mércores, 31 de maio de 2023

AS GRANDES DAMAS DO ENSINO

AS GRANDES DAMAS DO ENSINO

 

María Isabel Ruso de Lago

 

(Fotografía feita por Xurxo Lobato. Figura no libro editado polo Concello "ROSTROS da Coruña")

 

Hoxe queremos dalgunha maneira homenaxear unha das grandes damas do ensino que estiveron e neste caso, aínda están, no Instituto ‘Eusebio da Guarda’. Trátase de María Isabel Ruso de Lago, catedrática de Xeografía e Historia e actual directora do centro. Unha servidora formou parte durante oito anos do seu equipo directivo e chegou a poder xulgar de preto algunhas das que, sincera e honestamente, consideramos virtudes máximas de Isabel como persoa. Non digo que sexan as únicas mais xulgo que son pinceladas que poden axudar a enmarcar a súa humanidade. Mª Isabel Ruso é leal: nunca, ao longo de todos eses anos, faltou á palabra. Se alguén lle comunica unha confidencia, un segredo, unha información sensible e lle pide que quede inter nos, dígovos que dela non sae. A integridade é a segunda virtude. Unha vez un pai agradecido entrou no despacho de Dirección cun galano digamos excesivo e ela díxolle que se lle quería agradecer algo (algo, engadiu, que tería feito non só polo seu fillo senón por calquera outro estudante nunha situación ou circunstancias paralelas), abondaba cunhas flores ou talvez unha pequena caixa de bombóns. E foi absolutamente firme, cordial pero firme. Unha servidora estaba presente e dá fe. Cando aquel proxenitor se foi, Isabel díxome: Meu pai era así: cando viviamos en… e axudaba -porque podía, polo cargo…- a xente de toda condición social, había veces que lle querían dar isto e aquilo, cousas que entraban por unha porta e saían pola outra. Honramos nisto os nosos, os que nos souberon educar. Recordo perfectamente relembrar con ela neste sentido ao avó Manuel: na súa oficina da estación do tren aquí na Coruña había uns lapis alaranxados que escribían coma con tinta azulada e unha vez que lle pedín un para min contestoume moi serio que eran propiedade do Estado e que todo aquilo que era de todos eu debía comprender que era sagrado.

 

(Esta fotografía forma parte da publicación "Xeografía Humana da Coruña" de Chema Ríos)

 

Isabel Ruso de Lago ocupa a dirección do noso instituto dende o 1 de xullo de 2008. É a terceira directora (tras María Muruais Lamas e María José Martínez Girón) desta institución pública. Con anterioridade, dende o 1 de xullo de 2005, foi vicedirectora na nosa casa. O seu primeiro destino profesional fora a Universidade Laboral, onde estivera dous anos; logo pasara ao IES ‘Alfredo Brañas’ de Carballo, onde exercera a docencia durante doce anos. De Carballo á Coruña, ao IES ‘Eusebio da Guarda’: chegou mediante unha permuta provisional que se fixo definitiva o 1 de setembro de 2003.

Desde 2017 é presidenta da Asociación de Directores de Institutos de Educación Secundaria de Galicia.

Este Instituto está sempre aberto á cidade. E con Isabel Ruso iso segue sendo unha verdade. Desde que ela forma parte do equipo directivo presentáronse libros: La Coruña bajo el reinado de Fernando VII la burguesía comercial de Mª Consuelo Mariño Bobillo (2009); Picasso Azul y Blanco. A Coruña: El nacimiento de un pintor, de Elena Pardo e Rubén Ventureira (2014); O INSTITUTO DA GUARDA da Coruña 125 anos de historia, Mª Isabel Ruso e Mª Rosario Soto (coordinadoras) etc.

 

(O deseño do prato correu a cargo do  catedrático de Debuxo naquel momento, o prezado colega Raúl Trillo Docampo)

 

Tamén se rodaron programas (por exemplo, un capítulo de Ben Falado da crTVG, en 2008, en que Xesús Ferro entrevista no salón de actos a Carme López Taboada e Mª Rosario Soto, ambas as dúas profesoras do centro e coautoras dun dicionario fraseolóxico) e películas, como por exemplo, Emilia Pardo Bazán, la condesa rebelde, de Zaza Ceballos (2012). Relembra Isabel que se rodaran secuencias nas escaleiras de mármore, montaran o “Café Gijón” no salón de actos e foran utilizadas as aulas 12 e 13 como camerino para os figurantes. O filme tamén se presentou en sociedade no instituto. E rodouse unha pequena parte da miniserie Contou Rosalía de Zaza Ceballos  e guión do noso prezado compañeiro dos tempos da facultade, Raúl Veiga Rouriz (2018). Desta vez na sala de profesores se montara a dirección do xornal “O Ideal”. Tamén se gravaron na nosa casa varios spots ou anuncios publicitarios e este ano en que se cumpren 50 do falecemento do que fora alumno do centro, Pablo Picasso, estanse a gravar varios documentais sobre o malagueño: un para a Xunta de Galicia, un para uns chineses e un italiano a través do Consorcio de Turismo, dous máis para a TVE, local e nacional.

(Transformación da Sala de Profesores do Instituto; no filme "Contou Rosalía" é o despacho do director do xornal 'O Ideal').

 

 

Isabel, como máxima representante da Comunidade Educativa do noso Instituto, soubo sempre cultivar as relacións institucionais, independentemente dos cambios políticos: coa Deputación (que nos ten publicado varias revistas Alén da Chuvia [permitídeme abrir aquí unha pequena fiestriña ao mundo da imprenta da Deputación: un saúdo e os mellores desexos dunha feliz vida de xubilado para o señor Suárez, que dirixía ese mundo impresor con mestría... e outro saúdo ao señor Cobas, grande ilustrador], así como o libro dos 125 anos), coa Real Academia Galega (outra fiestra luminosa aquí, por favor: Luz Pozo sempre soubo estar nas nosas efemérides culturais, Méndez Ferrín como Presidente académico celebrando estar connosco, no que el chamaba o Paraninfo case que por excelencia coruñés...), co Goberno Municipal… En concreto, nos últimos anos, a alcaldesa da cidade, Inés Rey, recibiu o alumnado cos mellores expedientes académicos (afortunadamente sempre temos algún) e os que veñen de Verona para participar no intercambio de 1º de bacharelato. Ademais, dona Inés acaba de presidir a entrega de premios do Concurso Literario Rita Suárez Amado. De todas formas hai que dicir que tamén os gobernos anteriores foron moi xenerosos connosco. O mesmo podemos dicir da Consellería e da Deputación, polo xeral atentos coas nosas solicitudes. Co resto das institucións (Arquivo e Biblioteca municipais, Asociación da Prensa coruñesa…) a nosa relación foi sempre cordial, de colaboración.

 


 

Sendo Isabel Ruso directora logrouse para o Instituto a merecida categoría de Centro Histórico: Educación asina a adhesión do IES ‘Eusebio da Guarda’ á rede de institutos históricos do Museo Pedagóxico de Galicia o 18 de maio de 2011, sendo Conselleiro Xesús Vázquez.

 

(Foto da graduación do ano 2023)

 

E lógrase finalmente, tras varias promesas incumpridas por parte de uns e outros, a renovación física do edificio. Un cálculo aproximado do investimento total dános a cantidade de 1,5 millóns de euros. Os traballos centráronse na eficiencia enerxética: cambio á tecnoloxía led nos dous edificios, illamento térmico das fachadas (trasdosado e sistema SATE no chamado pavillón novo e saneouse o edificio antigo, substituíron o revestimento sobre os muros da pedra e limpáronse as zonas á vista), ventás novas no edificio de Riazor e nos patios interiores do edificio antigo. Amais diso, pintáronse ambos por dentro e por fóra, repuxéronse partes danadas nas cubertas e renováronse as baixantes por unhas novas de cinc.

Podiamos poñer aquí o ramo cos logros principais do alumnado durante este período mais hai suficiente información tanto na prensa como na páxina web do Instituto (incluso a través deste blog informamos de vez en cando dos éxitos con que nos alegran a vida as mulleres e os homes que estudaron no ‘Eusebio’ e hoxe brillan con luz propia no mundo). Así pois, preferimos poñer o ramo cos escritos, coas publicacións de María Isabel Ruso.

En 1986 e baixo a dirección de Xosé Ramón Barreiro, de quen Isabel foi alumna, fixo este traballo: “El movimiento Universitario en Galicia a través de la prensa gallega. 1968-1975”.

En 1988: “Estudio sobre demografía urbana en el Antiguo Régimen: La Coruña, 1600-1820”, en Ensaio histórico:  Evolución demográfica de la ciudad de La Coruña en el Antiguo Régimen: 1600-1820. La Coruña y su entorno. Seis ensayos históricos.  Ed. Colectivo de Investigación Histórica Vedia y Goosens. 1988 (este artigo formaba parte dun traballo de investigación dirixido pola relembrada Ofelia Rey Castelao).

En 2013 publica: “O instituto da Coruña”,  Eduga: revista galega do ensino, Nº. 66, 2013.

En 2016 publica: “Espazos de formación de Pablo Ruiz Picasso: O Instituto da Guarda, 1891-1895”, en O INSTITUTO DA GUARDA da Coruña 125 anos de historia. Deputación da Coruña.

En 2018 colabora na publicación da Xunta de Galicia (MUPEGA), Homo Sapiens, transmisor de coñecemento. Saberes humanos a través do patrimonio nos Institutos Históricos de Galicia.

En 2021: “Modesta Goicouría. O seu legado mantense no Eusebio da Guarda”, en Cidade das mulleres. Veciñas ilustres da Coruña, Vol. 1. Colección Noroeste, Asociación de la Prensa de La Coruña e a Fundación Wenceslao Fernández Flórez, coa  colaboración do Concello da Coruña.

Agradecemos a Isabel Ruso de Lago a súa xentileza e xenerosidade á hora de facilitarnos datos e fotografías.

 


 

 

  

 

martes, 16 de maio de 2023

GALICIA INMORRENTE

 

GALICIA INMORRENTE

DÍA DAS LETRAS GALEGAS: FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

 


 

Hoxe imos aproximarnos un pouquiño á inxente obra deste eximio lucense a través dunha das súa facetas talvez menos coñecida. A de colaborador da radio. Nós -a xente da miña xeración- somos fillos dunha época en que a radio tiña unha importancia capital. Cando nacimos non había televisión e en boa medida a radio ocupaba ese lugar. Unha servidora lembra perfectamente varios episodios da vida familiar nos Castros, mamá escoitando a radio mentres fai os labores da casa, o “parte” puntual a mediodía coa súa sintonía inicial característica, os seriais radiofónicos despois de comer (inda podo nomear actrices e actores: Juana Ginzo, Pedro Pablo Ayuso…), as cancións dedicadas como regalo de cumpreanos ou de primeira comuñón… Ao meu pai, en particular, gustáballe moito un programa radiofónico que se titulaba Ustedes son formidables, en parte “culpable” de que nos afeccionásemos á música dos grandes europeos do XIX.

(Francisco Fdez. del Riego coa súa esposa, Evelina Hervella Nieto, valdeorresa)

 

Era a longa noite de pedra. E aínda que a nós, os nacidos preto de 1960, xa nos colleu a parte final, si que nos criamos co índice na boca, “cala, que iso non se pode dicir”, “chiss, fala baixo, que te poden oír”, e as típicas consignas de “non te metas en líos”, “ten moito coidadiño” etc. Digo isto porque moitos de vós, e moitos dos que fostes alumnos meus, non tedes xa idea do que foi ou é vivir nun réxime autoritario e de silencio. E hai que saber. Para sermos libres e decidir libremente hai que saber de onde vimos e onde queremos ir ou onde non queremos volver.

O libro no que me vou basear titúlase Galicia desde Londres, está ilustrado con debuxos do artista arousán, xa falecido, Xosé Conde Corbal. A edición corre a cargo do que fora profesor da UDC, Antonio Raúl de Toro Santos, a quen Francisco lle cede do seu material amorosamente gardado. En concreto, Fernández del Riego elabora a introdución do libro e logo é o autor dunha serie de intervencións. A saber:

1.     O celtismo na poesía de Eduardo Pondal (21/1/48, duración: 8’25’’).

2.     En lembranza de don Manuel Murguía (13/3/48, 10’57’’).

3.     García Lorca, poeta en galego (15/5/48, 10’40’’).

4.     Dúas xeneracións ao servicio de Galicia (25/9/48, 8’53’’).

5.     Un poeta do mar (28/4/50, 7’40’’).

6.     Tres símbolos do XIX galego (28/9/50, 9’50’’).

7.     Castelao (21/1/53, 7’20’’).

8.     Xeneracións galegas (13/8/53, 11’20’’).

9.     O galeguismo de Valle Inclán (29/5/54; non indica tempo: pp. 449-452)

10.  O país de Valdeorras (19/3/55)

11.  Lembranza de R. Fitz-Gerald Bell (18/4/55, 7’25’’)

12.  Literatura universal na lingua galega (21/4/55, 7’30’’).

 

 

(Retrato feito por M. Colmeiro de Evelina Hervella)

A emisora é a BBC e o noso escritor usa o pen name ou pseudónimo literario Salvador Lorenzana. Escolle este sobrenome para honrar o lugar onde naceu. Non é o único que usou en vida. Tamén asinaba como: Cosme Barreiros, Alevín, Adrián Solovio, Ronsel ou Adrián Soutelo.

 

(Retrato feito por Xulia Minguillón en 1951 de Francisco Fdez. del Riego)

 

Fernández del Riego preséntase ante nós coma un home ben informado. Desde cedo intégrase no galeguismo e dedícase ao estudo dos precursores en sentido amplo. E, desde o noso punto de vista, sabe centrar puntos neurálxicos do ser literario, político-cultural, esencial de Galicia. Tomemos como exemplo a súa análise de Pondal: céntrase no celtismo e fixémonos que estamos no ano 1948. Aínda non publica a súa clásica historia da literatura Carballo Calero, aínda non naceu Manuel Ferreiro (outro clásico xa na literatura pondaliana). Pero claro, antes ca el nacera, pensara e rescatara (ou puxera ao día, porque celtismo e ossianismo é unha vaga arrebatadora  que enchoupa xa desde o XVIII Europa de oeste a leste con ímpetu non exento de afán libertario, romántico si e incluso místico) o celtismo Manuel Murguía (yo pertenezco por la raza y el nacimiento y el amor, al noble país brigantino a la tribu céltica por excelencia, di en Los Precursores e logo de Pondal di tamén hijo de un país céltico e cando fala do Castro de Nemenzo sabe moi ben o valor semántico desa voz celta, németon). E antes ca o noso lucense nacera J. A. Parga Sanjurjo que se gaba cando escribe por ter propósito de levantar el nivel moral de la región gallega y de restituirle aquella energía céltica que le era proverbial en otro tiempo. Vicente  Risco  e tamén  Euxenio Montes teñen pensado  o Romanticismo  como un  fenómeno  céltigo: así nolo di Otero Pedrayo no seu discurso de entrada na RAG no ano 31. Fernández del Riego argumenta ese celtismo no programa radiofónico basicamente a través de comparanzas poéticas: entre Pondal e Yeats, entre o solitario de Bergantiños (di del Riego) e Fanny Parnell e entre os pondalianos “Carballos de Carballido” e “Os vellos tempos pasados” de Burns. A presenza de R. Burns na pluma de Francisco Fernández indícanos que está bebendo da fonte do mestre, de Don Ramón. No discurso do 31 na coruñesa sé académica, cita ese poeta: as   primeiras  poesías   de  Roberto  Burns  pubricaronse  en   Kilmarnock,   o   1766.

 

(Foto histórica. Fundación da Editorial Galaxia. Ano 1950. De esquerda a dereita e salvo erro noso, están as seguintes persoas: Emilio Álvarez Blázquez, Sebastián Martínez Risco, Ramón Piñeiro López, Domingo García Sabell, Ramón Otero Pedrayo, Xesús Ferro Couselo, [con dúbidas, o arquitecto que fora vicepresidente de Galaxia] Manuel Gómez Román, Agustín Sixto Seco, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Fermín Luis Fernández Penzol-Labandera, Ricardo Carballo Calero, Antonio Fernández López, [con dúbidas] Ramiro Isla Couto e Francisco Fernández del Riego)

 

Outro punto neurálxico do pensamento do autor homenaxeado este ano en día tan sinalado céntrase na galeguidade de Valle Inclán. Un diría que este é un tema non resolto. Malia ser obxecto de fichas prestixiosas (con apelido Menéndez Pidal), malia ser obxecto de artigos importantes (vid. Nota), aínda non se publicou un estudo definitivo e globalizador, por exemplo, dos galeguismos lingüísticos. Na radio fala uns minutos pero sabemos que o tema era importante para del Riego. Anos despois (1957 ou 58) impartirá unha conferencia no Círculo Mercantil e Industrial de Vigo titulada Galicia y Valle Inclán que será publicada en 1959. Temos a sorte de contar entre nós cun experto en Valle, o noso prezado colega Francisco Xavier Charlín, profesor do Eusebio da Guarda: foi moi xentil connosco ao permitirnos subir a este blog a opinión, moi sintetizada, que esa publicación lle merece: cando dita esa conferencia nótase en Fernández del Riego que está bebendo das ideas de Filgueira Valverde e mais tamén do prólogo do fillo de Valle para un libro que viu a luz en Bos Aires… A idea que teñen de Valle é a dun mozo criado nun pazo e rodeado de criados supersticiosos, é unha idea falsa. Tamén Charlín nos comenta que hai que ter en conta a época da que estamos falando. Hoxe sábese moito máis da obra e pensamento de Valle.

(Da Colección de Arte Francisco Fernández del Riego, Museo do Concello de Vigo, pódese visitar de forma gratuíta. Foron doazóns do noso homenaxeado)

 

A través destas páxinas que antes foron verbas na radio chama a atención a recorrencia de conceptos tales como espírito, espiritual; diferencial cando se refire a Galicia, á cultura, a esencia. A sacralidade, o misticismo son verbas poderosas, esas tamén abundan cando fala da necesidade clara de sermos, de erguernos, de deixar atrás a postración e o submetemennto ao alleo. Neste punto, Fernández del Riego non é distinto dos homes de Nós, de Cabanillas, de Pondal incluso. Hai un contínuum de grandes mentes galeguistas, da elite que rexorde no XIX e atopa un momento climático nos encontros e xuntanzas do Seminario de Estudos Galegos. Ese grave (pesa, exerce sobre moitas mentes e corazón galeguistas  un peso gravitacional) misticismo é o que leva aos ourensáns de Nós a falar de conversión, é o que move e remove o concepto de saudade en Cabanillas e logo en Ramón Piñeiro. Ata que punto estas abstracións son en Fernández del Riego froito ou produto de necesidades conxunturais (hai que evitar o cárcere, incluso hai que salvar a vida: relembremos que se alista no exército franquista para sobrevivir, pagara unha multa de 3000 pesetas da época por ser quen era e pensar como pensaba, e pasou polo cárcere dúas veces…) ou é unha linguaxe con raíces profundas de verdade, non o poderiamos saber con precisión. Porén nós somos dos que pensamos que, á marxe de toda ideoloxía ou na cerna de toda ideoloxía, radica o forte e inmorredeiro espírito: o que nos dita ao ouvido verbas de amor por Galicia. O espírito que nos dá auga desde o Graal. O escudo fronte a toda desesperanza e todo acerbo escepticismo perante o futuro. Velaí de novo a ponte, que nos une aos ancestros galeguistas e que uniu a Francisco cos que o precederon e acompañaron. Que foron moitos, desde logo. Na radio recordou a Lorca, con quen paseou pola noite xunta a outros e respiraron a mística da Quintana e oíron a torre do reloxo que acababa de deitar, no ambiente quedo e astral, a chuvia de magnolias desfolladas das doce (vedes que sensibilidade a de Francisco, non vos estrañe que fora autor de tan boas antoloxías poéticas…). Na radio relembrou a Castelao, había tres anos que falecera, chámao o vello amigo. E hai máis. Citemos, entre os amigos, con algúns dos cales mantivo fiel correspondencia este ramalliño: X. María Álvarez Blázquez, Ricardo Carballo Calero, Ánxel Casal, Manuel Colmeiro, Álvaro Cunqueiro, Isaac Díaz Pardo, Rafael Dieste, Domingo García Sabell, Florentino López Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Manuel Rodrigues Lapa, Luís Seoane…

 


::::::::::::::::::::::::::::::::

NOTA:

Algúns artigos destacados sobre Galicia/galeguismos e Valle:

Amor y Vázquez, José: «Los galaicismos en la estética valleinclanesca» (RHM, XXIV, 1, Nueva York, enero, 1958), cun glosario de galeguismos léxicos (“destacable, malia non ter aínda aparecido todos os escritos de Valle”, son palabras de F. Charlín).

Axeitos Agrelo, Xosé L.: “O valleinclanismo na cultura galega (I)”, Cuadrante 8, 2004.

Bonilla, Lucía Dolores: Tese de doutoramento presentada na Universidad de Madrid en 1955: Estudio sobre el vocabulario de Ramón del Valle-Inclán.

Charlín Pérez, Francisco X.: “A lingua galega na obra de Valle-Inclán denominacións e interferéncias lingüísticas”,   Cuadrante Nº. 3, 2001, págs. 13-42 (“hoxe habería que reescribilo, porque desde aquela apareceron novos manuscritos, da man dos netos de Valle”, son palabras do profesor Charlín).

García de la Torre, José Manuel: «As fontes do léxico de Valle-Inclán» (Grial, 1986, pp. 268-277). (ampliación do aparecido en Ínsula, 476-477, xullo-agosto, 1986, pp. 6-7, «Las raíces gallegas de Valle-Inclán»).

García Martí, Victoriano: publica unha erie de artigos escritos para o desaparecido xornal La Voz por Victoriano García Martí (xullo-setembro 1925)

Ponte Far, Xosé A. : “Valle-Inclán e a súa relación co mundo cultural galego”, Grial, 2016 (cita a Fernández del Riego).

 

(Ano 1997. Del Riego foi Presidente da Real Academia Galega. Todas as fotos están tiradas de Internet e varias da páxina web da Academia)