A MATERIA XACOBEA
Este ano dou clase nun primeiro de
bacharelato. Non empecei con bo pé: falaban moito, atendían pouco e traballaban
aínda menos. Vaia, o que se di un luxo, a forma óptima de sentirse realizado un
profesional do ensino. Pero agora, andados xa dous meses case, estou máis a
gusto con eles. Hoxe mesmo, día 19, puxen aí dous deces, en chamadas puntuais; xa logro unha comunicación máis de
ti a ti, míranme ao dereito e permítome o gozo de rir en voz alta, e amosar
certa felicidade vital.
E fanme preguntas interesantes: Grandío, por
exemplo, pediume que lle pase un texto da Demanda
(o episodio do Castelo do rei Brutus), e este día dúas persoas dixéronme que
lles explicase mellor a conexión entre a haxiografía e a materia chamada
carolinxia, ao falarmos do terceiro ciclo da prosa medieval (entendendo que os
outros dous ciclos, o da materia de Roma ou de Troia, e o da materia de
Bretaña, están ben enfocados: enténdese bastante ben por que se chaman así e
cal é o tema).
Pois ben, a cuestión que me move a tomar a
pluma aquí e agora, é basicamente esta: deberiamos variar o enfoque. Eu
persoalmente estaría moito máis cómoda se ao terceiro ciclo da prosa narrativa
medieval galega lle chamásemos ‘A Materia Xacobea’.
A literatura xorde coma unha serie de mensaxes
nunha determinada sociedade, o contexto é un elemento fundamental do acto
comunicativo. O contexto da nosa época de ouro é un contexto condicionado
fortemente polo mito xacobeo. Non ten volta. É tan poderoso ese mito (a
presenza entre nós do corpo do apóstolo e amigo de Xesús) que irradia unha
enerxía comunicativa propia. Constrúe un camiño, constrúe un concepto: o
paneuropeísmo. Abrangue as estrelas,
abrangue a España, abrangue a guerra de reconquista do cristianismo hispano e
conecta con Carlos, emperador de Europa no momento histórico en que florece
Compostela . É Santiago en persoa o que lle amosa o seu camiño estrelar a
Carlos cando este xa desistía de seguir, canso xa. Segundo o Codice Calixtino e, en consonancia con
el, segundo os Milagres de Santiago
(libro de principios do XV se facemos caso a Pensado, en galego), Santiago
chama a Carlomagno para que libere a Galicia e mais a España dos mouros (así chamados daquela). E
dalgunha maneira, Carlomango aparece descrito entre nós case coma un santo
máis: Por iso florécenlle as lanzas, por
iso pode asolagar vilas... Tanto Carlos
como Roldán son heroes con atributos de santificación: oran, apelan á
divindade, loitan pola causa cristiá. Incluso vemos a relación de semellanza: así como doce eran os discípulos de Xesús...
(así son doce os pares que acompañan ao rei francés). E xa que estamos, é moi
curioso que malia sabermos que hai pouco de verdade histórica neste
protagonismo maiúsculo de Carlos en España (nin sequera está claro que
peregrinase a Compostela), é curioso –digo- que aínda no século XVIII, frei
Bernardo Foyo, bieito autor dun manuscrito-historia sobre Compostela (editado
por Paula Pita Galán hai pouco) faga pé no feito de celebrar cada ano a igrexa
compostelá con cultos especiais a
memoria de Carlomagno. Dá que pensar ...
Pero se un ensinante destas cousas tan nosas é
guiado polo epígrafe “Materia Xacobea”, está tamén autorizado en boa lóxica a
falar doutro subtema igualmente xacobeo: pode mellor entrar pola máxica porta
que conduce ao reino da Raíña Lupa. Queredes crer que ningún dos meus
discípulos de primeiro de bacharelato
coñecía a existencia da tal raíña? Sendo como é, ademais, unha historia
de tamaña beleza...
No mapa que vos adxunto vedes cal é o seu
territorio. Debuxa un camiño máis, coma unha recta que marca a divisoria da
provincia actual da Coruña: é o corazón da vella Amaía, a terra rosaliana por
excelencia. Fixádevos que o río é o Ulla. E recordade a orde dos
acontecementos: o Códice Calixtino di
que os discípulos de Santiago desembarcan en Padrón-Iria e van pedir permiso á señora daquelas terras (Lupa: consérvase
como nome de muller en documentos posteriores: na Crónica de Santa María de Iria aparece como Luparia); Lupa mándaos a ver o gobernador romano a Duio (no Pindo
hai moitísima lembranza de Lupa, é fundamental o artigo de F. Romero), el
remíteos de novo a Lupa quen, desta feita, os manda ao monte Ilicino para que
collan dous touros seus que leven o carro co corpo de Santiago: ese monte é o
Pico Sacro ou Sagro. Prodúcese o milagre –os touros bravos ou dragóns segundo
outras versións son amansados- e o carro vai misteriosamente guiado e chega a
Compostela. Lupa convértese ao cristianismo: é bautizada. O bautismo de Lupa
polo que parece ten lugar en Padrón, na fonte do Carme (dato que me facilitou o
prof. Antonio Fondo). A raíña Lupa –unha
raíña con gando vacún, coma a irlandesa Maeve- posuía, que saibamos, un castelo
no Pico Sacro e outro en Castro Lupario ou Castro de Francos. Ata aquí
chegamos. Outro día seguiremos con esta materia e falaremos algo de Roldán.
(Santiago bautiza cunha vieira na man a Lupa, parte superior da Fonte do Carme, Padrón)
Había que investigar, iso si, se a lembranza
de Lupa cruzou o Ulla: hai que preguntar pola Estrada, por Tabeirós. Déixovos unha
pequena bibliografía básica:
Alonso Romero, F. (1983): “La leyenda de la Reina Lupa en los Montes del Pindo”. CEG XXXIV.
Díaz y Díaz, M. (1965): “La literatura jacobea anterior al Códice Calixtino”. Compostellanum X.
Llinares, M. (1989): “La Reina Lupa entre la leyenda literaria y la tradicion popular”. CEG
XXXVIII.
Moralejo, A., Torres, C. Y Feo, J. (1998): “Liber Sancti Jacobi “Codex Calixtinus”. Xunta de Galicia.
Soto Arias, Mª R. (2003): “Da raíña Lupa e da tradición xacobea”. Garoza, nº 3.
(A Fonte do Carme, en Padrón. Vense claramente os tres corpos: a Virxe das Dores, a barca de pedra onde chegou o corpo de Santiago -precisamente o nome Padrón está relacionado co desembarco dos discípulos que transportaban o corpo desde Palestina, aínda que a pedra que dá nome á famosa vila sería probablemente un pedestal con inscrición romana conservado ata a actualidade, así nolo di G. Navaza nunha colaboración recente, ano 2011, en "Toponimia Hispánica"- e o bautismo da raíña Lupa de man do propio apóstolo. A fonte foi reconstruída no XVIII)
(Mª Rosario Soto Arias, catedrática de Lingua Galega e Literatura no IES 'Eusebio da Guarda' da Coruña)
(Mª Rosario Soto Arias, catedrática de Lingua Galega e Literatura no IES 'Eusebio da Guarda' da Coruña)
Ningún comentario:
Publicar un comentario