xoves, 28 de novembro de 2019

A NOSA CASA


A NOSA CASA




O grupo de "iguais na diversidade" condena todo tipo de violencias machistas e para conmemorar o Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres, fixéronse siluetas representativas das mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas, un photocall con lemas feministas, un taboleiro con carteis e caligramas, unha mesa para o reparto de información e pulseiras con lemas, unha estrutura á entrada do IES onde poñer a nosa pegada contra o machismo, e ata dous alumnos de 1ºA fixeron un RAP reivindicando os dereitos das mulleres.
(https://www.youtube.com/watch?v=WMAm8GaQx3Y&feature=youtu.be).

Queda patente que o alumnado do Eusebio da Guarda está involucrado e concienciado na igualdade de homes e mulleres, fortalecendo deste xeito ao Eusebio da Guarda como Espazo libre de violencias sobre as mulleres.

FOTOS DO LUNS 25 DE NOVEMBRO










CUESTIÓNS PARA DEBATE


O tema da violencia contra a muller non é, por desgraza, de hoxe. Vén de vello. E inda non sendo os únicos casos de mortes digamos “evitables”, son sempre casos merecentes do noso interese. Nunca sobra a reflexión sobre o tema. Imos centrarnos un minutiño na literatura. Vexamos tres casos para o debate.



1º. Que vos axude a vosa profe ou o voso profe de literatura a localizar o relato “Las medias rojas” da coruñesa Emilia Pardo Bazán. Aí é o pai dela quen lle desfai e desfigura o rostro á filla por gastar os cartos, bastante escasos, nunhas medias… O mal que lle fai supera con moito o valor das medias… Lede ben o conto e debatede esta cuestión: sendo un pai o que maltrata a filla (cun fillo feito e dereiro dubido eu moito que se atrevera…), considerades que temos igualmente violencia de xénero?



2º. Hai un coñecido relato de Óscar Wilde, titulado The Canterville's Ghost ‘O fantasma de Canterville’. Aí o protagonista é o propio fantasma, Lord ou Sir Simon (xa non recordo ben o tratamento), quen matara coas propias mans a esposa, Leonor, por ser fea e por ser pésima cociñeira. Lede o relato e debatede se é merecente dese protagonismo, se verdadeiramente purgou ou non o seu grave pecado. Xustificariádelo vós como fixo Virxinia, ou?





3º. Agora ímosvos poñer un libro máis actual, da autoría dunha muller que faleceu recentemente, en agosto, e da que proximamente falaremos neste blog. A autora chámase Toni Morrison e o libro é The song of Salomon ‘A canción de Salomón’. Nesa espléndida novela, Macon Dead érguese da mesa e por un simple comentario algo impertinente da muller, Ruth, dálle un golpe que a fai caer da mesa e tira con ela por terra. Daquela, nun chimpo de furia, érguese o fillo, Milkman, que está na flor da vida, agarra polo pescozo sen miramentos o pai, empúrrao contra a parede e ameázao: “Se volves poñer a man enriba da miña nai, mátote”. Non estaría mal que localizásedes e lésedes esta secuencia (está nun dos catro primeiros capítulos). En calquera caso, a cuestión que vos formulo é esta: está ben ou está mal a reacción do fillo contra o pai? E vós, que fariades vós?









::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

(Nota: o noso agradecemento ao alumnado e ao profesorado que participou; mención especial merécennos Dulce, que foi a profesora que nos pasou as fotos, e Noemí, que foi a que soubo motivar os autores do Rap)

Ningún comentario:

Publicar un comentario