domingo, 27 de novembro de 2022

A NOSA CASA

 

Viaxe por Terras de Silleda e Lalín.

12 de Novembro de 2022

 

(Canzorro de Santa María de Pedre, nome antigo do actual Abades. Os canzorros desta igrexiña son auténticas xoias en pedra)

 

Unha vez máis no mes de Santos botamos a manta a cabeza e saímos a percorrer a nosa terra, desta volta imos a terras de Trasdeza e Deza. Os topónimos fálannos da arteria fundamental que artella estes territorios pontevedreses da diócese de Lugo.

Antes de palpar o terreo e coñecer polo miúdo o seu patrimonio facemos unha parada técnica no Mesón de Rubén, en Margaride, a un paso de Silleda; asístennos Arancha e Rubén, parada e fonda sen grandes pretensións pero facendo gala dun bo servizo, bo produto e simpatía. Quen máis quen menos mostra o seu agradecemento. Despedímonos cun conciso  e significativo “voltaremos encantados”.

Silleda conta con 33 parroquias e algo máis de 8.800 habitantes repartidos por douscentos e medio de lugares nunha área de más de 160 km2; o municipio de Lalín supera os 20.000 habitantes nunha área que dobra a de Silleda e na que atopamos medio cento de parroquias.

 

(Santuario dos Desamparados, Abades)

 

Os dous concellos están prácticamente no centro de Galicia, pero hai realidades moi palpables, en Silleda exercen catro párrocos, a repartir ben territorio e parroquias.

Precisamente  Abades está atendida por Don Manuel Vilar (unha das 14 que atende).

En tempos pasados está freguesía coñecíase como Santa María de Pedre, habita un cento de veciños, o seu tecido asociativo fai gala de ensinar e coidar do seu patrimonio, cóntanse cunha man os seus membros e fan limpeza e adecentamento do camposanto, adornan con flores as tumbas e nichos que non visita ninguén dúas veces ao ano, ensinan a románica e antiga igrexa parroquial.

Hoxe acompáñanos e conversa connosco José Manuel, magnífico anfitrión. Primeiro circundamos o templo románico admirando e descubrindo unha amplia tipoloxía e temática de canzorros. Xa no interior vemos ou intuímos uns frescos, un coa representación dun arqueiro, alegoría da morte e outro do Santo André coa súa típica cruz.

Xa fora, diante da reitoral observamos unha caprichosa formación de hedras que figuran o mapa de España e sen Portugal, “a imaxinación ao poder”.

A actual sede parroquial foi concibida a finais do XVIII por Melchor Ricoi, feituras e trazas neoclásicas polo empuxe do seu párroco, Joaquín Espes, valenciano que quixo ter onde venerar a súa Virxe dos Desamparados (Maria a Refugio, como se escribe en latín). A obra culminaraa outro Joaquín.

Entramos nesta edificación que é posible ver a unha distancia considerable, a torre e o campanario teñen unha envergadura que sobrepasa os 30 metros. Dentro do templo podemos admirar un San Pedro e un San Paulo de magnífica feitura, do San Paulo din que deixou caer a espada sobre un crego para darlle un aviso sobre o seu modo de actuar e proceder.

Admiramos dúas tallas do gran Gambino, compostelán fillo dun italiano que participou activamente na construción do Pazo do Faramello. Gambino deixou un San Xosé e, como non, un San Xoaquín, en honor aos que capitanearon a e remataron a obra. Neste punto podemos relembrar un dito popular: “Se hai un San Xaquín debería haber unha Santa Ana”. Pois haina, moi ben caracterizada; completan a imaxinería unha Virxe das Dores, unha Inmaculada e a do Amparo, xa referida como patroa de Valencia.

(Arqueiro. Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. Foto de Luis Javier Rodríguez González)

Dispón de varias e interesantes pinturas murais e dunha serie de confesionarios: hai media ducia, dous incrustados no muro, co nome de San Xosé e San Xaquín, e logo hai catro exentos coa representación dos  tetramorfos (Marcos, Xoán, Lucas e Mateo).

Saímos de alí por unha preciosa fraga que nos leva a meditar sobre o noso patrimonio e a súa conservación. Quedamos convidados á “Festa da rosquilla”, que fan os propios veciños e se celebra o Domingo de Pascua, seguro que resucitan a máis de un.


 

De aquí voltamos polo mineiro Campomarzo e pasando de preto por Ansemil, que ben merecería outra visita. Dirixímonos cara ó curso do Deza, xa o escoitamos ao lonxe, caudaloso e impetuoso amenizando a tranquilidade deste magnífico bosque de ribeira.

Chegamos a Carboeiro, emprazamento moi digno e traballado, acarantoñado e abrazado polo Deza, tan preto de todo e tan lonxe; a non moita distancia está o poboado mineiro do Fontao dos anos 50 e incluso máis preto da línea do AVE, pero aquí non chegou nin a luz eléctrica.

Moitos de nós xa estivaramos nel, Xesús Borrajeiros será o noso cicerone. Forma parte dun grupo de xestores do patrimonio que dan a coñecer diversos monumentos: Breixa, Ansemil… Teremos que voltar a contactar con el.

Non é unha visita calquera, sentímonos VIP, sobre todo porque conecta connosco á velocidade da luz eléctrica e vai debullando sobre o edificio as diferentes hipóteses construtivas; ameno, culto, ben preparado e razoándoo todo, iso si, moi ben interiorizado. Todos saímos abraiados do seu bo facer, quedamos con ganas de máis, e se voltamos pola zona contactaremos con el. Non é preciso falar da importancia capital de San Lourenzo de Carboeiro desde os séculos centrais do medievo. 

(Restos de pintura no mosteiro de Carboeiro. Esta e a anterior, tamén de Carboeiro, ao igual que a de abaixo, son fotos feitas por Luis J. R. G.)

 

Xesús parece descendente daqueles obreiros, canteiros, carpinteiros deseñadores dos acimbres que fan de alicerces para as distintas solucións arquitectónicas. Tamén puidera ser descendente dalgún dos nobres vinculados co mosteiro, o seu apelido destila nobreza. Igual estivo cando decidiron facer a transición do románico ao gótico. Tamén debeu ser testemuña ocular do inzado de arcos, bóvedas e demais.


 

Son dignos de mencionar os seus coñecementos e o seu modo de transmitilos.

Vai chegando o mediodía, baixamos a coñecer a Ponte do Demo, importante elemento de comunicación das dúas bandas do río. Voltamos ao autobús donde nos agarda Ricardo, un charrúa curtido en mil estradas e corredoiras da nosa xeografía, simpatía, xentileza e bo trato do volante, un máis da nosa empresa de cabeceira, Autos Rico.

 

(Portada do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. Faltan os Tetramorfos: están nun museo de Barcelona. Nos tempos que corren ben podían volver ao seu lugar orixinal)

 

Durante un anaco acompañamos o discorrer do Deza ata Merza admirando a Ponte da Carixa e a súa área recreativa, para dirixirnos a Codesedo na lalinense parroquia de Doade.

A nosa singradura lévanos polo cerne de Galicia, achegámonos a estación ferroviaria de Lalín e de alí diríxímonos a esta aldea singular, singular polo gran museo etnográfico co que conta, máis de 4,500 pezas que unha familia empezou a colecionar a finais do século pasado, máis dun cuarto de século dándolle xeito e vida á Casa do Patrón, un auténtico vademécum etnográfico distribuído por distintas casas e construcións, incluso por unha capela levantada ex novo para acoller unha interesante mostra de etnomedicina e haxiografía.

Visitamos a taberna, a casa, o tear, os distintos oficios, a escola,  aparellos para diversas tarefas: sulfatado, malla, colleita, trilla… Canto e tan bo!

 

(Castro de Doade)

 

Tamén nós acompañan a visitar un castro, outra descoberta da man do “patrón”, vese que sabe do que fala, foi partícipe das diferentes catas e traballos, chámaselle a cada cousa polo seu nome, algo importante é o tempo de habitación desde o século V antes de Cristo ao IV e despois, mil anos de nada. Alí converxen a Idade de Ferro e o Mundo Romano.

Non deixaremos esta crónica sen falar do Cocido que nos ofreceron nunha sala do museo, rodeados de grades, gadañas, fouces, arados, xugos, uncidas, corozas… A presentación faise en digno material da terra: pratos, cuncas, pocillos de barro. No seu punto, as carnes co gusto propio das terras de Lalín, por algo se lle chama cocido de Lalín. Dúas verduras: nabizas e repolo, un invitado castelán (os garabanzos), e de sobremesa café de pucheiro ou de pota con gotas espirituosas do zume das alquítaras e alambiques, filloas e leite frito.
 

(Xantar na Casa do Patrón)


 


Desde aquí damos as grazas por todas as súas atencións, especialmente a señora Lola, “patroa” dos fogóns e a todo o equipo de cociña e do museo.

Pasamos unha xornada magnífica e todos levamos os nosos petos cheos de curiosidades e gana de coñecer máis.

Vémonos nas próximas saídas do “Eusebio sen conservantes”, xenuíno onde os haxa.

 

Antonio Fondo, profesor do IESP ‘Eusebio da Guarda’.

venres, 11 de novembro de 2022

AS GRANDES DAMAS DO ENSINO

 

AS GRANDES DAMAS DO ENSINO

Ana María Romero Masiá

 

(Foto tirada da web da Real Academia Galega)

 


 

Acaban de nomear académica correspondente da Real Academia Galega a historiadora Ana María Romero Masiá. Un nomeamento merecido. Ana María Romero foi catedrática de Xeografía e Historia moitos anos no coruñés Instituto ‘Monte das Moas’, centro que dirixiu un tempo e onde se xubilou. Tamén traballou en Ferrol (desde 1977 ata 1988). E durante un ano exerceu de profesora agregada no noso centro. Feito do cal nos congratulamos e enorgullecemos. Fora no curso 1976-1977. 

(Celebración dos 120 anos de 'Instituto da Guarda'. Ana María Romero Masiá está acompañada do daquela Reitor da UDC, José María Barja Pérez. A foto é xentileza de J.C. Rivas)

 
(Ana e o profesor Emilio Insua)

Impartía aulas no diúrno e mais no nocturno e tiña coma xefe de departamento ao tamén historiador Antonio Meijide (a quen anos máis tarde lle dedicaría unha semblanza: “Antonio Meijide Pardo (1917-2004. Docencia e Investigación Histórica ao servizo de Galicia”, artigo publicado na nova andaina da revista Cornide, nº 1, 2018, p`. 123-151). Daquela era directora do noso centro María Muruais Lamas. Ana Romero participou -coma membro máis novo do claustro- na mesa de elección do novo director, Jesús Almuíña Loeda. Recorda a nosa homenaxeada anécdotas daquel tempo: por exemplo, nalgunha ocasión o profesor de relixión, Enrique Chao Espiña, cando a vía tan noviña na sala de profesores, dicíalle: Neniña, isto é para profesores, as alumnas non poden entrar aquí. E Ana María tiña que relembrarlle que ela era unha profesora.

 

(Ana María na época en que exerceu a docencia no noso Instituto. A foto é xentileza da homenaxeada)

No remate daquel curso no ‘Eusebio’, A. Romero decidiu preparar a cátedra, era o tempo, recorda para nós, en que Jose (Pose Mesura, que en paz estea) facía a mili, patrullaba en El Pinzón.

(Outra foto dos actos de celebración dos 120 anos de Instituto. Entre as autoridades académicas -Presidente da Real Academia Galega, Reitor da Universidade da Coruña... e municipais -Alcalde da Coruña- aparece o relembrado J. Pose Mesura, en representación do Estado)

 

Da súa obra, rica e rigorosa, e dos seus méritos pouco podemos engadir ao que xa está escrito. Hai, iso si, que irlle lendo aos pouquiños todo canto ten publicado. Relativo ao noso Instituto, habédesme de permitir que chame a vosa atención sobre os seus traballos sobre mulleres que pasaron polo noso centro: son nomes importantes para a historia da Coruña e para a historia de Galicia. A. Romero estudou a vida e obra de María Barbeito Cerviño (alumna que fora deste Instituto), de Mercedes Tella (tamén alumna deste Instituto); investigou e publicou sobre as primeiras alumnas do Instituto da Coruña e, en colaboración coa tamén profesora do centro, Aurora Chavert Díaz, sobre as primeiras profesoras do mesmo.

(O que fora Xefe de Departamento no centro da profesora Romero Masiá, A. Meijide. A foto, coma as de abaixo, é da colección Bartolomé-Chavert)   

 

Da Coruña ten escrito sobre as cigarreiras, sobre a súa evolución urbanística, sobre o asociacionismo feminino progresista, sobre o republicanismo coruñés etc. Sobre Galicia son importantes, ao noso ver, o seu libro sobre o traballo das mulleres conserveiras e salgadeiras e, desde logo, a súa contribución sobre a presenza de Galicia nos textos clásicos, sen esquecer algo transcendental: Ana M. Romero Masiá foi a primeira muller en dirixir unha escavación arqueolóxica, a do Castro de Borneiro, durante bastantes anos, por certo.

 

(Curso 41-42. Nesta foto aparecen profesoras do Instituto estudadas por A. Romero nalgunha das súas numerosas publicacións)

 

Santiaguesa de nacemento, coruñesa de corazón, a Ana María Romero Masiá só nos resta desexarlle longos anos de frutífera vida. 

 

(Promoción do 31-37. Profesorado e alumnado. Tanto as primeiras alumnas como as primeiras profesoras foron temas da investigación desta gran dama do ensino. Foto da colección Bartolomé-Chavert)