xoves, 6 de febreiro de 2020

LENDO A


LENDO PALABRAS DE LUZ


Agasállame Federico Mosquera con este fermoso libro, Palabras de luz, palabras na compaña de música executada polo grupo, do coro infantil xuvenil,  ‘Cantabile’. As palabras son de Eva Veiga (1º texto, “Dareiche”), de Estíbaliz Espinosa (2º, “Voces baixo a Vía Láctea”), de Carlos Negro (3º,“Lampírica do Pirilampo”), de Anxo Angueira (4º, “A Fondóns non arriban as dornas”), de Manuel Rivas (5º, “O día e a noite”), de Pilar Pallarés (6º, “Luz de setembro”), de María Lado (7º, “Rompa se ten que romper”), de Dores Tembrás (8º, “Nacemento”), de Antía Otero (9º, “Luz de anainar”), de Lucía Cernadas (10º, “Magnitude aparente”), de Baldo Ramos (11º, “A árbore da cegueira”) e mais de Celso Fernández Sanmartín (12º, “En que momento…”) e os compositores que lles poñen música ás palabras son estes (conservando a orde do listado anterior): María Mendoza (1º e 7º) e , Jesús Rodil (2º e 8º), Octavio Vázquez (3º e 10º), Fernando Buide del Real (4º e 9º), Juan Durán ( 5º e 12º) e  o noso ex alumno do ‘Eusebio da Guarda’, Federico Mosquera (6º e 11º). 


Logo, tras os textos e antes de chegar á derradeira páxina a xeito de caixiña onde se acubilla o disco, topamos coas mensaxes clarificadoras que nos deixan os que escribiron os poemas. Así, por exemplo, Anxo Angueira explícanos que é Fondóns e onde está, agochadiño nas rosalianas ribeiras do Sar; e Federico dinos que foi absolutamente fiel á hora de compor aos sentimentos que a lectura do texto lle produciu. Antía Otero confesa delicados e íntimos intres co meniño a quen dedica a nana ou arrolo… E Dores Tembrás déixanos tamén claro que a súa composición celebra o recente nacemento dunha criaturiña. Como somos humanos, tócanos se cadra máis o corazón aquilo co que nos identificamos… E eu aquí e agora arrolo o meu netiño: inda que sempre o fun, quizais agora sexa máis consciente da importancia do canto na vida inicial dunha meniña ou dun meniño. A nosa amiga e ex colega do Eusebio Uxía López Meirama tamén o sabe ben: ela cantaba naquel disco precioso publicado no 96, Arrolín, Arrolán… (autor: Manuel Rico). Aquí nos EEUU, onde me acho esta tempada, hai nanas deliciosas, quedo con esta: hey ho nobody home meat nor drink (podedes oíla en Internet). Grandes autores clásicos compuxeron nanas, como Chopin ou Brahms, e a xente da miña xeración recorda perfectamente a Víctor Jara ou a cantando aquel inesquecible Duerme negrito… (é popular). Quero dicir con isto, e conclúo xa na confianza de que procuraredes oír este disco de Cantabile, de coidada feitura e impoluto deseño, que fan falta sempre coros que executen temas para oír na intimidade, para axudar a que afloren os nosos sentimentos máis caladiños.
 (Federico Mosquera. Arriba amosamos unha foto do coro Cantabile e mais do delicioso libro 'Palabras de Luz'. Todas as fotos están tiradas de Internet)

Ningún comentario:

Publicar un comentario