luns, 24 de febreiro de 2020

ENTREVISTA


ENTREVISTA A MULLERES QUE AMAN A ROSALÍA: PROFESORA KATHLEEN MARCH


Mª R. Soto: Este 24 de febreiro, día en que celebramos o nacemento de Rosalía de Castro, como levo un tempo vivindo en Alabama, era a miña idea falar da presenza da obra rosaliana nos EEUU, a través dos libros que se poden ler nas principais bibliotecas deste país, pero dándolle voltas ao tema -Rosalía nos EEUU- penso que a mellor homenaxe podería ser que vostede, persoalmente, como óptima representante da intelectualidade estadounidense interesada en Rosalía, se dirixese aos lectores do blog. Díganos, por favor, para empezar: en que Instituto estudou vostede? Garda gratas lembranzas dalgún profesor en concreto?

Kathleen March: O instituto fica moi lonxe. Estudei en Palmya-Macedon Central School, perto de Rochester, NY, onde nacín. O ter estudado latín (e a profesora de latín non era precisamente simpática; tratounos con dureza e fumaba) foi a porta para o estudo do castelán e mai-lo portugués, francés e italiano na universidade. Penso mais nos títulos universitarios, BA en Españo, MAH in Latin American Studies, MA en Español, PhD en español, todos da Universidade de Buffalo (NY). Logo fixen outro doutoramento en Creativity, sendo profesora de Lingua e Literatura en Español na Universidade de Maine (Orono).

 (Kathleen March en Santiago de Compostela, rodeada por Belén López e Pilar García Negro. Foto propiedade de K. March)

Mª R. S.:  Como xorde o seu interese en Rosalía?

K. M.: Primeiro interesei-me pola obra de Manoel-Antonio, o poeta mariñeiro de Rianxo. A súa poesía vangardista foi como a dos vangardistas franceses e españois, e como a ultraísta do poeta Gerardo Diego, sobre o que traballei cunha bolsa Fulbright en 1977-78, en Madrid. Foi nise intre que coñecín un galego co que casaría no 79. Cando estaba en Compostela, na casa del e dos seus pais, comecéi o coñecemento da literatura galega - entre os autores, xaquelogo, estaba Rosalía. Mais ela fora posterior a Manoel Antonio, sobre o que publiquéi o primeiro artigo en galego, no 79.

No 1985 houbo o congreso de centenario de Rosalía e dixen-me que tiña que participar. Tamén no mesmo 85 organicei o primeiro congreso de Estudos Galegos en USA, en Maine. Os galegos sempre foron bos e xenerosos comigo e animaron-me a seguir traballando no eido da literatura galega, traballo no que o ter estudado portugués axudou imensamente.


Mª R. S.: Díganos, por favor, que traballo sobre Rosalía dos varios que vostede ten publicado, lle parece o máis aconsellable para que os nosos lectores o lean e valoren.

K.M.: Sobre Rosalía teño publicado varias cousas e traducido outras ao inglés. Tamén presentéi traballos en diversos congresos. De todos eles citaría o libro De musa a literata: El feminismo en la narrativa de Rosalía de Castro.  Está en castelán, porque daquela aínda vía eu a necesidade de espallar a idea do feminismo na autora para un público tradicional demáis no tema. Non o voltaría facer xa - todo o que fago no terreo do galego está ou ben en inglés ou en galego. O segundo traballo, do tema do que gosto de ter estudado, é o travestismo - “O travestismo na obra de Rosalía de Castro”. O tema trata o interese polo xénero na autora, pola roupa como mecanismo de ceibar ou limitar as actividades das mulleres. A roupa figura en outras escritoras, coma Georga Sand e como unhas americanas. Non é sempre o ‘cross-dressing’, senón a idea o traxe masculino que permite ter unha vida máis aberta, máis experiencias, máis viaxes.


Mª R. S.: Foi Rosalía unha feminista, unha muller coa mente máis avanzada do que a sociedade da época estaba disposta a tolerar?

K. M.: Todo o que penso sobre Rosalía feminista - e nazonalista! - está no libro de 1992. Non mudei en absoluto disa postura. Penso que só os non informados hoxendía van-se atrever a dicer que non o foi. Todos os críticos defenden a mesma postura e cito con moito agarimo os traballos importantes de Francisco Rodríguez e Pilar García Negro, amigos e mentores da miña viaxe rosaliana.

Mª R. S.: Está vixente hoxe en día a literatura rosaliana?

K. M.: No congreso de 1985, presentei un traballo (publicado nas actas) sobre a pegada de Rosalía nas escritoras contemporáneas. A autora segue a ser citada e segue a inspirar a moitas escritoras e escritores. A súa vixencia no mundo cultural galego dubido que desapareza. Citemos o recente libro de Anxo Angueira, Rexurdimento: a palabra e a idea (2019). O pobo galego ten a memoria moi longa, e fiel.

 (Kathleen March en Santiago de Compostela, acompañada de Armando Requeijo. Foto propiedade de K. M.)


Mª R. S.: Que está vostede lendo arestora, Kathleen?

K. M.: Agora estou a ler - e reler - obras recentes, moitas delas de mulleres, de diferentes idades: Marica Campo, Luz Pozo Garza, Eli Ríos, Emma Pedreira, Anxo Angueira, Miguel Anxo Fernández, Susana Sánchez Aríns e outros moitos. Non dou lido todo. Tamén ando cuns nomes clásicos, como Xohana Torres e María Mariño Carou. A lista que dou aquí está moi incompleta.


Mª R. S.: Que está vostede escribindo ou planeando escribir?

K. M.: Agora traballo arreo na tradución ao inglés, cuns títulos xa na rúa e outros sen publicar aínda. Vexo importante deixar feitas as traducións para o mundo anglosaxón e fareino até non poder facer máis. Teño a esperanza de rematar Seique de Aríns niste ano, logo outras obras, como outra novela de Angueira, mais unhas que están sendo baralladas. Sairán tamén uns poemas de Pozo Garza.

Se o tempo permite, faría algún texto de creación persoal, como microrrelatos ou a ampliación das miñas memorias, que lin no Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos en Madrid (outono 2018).

Finalmente, engadiría que gosto de facer libros de artista e que boa parte da miña obra plástica está inspirada en obras escritas en galego. É un xeito de tradución, dun medio artístico a outro, Esou moi satisfeita do que fixen para dous relatos de Marica Campo sobre a figura de María Balteira.

Non sei se a novela que levo tranallando dende hai unha década e que ten lugar entre Maine e Compostela, dareina rematada, mais a esperanza non morre. Xa veremos.

Mª R. S.: Moitísimas grazas, Kathleen, por dedicarnos parte do seu tempo. Desexámoslle longos anos de rica e produtiva vida!

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

NOTA:

A bibliografía de K. March podédela encontrar na páxina web do Consello da Cultura Galega, Álbum de mulleres.


venres, 14 de febreiro de 2020

A NOSA CASA


A NOSA CASA



Como sabedes moitos de vós, da nosa casa saíron alumnos que chegaron a ser persoeiros importates das artes, das ciencias, da política… Pero na nosa casa impartiron aulas persoas igualmente importantes neses e noutros eidos. Hoxe pararémonos un momentiño a celebrar -porque xa había tempo que non expoñía- a última exposición do noso ex colega e amigo José Luis Martínez Pereira, quen, durante moitos anos foi profesor de debuxo no Instituto.


(Todas as fotos, exceptuando o cartel anunciador, foron feitas pola nosa amiga e ex colega Mercedes Sampayo, a quen agradecemos a amabilidade)



Non é a primeira vez que falamos del neste blog. Relembremos que tivo noutrora a xentileza de concedernos unha entrevista (“Entrevistas aos amigos”, 21 de xaneiro 2014). A nós gústanos a súa paleta cromática e gústanos a conxunción ceo-horizonte-mar que ás veces percibimos na súa obra. A forma, a arte abstracta do mestre, non está divorciada da transmisión de sentimentos. 


Algúns deses sentimentos acoden á mente do artista nos solpores do verán en Perbes. Iso, seguro. Como tamén é seguro algo que sabemos, xa non da mente, senón do corazón do ser humano de quen falamos:  ten colaborado, xunto co seu amigo -xa en mellor vida- Felipe Criado, doando cadros para Mans Unidas. Tamén nos ten axudado, aos que daquela traballabamos no Eusebio elaborando unha revista escolar (Nós) con algunha portada. Sempre xenerosa e desinteresadamente. 


A obra de José Luis pódese ver nalgún organismo privado, mais tamén anima e alumea centros públicos, coma a biblioteca de Filoloxía da Universidade da Coruña. Nós non puidemos acudir persoalmente desta feita mais había unha morea de xente e se fostes, puidestes ver a moitos membros ou ex membros do claustro do Instituto: Pilar Amor, Irene Barros, Mari Carmen Cabana, Ascensión Cambrón, Javier Chao, Ezequiel Jabares, Isabel Roel, Mercedes Sampayo etc. A ocasión non era para menos.  Longos e produtivos anos para o noso artista santiagués!