sábado, 23 de decembro de 2023

A NOSA CASA

 

A NOSA CASA: Dez anos de cazatesouros.

Esta é unha ocasión especial. Finaliza o 2023 e este blog empezou a súa andaina no 2013 no Instituto. Cumpre dez anos. Hai que entoar unha cantiga de agradecemento. Primeiro, talvez, á vida (Gracias a la vida/ que me ha dado tanto…). A vida, a Providencia, o fátum deixáronme volver á casa onde estudei os sete anos de bacharelato e COU. Repasando cousas vividas é curioso como neste noso Instituto se forxou o meu destino en parte importante: na disxunctiva, difícil, entre bacharelato de letras ou de ciencias, puido moito a arte maxistral ensinando latín de Mercedes Boado. De feito, o seu maxisterio foi decisivo. E cando, ao chegar a COU, optei pola filoloxía volveu ser decisivo o papel dos profesores de literatura do Instituto; non esquecerei nunca aquelas reconcentradas conversas coa miña amiga Pili Oujo sobre a literaturidade: que fai que un libro sexa probadamente bo e outro mediocre ou malo, aínda que a súa lectura nos entreteña? Seguramente a clave nola darían os estudos filolóxico-literarios. Que tempos en que confiabamos en resolver o que estupendamente considerabamos graves enigmas do pensamento humano… Máis ou menos.

Quero dicir, malia divagar algo, que sempre que miro atrás, estou segura de acertar ou ter acertado. Sigo amando os libros e amei sempre o meu traballo. Pero para amar o traballo non chega estar nunha boa casa. Manda moito quen habita esa casa. O meu agradecemento abraza colegas e sobre todo, o alumnado. Sodes vós, as alumnas e os alumnos que me rodeastes, os verdadeiros protagonistas deste día de acción de grazas. Pouco máis quería comunicar hoxe. Son consciente de que hai xente que non pasou polo Instituto que le este blog. Considerádevos sempre ben amados por min. Débovos unha medida grande da miña felicidade.

Rememoramos parte boa do pasado con algunhas fotos únicas, moi especiais. Sinto non recoller no seu momento o nome de todas as persoas fotografadas. Pero en calquera caso confiemos en que esteades vivas ou vivos, sans e ben.

(Esta foto foi a última que fixen rodeada de alumnas e alumnos. Se me desculpa o resto dos protagonistas da fotografía, vou destacar a presenza de Carmen Arbaizar e de Jorge Carril, porque ambos os dous deixaron pegada neste blog. Trátase do curso 2016-17).




 

(Curso 2002-03. 2º Bach A)

 

(Excursión a Pontevedra cos alumnos de COU. Abril de 1998)


 
(Esta foto está dedicada: "Con moito agarimo das túas alumnas de COU E. Fin de curso, 29-5-98" e está asinada por Elena, Cristina, Iria e María. Moi boas alumnas!)


(Xente entrañable, tamén. Curso 1994-95. Terceiro F)


venres, 8 de decembro de 2023

VISITANDO...

 

VISITANDO NOVA ORLEANS (NOLA).

 

(A Nova Orleáns tamén lle chaman 'Crescent' pola forma de lúa crecente que fai o río no espazo en que se ergueu a cidade)

 

Visitamos Nova Orleáns, cuxo actual nome familiar ou abreviado é Nola. No tren poñían un papel enriba dos asentos ocupados, e enriba dos nosos escribiron “NOL”. Así, se te ausentabas, por exemplo a pillar algo no vagón-restaurante, podías ir tranquilo, o teu asento non llo ían asignar a ningún outro pasaxeiro. O do tren foi unha decisión controvertida: pensamos en ir no coche, moito máis rápido pero nós non o tiñamos claro, iso de conducir tantas horas nun país estranxeiro e logo meterte co coche nunha cidade grande na que nunca antes estiveramos… Lemos que os transportes públicos eran super efectivos e baratos (de feito o billete para todo o día no tranvía -ou troley- custaba tres dólares, non caro para os prezos que se estilan en USA) e logo tamén un par de persoas que tratamos nos dixo que a viaxe en tren é fermosa (ides ver moitísimas árbores…). De Birmingham-Alabama (onde temos a familia) a Nola son case 8 horas en tren. Comentaba unha amiga: noutrora, este tren -New York/New Orleans- era coma o Orient Express norteamericano… Vaiche boa! Ser era cómodo, con apoia-pés extraíble e bastante espazo entre os teus asentos e os dianteiros, pero lento… e o restaurante nin sombra do que foi. Na páxina web viña un menú atractivo, co nome do cociñeiro e tal, pero tras o Cóvid quedou todo nun mínimo minimísimo. Tres cousas envasadas e nin sequera daban unha cerveixa. Apañámonos cunha bandeixa de plástico con crackers, mostras pequechas de catro tipos de queixos, algo de humus e tres ou catro anacos de vexetais crus. 

(Vedes en primeiro lugar a bandeira de Castela e León; fóra da imaxe pende tamén a actual bandeira de España)
 

 

(A catedral de Nova Orleáns, dedicada a san Luís)

 

A cidade gustounos moito. Con algún “pero”. É moi turística. E os guiris movémonos todos máis ou menos polas mesmas zonas. Barrio francés, mercado francés, a praza (Jackson square) onde está a catedral… e facemos colas para os mesmos barcos que engolen turistas a eito todos os días para un paseo polo río ou para unha cea con jazz noite si, noite tamén. Con todo e iso, a cidade está chea de vitalidade, hai música vibrando a todas as horas, pódese comer moi ben e logo hai un montón de negocios de arte, de cousas para levar de recordo, de pequena artesanía local. Moi caro todo, pero a beleza dos obxectos é incuestionable e iso pode alimentar o ollo e o espírito. A luz tamén nutre: tivemos moi bo tempo. O río Mississipi é un espectáculo. Non cansas de miralo… Sempre hai xente no paseo que dá ao río. Ao solpor viña unha parella, xa no outono da vida, pelo grisallo, vestidos en plan country-rock, establecíanse nun lugar xa fixo, el tocaba a guitarra, ela cantaba… Recordaba eu a Lucinda Williams… Moi grato, moi agradable quedar alí. Bandas de música pola rúa, as que quixeses, a diario. E se te achegabas ao Café du Monde, naquela esquina igual: sempre un artista distinto, sempre bo, enchendo o aire que respiras de notas alegres. Nola é unha cidade eu diría que poderosa, convida á vida. Iamos avisados da importancia do seu museo de arte. Por suposto que o visitamos, paga a pena. E o xardín das estatuas contiguo, outra marabilla. 

(Un dos Picassos do Museo de Arte de Nola)

 

(No xardín das estatuas, entre outras fermosas obras, pódese ver a famosa araña de Louise Bourgeois)

 

 

Tampouco creades que é todo ouro o que reloce: vimos moitas criaturiñas ás veces soas ás veces cos pais, tocando de noite na rúa Bourbon, unha rúa imposible, atrouladora, petada de xente a calquera hora (salvo á mañá cedo). Na miña vida tal vin nin oín, que barullo infernal, os locais competían entre si a ver de cal saía máis alta a música… Cada tanto vías meniños, insisto, meniños afroestadounidenses tocando con paus en grandes latas baleiras de pintura boca abaixo a xeito de tambores: as dez, as once, as doce da noite, velaí quedaban os rapaces aprendendo o oficio co pai. Non podo rachar as vestimentas, porque cando acendemos a televisión e vemos os partes das guerras abertas arestora aquí preto de nós, as vítimas infantís son sen número. Aqueles meniños de Nola estaban vivos e non tiñan cara triste. Preferirías sabelos durmindo para poder madrugar e ir á escola descansados pero tamén sabemos que as expectativas de progresar grazas ao ensino non figuran entre as grandes esperanzas dunha familia sureña coa pel desa cor. 

(A arte do ferro forxado)

 

Estivemos, sen contar as viaxes, catro días completas. Quedáronnos por ver, por exemplo, o museo do Cabildo, certas plantacións distantes, un paseo por barco na outra dirección, cara ao delta… Pero como cata estivo ben. Tivemos a oportunidade de cear unha noite na rúa Frenchman nun Jazz Bistro onde puidemos oír tocar un quinteto de jazz (Roderick Harper quintet), unha actuación que non nos defraudou (os músicos, sobre todo o saxofonista, eran francamente bos, especialmente o saxofonista).

De paseo por Nola. Cabezas de aligátores. Escaparates que chaman a nosa atención.


 


 

Puidemos visitar a zona de mansións decimonónicas de fermosa arquitectura (Historic Garden District) e  puidemos degustar a cociña local, e algo da italiana (as famosas muffuletas, especie de sándwichs xigantescos, do diámetro dun prato plano co pan enchoupado en aceite e recheas dun montón de salamis e ensalada, decididamente contundentes, non valen para todos os días…). Para a gastronomía cajun reservamos mesa nun restaurante recomendable se viaxades a Nola, o Atchafalaya. A verba atchafalaya (en lingua choctaw amerindia ‘río longo’) introdúcenos noutro tema, o histórico-cultural. 

 

(Deste tipo de placas que conservan a memoria histórica vimos varias)

 

Xa nolo dixera un profesor de español establecido en Alabama: moito se fala en Nova Orleáns da influencia francesa, pero poucos saben da presenza -e influencia tamén- española. Así que, como comprenderedes, eu ía sobre aviso. En plan can de presa, á procura de pistas e datos que me dixesen algo dos españois que por alí estiveron. Relembremos: Nova Orleáns foi gobernada por España desde 1763 a 1803. No barco turístico polo río botáronnos un tremendo speech sobre as distintas colonizacións desta parte do mundo e literalmente oín que a influencia cultural masiva ou maioritaria era a francesa, de España só quedaba a arquitectónica. Como se iso non fose cultura! De feito, tras o devorador incendio de 1788 a cidade foi reconstruída baixo a batuta do goberno español.

Se queredes acompañádeme neste xogo de seguirlle a pista á presenza española na actual Nova Orleáns. O primeiro que salta aos nosos ollos son os nomes de rúas españois ou vinculados a España (non pretendo ser exhaustiva): Almonaster avenue, Canal street, Carondolet, Gálvez, Gayoso, Miró… A maioría son nomes propios. 


 

("Provincias Ynternas de Nueva España": iso significa que administrativamente a Luisiana dependía de México. O mapa, español, é de 1817)

Andrés Almonaster Rojas foi un personaxe importante na cidade naquel século (XVIII). Tedes a biografía na páxina da RAH (https://dbe.rah.es/biografias/68460/andres-almonaster-rojas). El pon o primeiro ladrillo para a nova igrexa parroquial, o 12 de xuño 1789, porque a anterior fora queimada no incendio pavoroso de marzo de 1788, e promete construír outra moito máis extensa ca a anterior (falamos do que hoxe se chama Catedral de San Luís). Rematou a construción da nova igrexa en 1794. Este sevillano foi un auténtico filántropo: construíu en N. O., tamén, o Hospital de Caridade, o Hospital de Leprosos a a igrexa do mosteiro de relixiosas ursulinas da cidade (datos tomados da páxina PARES de archivos españois).

(Fragmento de plano. Carondelet fixo moitas fortificacións na cidade no XVIII)

 

Francisco Luís Héctor de Carondelet é francés de nacemento pero viviu e serviu en España e casou cunha galega, a coruñesa Mª Concepción Castaños. Foi gobernador de N. O. desde 1791 ata 1797 e foi considerado o mellor “alcalde de Nova Orleans” polas melloras que fixo, alumbrado público, unha boa canle que leva o seu nome que servise de desaugadoiro da cidade, a inauguración do primeiro teatro e a publicación do primeiro xornal. Entre outras cousas.

(Edificio do Cabido, castelán Cabildo)

 

Bernardo Gálvez Gallardo: Recoméndovos encarecidamente que leades a súa biografía na páxina sempre ben ilustrada da Real Academia da Historia (RAH) (https://dbe.rah.es/biografias/10137/bernardo-de-galvez). Este malagueño foi un home intelixente, amigo dos pactos e sagaz á hora de axudar con bos suministros aos americanos na súa loita de independencia contra Inglaterra. A contribución española foi absolutamente determinante para decidir ese conflito e así o proclaman as xentes, empezando por George Washington e rematando por moitos cidadáns estadounidenses medianamente cultos do século XXI. Gálvez fundou así mesmo as poboacións de Barataria (este nome fainos volver a mente a un tema que hai tempo que nos seduce, o da presenza dos libros de cabalarías na toponimia americana, haberá que animarse…), Nueva Iberia e Galveztown, chamada así para honrarlo.

Manuel Luís Gayoso de Lemos: deste galego xa falamos no blog cando visitamos Memphis o ano pasado. Para non cansarvos digamos só que é o único gobernador de Nova Orleáns (exerceu o cargo de 1797 a 1799) aí enterrado. Volve haber biografía na páxina web da RAH. Tamén se fala del no libro de Charles Gayarre, History of Louisiana (1867):

In these difficult conjunctures, it was of the utmost importance to secure the friendship of the Indians, and therefore all the efforts of Carondelet were bent towards strengthening old alliances with them, and making new ones. These efforts were crowned with success, and, on the 28th of October, he had the satisfaction, through his  p329 agent and representative, Colonel Gayoso de Lemos, Governor of Natchez, to make a reciprocally defensive and offensive treaty, between Spain on one side, and the Chickasaws, the Creeks, the Talapouches, the Cherokees, and the Alibamons on the other. The treaty of 1784 was ratified in all its points, and these different Indian nations, forming a confederacy for their mutual assistance (estes alibamons son os que habitan as ribeiras do río Alabama, ou viceversa, o río recibe o nome da etnia? Na páxina sobre a orixe dos nomes dos estados de USA, https://www.bia.gov/as-ia/opa/online-press-release/origin-names-us-states, dise que primeiro é a etnia e logo o nome do río).

Esteban Rodríguez Miró y Sabater foi outro gobernador de N. O., a quen lle tocou reconstruír a cidade tras os dous primeiros grandes incendios que destruíron boa parte de Nova Orleáns. É daquela cando se introduce o estilo español na arquitectura da cidade, con arcadas, patios e fontes; pode dicirse que se monumentaliza. De todo iso fican notables pegadas hoxe en día. O catalán Miró funda Novo Madrid en Missouri.

Á parte destes (e outros que se me escapan) nomes propios nas rúas e canles, a presenza da tribo hispana está tamén en nomes que se anglicizaron pero que noutrora eran nomes españois. Tiveron o bo criterio de conservar eses vellos nomes en fermosas placas de cerámica.

(Retrato de Antonio de Ulloa)

 

Diredes talvez que é unha mera coincidencia mais a min pareceume moi curioso e digno de ser subliñado o feito de que na cociña crioula de Nola exista o concepto trindade crioula para referirse ao conxunto de tres vexetais moi usados na cociña cajun (apio, cebola e pemento). Un non pode por menos ca pensar na trindade galega: nabo, nabiza e grelo. Pura coincidencia? Os galegos xa vimos (Gayoso e Castaños) que fixeron acto de presenza en Nola. Indagando (un pouco só, a bibliografía é inabarcable: poucos territorios vinculados a España deixaron tanta documentación coma a Luisiana, é realmente incrible) pódense rastrexar máis apelidos galegos. Déixovos uns cantos:

Antonio de Ulloa y de la Torre-Guiral: este sevillano de orixe galega por parte de pai, foi un importante científico, gobernador da Luisiana entre 1766-68. Di a súa biografía (RAH) que en 1767 puido reunirse en N. O. coa súa muller, Francisca Melchora Rosa Remírez de Laredo y Encalada, con quen casara por poderes un ano antes. Na capital da Luisiana naceu a primeira filla do gobernador que foi tamén a primeira crioula española.

Manuel Andrés López de Armesto: foi un presbítero e un dos primeiros, senón o primeiro, superintendente educativo en Nova Orleáns. Consérvase o contrato asinado en 1771 entre el e o rei Carlos III polo que Manuel se compromete a dirixir e supervisar os seus subordinados, na escola acabada de fundar de N. O. Sabemos que é galego porque tamén se conserva a documentación dun preito en 1757 cos seus irmáns, veciños de varios lugares da xurisdición de Somoza Maior de Lemos, Lugo.

(López Armesto. Está colgado na National Portrait Gallery, no Museo Smithoniano de Washington)

 

O derradeiro gobernador español da Luisiana, Manuel Juan de Salcedo, casou cunha filla dun galego:

 El 12 de septiembre de 1775 asciende a capitán y a finales de ese año se casa en Málaga con Francisca de Quiroga y Manso, natural del Puerto de Santa María (Cádiz) (6), nacida el 15 de enero de 1756, hija del Capitán José Quiroga Lopez Espejo, natural de Betanzos (La Coruña), y de la burgalesa Rosa Manso de León. Un fillo deste matrimonio levará o apelido Quiroga: Manuel María de la Concepción José Agustín Eloy de Salcedo y Quiroga, quen chegou a ser gobernador de Texas en 1807.

Outros nomes propios que nos permiten pensar nunha posible orixe en Galicia son:

Narciso Alba

José Bahamonde

Antonio Cobo

Antonio Crespo

Cayetano Fajardo

Juan y José de la Rúa (cadetes)

Manuel Lanzos (moi posiblemente hai que ler Lanzós)

Sebastián de Santiago

Tomás Sobrado

Vicente Tejeiro…

Na inmensa maioría, todos formaron parte do exército en Nova Orleáns, en calquera das súas divisións e subdivisións (milicias blancas, regimiento fijo, cazadores, artillaría… Este listado de dez nomes foi tirado  da documentación do Arquivo Xeral de Simancas, https://www.hnoc.org/sites/default/files/uploads/Guide-to-Louisiana-Resources-in-Spanish-Archvies-Espanol.pdf):

Tamén atopamos un construtor do XVIII, en Nova Orleáns, chamado Andrés Lug, con orixe probable en Lugo (en FamilySearch documentamos casos no XIX de persoas apelidadas Lug e cando miras a partida bautismal figura Lugo como apelido do pai). É este un apelido non difícil de documentar no México actual e moitos chegaron a América desde as Canarias, pero a orixe, miñas prezadas lectoras e meus prezados lectores, a orixe é a orixe… Aquí é onde vos deixo. A cousa daría para máis pero corremos o risco de aburrir as pedras, que se di en galego, ou aburrir un santo. E falando de santos, vén a mente o concepto de parroquia, tan noso. No estado de Luisiana, a día de hoxe, aínda se conserva a división administrativa en parroquias, non en condados, coma no resto de Unión. E xa que estamos, bo tempo de advento!

(Cadro que representa de forma notablemente idealizada, a chegada de Hernando de Soto á ribeira do gran río. Titúlase precisamente Discovery of Mississippi by De Soto e foi pintado por Powell. Pódese ver no Capitolio)