xoves, 28 de maio de 2020

ENTREVISTAS


 

 

 

Entrevista a Beni Vidal, exalumna de Ricardo Carvalho Calero, hoxe profesora de Lingua e Literatura Galegas

no IES Eusebio da Guarda

(Aquí estaba daquela a Facultade de Filoloxía, Praza de Mazarelos,  Santiago de Compostela. Foto tirada de Internet) 

-Bo día profesora, un pracer coñecela. En primeiro lugar  queriamos agradecerlle que nos permita facerlle unhas preguntas sobre o seu antigo profesor e actual homenaxeado no Día das Letras Galegas para coñecelo mellor.



P- Para comezar, como se sentiu vostede ao saber que un profesor seu ía ser homenaxeado no día das Letras Galegas?



R- Bo día, sentín unha grande alegría, primeiro porque é unha honra ser alumna dun homenaxeado co Día das Letras Galegas, e segundo porque Don Ricardo o merecía.



P-En que curso/s foi vostede alumna de Ricardo?



R- Fun alumna del na USC no curso 1977-78 na materia de Lingua Galega, cando facía de Filoloxía Hispánica e no 78-79 na materia de Literatura Galega I cando facía 4º.



P- Era un bo profesor, é dicir, explicaba ben o temario?



R- Era un profesor magnífico, dos que saben de todo, como aqueles homes do Renacemento que abarcaban todos os saberes. El seguía nas clases a súa gramática: Gramática Elemental del Gallego Común que publicara en 1974, pero o máis actractivo das súas clases eran as explicacións que facía de calquera das palabras que saían nos textos, podía falar toda unha hora das “chorimas” e dos “toxos ”ou do “rechouchío” dos paxariños.


(Caricatura da autoría do ilustrador Pepe Mouriz)



P- Desfrutaba vostede das súas clases?



R-Si desfrutaba moito de todo o que nos contaba.  
P-Era o seu profesor favorito? Se o era, por que?

R- Non sei se era o meu profesor favorito, pero admirábao polo que sabiamos da súa traxectoria vital, por ser o primeiro catedrático de Lingua Galega da USC e por desprender esa aura polos corredores, propia daquelas persoas dignas de admiración.



P- Se tivese que describilo coma profesor cunha palabra, cal sería?



R- Compromiso. Comprometido coa lingua e comprometido con Galicia. 
P-As súas clases eran amenas ou aburridas? Contaba anécdotas?

R- Xa dixen que era un saco de sabedoría e polo tanto nunca nos aburríamos porque sabía engaiolarnos coas palabras e anécdotas que contaba para acompañar as súas explicacións máis complexas.



P- En canto a carácter, era bo ou soía estar enfadado?


R- Lembro que era serio, esixente, cría no esforzo, era cordial, pero distante. P- Mandaba moitas tarefas? Corrixía rápido os exames?
R-Non me lembro, pero debía ser bo porque non teño gravado na mente nada negativo.   
P-Era doado aprobar con el?
R-Era esixente, pero ao que se esforzaba premiábao con boas notas. 
 P-Tiñades que ler os seus libros?
R-Non, as obras que liamos eran doutros autores da literatura Galega.  
P-E nas clases falábavos das súas obras?
R-Non falaba das súas obras.

P-Daba as clases en galego-portugues ou en galego -castelán?

R-Falaba en galego e tamén en castelán, non lle importaba cambiar de lingua se precisaba explicar algo e así se entendía mellor.
P-Enfadábase con facilidade se non atendía o alumnado?

R-Lembro que non lle gustaba que se fumase na aula (porque naquel momento podíase facer) e algunha vez incomodouse moito e ameazou con marchar da clase se non deixaban de fumar.

P-Aprendiches moito nas súas clases?

R- Era a primeira vez que tiñamos unha materia de Lingua galega no ensino e gustábanos aprendelo academicamente. Tanto me gustou que nunca máis o deixei.

P-Sabía transmitir a paixón pola lingua e a literatura aos seus alumnos?

R-Era  marabilloso  escoitalo,  como  recitaba  as  cantigas  medievais,  como  nos  falaba  de Cunqueiro ou como nos explicaba as sibilantes e o “yeísmo”.

P-Tiña algunha frase típica que repetise ou algunha medida de disciplina característica del?  
R- lembro que nos trataba de “vostede”, era moi formal.
P- De que maneira influíu na súa vida? Ter a Don Ricardo como mestre influíu na súa decisión de ser profesora?

R- El fixo que amase a nosa lingua e tamén foi un exemplo de compromiso digno de imitar.

P-Se o profesor estivese vivo, que pensades que diría sobre a supervivencia do galego? A confluencia co portugués podería servir para sobrevivir?

R-Creo  que  a  súa  opción  seguiría  sendo  a  mesma  hoxe:  “a  salvación  do  galego  está  no portugués”.


P-Lembra se durante as súas clases facía referencia á represión vivida durante a Guerra Civil Española ou se era un episodio do que non adoitaba falar?



R-Non adoitaba falar, pero todos sabiamos que fora un represaliado do franquismo, de o respecto que todos sentiamos por el. El era don Ricardo, o único a quen chamabamos así.



P- E por último, cal cre que sería a súa reacción se soubese que foi homenaxeado no Día das Letras Galegas?



R- Non sei, creo que máis ca por el, gustaríalle polo que representa a súa opción lingüística, tantas veces deostada e tamén polo legado da súa obra, un ben inmorredoiro na nosa  Lingua e Literatura.



- Moitas grazas por concedernos esta entrevista, ata logo!



Esta entrevista foi realizada polo alumnado de ESO do IES Eusebio da Guarda da Coruña, en lembranza do profesor Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado este ano polas Letras Galegas. Foron coordinados/as polas súas profesoras de Lingua e Literatura Galegas Iolanda Vila e Dulce Fernández Graña.



Alumnado participante: Shaila Gil Velasco, Mara Balay Martínez, Mario Rodríguez Díaz, Jorge Martín Moreno (1º ESO A). Lucía Bóveda Goyanes, Xacobe Carrero, Alexandre Fernández Cortiñas, Lola Fernández López, Ainara Guillermo Losada, Óscar Hermida Rodríguez, Martín Toja Caínzos, Manuel Torrado Sánchez, Lucas Valcuende Diz (1º ESO B). Joan Arias Gil, Tomás Boquete Viéitez, Lucas Castro Cano, Claudia Díaz López, Lucas Fernández Varela, Pablo Fraga Vidal, Yago Gómez Remuiñán, Héctor Gutiérrez Insua, Iria López Iglesias, Jorge Mujico Moreira, Raquel Oviedo Iglesias, Yolanda Rey Chenlo, Ainara Suárez Ochoa, Paula Vega Méndez (1º ESO C). Sebastián Birro Hurtado, Clara García Ouro, Brais Blanco González, Miguel Moya del Río, Mencía Fondo Santos, Icía Amboage Maneiro (1º ESO D).



A Coruña, maio 2020



 (Beni Vidal Tomé, fotografada por J. Carlos Rivas nunha festa de xubilación do Instituto)