venres, 24 de novembro de 2017

BUSCANDO PALABRAS



BUSCANDO PALABRAS:  O DAS ZAPATILLAS

(Gravado anónimo renacentista de Xesús tentado polo demo: fixémonos no calzado deste. Foto tomada de Internet)


O mes pasado, como xa vos dixen, estivemos en Lugo nunhas Xornadas de Literatura de Tradición Oral. Alí falamos de varias frases  que gardan certos valores míticos ou folclóricos. De todas as que tratamos hoxe quero someter á vosa consideración unha en particular: O das zapatillas, referido ao demo. Copio literalmente o que dixemos en Lugo sobre esa unidade fraseolóxca:

 (Gravado de Hendrik Goltzius, 1595. O demo aparece con patas de cabra. Foto tomada de Internet)

 “E hai tamén casos enigmáticos, como a UF O das zapatillas, referida ao demo. Emilio Montero (1981:112), estudoso dos eufemismos galegos, recoñece non ter explicación para esa frase. A nós ocórrensenos dúas posibilidades: unha, necesita as zapatillas para tapar os seus pés deformes (é frecuente que apareza mentado como o patexo, o patanexo, con pés deformes –ou coxo, maltreito de perna e pé, tras a forte caída–, en forma de pata de galo ou de cabra); dúas, quizais haxa aí unha reminiscencia do vello deus Lug[1]. Sabemos pola famosa inscrición de Uxama Argaela[2] que era patrón dos zapateiros. No Mabinogion é chamado “un dos tres zapateiros dourados”, e tamén “zapateiro divino”. El mesmo aparece na tradición galesa serodia desempeñando o oficio de zapateiro. As zapatillas, no canto de zapatos, sería un indicador máis da degradación que sofren os vellos deuses ao seren demonizados”.


 (Ara votiva dedicada a Lug atopada na provincia de Lugo)

 (Zapatos dun príncipe celta recubertos de pan de ouro, atopados entre o enxoval da tumba do príncipe Hochdorf, século VI a. C. Foto tomada de Internet)

Non é a única frase que nos fai pensar en Lug, hai outra: Sete oficios tiña Adán e ningún lle daba pan, pero esta vai quedar pra outro día. O realmente interesante da das zapatillas inda está por vir. Veredes o que pasou: cando rematou a nosa intervención achegáronse varias persoas a facernos unha serie de comentarios amables e curiosos. E entre esas persoas dirixiuse a nós unha señora de mediana idade, encantadora, cuxo nome –lamentablemente- non sei agora mesmo onde o apuntei (iso pasa por ter tantas libretiñas e tantos bolsos, paciencia). E díxome isto: “Eu exercín o maxisterio en moitos lugares de Galicia, e xa non sei dicirche onde foi exactamente que me falaron así, pero recordo perfectamente que había un lugar onde se dicía Vai con xeito, que anda o demo en zapatillas”. Eu quixen insistir para ver se lograba relembrar onde oíra esa estupenda frase con valor proverbial pero só soubo dicirme que moi probablemente era un lugar da provincia de Lugo. Quizais haxa que falar da área lucus-auriense para localizar esta unidade fraseolóxica: Emilio Montero documentara O das zapatillas no ourensán Vicente Risco. Valorei altamente a información da fermosa muller de Lugo (pois luguesa era). Díxome de inmediato Luís: “Velaí tes, Charo, a orixe da frase nominal, nesa especie de refrán”. Que o demo ande en zapatillas é forma metafórica de expresar que o demo é sutil e ladino, que manexa os fíos e tende as súas trampas en modo silencioso, para que non nos percatemos e nos poñamos en garda. Non digo máis. Cal é a orixinal e cal é derivada só Deus o sabe, pero é, efectivamente, moi verosímil que o refrán sexa anterior á frase que Risco nos transmitra.



 (Escena do caldeiro de Gundestrup. Posible representación do deus Lug, á esquerda do deus pai Dagda, tocando a roda -símbolo solar indeeuropeo- a modo de arpa. Foto tomada de Internet)


:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

As referencias bibliográficas:

Brañas Abad, R. (2007): “Entre mitos, Ritos y santuarios. Los dioses galaico-lusitanos”, en F. J. González García (coord.):   Los pueblos de la Galicia céltica. Madrid: Akal, 377-445.]

Montero, Emilio (1981): “El eufemismo en Galicia”, Verba, anexo 17. Universidade de Santiago de Compostela.









[1]O teónimo Lug parece que é o epónimo de Lugo, o asturiano Lugones e un par de ducias de topónimos máis en Europa; hai aras votivas dedicadas polos luggoni en Asturias.En Galicia acháronse, ata o momento, cinco aras dedicadas a este deus, as cinco na actual provincia de Lugo (Brañas 2007:  402).



[2]Lugovibus / sacrum / L(ucius) L(icinius) Urci/co colle/gio sutoru/m d(onum) d(at) (en Hispania Epigraphica: http://eda-bea.es/pub/list.php?refpage=%2Fpub%2Fsearch_select.php&quicksearch=uxama [data de consulta: 14/10/2017].

venres, 17 de novembro de 2017

VISITANTANDO



VISITANDO

 (Manuel Antonio. Foto tomada de Internet)

(O noso conferenciante, Xosé L. Axeitos. Foto tomada de Internet)

 (Fotografía do público asistente, tomada pola profesora Beni Vidal)

 (O conferenciante acompañado do profesor Xulio Cuba. Foto tomada por Beni Vidal)

(Rianxo a principios do século XX)


Visita a nosa casa o señor Xosé Luís Axeitos, académico da Real Academia Galega e bo coñecedor da obra e da vida de Manuel Antonio. Organiza o acto o profesor Xulio Cuba Orosa, en colaboración co Departamento de Lingua Galega e Literatura do Instituto, cuxa xefa, a profesora Benigna Vidal Tomé, foi parte activa na organización desta visita. É na mañá do mércores 15 de novembro, loce –diría lamentablemente mais non quixera escurecer este discursiño- o sol e o salón de actos –Paraninfo usando a palabra fermosa con que designara outro Xosé Luís a estancia- está cheíño de alumnado e profesorado. Antes de entrar, saudamos o conferenciante e relembramos os tres –Axeitos, Cuba e unha servidora- escenas gravadas para sempre na memoria daquela mítica viaxe á Galicia Bracarense (o Portugal de Torga, de Eça..) haberá xa ben unha ducia de anos. Sobre todo brilláronnos os ollos de ledicia cando rememoramos aquel pantagruélico cocido na casa de recreo do Eça, mentres un grupo de teatro con vestimentas de época lía as páxinas literarias onde se describía punto por punto un xantar semellante ao que nos estaban servindo... E aqueloutra escena vivida na horta da casa do Miguel Torga, co chan estrado de noces grandísimas. Que boas estaban... E dixo o Xulio Cuba: En comuñón. Si, así era: comiamos as noces coma quen comunga co espírito do grande iberista. E recordas aquela doutoresa da Universidade de... [aquí hai un lapso mnemotécnico, talvez da Universidade do Alto Minho]? Volveu falar Xulio, imitando a voz docta feminina cando, tras abandonar a casa de Torga, subimos novamente ao autobús e se dispuña a ilustrarnos sobre temas literarios e culturais: “Se vocés dubidar ao comezo desta exposición entre min e a paisaxe, non dubiden: opten pola paisaxe!” Inesquecible experiencia aquela, na que sentaramos á mesma mesa Carmela, Uxía, Lisardo, Xulio, Xosé Luís e unha servidora, entre outras moitas persoas.

 (A casa onde naceu o poeta, Rianxo. Foto tomada de Internet)


A presentación corre a cargo da Directora do Instituto, Dª Isabel Ruso de Lago, quen fora colega de Axeitos cando ambos os dous exercían a docencia na Universidade Laboral en Acea de Ama, no Burgo, Culleredo:

“Xosé Luís Axeitos Agrelo, escritor, académico da Real Academia Galega, vénnos presentar hoxe a súa última publicación, a biografía dunha personalidade fundamental da literatura galega, da nosa cultura e do noso mar: a biografía do poeta rianxeiro Manuel Antonio, titulada Manuel Antonio, unha vida en rebeldía, que vén de saír da imprenta neste verán de 2017. É unha honra para o noso instituto termos hoxe entre nós o biógrafo e estudoso principal do poeta do mar, das personalidades rianxeiras tamén de Castelao e Rafael Dieste, dos exiliados (con Luís Seoane á cabeza). Axeitos Agrelo é tamén destacadísimo investigador do libro, da edición de libros, como obxectos que gardan o mellor de nós no papel, nas tipografías, nos autores e nos lectores. Moitas grazas pola súa presenza no Instituto Eusebio da Guarda”. 

 (Leliño coa nai. Foto tomada de Internet)

 (O poeta cos amigos, mortos na flor da vida. Séxalles a terra leve! Foto tomada de Internet)


Logo diríxese ao auditorio o prof. Cuba. En síntese, actualizou para nós a Rúa de Abaixo de Rianxo, onde viviron M. Antonio, Dieste e Castelao; trazou unha razón de semellanza que une Rianxo a Mondoñedo (a indisoluble solidariedade literario-semántica entre Cunqueiro/Mondoñedo é igual á que une Castelao-M.Antonio-Dieste/Rianxo) e puxo en valor o labor infatigable do noso visitante: como investigador, como crítico literario, como dinamizador da Casa-Museo manuelantoniana en Rianxo, como arquiveiro, bibliotecario e secretario da RAG, como estudoso do traballo editorial de Seoane en América, como estudoso do tempo das Irmandades [Era un tempo de entusiasmo, dixera Dieste desa época...]; relembrou que Axeitos foi alumno do ínclito e por nós admirado J. Luis Pensado Tomé, da man de quen Axeitos Agrelo investigou tamén o século XVIII, e recordou Xulio Cuba o importante traballo que Axeitos fixo na Academia, baixo a presidencia de Méndez Ferrín, un labor que ía máis alá das catro paredes do edificio na rúa Tabernas: celebración do centenario da RAG, exposición sobre o libro galego... En palabras de Cuba cómpre revalorizar a figura de Axeitos como un auténtico “Comisario”, comisario de exposicións, un labor do que se puido beneficiar a cidade da Coruña, que degustou os froitos do seu traballo.


A continuación foi Axeitos o que se dirixiu a nós. O eixe da súa intervención foi unha serie de 59 fotografías, pertencentes a un familiar de Manuel Antonio, Pepe Pérez, fotógrafo afeccionado. As fotos foron tomadas entre 1910 e 1936. Nun primeiro capítulo as fotos versaban sobre a vila de Rianxo. Vila mítica para o noso poeta, malia marchar sendo moi pequeno a Iria (para distancialo da enfermidade, tuberculose, do pai, mándano aló a vivir coa avoa). Rianxo era para el a metáfora do país, de Galicia. Era a vila máis illada de toda a ría de Arousa. Había daquela moita pobreza, mais tamén gana de vivir e de celebrar as festas cando se podía: contaba Axeitos a anécdota dos mundos que ían comprar a Vilagarcía. Eran globos de papel de cores, papel que voa, efémero, boa metáfora da vila, que malia a pobreza, era capaz de facer despertar a solidariedade entre todos, incluídas as familias máis podentes (as que trouxeron algo da emigración). Nunha das fotos nun recanto vese un toneleiro ou seleiro, oficio desaparecido. Noutra foto vemos o porto, A Rabaleira, cunha rampla para descargar a mercadoría. Nesoutra, a taberna da Furela. Vén outra foto en día de festa: o día do Desencravo (venres santo). Vemos a praza da igrexa, e Axeitos di que é o ano 1900, ano en que nace o poeta e mais se plantaran eses pradairos... ao fondo a ermida da Virxe de Guadalupe, e a roupa a clareo... Hai unha foto bonita: homes na taberna dos Pérez que amosan xornais en algo. Están lendo a noticia do afundimento do Titánic, ano 1912.

Noutro capítulo aparecen agrupadas as fotos da familia. Fala Axeitos da extrema relixiosidade da nai: obrigan o neno a vestir o hábito de san Antonio por anos, cumprindo un voto a prol da curación do pai. Nunha foto aparecen o irmán e mais o curmán da nai, os dous curas: querían que Leliño (nome hipocorístico de Manuel Antonio cando era pequeno) estudara para cura. Pero el rebélase: en carta datada entre o ano 11-12 escríbelle á nai: mamá, eu non quero ser cura. Noutra foto vemos ao poeta con dous amigos íntimos, os Losada Castelao, que foran logo asasinados en marzo do 37 no Bou Eva en Vigo, primeiro estiveran agachados na casa de Illa Couto e posteriormente delatados. Están os tres na herba, foto bonita de xuventude. Pasa ante os nosos ollos a foto paradigmática, a típica, de Manuel Antonio, abaixo, a estrela nacionalista de cinco puntas. Logo admiramos a presenza doutro triunvirato poderoso: González Mato, Pérez Sánchez e Rodríguez Cebral. Eles son os tres amigos que selan, asinan con sangue o compromiso galeguista. Comprométense a falar sempre galego sen medo e libremente, alí onde non estaba ben visto que se falase. E para conmemorar o acceso á cultura propia vístense con solemnidade e traxados pousan na Alameda de Santiago. É unha foto única.

 (Tertulia en Rianxo a principios de século XX. A foto está tomada por Charo Soto das proxectadas polo conferenciante no salón de actos)




Non hai que vos cansar. Ata aquí chegamos. Axeitos é un pozo de sabedoría e leva no peto un montón de intrahistorias manuelantonianas. Un pracer oílo. Ao final do público saíron un par de preguntas interesantes e o conferenciante deu probas novamente do profundo coñecemento do tema. Ilustrou maxistralmente o carácter xusticeiro, o amor á igualdade, o afán de nunca sentirse superior aos outros seres humanos, do noso poeta. Foi un rupturista: no literario e no social. O conferenciante soubo despregar un complexo mundo de pequenos xestos: xestos dun home íntegro, nacionalista convencido, sincero, humilde entre a xente do pobo, valente e destemido ante os poderosos que poñían atrancos á recuperación histórica de nós. Manuel Antonio,  nome artístico que adopta non antes de 1922. Mágoa de vida tan breve...

Xosé Luís Axeitos, entre outras ideas, quixo tamén transmitirlle esta aos rapaces, e con isto concluímos por hoxe: Temos que acostumarnos a ver as fotos como auténticos documentos reveladores, que falan, que gardan dentro moitísima información. Agradecemos, por fin, que honrase o Instituto coa súa visita.

 (O pailebote de tres paus "Constantino Candeira", feito en Camposancos, de onde era o armador. Levaba madeira de Galicia ao Levante. Dixo Axeitos que é o "sancta sanctórum": aí escribiu o poeta De catro a catro e dixo que se se conservase habería que poñelo nun museo, nun lugar sinalado do país)


 (O Xelria, o paquebote holandés no que tamén navegara Manuel Antonio. Facía o que daquela se chamaban "viaxes redondas" entre Europa e Bos Aires. Esta e a anterior están tomadas de Internet. Do Xelría, na forma holandesa correspondente, tomou o nome o grupo Gelria, do que xa falamos varias veces neste blog)

xoves, 9 de novembro de 2017

VISITANDO TERRA DE OSCOS





EXPEDICIÓNS CIENTÍFICAS DO EUSEBIO: “Terras de Burón e dos Oscos” (28/Outubro/2017)

         O profesorado do noso centro vén desenvolvendo nos últimos anos saídas culturais co fin de aprender e reflexar nas nosas aulas o aprendido, promocionando valores como a amizade e a admiración do noso amplo patrimonio. É un programa non escrito que podería denominarse: “O Eusebio bótase ao monte”, que conecta co proxecto da Biblioteca “Grandes viaxes e expedicións científicas”
         Amañece o autobús as 8 da mañá no lugar acordado, despois de ir recollendo aos diferentes membros da expedición, váisenos abrindo o día, abrimos o rego ata pasar o Alto da Fontaneira en Terras de Baleira. 

 (Teixo centenario na néboa. Paradavella. Todas as fotos, agás a do pupitre e mais a da seimeira, foron feitas por Charo Soto)

Achegámonos a Paradavella (A Fonsagrada), Obdulia e familia acarantóñannos no seu cubil cun encantamento ou parva, a saber (café con leite, zume… e viandas con de denominación de orixe, chourizo afumado, empanada de liscos, lacón, bizcochón…). Só con velos fartase un. A fama que teñen é moi merecida por toda a fame que levan mitigando ao longo de décadas.
De novo encaramos o Camiño Primitivo de revés, vamos saboreando expectantes as distintas voltas e reviravoltas da estrada do ano (60 km, 365 curvas), “colle fama e bótate a durmir”), cada recodo presenta una nova panorámica, planeamos sobre un mar de nubes, a nosa nave é un luxo nas mans dun “Capitán” con rango de Xeneral, horas e horas chupando roda, un auténtico profesional.
¿Por onde imos?, ¿estamos en Galicia ou en Asturias?, xa levamos as necesidades básicas cubertas e podemos falar do existencialismo. Intentamos saciar  a nosa curiosidade o intelecto. Por veces alcanzamos os 1000 m de altitude, a atmosfera limpa permítenos referencias históricas, xeográficas, elementos diferencias que sobresaen dunha contorna coidada a pesares do ampla que é.
Facemos entrada no triángulo dos Oscos (San Martiño, Vilanova e Santaia), o noso tránsito é sosegado, remansado nunha especie de nebulosa.

 (Desde o hórreo. Santa Eufemia)

Ao fin chegamos a Santa Eufemia, agárdanos unha sorpresa moi agradable, Elena nunha Troia moi particular, guía-continuadora da tradición, didáctica da vida. A súa fala nai soa como unha torrenteira e empápanos cal fonte que discorre por prados e veigas, notas musicais acompasadas de moendas, mallas, e coceduras de pan, “meu Deus, que pan”, “viva a Nai que o pareu”, esmero e coidado, exquisito manxar a base da Masa Nai, adobiado por un sentimento relixioso de agradecemento pola obra do Creador.
O culmen da descuberta farémolo en Santa María de Vilanova, igrexa parroquial, monacal-conventual, onde os santos se identifican cos parroquianos, unha boa praxes. Tamén tomamos conciencia das dificultades para preservar o patrimonio, esa parte tan importante de nós e da nosa identidade.

 (Verruga ou lobado dun carballo, especie de excrecencia, usada como arca. Casa onde naceu o Marqués de Sargadelos. Se algún de vós coñece outra palabra para designar esta verruga, que non deixe de comunicárnolo, por favor)

Encamiñámonos cara Santaia para coñecer o berce do Marqués de Sargadelos, sáenos ao encontro Aritz (“carballo” en euskera), “o pequeno marquesiño” expoñendo os seus dotes para a mercadotecnia, namentres Iker, seu pai fai de espléndido anfitrión e vai debullando unha a unha as diferentes estancias da casa así como a industrialización e o capitalismo personificados no Marqués e nas xentes da contorna. A casa é acolledora, non lle falta de nada, ten lavadoiro e lavadora “mecánica” (un tronco oco no que se facía a vella coada con cinza). Sentímonos partícipes do museo e da súa historia 200 anos despois do finamento do seu dono. 

 (Este é un 'tambor' usado noutrora para asar as castañas. Na casa dos nosos bisavós valdeorreses o que había era un cacho, máis pequeno)

Temos moitos apuntamentos para aprender, falamos do ferro e do caolín de camiño ao Mazonovo, alí agárdanos Víctor, un malacitano empadroado no lugar que forma parte do equipo de Fritz (ferreiro tirolés que veu facer un curso de navallas e chegou para deseñarlle un novo destino a ferrería, “Deus llo pague”). Víctor é a cara amable dun mineral malo de domear, e agria limonita. Vai percorrendo a tipoloxía do traballo do ferro así como a xenealoxía dos actores, lembra o papel das estirpes vascas (Lombardero, Lombardía, Legazpi ou Legaspi), e do ben acollido e italiano Venturi (barquín mellorado e elevado a máxima potencia ao servicio da dura tarefa), ferróns, forxas, carboeiros, talleres, réxime de explotación. O lume, máximo expoñente da civilización desde a súa casual descuberta, admiramos a súa atracción e a súa relación de amor-odio coa auga.

 (A seimeira de Vilagocende, preto da Fonsagrada. A nosa irmá agasallounos hai tempo cunha lenda marabillosa aquí localizada; trátase dunha versión completísima dun arquetipo complexo e repetido en toda Galicia. Xa tratamos no blog ese tema. Ide ao buscador e escribide 'seimeira' se queredes relembrar o conto. Foto tomada de Internet. Lamentablemente o día da excursión había xa moi pouca luz e moi pouca auga. A atmosfera era igualmente, esa é canto menos a miña opinión, de misterio primixenio)

Falando da auga, estamos a medio cento de metros do Mesón L´Augua, de cuxa presencia nos decatamos polo arrecendo das viandas e o traqueteo de potas e tixolas nun “Bosque Animado”, animado por Joaquín e familia. Servicio bo, acollida inmellorable e un marco digno do mellor dos pintores románticos. Para continuar con oso particular bucolismo catamos viños de denominación de orixe de Negueira de Muñiz, no curso do Navia. O branco lexítimo e o Mencía son apreciados polos nosos padais. A continuación pasarela de sabores, destacando as verdinas (fabas recollidas en verde), carne (déixase querer, fáisenos a boca auga só con probala), proseguimos con outras viandas e unha sobremesa como en día de festa.
Mazonovo é un recanto fai nada case despoboado, e nestes momentos conta con 14 habitantes. Personifica o esforzo de moita xente que busca modos de vida alternativos, praceres desestresantes baseados na sinxeleza da natureza e dunha explotación racional dos seus recursos.
Á tardiña tomamos dirección a Fonsagrada, o “Dúo Dinámico” vai amenizando a viaxe e implorándolle ao deus da choiva que se faga presente, rememoran hits pretéritos e imitan sobrados de potencia ao gran Dr. Félix Rodríguez de la Fuente,  ralentizamos o noso discorrer cara a seimeira de Vilagocende, a pobre está quedando nos ósos, a estrica dieta hipoacuosa da nai natureza é a culpable. Vémola cal delicadas crinas que modelan o rochedo hipnotizados polo son cadencial das súas augas. As nosas fazulas refrescan as nocións e os conceptos en proceso de aprendizaxe desta expedición.
Agradecemos e avaliamos as vosas competencias  nos ámbitos da participación, da paciencia, do traballo en grupo e as boas caras e o saber estar. Agardamos a formalización da vosa Matrícula para vindeiras incursións eusebianas ao longo da nosa xeografía.

Con todo agarimo: Antonio Fondo

 (Foto para enmarcar: os vosos profes vólvense alumnos. Son Carmen Aquino e Antonio Fondo, a quen lle agradecemos que tomase hoxe a pluma. A foto foi feita por Pedro Rodríguez)