venres, 18 de decembro de 2020

GALICIA INMORRENTE

CEN ANOS DE REVISTA NÓS

 


 

A Xefa do Departamento de Lingua e Literatura Galega do noso Instituto, Dª Benigna Vidal Tomé, organizou unha espléndida exposición no centro co gallo do centenario da revista Nós. Hai que darlle parabéns. Moi ben feito!

 


 

O nome Nós ten avoengo en Galicia. Foi o nome da Xeración ou Grupo de escritores (Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas…), foi o nome da revista que encetara a súa traxectoria aquel novembro de 1920 e durou ata o 35; foi o nome da editorial de Ánxel Casal e tamén bautizou así un seu álbum Castelao (recentemente adquirido polo Museo de Pontevedra, un museo -todo hai que dicirlo- exemplar). No Instituto ‘Eusebio da Guarda’ a noutrora xefa do Equipo de Normalización Lingüística, Dª Uxía López Meirama, escollera ese título para o rigoroso xornal que se publicou desde 1995 ata o 2001. E desde xaneiro deste ano 2020 edítase un diario integramente en galego -o único, no que nós sabemos- chamado Nós Diario.

 


 

A Xeración Nós pasa á historia da cultura de Galicia por varias razóns, recordade que non sen causa foi denominada esa súa época como o Segundo Rexurdimento. Todas dignas de ser destacadas: porén, ídesnos permitir que procuremos sintetizalas en tres principais:

 


 

1.    O seu Europeísmo. Agora parécenos obvio que somos parte de Europa. Daquela igual non era tan evidente. Otero Pedrayo ten un ensaio, publicado en 1933, onde analiza cientificamente os fitos básicos que demostran a clara integración de Galicia en Europa, á par que demostra a relación recíproca: Europa pasa por Galicia, da mesma maneira que o Camiño de Santiago de Galicia é un factor determinante na construción histórica de nós, os europeos.


 

 

2.    A construción dun paradigma científico que dea conta da historia, da etnografía, da xeografía, da arqueoloxía, da literatura do folclore e da economía de Galicia. Basicamente. Na práctica este punto implica a construción dunha prosa científica.

 


 

3.    A procura da identidade. Desde o noso punto de vista, este é un logro fundamental da Xeración Nós. Lograron un sutil equilibrio entre cultura material e cultura espiritual. Dignificaron as nosas tradicións como dignificaron o concepto de Terra. A terra non como mero soporte físico: souberon dar o salto e transcender. A terra é un concepto case sagrado. Algo irrepetible, quizais. Hai que quitar o sombreiro e respectar o seu nome. O da Xeración Nós.


 

 

Relembremos, xa á derradeira, que adoita falarse de Risco como “director intelectual” da revista (nela publicou máis de cen artigos) e de Castelao como “director espiritual” (a el débese, por exemplo, o deseño da portada). Ben está. A modo de síntese.

 




 

 

venres, 4 de decembro de 2020

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

 

OITO ALUMNAS DO NOSO CENTRO PREMIADAS NO VI CONCURSO DE DEBUXO PICASSO CORUÑÉS

 


 

O Premio Picasso Coruñés ao mellor xornal foi para Cristina López, cunha dotación de 450€. O Premio José Luis Bugallal Marchesi á mellor ilustración e o Premio Olga Cristina Viaño Sánchez á mellor redacción, dotados cada un con 300€, foron para Claudia Díaz e Alba García, respectivamente. 

 


 

Ademais, obtiveron accésits Dolores García, Yolanda Rey - Paula Taboada, Icía Amboage e Sara Ruiz. Os traballos presentáronse a finais do curso pasado, cando todas as alumnas cursaban 1ºESO, e foron coordinadas pola profesora Noemí Díaz Vázquez.



As obras están expostas ao público na Casa Museo Picasso (R/Payo Gómez 14 baixo).

 


 

 




Parabéns ás premiadas pola recompensa dun gran traballo!

Velaquí tedes as publicacións en prensa:

 


 

https://www.laopinioncoruna.es/tags/concurso-de-dibujo-picasso-corunes.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2020/11/19/nuevos-picasso/00031605816837138941288.htm