ENTREVISTA A HOMES
QUE AMAN A CORUÑA.
ENTREVISTA A
MANUEL SANTIAGO ARENAS ROCA
(Ilustración da Biblia Kennicott, un dos manuscritos miniados máis importantes da cultura medieval. Feita na Coruña a finais do XV. Esta foto e a seguinte están tomadas de Internet)
[A modo de limiar:
Había moito tempo que queriamos
honrar a figura dun coruñés ilustre. Quizais non coñecido internacionalmente,
como o son outros coruñeses ilustres (pensemos en Salvador de Madariaga ou en
Fernando Rey), pero realmente foi un coruñés ilustrado, boa xente, e amou sen
dúbida ningunha a súa cidade, como amou a familia, como amou a cultura.
Falamos de Fernando Arenas
Quintela. O fundador da libraría que leva o seu apelido. Cando nos puxemos en
contacto co seu fillo Manuel, o primeiro día xa nos agasallou cun libro
homenaxe publicado hai anos (agosto do 2000). Que queredes que vos diga, meus
queridos, aqueles de vós que inda estades na poderosa mocidade? Non sempre
valoramos ben as raíces: non sempre valoramos ben a sorte de termos -moitos de
vós- bos proxenitores, e con todo e iso, nunca é tarde se é para ben. Manuel S.
Arenas é un espléndido exemplo de consciencia do que vale ter un pai exemplar:
fonte de compañía, compañeiro el mesmo de viaxes, fonte tamén de coñecementos…
En fin, non quixera pecar de exceso de sentimento. Así que, tras este mínimo
limiar, vouvos deixar que entredes xa na entrevista (resumida, porque a
conversa foi máis longa, a mañá era tranquila e os xardíns de Méndez Núñez
lucían límpidos desde a ampla fiestra do despacho de Manuel)].
Mª R. Soto.- Moitas grazas por
recibirnos, Manuel. Díganos, en primeiro lugar, algo sobre a procedencia do apelido
Arenas e recorde onde cursara o seu pai o bacharelato.
-No que eu sei a rama principal
dos Arenas vén de Asturias. Sei que unha póla se establece en Ribadeo. Membros
desa rama emigran a Cuba e logo retornan aquí a Galicia. Temos un tataravó
militar e podo dicirche que houbo irmáns dun meu avó que se dedicarón á
docencia (foron mestres: ao igual que a tía Araceli, irmá do meu pai, e así
tamén o meu tío político José Luis, profesor moitos anos no voso Instituto). O
bacharelato fíxoo nos Dominicos, recordo de terlle oído contar que xogaba ao
baloncesto e mais ao balonmán… Entre os condiscípulos lémbrome que estaba
Porto, o da imprenta…
(Manuel Arenas o día que nos recibiu no seu despacho: enriba del o retrado do seu pai, Fernando Arenas)
-Si…, inda a recordo eu
perfectamente, a imprenta Porto. Agora quixera que me falase do importante
labor editorial do seu pai. Eu sei que entre os primeiros traballos publicados
figura algunha obra de Meijide, importante historiador e profesor durante décadas
do ‘Eusebio da Guarda’, creo relembrar que era un libro sobre a historia dos
Correos Marítimos na Coruña… Que outras obras destacaría vostede?
-Efectivamente: o labor editorial
do meu pai é un aspecto digno de ser subliñado. Como editor o primeiro libro
que sae do prelo é un libro sobre a Torre de Hércules do ilustrado coruñés
Cornide. Destacaría tamén sen dúbida os oito volumes de Astérix en
galego, publicados na década dos 60. A tradución fora obra de Eduardo Blanco Amor,
e era aquel un galego non normativizado, pero de mérito, sendo de quen era. Eu
gardo os fotolitos daquela histórica edición. Meu pai comprara os dereitos a
Pilote, que o editara en castelán, e inda os temos, malia ser a editorial Xerais
a que se encargara con posterioridade de reeditar esa obra. En canto á edición
do libro dos Correos Marítimos de Meijide, quizais agora xa un pouco superada…,
editáranse exactamente 2000 exemplares, dos que nos quedan uns 300.
(Retrato de Carmen Quintela, nai de Manuel Arenas, feito polo noso homenaxeado, Fernando Arenas, quen amaba a pintura. Pedímosvos desculpas pola pouca calidade da foto. As fotos foron n feitas por Charo Soto)
-Cóntenos, Manuel, algo inédito
desde o seu punto de vista, se iso é posible, sobre o seu pai.
-Poderían contarse tantas cousas…
Foi toda unha vida… Pero quizais a súa fascinación por visitar librarías cando
viaxabamos xuntos. Un gusto que eu herdei del. Visitas sobre todo ás librarías
de vello. Cando iamos a Londres, ou a Madrid ou ao Porto. Eu non o entendía ao
principio, “Ca!, habendo tantos sitios que ver…”, pero o meu pai facíao para
que eu me enchoupase de libros, para que eu aprendese… Logo funo comprendendo…
-Como foi a historia da Biblia
Kennicott? Como foi ese achado marabilloso?
-Si, déixeme antes que lle diga isto:
hai tres meses pasaron por aquí os editores británicos da Biblia e preguntaron
polo meu pai -déase de conta de que o meu pai morreu no ano 90-, aínda se
lembraban del, foi algo que me sorprendeu… O descubrimento da Biblia foi algo
casual, estaba o meu pai nunha feria do libro en Londres, aproximadamente no
ano setenta e pico, 76 ou 78, a el gustábanlle moito os facsímiles, e ao ver na
feira catálogos pensou en comercializalos aquí… Así xurdiu a idea… Recordo terlle
oído contar que estivera na casa dos editores en Londres, na típica casa
inglesa co pequeno xardín… Vostede xa sabe que o orixinal se conserva en Oxford,
na Biblioteca Bodleian. O meu pai ten o mérito de editar por primeira vez en
España a Biblia, traducida ao castelán. Podo dicirlle que na presentación desa
obra na nosa libraría do Cantón Grande estaban, entre outras personalidades: A
Condesa de Fenosa, o abade da Colexiata, o señor Fraga Iribarne, o señor
Francisco Vázquez. Editáronse poucos exemplares, non chegaron a dúas ducias,
pense que custaba cada exemplar un millón catrocentas mil pesetas da época… O
señor García Sabell adquirira sete, levaran tamén varios a Xunta de Galicia e
mais a Deputación Provincial, dous exemplares foron como agasallo á Casa Real,
creo recordar que tamén se agasallara con un ao Presidente de Portugal…
(Fernando Arenas co seu amigo Camilo J. Cela, o día en que cumpre anos este)
-Que nos pode dicir daquelas
estupendas tertulias literarias que organizaba o seu pai? Non hai
publicacións daquelas conversas arredor da mesa, porque teñen habido xantares
literarios tamén…
-Pois si, efectivamente, pola
casa pasaron grandes escritores e pensadores. Por exemplo, Vargas Llosa. Era
cando o mundial de fútbol do 82. El traballaba como cronista deportivo oficial
para a selección do Perú. Publicaba en Argos Vergara daquela, e si, aquí tivera
lugar a presentación dunha súa obra… (As presentacións dos libros eran algo
importante para o meu pai, esmerábase moito e vostede igual xa sabe que levou
premios en escaparatismo, eu herdei tamén ese gusto digamos pola escenografía).
Tamén recordo xuntanzas con Cunqueiro, entrañable (eu fun ao seu enterro, un
día de chuvia…, todo cheo de paraugas negros…). Tertulias con Cela, con Miguel
González Garcés, con Bugallal. E con Salvador de Madariaga, que era un grande
conversador, viña do exilio… Logo recibiramos a visita de Mimí, a súa viúva…
Cela viña de Madrid, era moi amigo do meu pai. Sentaban e charlaban horas de
libros, da Mazurca, dos proxectos curiosos de Cela, como aquela edición
de El cipote de Archidona, unha novela erótica, aquí fixeran unha
edición facsimiliar ad hoc, así de grande con esa forma, con ilustracións e
textos do propio Cela. Fixéranse 500 exemplares e vendéranse 30. Aínda me
lembro da primeira feira do libro, aí enfronte, onda a estatua de Curros, na
caseta número tres, asinaban Cunqueiro e mais Cela. Hai un vídeo gravado. Non
me podo esquecer de Gonzalo Torrente Ballester, sempre moi amable con esta casa,
viñan xantar en familia, cos seis ou sete fillos seus. Ou de Wenceslao Fernández
Flórez, conservamos unha foto dedicada… E Urbano Lugrís. Do seu pai -Luis Freire- creo recordar que hai
dedicatoria no libro de asinaturas. Urbano Lugrís viña moito, xa pola libraría
Cervantes, compraba por exemplo material para pintar… E pagaba en cadros. Tivemos
4 cadros seus, dos que conservamos 2. Incluso recordo os temas: dous eran
paisaxes do país, un de Quijote e Sancho e noutro víase unha porta castelá.
-Fálenos do premio ‘Fernando
Arenas Quintela’ que honra a memoria do seu pai.
(Fernando Arenas Quintela xura o cargo de concelleiro do Goberno Municipal da Coruña)
-O premio responde a unha miña idea.
Este ano celebramos na véspera do 23 de abril a vixésima edición do premio
literario. Naceu coa idea de recoñecer autores coruñeses, sendo Galicia un tema
preferente. O primeiro en gañar este premio foi Javier Ozores Marchesi, co libro
La cena de los videntes. As linguas en que se pode presentar obra a
concurso son o galego e o castelán.
-E xa a derradeira por hoxe,
señor Arenas. Que está vostede lendo arestora?
-Agora estou lendo novela
histórica, leo unha obra de Posteguillo sobre a antiga Roma.
-Moitas grazas, Manuel, por
contestar as nosas preguntas, por dedicarnos parte do seu tempo. Longa e
frutífera vida entre libros na compaña dos seus seres queridos!