VISITANDO
(Manuel Antonio. Foto tomada de Internet)
(O noso conferenciante, Xosé L. Axeitos. Foto tomada de Internet)
(Fotografía do público asistente, tomada pola profesora Beni Vidal)
(O conferenciante acompañado do profesor Xulio Cuba. Foto tomada por Beni Vidal)
(Rianxo a principios do século XX)
Visita a nosa casa
o señor Xosé Luís Axeitos, académico da Real Academia Galega e bo coñecedor da
obra e da vida de Manuel Antonio. Organiza o acto o profesor Xulio Cuba
Orosa, en colaboración co Departamento de Lingua Galega e Literatura do Instituto, cuxa xefa, a profesora Benigna Vidal Tomé, foi parte activa na organización desta visita.
É na mañá do mércores 15 de novembro, loce –diría lamentablemente mais non
quixera escurecer este discursiño- o sol e o salón de actos –Paraninfo usando a palabra fermosa con
que designara outro Xosé Luís a estancia- está cheíño de alumnado e profesorado.
Antes de entrar, saudamos o conferenciante e relembramos os tres –Axeitos, Cuba
e unha servidora- escenas gravadas para sempre na memoria daquela mítica viaxe
á Galicia Bracarense (o Portugal de Torga, de Eça..) haberá xa ben unha ducia
de anos. Sobre todo brilláronnos os ollos de ledicia cando rememoramos aquel
pantagruélico cocido na casa de recreo do Eça, mentres un grupo de teatro con
vestimentas de época lía as páxinas literarias onde se describía punto por
punto un xantar semellante ao que nos estaban servindo... E aqueloutra escena vivida na horta da casa do Miguel Torga, co chan
estrado de noces grandísimas. Que boas estaban... E dixo o Xulio Cuba: En comuñón. Si, así era: comiamos as
noces coma quen comunga co espírito do grande iberista. E recordas aquela doutoresa da Universidade de... [aquí hai un
lapso mnemotécnico, talvez da Universidade do Alto Minho]? Volveu falar Xulio,
imitando a voz docta feminina cando, tras abandonar a casa de Torga, subimos
novamente ao autobús e se dispuña a ilustrarnos sobre temas literarios e
culturais: “Se vocés dubidar ao comezo desta exposición entre min e a paisaxe,
non dubiden: opten pola paisaxe!” Inesquecible experiencia aquela, na que
sentaramos á mesma mesa Carmela, Uxía, Lisardo, Xulio, Xosé Luís e unha
servidora, entre outras moitas persoas.
(A casa onde naceu o poeta, Rianxo. Foto tomada de Internet)
A presentación
corre a cargo da Directora do Instituto, Dª Isabel Ruso de Lago, quen fora
colega de Axeitos cando ambos os dous exercían a docencia na Universidade Laboral en Acea de Ama, no Burgo, Culleredo:
“Xosé Luís Axeitos
Agrelo, escritor, académico da Real Academia Galega, vénnos presentar hoxe a
súa última publicación, a biografía dunha personalidade fundamental da
literatura galega, da nosa cultura e do noso mar: a biografía do poeta
rianxeiro Manuel Antonio, titulada Manuel
Antonio, unha vida en rebeldía, que vén de saír da imprenta neste verán de
2017. É unha honra para o noso instituto termos hoxe entre nós o biógrafo e
estudoso principal do poeta do mar, das personalidades rianxeiras tamén de
Castelao e Rafael Dieste, dos exiliados (con Luís Seoane á cabeza). Axeitos
Agrelo é tamén destacadísimo investigador do libro, da edición de libros, como
obxectos que gardan o mellor de nós no papel, nas tipografías, nos autores e
nos lectores. Moitas grazas pola súa presenza no Instituto Eusebio da Guarda”.
(Leliño coa nai. Foto tomada de Internet)
(O poeta cos amigos, mortos na flor da vida. Séxalles a terra leve! Foto tomada de Internet)
Logo diríxese ao
auditorio o prof. Cuba. En síntese, actualizou para nós a Rúa de Abaixo de
Rianxo, onde viviron M. Antonio, Dieste e Castelao; trazou unha razón de
semellanza que une Rianxo a Mondoñedo (a indisoluble solidariedade
literario-semántica entre Cunqueiro/Mondoñedo é igual á que une
Castelao-M.Antonio-Dieste/Rianxo) e puxo en valor o labor infatigable do noso
visitante: como investigador, como crítico literario, como dinamizador da
Casa-Museo manuelantoniana en Rianxo, como arquiveiro, bibliotecario e
secretario da RAG, como estudoso do traballo editorial de Seoane en América,
como estudoso do tempo das Irmandades [Era
un tempo de entusiasmo, dixera Dieste desa época...]; relembrou que Axeitos
foi alumno do ínclito e por nós admirado J. Luis Pensado Tomé, da man de quen
Axeitos Agrelo investigou tamén o século XVIII, e recordou Xulio Cuba o
importante traballo que Axeitos fixo na Academia, baixo a presidencia de Méndez
Ferrín, un labor que ía máis alá das catro paredes do edificio na rúa Tabernas:
celebración do centenario da RAG, exposición sobre o libro galego... En
palabras de Cuba cómpre revalorizar a figura de Axeitos como un auténtico
“Comisario”, comisario de exposicións, un labor do que se puido beneficiar a
cidade da Coruña, que degustou os froitos do seu traballo.
A continuación foi
Axeitos o que se dirixiu a nós. O eixe da súa intervención foi unha serie de 59
fotografías, pertencentes a un familiar de Manuel Antonio, Pepe Pérez,
fotógrafo afeccionado. As fotos foron tomadas entre 1910 e 1936. Nun primeiro
capítulo as fotos versaban sobre a vila de Rianxo. Vila mítica para o noso
poeta, malia marchar sendo moi pequeno a Iria (para distancialo da enfermidade,
tuberculose, do pai, mándano aló a vivir coa avoa). Rianxo era para el a
metáfora do país, de Galicia. Era a vila máis illada de toda a ría de Arousa.
Había daquela moita pobreza, mais tamén gana de vivir e de celebrar as festas
cando se podía: contaba Axeitos a anécdota dos mundos que ían comprar a Vilagarcía. Eran globos de papel de cores,
papel que voa, efémero, boa metáfora da vila, que malia a pobreza, era capaz de
facer despertar a solidariedade entre todos, incluídas as familias máis
podentes (as que trouxeron algo da emigración). Nunha das fotos nun recanto
vese un toneleiro ou seleiro, oficio desaparecido. Noutra foto vemos o porto, A
Rabaleira, cunha rampla para descargar a mercadoría. Nesoutra, a taberna da
Furela. Vén outra foto en día de festa: o día do Desencravo (venres santo).
Vemos a praza da igrexa, e Axeitos di que é o ano 1900, ano en que nace o poeta
e mais se plantaran eses pradairos... ao fondo a ermida da Virxe de Guadalupe,
e a roupa a clareo... Hai unha foto bonita: homes na taberna dos Pérez que
amosan xornais en algo. Están lendo a noticia do afundimento do Titánic, ano
1912.
Noutro capítulo
aparecen agrupadas as fotos da familia. Fala Axeitos da extrema relixiosidade
da nai: obrigan o neno a vestir o hábito de san Antonio por anos, cumprindo un
voto a prol da curación do pai. Nunha foto aparecen o irmán e mais o curmán da
nai, os dous curas: querían que Leliño (nome hipocorístico de Manuel Antonio
cando era pequeno) estudara para cura. Pero el rebélase: en carta datada entre
o ano 11-12 escríbelle á nai: mamá, eu
non quero ser cura. Noutra foto vemos ao poeta con dous amigos íntimos, os
Losada Castelao, que foran logo asasinados en marzo do 37 no Bou Eva en Vigo,
primeiro estiveran agachados na casa de Illa Couto e posteriormente delatados.
Están os tres na herba, foto bonita de xuventude. Pasa ante os nosos ollos a foto
paradigmática, a típica, de Manuel Antonio, abaixo, a estrela nacionalista de
cinco puntas. Logo admiramos a presenza doutro triunvirato poderoso: González
Mato, Pérez Sánchez e Rodríguez Cebral. Eles son os tres amigos que selan,
asinan con sangue o compromiso galeguista. Comprométense a falar sempre galego
sen medo e libremente, alí onde non estaba ben visto que se falase. E para
conmemorar o acceso á cultura propia vístense con solemnidade e traxados pousan
na Alameda de Santiago. É unha foto única.
(Tertulia en Rianxo a principios de século XX. A foto está tomada por Charo Soto das proxectadas polo conferenciante no salón de actos)
Non hai que vos
cansar. Ata aquí chegamos. Axeitos é un pozo de sabedoría e leva no peto un
montón de intrahistorias manuelantonianas. Un pracer oílo. Ao final do público
saíron un par de preguntas interesantes e o conferenciante deu probas novamente
do profundo coñecemento do tema. Ilustrou maxistralmente o carácter xusticeiro,
o amor á igualdade, o afán de nunca sentirse superior aos outros seres humanos,
do noso poeta. Foi un rupturista: no literario e no social. O conferenciante
soubo despregar un complexo mundo de pequenos xestos: xestos dun home íntegro,
nacionalista convencido, sincero, humilde entre a xente do pobo, valente e
destemido ante os poderosos que poñían atrancos á recuperación histórica de nós.
Manuel Antonio, nome artístico que adopta non antes de 1922.
Mágoa de vida tan breve...
Xosé Luís Axeitos,
entre outras ideas, quixo tamén transmitirlle esta aos rapaces, e con isto concluímos
por hoxe: Temos que acostumarnos a ver as fotos como auténticos documentos
reveladores, que falan, que gardan dentro moitísima información. Agradecemos,
por fin, que honrase o Instituto coa súa visita.
(O pailebote de tres paus "Constantino Candeira", feito en Camposancos, de onde era o armador. Levaba madeira de Galicia ao Levante. Dixo Axeitos que é o "sancta sanctórum": aí escribiu o poeta De catro a catro e dixo que se se conservase habería que poñelo nun museo, nun lugar sinalado do país)
(O Xelria, o paquebote holandés no que tamén navegara Manuel Antonio. Facía o que daquela se chamaban "viaxes redondas" entre Europa e Bos Aires. Esta e a anterior están tomadas de Internet. Do Xelría, na forma holandesa correspondente, tomou o nome o grupo Gelria, do que xa falamos varias veces neste blog)
Ningún comentario:
Publicar un comentario