venres, 14 de decembro de 2018

VISITANDO


VISITANDO




Visitamos Sepúlveda. Sepúlveda (que palabra eufónica…) e mais as chamadas Hoces del Duratón. O Duratón é un río, afluente do Douro, que no tramo medio fai unha serie de meandros e é aí, nunha contorna de extraordinaria beleza no outono, onde se achan esas foces: ese territorio foi declarado parque nacional (Parque Nacional de las Hoces del Duratón). Vemos na páxina máis veces citada neste blog (Hispania Epigraphica) que Duraton  é voz prerromana. Duratón pode ser un topónimo, hai un lugar así chamado a poucos quilómetros de Sepúlveda, moi rico arqueoloxicamente (de feito é merecente doutra páxina noutra ocasión, aí por exemplo aparecerá unha das inscricións dedicadas ás Matres), e é tamén antropónimo: Cabuniaegino / Doider[a Ae]tridia/[n]a pro salut[e] / [D]uratonis fi(lii) / Polecensium / l(ibens) m(erito) s(olvit). Nesta inscripción atopada en Aguilar de Campoo, dedicada ao deus precristián Cabuniaegino (un epíteto que moi posiblemente se poida relacionar con estoutro con r ben documentando no occidente peninsular: I(ovi) O(ptimo) M(aximo) / Cabur/nianu[s]) e conservada no museo de Santander, vemos que se fala do fillo de Duratón.



A verdade é que viñemos entusiasmados por tanta beleza outonal. Un dos meus pensamentos recorrentes, que me leva sempre a querer saber a etimoloxía dos nomes dos lugares admirados, quixo que relacionase nun principio a voz Sepúlveda  con chopeda  ou chopleda porque realmente estaba a vila, o lugar, rodeado por todas partes de populos, de choplos como di a miña nai valdeorresa (e hai pobeda para significar esa abundancia de chopos: e hai tamén moito escuridade coa familia desa palabra de orixe e/ou ramificacións non só latinas, senón tamén prelatinas…), pero xa me dixo o profesor Gonzalo Navaza [a quen agradecemos sempre a deferencia e amizade para connosco] que era moi pouco viable. Non está nada claro o étimo (eu pensaba, evidentemente, nun composto: a raíz iría próxima á de  Sebil/Sebe que garda dentro como sema posible a idea de ‘recinto’)… No camiño de ida topamos con outro topónimo que comparte a raíz con Sepúlveda: Sebúlcor, tamén en Segovia, terra de arévacos… Nalgunha páxina, turística ou non, lese que o étimo é Septem Publica (por exemplo, por citar só un caso:  querelis que uertebantur inter dominum G[eraldum], Segobiensem episcopum, et eius ecclesiam cathedralem, ex una parte, et clericos ac laycos eiusdem diocesis, scilicet, Segobienses, Septem Publicenses, Petracenses, Colarenses, Concenses, tam de ciuita/te et villis quam de aldeis, ex altera, ano 1215, en COLECCIÓN DOCUMENTAL DE CUÉLLAR (934-1492) [http://www.aytocuellar.es/wp-content/uploads/2012/07/Volumen-I-p%C3%83%C2%A1g.-45-al-925.pdf]), e iso pola existencia de varias portas de público acceso nas vellas murallas, pero filoloxicamente non se sostén, parece unha desas etimoloxías pseudopopulares, latinizantes, feitas ad hoc. E como me dicía Ana, había máis de sete portas…
 (Na visita teatralizada este é un personaxe -mitificado- que aparece tamén)


Preguntábanos á volta a xente: E como se vos deu por ir dar alá? Pois foi grazas ao noso amigo, e profesor de moitos de vós, Javier Chao. Enfatizou á hora do aperitivo un destes xoves a sorpresa grata que recibiu ao visitar a vila, cando regresaba de Madrid con Pilar; enxalzouna tanto que dixen, velaquí un lugar para ver no apoxeo do outono! E xa vos digo, unha pasada. Cousa bonita. Cheo de xente na fin de semana, difícilísimo aparcar, e non podes pretender levar o coche á pousada pero con todo e iso, recoméndovos a visita. Xente amable, bo año, boas pastas, bo embutido (aconselláronnos ir mercalo a Bodeguilla, onde hai fábrica…) e un afán notorio de preservar o patrimonio cultural.





Neste punto hai que deterse un pouco: apuntámonos a unha visita teatralizada nocturna e moi ben. Se non erro, son dous os actores que se van caracterizando de distintos papeis e Ana, que presenta o programa, vai explicando datos da historia e da arte presente nas igrexas nas que paramos (hubo 15 en Sepúlveda, consérvanse en bo estado 5) e logo ao final actúa no rol de Isabel I, ben valorada porque fronte ás intencións do irmán Enrique, ela salvagarda o estatus de vila reguenga para Sepúlveda. Tamén nos ilustrou sobradamente sobre festas populares e tradicións que veñen da Idade Media, coma a festa dos diablillos ou a chamada Misa de Minerva. Ou aqueloutra da Virxe das pucherillas. Ana vale o que pesa en ouro. Pregunteille se recibían axuda pública, subvencións que se di, e díxome que para nada. Todo a pulso.  Pois xa che digo, querida, longos anos para Sepúlveda Viva!



Queda na lembranza a teatralización, xunta a ábsida da igrexa do Salvador, do aprendiz de canteiro, que traballa con medo porque sen querer vai nomeando o demo e había a tradición supersticiosa de que se o amentabas tres veces, iso equivalía a convocalo… e vas vendo o seu medo in crescendo, oes como se repite,  e ves achegarse a sombra, e o susto tan teatral, e tan verosímil asemade: aqueles tempos do medioevo temerosos, temibles… 
 (A chamada "Cueva de los siete altares", no Parque Nacional: foi unha igrexiña rupestre do tempo dos visigodos)


 (A Ponte romana de Talcano, a moi poucos quilómetros de Sepúlveda, só queda en pé un arco...)


(Moitos gatiños vimos pola vila, e moitas casas abandonadas...)

No coche na volta á Coruña, comentaba eu do encontro clandestino teatralizado aló embaixo, xunta o río, do cristián que volve da guerra e cítase coa amada prohibida, unha moura, e proponlle dramaticamente, mans entrelazadas, que, dado que casar non poden (os matrimonios entre contraentes de relixións distintas estiveron prohibidos na Idade Media), proponlle tomala como escrava e amala en secreto… É película, é teatro -dicíanme os meus- Si, teatro novamente demasiado real. Hai amor cando non hai liberdade nin igualdade nin dignidade?  Se hai mutuo acordo, diredes. Non sei. Paulo de Tarso di cousas poderosísimas do amor: segundo el, pode con todo (dío nunha carta, a primeira, que escribira desde Éfeso aos cristiáns de Corinto, capítulo 13, versículos 4-7). E inda así, subsiste o interrogante. Tamén podedes dicirme, iso xa pasou á historia… xa non vivimos na Idade Media. Ah!, aí si que cobra un novo valor o teatro. Se examinamos con ollos abertos o mundo no que vivimos creo que admitiredes comigo en que segue habendo unha forte necesidade de nos interrogar ao respecto.
 (A auga limpísima do río Duratón)
(Fixádevos que cores de outono nunha das rutas do parque...) 

 (É no atardecer e a foto non é boa, e inda así apreciaredes a grandeza do contexto natural... Estabamos baixando desde Sepúlveda, desde a Igresa da Virxe da Pena, para ver a cova natural onde xurdiran as lumninarias que viu o pastorciño desde o outro lado do río... Na cova aparecera a imaxe de "La Virgen de la Peña")