, liñaxes, fidalgos e nobres, así como os séquitos que os acompañaban. Para ilustrarnos e guiarnos levamos uns cuantos autores de cabeceira: Emilia Pardo Bazán (“Los Pazos de Ulloa”), Gonzalo Torrente Ballester (“Los Gozos y las Sombras”), Marcial Valladares (“Maxina ou a filla espuria”) e Antonio López Ferreiro (“A tecedeira de Bonaval”).

        A temática enfíase co tema da decadencia da nobreza e fidalguía e o xurdir da burguesía e incluso o proletariado, sería como a transición do Antigo ao Novo Réxime. A trama é similar en todos eles: nobreza e fidalguía, loitas de poder, fillos ilexítimos, algún froito dun estupro, chegando nalgúns casos ao folletín.


          A Ulla é esa comarca na contorna, chamada “horta de Santiago”, esas veigas fértiles do curso medio do segundo río máis grande de Galicia que viu nacer a Marcial Valladares (Berres-A Estrada) e a Antonio López Ferreiro, natural de Santiago, pero residente moitos anos no Pazo de Galegos en Vilanova-Vedra.

          O noso deambular será entre a veiga do Ulla e a aba do Pico Sacro, connotacións xacobeas e referencias histórico-literarias.

          A nosa primeira incursión lévanos ao Pazo de Quian, actual Escola de Capacitación Agraria de Sergude (Boqueixón), baixo o padroado e a protección do santo máis “verdadeiro”, San Verísimo (San Breixo). A explotación aproxímase ao cento de hectáreas onde teñen cabida unha serie de organismos e entes vencellados ás denominacións de orixe, ao cabalo galego, así como aulario e docencia de diferentes ciclos de agricultura e gandería. Paseamos con calma descubrindo un mundo novo: prados, árbores, cabalos (chámanos a atención un chamado Paco I), vacas, porcos e un auténtico macho de cabra, se me permitides o circunloquio.

          Volvemos ao autobús deténdonos na Picotiña (pretéritas connotacións da invasión francesa) a tomar un excelso cafeíño de pota. Atravesamos con ansias o Ulla na moderna Ponte Ulla, recordando a lenda da formación do río e facendo alusión a ese fermoso recanto chamado Gundián (santuario mariano de referencia na comarca, sorte de foz no curso fluvial, territorio coruñés na outra banda do río, na pontevedresa, froito dos dereitos de paso de barca).



          Por fin arribamos á estradense Oca, alí admiramos as comodidades da xente ben da época, sentimos o peso e o pouso de case seis séculos de historia, así como a evolución dunha fortaleza a un pazo de connotacións recreativas e románticas. Percorremos as suas estancias, salóns, habitacións, capela-igrexa. Lembramos o dereito de presentación, igual que nos Pazos de Ulloa, admiramos a sua fábrica, volvémonos románticos e espirituais nos seus xardíns, laberintos, lavadoiro, muiños, paseos, canles, árbores do máis variado e das más diversas procedencias, luxo só ao alcance de moi poucos e escollidos.
 (A ampliación do pazo por Fernando Gayoso Arias Ozores, VII Conde de Amarante, Señor de Oca e IV marqués de san Miguel das Penas, lévase a cabo nas décadas de 1740-50. Este señor de Oca foi o que deixou gravado nun sillar Prosiga. 1746 para que fosen os seus herdeiros e sucesores os que continuasen a ampliación a partir de alí.)



          Calmamos os ánimos nun cerimonioso paseo ulindo tilos e intentando non pisar o azafrán, prolongación perfecta do xardín cara extramuros e ben comunicado, o enreixado deixa ver nitidamente a carballeira, sendo tamén un elemento que lle confire harmonía e grandiosidade. Sentímonos increpados polas ocas, OCAS en maiúscula que preitean polo seu territorio e o defenden desde tempos ancestrais. Imaxinariamente queremos tomar alguna das dúas naves dos estanques: unha de pesca no superior, recreativa e alusiva á divindade, por iso as súas palmípedas son brancas; a inferior, en cambio, ten un barco de guerra, con ocas e cisnes negros que significan a maldade e a turbidez, así como os ruídos do batán e do muiño que fan de transición ao abismo.

          Acabamos a nosa visita debaixo da galería, xusto ao pé do amplo vestíbulo e quedamos apampados observando o dedo índice que di. “Prosigan”. Proseguir, proseguiremos na percura de acougo físico e espiritual camiño da casa da Botica na veciña parroquia de Loimil. Casa de labranza, onde se descansa ben e se come mellor, igual que nas festas dos labradores fortes. Sentímonos acollidos e acariñados gastronomicamente, para logo na sobremesa admirar as camelias, o canabal e a carballeira.

“Parar na Casa da Botica veces mil,

ao pasar por Loimil”





          Á tardiña volvemos percurar o acubillo do Pico Sacro na contorna do Santiaguiño de San Pedro de Vilanova, bebemos da fonte e refrescamos o tema xacobeo, intentamos albiscar a representación da fortaleza e dos bois sagrados, a fonte é simétrica ou xemelga da Fonte do Carme ou da Trabanca (Padrón), na que a raíña Lupa (Athia) pide ser bautizada, ao ver que os bois se amansan coa presenza do cadaleito de Santiago Apóstolo. Da ermida foi benefactor Antonio López Ferreiro. De alí camiñamos ata a súa casa, o pazo de Galegos.

          A visita é amenizada por unha sorte de Micifú felino, magnífico anfitrión, e mentres tanto o señor Manuel, actual dono, nos vai ilustrando sobre a vida e obra do antigo dono. Para pasar a debullar todo o que é a horta, as diferentes camelias coas suas peculiaridades e cos seus nomes (Eugenia de Montijo, Ciudad de Vigo...). Polos emparrados vai citando os coidados e mimos que reciben, cal viña do señor.






          Acabamos practicando a dentrolatría (culto ás árbores) arredor da parra de cincocentos anos, doces e tintas uvas con liñaxe Cascón. Entre tanto labor: colleitado, prensado, despalillado, trasego, e embotellado da man de Paul , a boca fáisenos auga que se transforma nun transparente e fino caldo monovarietal de nobreza Albariña. “Sabe a gloria bendita”, normal estando na que foi casa dun ilustre clérigo. O acompañamente e sutil e refinado: queixos e tortillas.

          Rematamos o día volvendo á nosa calesa de Autos rico, guiandeira musical da man de Machín, Alexander Machín é un mozo cubano, que foi músico antes que conductor, tendo tocado cos Trovadores. Non desentoa nin co instrumento, nin na estrada. Mil viaxes máis con el.

          Só nos quedan palabras de agradecemento para todos os participantes, guías, cociñeira e servizo. Como bos galegos, “é de ben nacidos ser agradecidos”, así entoamos en alta voz:

“SOMOS EUSEBIO GRAZAS A DONA MODESTA”

          Vémonos no próximo capítulo ( XX Edición)



Antonio Fondo Rodríguez, servidor da causa.

(Sirva esta foto de homenaxe a Antonio, artífice de tantos encontros bos, grande coñecedor da nosa xeografía e da nosa gastronomía)