TOPONIMIA CORUÑESA (I).
Como sabedes, se seguides o noso blog irmán, no noso Instituo colaboramos na celebración da 'Semana Escolar da Provincia e da súa Deputación'. Unha das actividades propostas é precisamente traballar cos topónimos da nosa cidade. Nós, no Club de Lectura, dedicámonos este martes a botarlle un vistazo a mapas antigos da cidade, compracímonos na existencia desa fermosa disciplina que é a cartografía.
Agora presentámosvos algunhas reflexións, quizais pesadas, quizais imaxinativas en exceso, sempre necesarias, sobre os nomes de lugar da nosa amada cidade, A Coruña.
(Selección de topónimos coruñeses. Mapa de confección propia)
TOPONIMIA DA CIDADE DA CORUÑA E
ARREDORES.
A BARRA: A praia da Barra, enfronte case de
santa Cristina, nas Xubias. Tiña pouca area, e moitas pedras. É voz prerromana.
Emparentada coa raíz Bar- ‘pedra’,
presente por exemplo en (Estaca de) Bares, barroco, barrocal (no DdD, "Dicionario de Dicionarios". Corpus lexicográfico da lingua galega).
En comunicación persoal, o profesor Gonzalo Navaza -quen nos honra dedicándonos parte do seu tempo: hónranos e enriquécenos co seu saber, non perdamos de vista a importancia deste último enfoque-, dinos sobre "barra" que para Bascuas BARRA e BARRANTES son hidrónimos, e chama a nosa atención sobre que o sema 'pedra' encaixa pouco coa realidade xeográfica das praias que se chaman BARRA e son lombos de area sen pedras; a Bares, Poza de Bar e semellantes cádralles ben un significado hidronímico. Tamén na Barra en Coles, Ourense, e mais Barra de Miño, etc.
A CABANA: Da forma hispano-latina capanna
‘choza’ (aparece en san Isidoro), de probable orixe céltica (iso pensa
Corominas). A Cabana estaba onde agora está o ‘Carrefour’, preto do lugar de
Someso.
A CANTEIRA (DE SANTA MARGARIDA): O noso pai,
cando estudaba de rapaz na Academia Dequidt vía baixar os carros tirados cos
bois do país cargados das enormes pedras da canteira de santa Margarida; ían os
carros camiño do porto. Canteira deriva da forma preindoeuropea *Cant ‘pedra’.
AGRA (DO ORZÁN): Alude a un conxunto de
terras cultivadas, de maior extensión có agro. Vén do latín ager, agri. A nosa avoa coruñesa dicía
que a agra do Orzán era unha terra tan fértil tan fértil que daba mesmo o
azafrán.
Relémbranos o prof. G. Navaza que o galego é a única lingua que conservou derivados patrimoniais do latín AGRUM, porque nas outras linguas as palabras que teñen desa familia léxica son cultismos (agricultura, agrícola, etc.).
AGRELA: Frecuentemente aparece falsamente
dividido (A Grela), é diminutivo do anterior.
Faime saber Navaza que, se non recorda mal, na comisión de toponimia para este caso coruñés ditaminaron A Grela, coa deglutinación do artigo, porque viron que esa separación xa estaba consolidada na Idade Media, e ademais, este fenómeno -a chamada deglutinación do artigo- é común en galego: O Incio, O Grove, A Baña, etc.
ATOCHA-Monte Alto: Voz foránea, probablemente
traída polos frades que se instalaron nesa zona na Idade Media. É un fitónimo e vén explicado en
Corominas (hispánico prerromano Taucia, en cuxa evolución intervén a
fonética mozárabe). O prado de Atocha (daquela fóra de Madrid) é o contexto dun
dos milagres narrativos das Cantigas de
Santa María.
Quere o profesor da Universidade de Vigo que vos relembre cal é o resultado normal (ou patrimonial) desa voz prerromana, "Taucia", en galego: é TOUZA, moi presente tamén na nosa toponimia.
BERBERIANA: Figura como ‘Ribera de Berbiriana’
nun plano da Coruña en 1842 (S. G. E, Maestranza (1994)), de José Mª Ferrater
(aí vén despois da enseada do Orzán, indo cara á torre). Parece un cultismo,
unha forma derivada do latín verberare
‘azoutar’, probablemente referido a unha zona onde bate moito o vento ou o
propio mar. Nós sempre oímos dicir que a praia de Berberiana é a do Matadoiro.
O BIRLOQUE: Orixe descoñecida. O sufixo atopámolo noutras voces, como na
galego rebiricoque, e quizais sexan
ambas as dúas de orixe expresiva; tamén se pode pensar na familia léxica dos birlos (o xogo tradicional con bolos, sinónimo de estornela)
e non se pode descartar a conexión coa familia de virar polo sema de volta e reviravolta implícito tanto en rebiricoque como na acción de manexar
con arte os birlos, facendo que rolen, viren e reviren. A relación entre o
birlo e o topónimo pode ser pola forma orográfica (ou por unha forma pétrea
redonda, xa desaparecida). Hoxe é un barrio, pero foi un lugar. Pertence á parroquia de
san Cristovo das Viñas. O nome BIRLOQUE aparece documentado nun listado de microtopónimos do ano 1848 (en: “Lugares de San Cristobal das Viñas
en el año 1848. Contadurias Hacienda ARG 1848 Indice arg 35616”, en http://historiabirloque.blogspot.com.es/2011/05/lugares-de-san-cristobal-das-vinas-en.html).
(Lavandeiras no Birloque do século pasado. Foto Blanco)
CAMPO DA LEÑA: Era onde se vendía a leña
(hoxe Praza de España). Dinos o noso colega E. Insua que el inda relembra cando
se vendían as piñas. Do latín Campus
‘terreo chan’, e ligna, de lignum ‘racha’.
OS CANTÓNS: Ao estaren empedrados (tanto o
chamado Cantón grande coma o Cantón pequeno), probablemente haxa que
relacionar a palabra coa forma preindoeuropea (así a cataloga F. Cabeza Quiles en "Toponimia de Galicia") *Cant ‘pedra’.
CASTELO DE SAN ANTÓN: Do latín Castellum ‘reduto fortificado’. Destas
fortificacións con valor militar, defensivo, había –no que nós sabemos- varias
na Coruña: enfronte do castelo de san Antón estaba o de san Diego, había outro
en san Amaro, e había outra fortificación en Eirís.
O CASTRILLÓN: Deriva de castro (latín castrum
‘lugar fortificado’).
OS CASTROS: Do latín castrum. En Galicia cóntanse por centos os lugares que se chaman Castro. Aluden a poboacións de orixe
prerromana. É un barrio; celebra as súas festas canda a Virxe do Carme (de rapaces relembramos aínda oír desde a cama pasar pola rúa os gaiteiros tocando as alboradas). Onde acaban Os Castros empezaba a Gaiteira. Así como por exemplo é doado documentar Oza en calquera mapa, é moi difícil atopar un mapa da provincia que traia 'Os Castros', só o encontramos no de 1957 que ten dispoñible na rede a Deputación.
O CORGO: Do latín corrugu ‘canle de auga’. Aquí –por extensión- indicaría un camiño
estreito e fondo. O camiño do Corgo desapareceu, ao construírse o Parque de Oza, pero consérvase a fonte do Corgo, sen cartel que indique o seu nome.
(Fonte do Corgo, necesitada dunha placa informativa, onde conste ese nome. Está no actualmente chamado 'Parque de Oza'. Na nosa infancia quedaba encaixada no camiño, no Corgo, e por riba dela era todo hortas e campos)
A CUBELA: É de supoñer que se corresponde co
cast. Cubilla que Corominas menciona
cando estuda a voz Cuba. A Cubela
coruñesa corría en paralelo ao río de Monelos. O sema en común cun derivado de cuba (como cubeta por ex.) é pola forma, polo relevo en depresión, en caixa,
que evoca a forma do recipiente. A palabra cuba
vén do latín cuppa.
EIRÍS: Dun antropónimo xermano, bitemático,
Age-ricus, Eiricus/Eirigus.
Antigamente (ata os anos 60 aproximadamente) celebrábase romaría
canda o santo Antonio, en xuño.
ELVIÑA: Etimoloxía difícil. Pódese pensar
nun etnónimo que relacione a voz co nome dos Albiones astures, ou incluso querendo cos celtas Helvecios. Outra hipótese é ver nesta
palabra a suma de dúas formas: El,
resultado dunha raíz antiquísima Iri-/Ili- que está seguramente na base da
tamén coruñesa Iria (Flavia), co
valor de ‘cidade’ (de tal forma que os castrexos lle chamarían ao seu
habitáculo simplemente Ili ‘a
cidade/a citania’) mais viña, polas
plantacións de viñedos de tanta importancia en épocas máis modernas (baixa
Idade Media e séculos posteriores). En toda a documentación baixo medieval
parece haber conciencia de estarmos diante dun composto (1372: San Viçenço del Vinna; 1433: San Viçenso del Vinna; 1458: San Vicenco del Viña; 1462: San Vicenço del Vjnna; 1475: San
Viçenco Delvinna; textos tomados do Plan
Director del Castro de Elviña, publicación do ano 2000, agás o de 1458,
atirado do Corpus Xelmírez) , pero é difícil asegurar nada porque a forma El coincide coa forma do artigo en
castelán e a fragmentación pode deberse a ese factor. Porén, enfocado desde
outra perspectiva, quizais se poida pensar que foi grazas a esa homonimia co artigo, como se conservou ese El (> Ili).
Vexamos agora a autorizada opinión do profesor G. Navaza:
"Eu
diría que ELVIÑA ten , efectivamente, unha orixe escura, sen dúbida prerromana.
As grafías "Del Vinna" habería que saber se son do orixinal ou do
paleógrafo que o transcribiu, ou se están tomadas dun orixinal desa época ou de
copia posteior, porque en "Del Vinna", como dis, hai deglutinación do
artigo castelán... En calquera caso non se debe chamar "composto". Se
ao mentar a raíz ILI-IRI te refires á dos
íberos, é altamente improbable aquí (e
tamén para Iria, naturalmente). Non creo que Iria e Elviña teñan relación entre
si. En calquera caso, sería un feito extraordinario que tivesen algo que ver co
ILI ibérico. En calquera caso, como en territorio ibérico (no oriente
hispánico) a hidronimia é indoeuropea ou paleoeuropea, e polo regular a
hidronimia conserva o estrato máis antigo, hoxe está cuestionado que o ibérico
sexa "antiquísimo" en Hispania. Alinei cre que o elemento ibérico no
oriente hispánico foi máis ben un superestrato dun grupo dominante que se
instalou sobre culturas previas indoeuropeas".
A GAITEIRA: Pedro Carro Carro considera que a
imaxe dunha muller tocando a gaita é unha fantasía, un caso de etimoloxía
popular; el hipotiza un étimo xermano, waltharia ‘xefatura’. Este mesmo
estudoso propón –dado que tamén había en tempos unha caleira- outro étimo: do
mineral chamado gaiter. O que si é
certo é que por esa zona –pertencente ao Concello de Oza en séculos pasados- fluía
o río de Monelos, xa próximo á súa ampla desembocadura; ao pasar por esta zona
cambiaba de nome, era denominado tamén Río
da Gaiteira. Inda no XIX había un lugar cheo de árbores, “Campo/horta da
Maestranza” onde a xente se deleitaba e recreaba. Tamén lemos da existencia
máis antiga dun xuncal, e na propia desembocadura houbo canabeiras (sendo nós
nenos inda nos bañamos na praia das Cañas,
a carón das ruínas do castelo de san Diego). Pódese pensar que dalgunha desas
plantas os rapaces farían gaitas (pequenas
frautas, a idea veunos á mente ao oír a nosa nai valdeorresa dicir, tras coller
un día unha pequena planta tipo cana no campo: “mirade, con isto faciamos nós
as pipas”); trataríase de hipotizar unha
metonimia: a materia recibe o nome do obxecto fabricado con ela; o proceso
metonímico arrincaría da acepción 'gaita'= 'frautiña feita de materia vexetal', acepción presente por exemplo no refrán: “Non está o alcacén para gaitas”. Se a
hipótese fose boa, gaiteira sería
abundancial, lugar onde hai canas para facer gaitas.
GARÁS: O noso avó paterno recordaba aínda
de rapaz cando Garás era todo hortas. Medramos oíndo falar da parada de Garás, cando se collía o
trole, o nº 2, que facía o traxecto “Los Castros-Puerta Real”. Como hipótese
verosímil, pensamos que pode vir dunha forma, Garabaás, que se documenta
no Corpus Xelmírez como topónimo medieval. Naturalmente, hai que supoñer a
caída do –b- intervocálico, fenómeno
suficientemente coñecido. Da familia de carba, garabato, garabullos, é dicir -partindo da base de que temos en orixe un topónimo e non un antropónimo- en
Garás noutrora iría a xente recoller leña miúda, entre outras actividades
posibles. Hai variante documentada (mapa topográfico da cidade de 1869 do
Servizo Xeográfico do Exército, publicado en A antiga Maestranza de Artillería, Rectorado da Universidade da Coruña)
con vibrante múltiple, Garrás, pero
non é un atranco insalvable, as dúas variantes poden alternar (Corominas
documenta garrabullos, garrampallos
nesa mesma familia, s. v. Carba). Vemos nun plano de Barón y Yáñez de 1879 (depositado no arquivo municipal, dispoñible na rede) que a rúa de Garás discorría en paralelo ao mar tendo nunha extrema a rúa de Santa Lucía e na outra a "Calle del Pacto Federal"; en perpendicular subía, máis preto de sta. Lucía que do outro cabo, a travesía do mesmo nome.
LABAÑOU: Raíz hidrónima lav- ou tema lítico. Xa dixemos neste mesmo blog que non son
valores incompatibles. No Corpus Xelmírez (na rede) documentamos a forma 'Labañou' 8 veces, todas datadas en 1399: vemos que no termo así chamado había currais e había un microtopónimo, a 'agra de Labañou', constituído sen dúbida por terra altamente produtiva.
AS LAGOAS: Aparece en singular, Ensenada de la Lagoa, no mapa de 1869.
Do latín lacuna.
LAZARETO: Nome da praia onde está a primitiva
igrexa de Oza, a románica. Este topónimo é relativamente moderno (o lazareto
créase a fins do XIX). En mapas antigos só figura Oza. Deriva de (san) Lázaro,
por ser este santo o patrón dos lazarados, dos leprosos. A lepra tamén era
chamada “mal de san Lázaro”. A praia da nosa infancia tamén sufriu a súa propia
mutilación.
A MADROSA: Carro Carro alude a este lugar como
A Madosa, pero na nosa infancia temos
oído sempre Madrosa (unha amiga e
compañeira de aula vivía na Madrosa). O Concello puxo un cartel co topónimo
modificado, Lamadosa (ou así).
Actualmente as poucas casas que quedan están a carón do novo aparcadoiro do
Complexo Hospitalario (CHUAC). Dada a posición elevada e a proximidade a
topónimos como Monte das Moas, non
dubidamos da súa pertenza á mesma familia léxica ca outras variantes: Madoña, Madorra, Madroa... ‘mámoa’
(Cabeza Quiles documenta unha ducia de formas para aludir aos túmulos
funerarios prehistóricos).
MONELOS: Talvez veña do
latín molinum ‘muíño’, cun sufixo
diminutivo, *molinellos. En Asturias
docúmentase a forma paralela, Munielles.
Recordemos que por debaixo da terra inda flúe na Coruña actual o Río de
Monelos, e relembremos de paso que había muíños realmente (viñan estando
aproximadamente onde están agora os chamados ‘Novos Ministerios’). Tamén había
un microtopónimo Muíños.
A hipótese dun derivado de *molinellos –con caída
da vogal pretónica, *molnelos- pode
apoiarse nunha forma medieval, MOLNEYRA (interpretable no contexto agrícola como
pertencente á familia de MOLINUM, no Corpus Xelmírez, ano 1281), así como na voz
galega MOLNEIRO ‘muiñeiro’ que figura no DdD.
Pola súa banda, Navaza pensa nun diminutivo en -ELLOS dun
orónimo prerromano MONES, topónimo de Valdeorras ou Viana
(Munnes, Monnes e Mones na documentación medieval) ou (menos verosímil) un
alcume persoal MONOS.
MONTE DAS MOAS: Plural da voz latina mola ‘moa’, seguramente en sentido
oronímico ‘cerro escarpado de cima plana’. Hoxe hai un Instituto naquel lugar
que foi bautizado, con moi bo criterio, con ese orónimo.
O MONTIÑO: Alude a unha mámoa ou a unha zona
de mámoas. Que nós saibamos, antes
chamábase O Montiño a unha zona
elevada que discorría en paralelo (pero nun plano máis elevado) aos Castros (e
á rúa De la Merced) e seguía por riba
da Cubela.
(Continuará)
(Mapa de 1956, dispoñible na Internet, mercé ao servizo de cartografía da Deputación da Coruña)