domingo, 24 de febreiro de 2019

Galicia inmorrente


ONOMÁSTICA ROSALIANA




Un ano máis celebramos o nacemento de Rosalía de Castro. Día grande para Galicia. Mañá o noso Instituto celebra o Maratón de Lectura tamén na súa honra. Nós imos viaxar polos seus libros na procura dos nomes propios que escolleu para os seus personaxes. Un pracer a relectura. Un pracer reencontrarnos con ela entre a paixón romántica, a necesidade de amar e ser amado, a incrible capacidade de ir e vir a través de sentimentos contraditorios, inverosímiles en moitas ocasións e mais sempre humanos, ao cabo. A constancia, unha vez máis, de que a santiaguesa universal e nosa leu libros e libros. Unha autodidacta en certa medida, unha aplicada discípula do seu esposo e mentor noutra medida certa, unha poderosa mente da cabalo entre séculos, entre ideas vellas e ideas novas, entre conservadurismo e machismo burgués e progreso (burgués e non burgués).

LISTAXE DE ABREVIATURAS (dos libros, relatos e artigos rosalianos manexados):
CB: El caballero de las botas azules
CG: Cantares Gallegos
CON: Conto Gallego
EC: El cadiceño
F: Flavio
FN: Follas Novas
HM: La hija del mar
L: Las literatas
LF: La flor
OS: En las orillas del Sar
PL: El primer loco
R: Ruinas
CORPUS MANEXADOS:
BVC: Biblioteca virtual Miguel de Cervantes. http://www.cervantesvirtual.com/portales/rosalia_de_castro/su_obra_catalogo/
COD: CODOLGA (Corpus Documentale Latinum Gallaeciae. http://corpus.cirp.es/codolga/)
CORDE: Corpus diacrónico del español. <http://www.rae.es>
CORPES: Corpus del español del siglo XXI. http://www.rae.es
CREA: Corpus de referencia del español actual. <http://www.rae.es>
T: TILG (Tesouro informatizado da lingua galega (Versión 4.1). Santiago de Compostela:  Instituto da Lingua Galega. http://ilg.usc.es/TILG/)



LISTAXE DE NOMES:

Abel (HM, refírese ao personaxe bíblio: Cuando Adán vio por primera vez el [cadáver] de su hijo Abel, debió de gritar despavorido, como lo cuenta Byron: “¡La muerte está en el mundo!”)
Adán (FN, refírese ao personaxe bíblico: est’ é un remedo do [paraíso] que perdeu Adán) (OS: del barro de Adán...) (F: Él, como el Adán de Espronceda, quiso palparlo todo...)
Adriana de Cardoville (estábase [a señora de Vinca-Rúa] una tarde reclinada sobre el sofá pensando en su desgracia y en las rarezas de Adriana de Cardoville que había sabido hacerse amar de Jdalma, CB). Trátase dunha personaxe literaria: Adriana de Cardonville pertence á novela Le juif errant ‘O xudeu errante’ de Eugène Sue, publicada en 1845.
Alberto Ansot (HM) ( no T  este nome, de orixe xermana, aparece 201 veces; no COD, 8)

Álvaro (FN)  (número de concorrencias bastante alto noT,  770; no  COD 472)

Ambrosio (CB: no libro é un poeta)(Concorrencias: COD 2, T 115)

Andrea (F: La tía Andrea) (COD 142, pero masculinos; T 589, desde Sarmiento; é un nome de orixe grega).

Andrés (HM) Orixe grega. Como hipocorístico aparece Andruco, en CON. Concorrencias: Andrés: COD 25, T 2161; Andre: COD 62; André: T 154. Habería que restar: -22 S. Andrés, -436 San Andrés, -67 Santo André. En total quedarían 1790 concorrencias. De onde deducimos que é un nome moi usado en Galicia.

Ángela (HM), Ánxela (FN) Orixe grega. Concorrencias: Ánxela: T 253, Ángela T 10.

Antón (FN) (EC) (CON). Orixe probablemente itálica, aínda que non faltan estudosos que relacionan este nome co do rei tarteso Argantonio. Concorrencias: T 3110 – 380 concorrencias do santo = 2730. Moi usado tamén. Arestora podedes ler nas páxinas da Academia, na sección Tribuna un interesante artigo de Antón Santamarina titulado “O ‘Antón’ de D. Antonio Fraguas.

Antona (CG,  FN). É o correlato feminino do anterior, con quen comparte, xa que logo, a orixe. Concorrencias: T 181.
Argelina (LF) Vemos no COD unha serie de nomes masculinos que comparten a raíz: Argello, Argemiro, Argemundo, Argericus, Argerigo, Argeta, Argeva, Argevado, Argevito; nomes femininos: Argeleovo, Argeleuba, Argeleube -datación antiga, 883-,  Argelo -varias veces, por ex. datado en 1025 en Coímbra: esta podía ser a base do diminutivo Argelina-, Argelon -abadesa, Sobrado, datado o documento en 996). Vistos os xermanismos medievais,  e visto que o nome rosaliano ben podía ser un derivado do xinecónimo medieval Arxelo, podiamos pensar na raíz xermana: Arx- , pero preferimos a relación co grego árgyros "prata” e daquela o nome viría ser unha variante do tamén antropónimo Arxentina. O nome Argelina é raro, inusual: só unha concorrencia como nome propio no CREA (onde se fala dunha tal Argelina Lorenzo nacida en 1923, mentres que no CORDE as 3 concorrencias aluden ao personaxe rosaliano). No T, 0 concorrencias.
Argos (HM: El cómo burló aquel Argos de cien ojos; refírese ao xigante con cen ollos da mitoloxía grega).
Armida (F, ¿Quién sabe si alguna misteriosa Armida trataría de atraerle con tan dulces sonidos...?). Refírese á personaxe de Torquato Tasso: na súa obra, Xerusalén liberada, Armida é unha especie de bruxa sarracena que debe asasinar a Rinaldo pero namora del e, como fixera Circe con Ulises ou Viviana con Merlín, enguedéllao nunha fraga ou xardín encantado.
Avelina (F). Nome de orixe hebrea, formado sobre Abel. Concorrencias: T 140; no COD documéntase Abelio.

Berenice (PL, a amada de Luis). Dille a xitana que no se llama Pepa, ni Juana ni Antonia, sino que tiene el nombre tan enrevesado como las intenciones... O nome vén do grego Bereníkē ‘portador da vitoria’. Nome inusual, moi literario: 6 concorrencias no T, todas literarias ou mitolóxicas.

Bertoldino (na frase mas tonta que Bertoldino, en CB).

Bras (CG) (latino), Blas (CB, é o sepultureiro). É nome de orixe latina. Concorrencias: T: Bras 332, Blas 89, Brais 234 -98 = 457. Bastante frecuente en Galicia. (Relembrade que as restas numéricas son sempre por S./San/Santa + nome).

Braulio: (R ). Posiblemente de orixe xermana. Concorrencias: T 167.

Bruto (OS: triunfo de los Brutos). Refírese ao personaxe histórico, Marco Bruto que encabezou a conxura para matar a César. Bruto aparece como personaxe literario, por exemplo na traxedia Xulio César, de Shakespeare, escrita a finais do s. XVI.

Caín (OS: como Caín el maldito). Refírese ao personaxe bíblico.

Camilo (CG). Nome de orixe prelatina. Xa traballamos algo este nome neste blog -data martes, 20 de marzo de 2018, a propósito de Camanzo-. Aí podemos ver que para os estudosos galos o nome é, en orixe,  un teónimo celta. Na epigrafía hispana é moi abundante esa raíz. Máis no oeste peninsular, pero tamén na outra banda do Iber-Ebro: mirade esta inscrición de Tarragona onde documentamos o masculino e o feminino: D(is) M(anibus) / Camilius / Saturnalis Ca/mili(a)e Natul(a)e pat/ron(a)e merentissim(a)e / fecit (en Hispania Epigraphica, http://eda-bea.es/pub/list.php?refpage=%2Fpub%2Fsearch_select.php&quicksearch=camil). Concorrencias: COD 6, T 401 -1 = 400. Xa vedes que non é infrecuente en Galicia. Na nosa familia valdeorresa, durante varias xeracións, sempre houbo unha Camila (todas mulleres dunha innegable beleza, por certo).

Candora (HM). Non o documentamos: só 1 concorrencia no CORPES como nome común. Parece inventado sobre Cándida e Pandora, por cruzamento.

Carlos (CB) (T 1262- 52 = 1210)

Casimira (la hermosa, la rica... adorada de todos) (CB) (T 4)

César (OS: asesinados los Césares)

Concha (CB) (T 222)

Corina (FN, dentro dun tópico, pasou o tempo das Corinas, 483). Refírese presumiblemente á poeta grega lírica do s V a. C.: debe querer simbolizar o lirismo amoroso feminino prototípico, como aquelas que cantan as pombas e as flores.

Daniel (HM). Nome bíblico, é de orixe hebrea. Daniel era aquel profeta que interpretaba de marabilla os soños. Entre nós é bastante abundante  -T 469-; lembremos a beleza imponderable da escultura do Daniel románico catedralicio e compostelán.
Diego (CB). Nesa obre é un personaxe principal, amado de Dorotea, el duque de la Gloria. Concorrencias: T 685. É unha cifra importante (lembremos aquí os paseos da nosa infancia, cando o noso pai nos levaba da man ás ruínas do coruñés castelo de san Diego).

Dorotea (CB). Nome non moi abundante en Galicia. Nome de personaxe cervantino, e lopesco tamén. Concorrencias: T 27. En grego significaba ‘agasallo de Deus’, como Teodora. Ese doros ‘agasallo’ podedes ver que entra en varios nomes propios: Apolodoro ‘agasallo de Apolo’, Isidora ‘agasallo de Isis’, Heliodoro ‘agasallo de Helios’ etc.

Eduarda (L). Nome moi pouco frecuente na versión feminina. No T só documentamos un caso. Eduarda Pondal era unha boa amiga de Rosalía. E morreu nova. Eduarda, a irmá do famoso poeta, foi madriña do tamén poeta Vitorino Abente Lago, e doutros dous irmáns del (supoño que un deles foi o médico que lle dará nome ao hospital coruñés). O bardo, Eduardo, igualmente foi padriño dunha curmá chamada Eduarda, un nome que se repite nesas familias amigas (datos tirados de “A Muxía de Rosalía”, de M. Vilar Álvarez, en: http://www.terraetempo.gal/print.php?artigo=2988

Esmeralda (PL: -Nunca [he oído hablar de Esmeralda], y eso que el nombre no es, en verdad, común en el país. – No era este su nombre de pila, sino simplemente un apodo; pero nadie la conocía jamás sino por Esmeralda...). É un nome que podemos cualificar de literario. Esmeralda é a famosísima personaxe de Víctor Hugo. Tamén é a protagonista, de forte personalidade, de Contra Morte e Amor de Marina Mayoral.

Esperanza (HM). Nome de orixe latina. Na doutrina católica é unha das tres virtudes teologais, xunto coa Fe e mais a Caridade. Concorrencias: non pasan de 20 no T.

Eva (FN, 2 veces dentro dunha unidade fraseolóxica:  fillos de Eva, ningún fillo de Eva). Dedícalle un poema, “Mas ¿qué nube es aquella que, elevada,”, en BVC. Concorrencias: T 397, pero se descontamos as referencias tópicas, non chegan a un par de centos.

Farruco (CG, 2 veces). Concorrencias: T 1437 + 219 Farruquiño. É un nome tradicional, común noutrora.

Fausto (HM). Se exceptuamos as referencias literarias ao personaxe de Goethe, no T hai unha ducia de casos. Sen dúbida ningunha Rosalía coñece a obra do alemán, son abundantes as referencias a Mefistóteles ao longo da obra rosaliana.

Felipa (CG). Concorrencias: T 33 + 1 Filipa. No que nós sabemos é máis abundante este nome no ámbito luso-brasileiro.

Flavio (F: Me llamo Flavio Leonardo de Bredivan). Non podemos deixar a un lado a relación deste nome coa familia Flavia, latina, que dá lugar ao tan rosaliano topónimo de Iria Flavia, cantado pola poeta... Relembremos: ¡Cuán hermosa es tu vega! ¡Oh Padrón! ¡Oh Iria Flavia!, en OS. Concorrencias: T 16. Non é un nome popular.

 (Esta novela rosaliana foi editada e estudada por María Celia Armas, quen fora profesora de lingua e literatura galegas no noso Instituto: tanto ela coma a súa tía, María Pilar García Negro, deixaron unha grata lembranza tras o seu paso polo 'Eusebio da Guarda').

Francisco de Bredivan (F). Concorrencias: T 2094 – 382 = 1712. Non está nada mal. Nome frecuente, xermano, é na orixe un etnónimo.

Guillermo (F) (Guillermo Tell, citado en R). Concorrencias: T 120 + 213 Guillerme -12 = 321. Bastante usado.
Hércules (HM, pondera a fortaleza, aludido nunha cita literaria)
Homero (HM, refírese ao aeda grego, cita literaria)
Inés (LF). Dedícalle un poema á galega Inés de Castro: “Dende as fartas orelas do Mondego”, en BVC, http://www.cervantesvirtual.com/portales/rosalia_de_castro/obra-visor/poemas-sueltos--0/html/feed62a0-82b1-11df-acc7-002185ce6064_2.html#I_12_). Concorrencias: T: Inés, 544; Einés, 5, -2 = 547. Relativamente común.

Inocencia (“bisnieta de un emperador de origen ruso”, CB). Concorrencias: T 2. Nome raro.

Isabel Salgado y Peñaranda (R). Concorrencia: T: 436 -50 =386 Isabel,  + 1163 Sabela, + 111 Sabel + 188 Sabeliña. En total, 1848 concorrencias, unha frecuencia alta.

Jesús (OS, refírese a Xesucristo: implorando remedio de Jesús) (F: le decía como Jesús a Lázaro: “¡Levántate

John (FN, trátase do xeneral inglés Sir John Moore, morto na batalla de Elviña o 16 de xaneiro de 1809)

Jorge (CB, moi secundario). Concorrencias no T: Jorge 101, Xurxo 733 -feitas xa as restas-, Xurdo 6.

Julia (R). Concorrencias: T 44, Xulia 190.

Juliana (CB, fillas do que Rosalía chama la clase media). Concorrencias: T 1, Xuliana 82.

Laura (CB). Concorrencias: T 364.

Lázaro (refírese ao personaxe bíblico: que, como Lázaro, ¡Dios bueno!, resucite a la vida que ha perdido, OS; 2 veces).

Lola (CB) (fillas do que Rosalía chama la clase media). Concorrencia: T, 510.

Lorenzo (HM) (CON). Concorrencias: T 492 + 568 Lourenzo. Nome popular.

Luis (F) (CB, chámanlle coplero) (PL). Concorrencias: T   2318      + Lois 581 = 2899 (descontados santos). Ocupa o cuarto lugar entre os máis frecuentes dos nomes masculinos rosalianos.
Madalena (FN, dentro dunha imaxe: cal chorou...)
Manuela (CG). Concorrencias: T 410 + 167 Manoela = 577, + 5 Manola, + 14 Manueliña, + 16 Manolita, suman un total de 612.  Ocupa o segundo lugar entre os máis frecuentes dos nomes femininos rosalianos que estamos examinando.

Mara (F). Concorrencias: T: 30. Ferro et alii , en Diccionario dos nomes galegos, din que pode ser o correlato feminino de Amaro, un hipocorístico de María ou de Anxos, e relembran tamén que é un nome bíblico (aparece no libro de Rute, co valor de ‘aflita’). E tamén pode ser acurtamento hipocorístico de Amara, nome este que Rosalía lle puxo a unha das fillas (Amara Honorata Mª del Carmen).

 (Igrexa de san Ildefonso, en Madrid, onde Rosalía e Manuel casaran. Todas as fotos foron tiradas de Internet)


Marcelina (R), Marcelina la Blonda (CB, frecuenta los salones de la condesa Pampa: Marcelina la criolla). Concorrencias: T: 24. É pouco común na versión feminina.

Margarita (título dun poema de OS) (CB) (Margaridiña, CON). Concorrencias no T: Margarida 429 + 112 Margarita + 20 Marga + 3 Margaridiña + 20 Margot + 2 Margariña, - 46, -20, -8, -2 = 510. Bastante frecuente. A santa con este nome ten lenda na Coruña ártabra, recollida hai anos por un dos Carré: había tres irmás santas que mandaron facer tres capelas e cada unha daba vistas ás outras... Eran santa Marta, santa Icía e santa Margarida.

Mariana, Marianiña (FN), Mariana (CB). Concorrencias: T 269, Marianiña 10. Frecuencia non desprezable.

María (FN, 3 veces) (F, vella sirventa)(R) (María, cociñeira, en L). Concorrencia: T 6121, Maruxa 445, Marica 1124, Mariquiña 273,  -920. Este é, con diferenza, o primeiro nome feminino na escala de frecuencia dos estudados.

Marica, Mariquiña (CG, 4 veces; FN), Mariquita (CB) (Mariquiña, CON), Marica (“Unha boda na aldea” BVC)

Mateo (Mestre Mateo, FN). Concorrencia: T 366, - 33.

Mauro de Bredivan (F); Mauro (CG). Nunha das cartas que lle escribe Rosalía ao seu esposo e falando da climatoloxía de Santiago, dille que hai un tempo ese día como o que ela describe tamén falando de Santiago en Mauro. Nós non coñeciamos esa obra súa e comunicámonos con María Pilar García Negro, profesora que foi do noso Instituto e preguntámoslle por Mauro. Amablemente nos informou de que era o título do libro que inicialmente Rosalía lle tiña pensado poñer ao que finalmente foi publicado como Flavio. San Mauro é o patrón do Barco de Valdeorras. Na igrexa ben situada dedicada ao patrón casaron nosos pais e fixeramos nós a primeira comuñón. Concorrencias: T 541, -19. Bastante común.
Mefistófeles (OS, refírese ao personaxe literario: fiel amigo del mal, Mefistófeles; 2 veces) (risa a lo Mefistóteles, CB).
Melchor (CB). Concorrencias: T 102.

Mercedes (CB). Concorrencias no T: un par de centos.

Miguel (HM, refírese ao arcanxo, la flamígera espada que Dios puso en las manos de Miguel)

Minerva (R) (templo de Minerva)

Minguiño (CG). É o hipocorístico, xunto con Mingos, de Domingos (T Minguiño: 25, Minguiños: 85).
Napoleón Bonaparte (R)
Nicanora (L). Nome pouco frecuente na variante feminina, hai só 4 casos no T.

Pedro (CG) (CB:  Perico en boca da irmá, Dorotea) (PL). Concorrencias no T: 5942, -47, -1038, -6 nin bo Pedro, unha frase feita, -1 nin qué Pedro, frase feita = 4850. É o 1º entre os nomes de home.

Penélope (OS: dentro dun símil: semejante a Penélope, / tejo y detejo sin cesar mi tela)

Pepa (FN). Nome sumamente común: hai 717 no T.

Periquillo (R) No T hai un caso, pero é un microtopónimo.

Ramón (BVC: “Unha boda na aldea”) Concorrencias no T: 3146 -109 = 3037. Ocupa o terceiro lugar de frecuencia entre os nomes masculinos.

Regina (poema homónimo, publicado no Heraldo Gallego, nº 101, 9 decembro 1875). Hai 12 concorrencias no T 12.

Ricardo (F) (xermano), Ricardito Majón (CB). Nome de orixe xermana, relativamente común. No T: 541 concorrencias.

Rosa, Rosiña (CG, 3 veces; FN, 3 veces; F) (Rosa, en CB). Concorrencias no T: Rosa, 3891 -sen filtrar os nomes comúns, da flor-,  -16 santa Rosa; Rosiña, 802. É nome común.

Tántalo (en cita culta, el suplicio sin término de Tántalo, OS)

Teresa (HM). Teresa era o nome da nai de Rosalía -María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía-, a quen lle dedica un poemario. Concorrencias:  T 302, -43; Taresa 162 -1; Tareixa 131 -3; Tereixa 54 -4.

Vidal (CG). Pode ser usado como apelido pero tamén como nome de pía. Vidal ou Vital vén do latín vitalis ‘vital’. Aparece ben documentado como nome propio no T.

Xacinto (CG, 3 veces)(é o mestre en “Unha boda na aldea”, BVC). O seu hipocorístico é Chinto. Tradicionalmente é nome bastante usado en Galicia. No T hai 672 concorrencias, que son moitas; Chinto, 495.



Xan (CG, FN) (Juan: R) (Guanito, barbeiro, en L) (CON). Concorrencias no T: Xan 4596, -38 Un Xan -frase feita-, -4 nin bo Xan nin bo Pedro -frase feita-, -49 S/San Xan, -3 frases feitas con Xan de Outeiro, -9 Xan Paisano = 4493. Ocupa o 2º lugar en frecuencia entre os nomes de home.

Xaquín (FN). Concorrencias: T 653 -5; Xoquín 101; Xoaquín 108.

Xuana (FN) (la Guana, EC). Concorrencias no T: Xuana 498, Xoana 285. Bastante común.

Zuma (é mouro, axuda de cámara do duque de la Gloria, CB). Documéntase como apelido 3 veces no CREA, unha vez no T como apelido africano do Presidente surafricano; é apelido, pero pode ser nome de pía: Zuma Nesta Rock Rossdale, fillo de Gavin Rossdale e Gwen Stefani. De orixe árabe, significaría ‘paz’.






:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
NOTA: Deste pequeno estudo dos nomes rosalianos, excluímos mencións tópicas a santos (santa Margarida, san Antón etc.) e advocacións marianas (Virxe da Asunción, das Mercedes, da Barca etc.; de Atocha nas novelas que transcorren en Madrid), e excluímos prólogos e dedicatorias.




mércores, 13 de febreiro de 2019

LENDO A


LENDO OS NOSOS HUMORISTAS


DA LIBERDADE DE EXPRESIÓN



En xaneiro, en lembranza das mortes doutro xaneiro (do 2015) naquel atentado á revista ‘Charlie Hebdo’ en París, no noso Instituto foi organizada unha exposición sobre humorismo gráfico, algo do que os galegos (e outras tribos hispanas tamén) sabemos moito. Asemade, ese día encheuse de alumnado de cuarto da ESO o nobre salón de actos-paraninfo sempre fermoso e cheo de cromatismo e luz (acabamos de ver as fotos da escritora Estíbaliz Espinosa e os seus vitalistas e amables comentarios dedicados nas redes sociais a todo o alumnado do Eusebio...).



Léronse manifestos. A profesora de galego, dona María Teresa Pastor Novo, e varias alumnas e algún alumno de cuarto da ESO, leron os seus escritos. A min gustoume especialmente o de Martina Roel, cheo de paixón.



Hai que ter algo de paixón polas causas nobres, e ás veces polas causas de difícil amaño (non quero dicir perdidas, aínda que teña ese adxectivo un punto de heroico, de desmitificador, de poético). Pretendo insuflar enerxía e ánimo no progreso da especie. E no progreso de nós. A tribo hispana ou ibérica. Algo avanzamos: desde Valle-Inclán (-¡El mundo se arregla pegando fuerte!, dille o Cabalo de Espadas ao rucio de Sancho, nunha escena en que as tropas saen batendo marcha dos seus cuarteis, en  La corte de los milagros), ata X. M. Martínez Oca (“Vaste poñer de xoenllos agora mismo e pedirlle perdón a Franco. (...) De xoenllos, maricón!”, palabras dun policía da época, un gris a un detido sen causa, un coitado que nin sabe que é o que debe “confesar”, en A fuxida, novela publicada en 1980), algo avanzamos no camiño da liberdade.



Botouse en falta quizais un pouquiño de debate. Non houbo tempo. Esa é a verdade. Había que volver ás aulas. A educación ten as súas esixencias co horario. Nós, amigos e familia, si que fixemos debate e tertulia. O tema é delicado e complexo se queredes... Está a liberdade de expresión por riba de todo? Podedes reflexionar se gustades. Supoño que como en todas as grandes cuestións na convivencia e da existencia humana haberá que contemplar e harmonizar contrarios: un pode comprender, usando o sentido común, a prudencia e outras virtudes ou consideracións, que o respecto e a tolerancia son igualmente importantes. Como tamén todos entendemos ben que o papel é papel e a bala real que mata é outra cousa. Sempre vos dixen, aos que fostes meus alumnos, que usedes o sentidiño: se sabes que son un ser con espírito relixioso non blasfemes brutalmente na miña presenza: non podo nin debo mandarte ao paredón nin esaxerar no castigo nin suspenderte só por iso, pero tampouco valorarei a túa actitude coma boa; se sabes que son galeguista, que amo,  vivo e gaño o pan ensinando o idioma do vello reino, non me digas á cara brutalmente que esta lingua non vale para nada nin serve para a elevada expresión do pensamento (por dicir algo suave). Non é nin prudente nin intelixente. E se nas Probas da Selectividade (as ABAU chámanlles agora, Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade) tendes que opinar sobre unha cuestión na que todos sabemos que hai un posicionamento de esquerda e outro de dereita, procurade saber argumentar a un lado e ao outro e chegar a unha especie de medio pragmático se podedes.



Con isto non vos digo máis. Salvo talvez que cada un debe dar aquelas batallas nas que ten a súa cota de poder. Na alta política non entremos. Pensemos, iso si, que algún día igual podemos entrar: aprendamos a ser. Non nos deixemos manipular. Pero combatamos no día a día as pequenas inxustizas nas que si podemos dicir algo, ou como mínimo, sexamos conscientes de que o son: bloqueos da libre expresión. Frasemas bloqueadores: Ti cala, que non sabes o que dis. Por exemplo.

Parabéns aos profesores que participaron nesa valente e importante experiencia académica.




 (Todas as fotos foron feitas por Charo Soto)