luns, 21 de outubro de 2019

A CORUÑA


HUMBOLDT NA CORUÑA. II FORO HUMBOLDT


Desta vez puidemos ir ao Foro Humboldt. Celebrouse na cidade vella, nun edificio fermoso construído no século XVII, que antes fora sé do Goberno Militar e hoxe é o Centro Cívico do ilustre barrio (na rúa Veeduría). Foron puntuais, cando cheguei só faltaba o representante da UDC. Estaba o Concelleiro de Educación, Cultura y Memoria Histórica do Concello coruñés, J. Javier Celemín; o Director do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, X. Antón Fraga; o Director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), Carlos Vales, e logo incorporouse como representante da UDC o profesor J. Cremades Ugarte, doutor en Farmacia, Botánica e Bioloxía Vexetal.




(Prof. Tobias Kraft. Fotos de Charo Soto)

Tras os saúdos e presentacións iniciais tomou a palabra o profesor Tobías Kraft, da Academia de Ciencias de Berlín-Brandeburgo, un home que falou nun espléndido español (aprendido na propia Universidade de Potsdam e mais en México). Os intereses de T. Kraft son múltiples: amores diversificados, que se di. Repártense basicamente en dúas áreas, literatura e filoloxía unha (pensei eu: como Humboldt, que tamén foi lingüista, amais de aventureiro, amante da natureza e botánico… relembraba dos tempos da facultade, cando estudabamos como lingüista a Humboldt, un idealista que falaba da enerxía creadora e inesgotable que o ser humano transforma en linguaxe…, un filólogo á busca e procura dos universais lingüísticos, pero logo con calma na casa xa vin que ese é o seu irmán, Guillermo, mentres que o guapísimo aventureiro que pasara quince días na Coruña antes de coller o Pizarro camiño de Cumaná en Venezuela, era Alexandre. Guillermo, en troques, foi o que deixou descendencia e foi cos seus herdeiros con quen tivo que tratar o goberno alemán para poder democratizar e facer accesible ao público a obra, o legado científico de Alexandre), e Humboldt a outra área de interese. Tobías Kraft mostrouse ante nós coma un apaixonado de Humboldt: e non só o move o afán de coñecer e transcribir os seus diarios e a súa obra en xeral, senón que se preocupa pola edición dixital desa obra, dos seus diarios de viaxe. Continúa así na liña do ser humano obxecto de estudo, porque tamén -como nos explicou con luxo de detalles- Alexandre H. se preocupou da democratización do saber: en vida deu múltiples conferencias sobre o vivido, experimentado, aprendido; creo que dixo que chegara a dar 16 conferencias pagadas do seu peto para comunicar a todo o público posible o que sabía. Fala Tobías Kraft da necesidade da ciencia mesma de comunicarse: coma quen fala dun axioma simple. Desa necesidade democratizadora, di Kraft quizais vemos en Humboldt unha chispa inicial.

O profesor alemán divide en tres partes a traxectoria de A. H.: 1ª etapa: Tegel (o castelo onde nace, a casa familiar): 1769-1799. Período de formación (entendín que a nai era moi culta pero digamos distante?, ríxida?). Unha 2ª etapa, 1799-1829: viaxe ás Américas, etapa que inclúe a estadía en París. Aquí, se non erro, falouse de 29 volumes de obra publicada en París. Unha 3ª etapa da súa vida, de 1829 a 1859. Na terceira etapa hai que falar da viaxe ruso-siberiana, chegou ás fronteiras con China. Nesta derradeira fase alberga o proxecto de escribir o Kosmos nun intento de lograr unha síntese das relacións dos seres humanos coa natureza no máis alto sentido: como percibe o ser humano a natureza.

Algo aprendimos deste explorador e científico aventureiro que viviu quince días na nosa cidade: lemos unha súa carta persoal, achegámonos mimnimamente ao seu interior, unha carta escrita na Habana o 21 de febreiro de 1801; vemos como se mesturan as impresións estéticas coas perspectivas máis claramente científicas, escoitamos un Humboldt que fala do tema da sociedade americana escravista -caso concreto de Haití-, tocando o debate moral. E aprendimos tamén da importancia de facer da edición dixital da súa obra algo público e aberto. O profesor Tobías deunos moitos datos técnicos desa empresa, dese traballo de dixitalización: 75.000 imaxes,  ou un índice de persoas de máis de 8500 entradas, por exemplo; pero sobre todo insistiu en cuestións xerais que tocan de preto ao futuro cultural da nosa sociedade: falta -dixo- cultura da legalización do uso dos contidos dixitais, cómpre ter claras as pautas dunha nova cultura dixital. E falou tamén do formato dixital universal. Todos os datos sobre Humboldt están integrados nun formato, TEI, común a nivel mundial. Este é un mundo en certa medida novo para nós, só en certa medida porque xa hai tempo que encetamos unha era en que os corpus informáticos son básicos, son parte importante da lingüística do século XXI, e son parte inevitable do futuro. Cando lle contaba a Luís a cantidade de nomes propios que aparecen mentados na obra de Humboldt e que están xa dixitalizados e que son xa que logo, de doado aceso para o gran público, recordou el  aquel estudoso da obra de santo Tomás de Aquino, o padre Busa, que hai xa moitos anos, en 1949, quixo facer iso mesmo cos nomes propios da obra dese doutor da igrexa e presentouse na sé da IBM, pediu falar co seu presidente e logrouno, logrou dixitalizar todo o corpus, toda a obra do de Aquino (é o chamado índice tomístico).

Algunha páxina interesante que puiden atopar para vós:





 (Prof. Joaquín Fernández)


En segundo lugar falou o catedrático emérito da Universidade Complutense de Madrid, o señor Joaquín Fernández Pérez, un home cunha rica traxectoria docente, creativa, editorial e documentalista. Xa no inicio do seu discurso fíxonos saber que el non cre que unhas persoas sexan superiores a outras. Ou unha servidora estaba desatenta nese momento (o cal pode ser, non o imos negar, todos nos despistamos de cando en vez) ou non xustificou ese aserto. A santo de que dixo iso? Por simpatía ou sintonía co explorador e científico estudado? Moi posiblemente (recordemos que Humboldt é enimigo da escravitude e fala da unidade da especie humana, co cal nega a odiosa diferenciación -mal que lle pese a algúns supremacistas brancos que inda hoxe nos queren vender a burra…- entre ‘razas’ ou grupos étnicos superiores e inferiores). Logo fixo unha interesante disquisición sobre enfoques posibles do home ante a natureza: están primeiro os científicos, logo as persoas sensiles, logo os que a dobregan o someten (enxeñeiros, por exemplo), están os codiciosos e explotadores (pensei aquí no filme español Oro), os indiferentes, e finalmente (salvo erro ou omisión) os creadores de mundos imaxinarios e soños (os artistas). En Humboldt está -entre outros enfoques- o eloxio da natureza e mais hai todo un imaxinario propio. Tiña Humboldt a alma partida: metade científica, metade artística… O señor Fernández Pérez pareceunos un home ousado: entrou -atrévome a dicir talvez a saco- na psique do noso homenaxeado. Falou de quimeras, de desamparo e de desexo amplo de liberdade. Trazou correntes de simpatía con algúns coetáneos (entre el e Goethe, por exemplo) e de todo o contrario (duras palabras contra el de Schiller, tamén por exemplo).

Retiven algunha frase estupenda do seu discurso, e con isto dou por rematado o relativo á segunda conferencia: Non existe na física nada certo agás os feitos. As teorías son os meteoritos do mundo intelectural, por fugaces (parafraseando a Humboldt).

A mellor descrición é a que converte en ollos os oídos (este é un preciosísimo aforismo árabe).






 (Prof. Luis Alonso)
E en terceiro lugar falou o noso prezado amigo o valdeorrés Luis Alonso Álvarez, catedrático emérito da UDC. Fixo un percorrido histórico pola Coruña que viu Humboldt cando se embarcara aquí no Pizarro. O buque Pizarro facía o traxecto Coruña-Canarias-Cumaná. Dixo Luis Alonso (e nós emocionámonos imaxinando, querendo imaxinar: tecemos, e somos tecidos por, o fume da lembranza) os correos [os edificios dos Correos Marítimos] están debaixo da Palloza, enterrados había dous preciosos peiraos… Os edificios dos correos podemos relembralos… pero para facer o Parque Europa desfíxose todo.

A conferencia esta foi brillante, coma as anteriores. Riquísima en datos, perfectamente estruturada. Analizou os antecedentes (a liña regular Coruña-Falmouth que funcionou desde 1689-1815), as causas de que se estableceran aquí eses correos marítimos e non por exemplo en Bilbao onde estaban os asteleiros en que se fabricaban os buques correos; relembrou ao conde de Campomames, asturiano (causa en parte da revitalización do Norte…), redactor dos seus regulamentos; describiu a forma e caracterísiticas daquelas embarcacións (por exemplo, díxonos que era unha corbeta de onde saíu para América Humboldt); falou dos repartimentos de mercancías, da obrigatoriedade imposta aos indíxenas americanos de comprar como un tipo de tributo máis (inda quedan os sombreiros, os chapeus indíxenas en moitas partes de América como resto, indicador daquelas compras obrigadas, os chapeus que se fabricaron aquí noutrora, da casa Barrié, por exemplo), recordou cales mercadoría de aló chegaban logo (prata, grana, coiro de Buenos Aires; analizou por miúdo os linkages, as ligazóns produtivas que incentivaron os correos. Entre elas, e dentro do sector financeiro: o crédito e os seguros. Tiñan as principais destas sociedades financeiro-aseguradoras nomes rimbombantes, como Purísima Concepción de María Santísima y Apóstol Santiago,  e María Santísima de los Dolores e… Sociedades que desaparecen a fins do XVIII, para dar paso durante o XIX ao non menos lucrativo comercio de escravos: un comercio que debuxa un triángulo planetario, un vértice en Europa, outro en África, outro en América. Recordou tamén como ese comercio abusivo para os chamados indíxenas americanos, eses ‘repartimentos forzosos’ provocará rebelións sonadas como a revolta de Tucapamaru. Trazou para nós o mapa sempre interesante dos nomes e apelidos. Con todo este comercio A Coruña énchese de empresarios de fóra (dándose a curiosa contradición de ser Galicia exportadora de emigrantes mentres que aquí na Coruña impulsamos unha inmigración moi especializada). Un 24% do censo estudado de vascos, especializados en pilotaxe de correos e comercio de coiros; un 19% de asturianos, no textil; un 17% de cataláns, especializados no comercio de indianas (algodón pintado e augardentes, xinebra en realidade, as famosas holandas); un 13% de cameranos, relacionados sobre todo co crédito e a banca. E citou apelidos concretos: Torres e Sáez, De Llano, Marzal, Echevarría etc.

 (O prof. Alonso mostrou esta foto onde se ve bastante ben a zona da Palloza, o lugar onde estiveron os edificios dos correos marítimos e máis alá a fábrica de tabacos, e dixo que era unha das fotos máis antigas, senón a máis antiga, que temos da Coruña)


Quitamos o chapeu perante os tres conferenciantes. É este un foro que na nosa modesta opinión debe ir adiante. Todo o que toca a nosa amada cidade toca o noso país. Tócanos no vivo.

 (O peirao da Palloza nun mapa antigo -de 1813?- que nos amosou o prof. Alonso)


(Fotos da zona Palloza-San Diego-Os Castros, de principios do século XX, tomadas de Internet, se non erra a nosa memoria, son da revista-arquivo da Asociación de Veciños Os Castros-A Gaiteira, cuxo labor de conservación da nosa memoria colectiva é admirable).