A NOSA
CASA. DAVID FERNÁNDEZ DIÉGUEZ.
Un dos homes que
vestiron toga na nosa casa foi o catedrático de matemáticas David Fernández
Diéguez (A Coruña, 1875 -1936). A primeira vez que oín falar del foi a Mercedes
Sampayo, matemática e amiga, quen me contou dúas cousas que me quedaran
gravadas, unha que o señor Fdez. Diéguez rescatou do anonimato entre nós a un
ilustrado galego, Juan Díez Freile, que acompañou a Cortés nas primeiras viaxes a México e alí chegou a publicar o
primeiro libro de matemáticas en América, en 1556; e dúas, que sentía moita
admiración e escribira sobre Durán Loriga. Un non pode deixar de pensar que
Galicia é terra bastante descoñecida en canto aos seus matemáticos e
científicos en xeral...
(Na nosa casa conservamos varias destas figuras feitas polo catedrático de matemáticas, este icosaedro está asinado por el, por D. Fernández Diéguez)
Logo o noso colega
e amigo Mario García mandounos por guasap un par de fotos sobre o
multitudinario enterro no 36 de Fernández Diéguez e eu pensei :“Ca!, na miña
vida vin cousa ao paso na Coruña, se exceptuamos os enterros de Curros Enríquez
e Alfonso Molina... Este home debeu de ser moi apreciado...” E así quixen saber
máis del.
(Foto do enterro de Fernández Diéguez no ano 1936. Con palabras da súa sobriña-neta: “Tiveron
–el e mais a muller e as cuñadas- alumnos que lles querían tanto que unha vez
mortos, lles levaron flores aos dous nichos que temos en san Amaro durante anos
e anos”
)
Coma as fermosas
figuras poliédricas que conservamos feitas da súa man no Instituto, así son os
seres humanos: polifacéticos. Si que foi un home moi querido por moitos mais
non por todos. Temos rica información da
súa obra científica e das súas andainas políticas na páxina web que aparece citada
abaixo. Agora, porén, imos oír a unha súa sobriña neta, dona Fernanda Marzo
Nogueras, profesora de Lingua Castelá e Literatura no IES Lucus Augusti, quen de forma
viva e xentil nos aproxima a aqueles tempos difíciles en que republicanos e non
republicanos convivían daquela maneira na nosa cidade.
“Na miña familia
sempre oín dicir, des que era nena, que o tío David era un sabio matemático, un home moi sabio, viña nos libros e nas
enciclopedias sendo eu aínda unha nena... E era un home moi recto. Rectísimo.
Fíxate como sería que cando as súas sobriñas (a miña nai e mais a miña tía),
que estudaban no Colexio del Ángel,
que fora fundado polas súas cuñadas e que estaba na Praza de Lugo, tiñan que
examinarse de Matemáticas no Instituto, sendo el o profesor dese curso, non o
facían: quedaban para o ano seguinte e examinábaas o outro profesor... E era extremadamente relixioso. Moi relixioso:
foi presidente de Acción Católica... Houbo un momento en que chegaron a ter
medo pola súa vida, ata o punto de que pasaba tempadas en que non paraba na
casa, durmía no colexio (El Ángel),
entraba por sta. Lucía, por detrás... Anque tamén se dicía na casa, non muller non, non teñas medo de que lle
pase nada, non ves que vai escoltado por obreiros...” [traducimos ao galego
as súas palabras].
(Nota na prensa no ano 1936)
Ademais de presidir Acción Católica, tamén
presidiu a Real Academia Galega e –dato este aínda sen confirmar debidamente-
presidiu ou dirixiu a nosa casa, o Instituto ‘Eusebio da Guarda’. Aquí pechamos
esta páxina por hoxe. Non sen antes agradecer a Fernanda que exhumase
lembranzas familiares.
(Recepción de Castelao na Real Academia Galega na Coruña o 25
de xullo de 1934. De pé, de esquerda a
dereita: Sebastián González, Eladio Rodríguez González, Enrique Peinador Lines,
Gonzalo López Abente, Pura González Varela, Celia Brañas Fernández, Ramón Otero
Pedrayo, David Fernández Diéguez, Ángel del Castillo López e Fernando Cortes
Bugía. Sentados: Fernando Martínez
Morás, Castelao, Manuel Lugrís Freire, Antón Villar Ponte e Félix Estrada
Catoyra)