venres, 14 de febreiro de 2020

A NOSA CASA


A NOSA CASA



Como sabedes moitos de vós, da nosa casa saíron alumnos que chegaron a ser persoeiros importates das artes, das ciencias, da política… Pero na nosa casa impartiron aulas persoas igualmente importantes neses e noutros eidos. Hoxe pararémonos un momentiño a celebrar -porque xa había tempo que non expoñía- a última exposición do noso ex colega e amigo José Luis Martínez Pereira, quen, durante moitos anos foi profesor de debuxo no Instituto.


(Todas as fotos, exceptuando o cartel anunciador, foron feitas pola nosa amiga e ex colega Mercedes Sampayo, a quen agradecemos a amabilidade)



Non é a primeira vez que falamos del neste blog. Relembremos que tivo noutrora a xentileza de concedernos unha entrevista (“Entrevistas aos amigos”, 21 de xaneiro 2014). A nós gústanos a súa paleta cromática e gústanos a conxunción ceo-horizonte-mar que ás veces percibimos na súa obra. A forma, a arte abstracta do mestre, non está divorciada da transmisión de sentimentos. 


Algúns deses sentimentos acoden á mente do artista nos solpores do verán en Perbes. Iso, seguro. Como tamén é seguro algo que sabemos, xa non da mente, senón do corazón do ser humano de quen falamos:  ten colaborado, xunto co seu amigo -xa en mellor vida- Felipe Criado, doando cadros para Mans Unidas. Tamén nos ten axudado, aos que daquela traballabamos no Eusebio elaborando unha revista escolar (Nós) con algunha portada. Sempre xenerosa e desinteresadamente. 


A obra de José Luis pódese ver nalgún organismo privado, mais tamén anima e alumea centros públicos, coma a biblioteca de Filoloxía da Universidade da Coruña. Nós non puidemos acudir persoalmente desta feita mais había unha morea de xente e se fostes, puidestes ver a moitos membros ou ex membros do claustro do Instituto: Pilar Amor, Irene Barros, Mari Carmen Cabana, Ascensión Cambrón, Javier Chao, Ezequiel Jabares, Isabel Roel, Mercedes Sampayo etc. A ocasión non era para menos.  Longos e produtivos anos para o noso artista santiagués!




Ningún comentario:

Publicar un comentario