“EUSEBIO BÓTASE AO MONTE”, EDICIÓN XIX (26-outubro-2019)
Damos conta dunha nova singladura na nosa nave,
uns cuantos regos e rodeiras de carro. A sorte lévanos a poner en escena e
valor a campaña da nosa biblioteca para o curso 2019-2020, “E logo ti, de quen vés sendo?”.
Poñémonos en camino ás 9 da mañán con bo tempo
meteorolóxico e con gana de pasalo ben, ao longo da xornada imos
configurándonos como diferentes persoeiros, liñaxes, fidalgos e nobres, así
como os séquitos que os acompañaban. Para ilustrarnos e guiarnos levamos uns
cuantos autores de cabeceira: Emilia Pardo Bazán (“Los Pazos de Ulloa”),
Gonzalo Torrente Ballester (“Los Gozos y las Sombras”), Marcial Valladares
(“Maxina ou a filla espuria”) e Antonio López Ferreiro (“A tecedeira de Bonaval”).
A
temática enfíase co tema da decadencia da nobreza e fidalguía e o xurdir da
burguesía e incluso o proletariado, sería como a transición do Antigo ao Novo
Réxime. A trama é similar en todos eles: nobreza e fidalguía, loitas de poder,
fillos ilexítimos, algún froito dun estupro, chegando nalgúns casos ao
folletín.
A Ulla é esa comarca na contorna,
chamada “horta de Santiago”, esas veigas fértiles do curso medio do segundo río
máis grande de Galicia que viu nacer a Marcial Valladares (Berres-A Estrada) e
a Antonio López Ferreiro, natural de Santiago, pero residente moitos anos no
Pazo de Galegos en Vilanova-Vedra.
O noso deambular será entre a veiga do
Ulla e a aba do Pico Sacro, connotacións xacobeas e referencias
histórico-literarias.
A nosa primeira incursión lévanos ao
Pazo de Quian, actual Escola de Capacitación Agraria de Sergude (Boqueixón),
baixo o padroado e a protección do santo máis “verdadeiro”, San Verísimo (San
Breixo). A explotación aproxímase ao cento de hectáreas onde teñen cabida unha
serie de organismos e entes vencellados ás denominacións de orixe, ao cabalo
galego, así como aulario e docencia de diferentes ciclos de agricultura e
gandería. Paseamos con calma descubrindo un mundo novo: prados, árbores,
cabalos (chámanos a atención un chamado Paco I), vacas, porcos e un auténtico
macho de cabra, se me permitides o circunloquio.
Volvemos ao autobús deténdonos na
Picotiña (pretéritas connotacións da invasión francesa) a tomar un excelso
cafeíño de pota. Atravesamos con ansias o Ulla na moderna Ponte Ulla,
recordando a lenda da formación do río e facendo alusión a ese fermoso recanto
chamado Gundián (santuario mariano de referencia na comarca, sorte de foz no
curso fluvial, territorio coruñés na outra banda do río, na pontevedresa, froito
dos dereitos de paso de barca).
Por fin arribamos á estradense Oca,
alí admiramos as comodidades da xente ben da época, sentimos o peso e o pouso
de case seis séculos de historia, así como a evolución dunha fortaleza a un
pazo de connotacións recreativas e románticas. Percorremos as suas estancias,
salóns, habitacións, capela-igrexa. Lembramos o dereito de presentación, igual
que nos Pazos de Ulloa, admiramos a sua fábrica, volvémonos románticos e
espirituais nos seus xardíns, laberintos, lavadoiro, muiños, paseos, canles,
árbores do máis variado e das más diversas procedencias, luxo só ao alcance de
moi poucos e escollidos.
(A
ampliación do pazo por Fernando Gayoso Arias Ozores, VII Conde de Amarante,
Señor de Oca e IV marqués de san Miguel das Penas, lévase a cabo nas décadas de
1740-50. Este señor de Oca foi o que deixou gravado nun sillar Prosiga. 1746 para
que fosen os seus herdeiros e sucesores os que continuasen a ampliación a
partir de alí.)
Calmamos os ánimos nun cerimonioso
paseo ulindo tilos e intentando non pisar o azafrán, prolongación perfecta do
xardín cara extramuros e ben comunicado, o enreixado deixa ver nitidamente a
carballeira, sendo tamén un elemento que lle confire harmonía e grandiosidade.
Sentímonos increpados polas ocas, OCAS en maiúscula que preitean polo seu
territorio e o defenden desde tempos ancestrais. Imaxinariamente queremos tomar
alguna das dúas naves dos estanques: unha de pesca no superior, recreativa e
alusiva á divindade, por iso as súas palmípedas son brancas; a inferior, en
cambio, ten un barco de guerra, con ocas e cisnes negros que significan a
maldade e a turbidez, así como os ruídos do batán e do muiño que fan de
transición ao abismo.
Acabamos a nosa visita debaixo da
galería, xusto ao pé do amplo vestíbulo e quedamos apampados observando o dedo
índice que di. “Prosigan”. Proseguir, proseguiremos na percura de acougo físico
e espiritual camiño da casa da Botica na veciña parroquia de Loimil. Casa de
labranza, onde se descansa ben e se come mellor, igual que nas festas dos
labradores fortes. Sentímonos acollidos e acariñados gastronomicamente, para
logo na sobremesa admirar as camelias, o canabal e a carballeira.
“Parar
na Casa da Botica veces mil,
ao
pasar por Loimil”
Á tardiña volvemos percurar o acubillo
do Pico Sacro na contorna do Santiaguiño de San Pedro de Vilanova, bebemos da
fonte e refrescamos o tema xacobeo, intentamos albiscar a representación da
fortaleza e dos bois sagrados, a fonte é simétrica ou xemelga da Fonte do Carme
ou da Trabanca (Padrón), na que a raíña Lupa (Athia) pide ser bautizada, ao ver
que os bois se amansan coa presenza do cadaleito de Santiago Apóstolo. Da
ermida foi benefactor Antonio López Ferreiro. De alí camiñamos ata a súa casa,
o pazo de Galegos.
A visita é amenizada por unha sorte de
Micifú felino, magnífico anfitrión, e mentres tanto o señor Manuel, actual dono,
nos vai ilustrando sobre a vida e obra do antigo dono. Para pasar a debullar
todo o que é a horta, as diferentes camelias coas suas peculiaridades e cos
seus nomes (Eugenia de Montijo, Ciudad de Vigo...). Polos emparrados vai
citando os coidados e mimos que reciben, cal viña do señor.
Acabamos practicando a dentrolatría
(culto ás árbores) arredor da parra de cincocentos anos, doces e tintas uvas
con liñaxe Cascón. Entre tanto labor: colleitado, prensado, despalillado,
trasego, e embotellado da man de Paul , a boca fáisenos auga que se transforma
nun transparente e fino caldo monovarietal de nobreza Albariña. “Sabe a gloria
bendita”, normal estando na que foi casa dun ilustre clérigo. O acompañamente e
sutil e refinado: queixos e tortillas.
Rematamos o día volvendo á nosa calesa
de Autos rico, guiandeira musical da man de Machín, Alexander Machín é un mozo
cubano, que foi músico antes que conductor, tendo tocado cos Trovadores. Non
desentoa nin co instrumento, nin na estrada. Mil viaxes máis con el.
Só nos quedan palabras de
agradecemento para todos os participantes, guías, cociñeira e servizo. Como bos
galegos, “é de ben nacidos ser agradecidos”, así entoamos en alta voz:
“SOMOS
EUSEBIO GRAZAS A DONA MODESTA”
Vémonos no próximo capítulo ( XX
Edición)
Antonio
Fondo Rodríguez, servidor da causa.
(Sirva esta foto de homenaxe a Antonio, artífice de tantos encontros bos, grande coñecedor da nosa xeografía e da nosa gastronomía)
Ningún comentario:
Publicar un comentario