xoves, 21 de maio de 2020

ENTREVISTAS


ENTREVISTA A IRMA MACÍAS

Benqueridos lectores e seguidores (followers) do noso blog!
Dentro da campaña da Biblioteca do IES Eusebio da Guarda para o curso 2019/20: E logo ti, de quen vés sendo? e na sección “OS ROSTROS DA CRISE”. Continuamos dándolle voz a unha serie de personaxes e a como afrontan a crise.
Hoxe temos a sorte de conversar con Irma Macías Suárez, vocalista do grupo folk Luar na Lubre. Xoven, enérxica, cunha voz que é pura lírica e sentimento.


Irma no seu xardín

     A nosa conversa comenza pedíndolle que nos fale das súas orixes, e de como esperta nela a música.
-        Nacín en Reparada, parroquia de Salto e concello de Vimianzo (a carón do río Grande, veiga aluvial moi fértil). Non poido dicir con certeza cando se produciu ese espertar da música, pero dende ben rapaciña xa me lembro cantando, bailando escoitando música e tratando de cantar do mellor xeito posible o que escoitaba.
     Influíu en ti o gusto pola música de teu avó, “Pepe, o gaiteiro”?
-        Meu avó tocaba o bombo e a pandeireta no grupo “Os gaiteiros de Bamiro”, que finalmente se chamarían “Airiños de Soneira”, e tamén vía na casa como el tocaba a pandeireta e entoaba cantos e coplas tradicionais. Medrei con isto e aprendín moito del, pero tamén  da miña avoa, tiña unha voz fermosa que daba gusto escoitar, e se a todo este contacto coa música lle sumamos ese amor e admiración que sempre sentín por ela, todo conta.

Cando comenzas a adicarte a música de xeito intermitente? Cando comenzas con Luar na Lubre?

-        Dende rapaza cantaba no coro da igrexa, e a raíz dunhas confirmacións, ao meu compañeiro Xaquín, que toca a guitarra, e a min empezaron a chamarnos para cantar en vodas, comuñóns, funerais, misas de festa. Tamén, con outro tipo de cancións, empezamos a participar en galas e pequenos festivais por distintos concellos e colaborando en diversos eventos.
Con Luar na Lubre coincidín nunha gala en Vimianzo e a raíz de aí colaborei con eles na gravación do disco “Ribeira Sacra”, pasando finalmente a ser a vocalista do grupo. Estou encantada de formar parte desta pequena familia.

Afecta a crise sanitaria aos que vivides da música?

-        Si, evidentemente somos un sector moi afectado, fomos os primeiros en sufrir o parón e seguramente seremos dos últimos  en retomar a actividade, moitos festivais e concertos próximos veñen de ser cancelados ou adiados, e para futuras datas fálase da necesidade de reducir aforos e segue habendo moita incerteza sobre o que vai pasar e os protocolos a seguir… Evidentemente, a saúde é o primeiro pero debería terse máis en conta o eido da cultura para ofrecer prontas e posibles solucións que se adapten a estas novas necesidades ás que todos nos temos que adaptar.
Desde a música que se pode facer para mitigar os efectos pandémicos?
-        Grazas ás redes sociais puidemos comprobar que a música estase a converter nunha vía de escape para poder levar da mellor maneira o confinamento. Xente que comparte as súas interpretacións musicais nas redes, xente cantando nos balcóns e nas fiestras, artistas e grupos coñecidos tocando e cantando dende as súas casas con mensaxes de ánimo e esperanza… e a resposta do público é fantástica!!!
Vemos vídeos e mensaxes de xente enferma ou simplemente encerrada que agradece dun xeito emocionante que se lle axude a sobrelevar a situación con música. Sen dúbida a música é vida.


Irma con Luar na Lubre. Asalto ao Castelo, 2019 (Foto de Víctor Hugo)

En Luar na Lubre hai referencias topográficas galegas importantes: Camariñas, Ara Solis, San André de Teixido… Que setes cando cantas “Camariñas” ou “Romeiro ao lonxe” en alusión a San André de Teixido? Que por certo foi escrita por Xulio Cuba, profesor emérito do noso instituto. Coñécelo?

-        Todo o que faga referencia á nosa terra é emocionante poder cantalo xa de por si. Camariñas a min quédame moi cerquiña e ademais é un lugar fermoso que me encanta; a súa canción é xa como un himno que me chega ao corazón, vaias a donde vaias, incluso fóra de Galicia, a xente idea, e ver como saben a letra e a cantan todos xuntos é algo entrañable.
“Romeiro ao lonxe” ten unha letra moi especial que é imposible non sentir e tratar de transmitir ese sentimento cada vez que se canta  con esa fermosa melodía.
Non coñezo a Xulio Cuba, pero sería un pracer para min.

Desde fóra parece que unha boa parte do éxito de Luar na Lubre e o sentimento musical co que se canta, que vén mesturar perfectamente co folk, a música como a expresión do pobo. É así?

-        Luar na Lubre bebe das nosas raíces, do folclore da nosa terra galega e tamén doutras rexións de tradición celta, e esta música conecta co pobo dun xeito especial. Tamén, como ben apuntas, o sentimento que se pon á hora de interpretar e facer as cousas é moi importante ao igual que todo o gran traballo que hai detrás, para que estea ben feito e chegue ao corazón do público.
Que plans tes no mundo laboral e musical?
-        Falar de plans neste futuro incerto da que chaman “nova normalidade” é complicado. Agora mesmo temos que adaptarnos ao que vai xurdindo, pero sempre traballando para cando, por fin, todo isto pase.
Nestes momentos no grupo estamos preparándonos para a saída do novo disco, “Vieras e vieiros. Historias de peregrinos”, que se veu paralizado pola crise do Covid-19, pero estamos traballando desde as nosas casas para que todo estea ben e poidamos dar todo o mellor de nós cando o novo disco vexa a luz e poidamos ofrecer concertos de novo.

Sabemos que tes unha nena de seis anos. Como está a levar o tema do confinamento?

-        Está en primeiro de Primaria nunha escola unitaria. Respecto ás tarefas e actividades seguimos o libro e os profesores manteñen correspondencia electrónica con nós, vannos dando as pautas e as correccións. Aquí no rural o tema das clases on-line está complicado, o sinal de Internet non sempre é eficiente e tampouco chega a todos os lugares.
O que máis bota en falta é poder saltar, brincar e falar cos seus compañeiros.

Por último, estás convidada a coñecer o noso instituto. Agradecemos a túa disposición e deferencia para connosco e agardamos máis encontros nos camiños da música.

-        Grazas a vós pola entrevista, será un pracer coñecer o voso instituto. E Deus queira que coincidamos moitas veces nos camiños da música, que ao fin e ao cabo son os camiños da vida.

Antonio Fondo Rodríguez (transcrita dunha conversa vía correo electrónico e vía Whatsapp). Maio, 2020.



Irma co seu avó Pepe

Ningún comentario:

Publicar un comentario