Amosando publicacións coa etiqueta Primeiros pasos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Primeiros pasos. Amosar todas as publicacións

domingo, 21 de febreiro de 2016

PRIMEIROS PASOS



PRIMEIROS PASOS

Hoxe retomamos un capítulo meu favorito, mais non doado de encher. Comprenderédesme ben se vos digo que o que ama ler, tarde ou cedo amará escribir. Pero mentres que a lectura está ao alcance de case todas as mentes, a escrita non está ao alcance de case todas as mans. Non por iso deixamos de amala: e valoramos máis se cabe os bos escritores. Por inalcanzables. É case un paradoxo... En fin, este día, no Club dos xoves, propúxenlles un par de motivos, ou temas-pretexto para que se animasen a elaborar un pequeno relato, e mirade cal foi o tema proposto que callou nun conto feituquiño (ou iso penso), a entrada no Instituto das aves que logo non logran saír... Realmente ten ocorrido xa varias veces, sobre todo cos gorriachos (pardais).

 (Sempre hai aves á porta do Instituto, e ás veces entran dentro, a foto é de Charo Soto)

“O AMOR PAXAREIRO”

            Estaba eu no Club de Lectura, debatendo cos meus compañeiros o libro que acabaramos de ler, cando comezamos a oír gritos que proviñan do corredor que conduce á biblioteca. A profesora, tamén coñecida como vicedirectora, levantouse da cadeira e saíu fóra da aula, para ver que estaba a ocorrer. Nese momento tres pombas, dúas de cor branca e unha de cor negra, pasaron batendo as súas ás velozmente e, detrás delas, un milleiro de alumnos e alumnas perseguíndoas.
Antonio, o bibliotecario, dirixiuse á vicedirectora, Charo:
-Eses tres paxaros acaban de entrar no Instituto a través das fiestras da biblioteca –dixo Antonio-. Temos que atrapalos canto antes!
-Temos que avisar á directora –contestoulle ela.
Nós, mentres, observabamos a escena bastante asombrados. Charo dirixiuse a nós e dixo:
-Entrade na aula outra vez. Agora veño.
Fixemos o que dixo e metémonos na clase, pero Charo non veu. Ó cabo de cinco minutos oíanse gritos e golpes no piso de arriba. Comezamos a preguntarnos que estaba pasando e decidimos entre todos saír da clase e dirixirnos ó lugar dos gritos. Subimos pola escaleira de caracol que daba ó piso de arriba. Cada vez que subiamos un chanzo da escaleira o estrondoso son escoitábase máis e máis preto.
Chegamos á planta principal, cansos da subida, e o que vimos deixounos sen palabras. Había centos de alumnos correndo sen parar, gritando a pleno pulmón. Unha miña compañeira, acercóusenos e contounos o acontecido:
-As pombas entraron en case todas as clases, e causaron bastantes estragos, o que fixo que practicamente todo o instituto se revolucionara.
A min pareceume todo unha parvada xa que non entendía por que tanto alboroto por só uns simples paxaros, se os ves todos os días pola rúa!
Cando xa levaba trascorrida unha hora, apareceu a directora acompañada dun home de alta estatura, complexión forte e delgado. Suxeitaba unha paxareira enorme na man dereita. Nese instante vin nunha esquina a Moncho e a Xuncal bicándose apaixonadamente. Moncho era o rapaz que me gustaba, pero nese momento non podía soportar todo o que ocorría. Parouse o tempo, xa non podía respirar, non sentía o meu corazón latir, a miña pel empezaba a tornar nunha cor máis e máis clara. Sentíame desvanecer e caín ó solo mentres seguía vendo aqueles dous namorados selando o seu amor e as belas pombas voar.
Adeus, mundo cruel.

(Pablo García Lagoa e Ángela Martínez Loureiro, 2º da ESO).

 (Paula e Óscar prestáronse a representar a parella de personaxes do relato nun recanto apropiado, a foto fíxoa Alba)

 (Paula e Jason representan o mesmo papel noutro curruncho, arriba, na porta do faiado sen fin do noso Instituto)
 
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Agora é o intre en que eu vos confeso, con algo de pudor, que tamén unha servidora ten escritos contiños que transcorren no Instituto. Algún atesóuroo con certo cariño. Atrévome, para celebrar que se aproxima a primavera e o mes en que nacín,  a subir tamén un microrrelato dos moitos que gardo na gabeta.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Recreo

            Dixo Branca: “e vícheslle o día da exposición a nova moza?, é estupenda”, “guapísima” (evoquei as pernolas que unha saia supercurta nos deixaba ver con xenerosidade, melenaza loira, ollos claros de ceo azul esplendidamente remarcados por liñas de pintura axeitadas, un tipazo de muller), “pois xa é a segunda, eu deille clase, era no bacharelato, ela viña buscalo, viña de fóra, pero entraba no insti, el saía da aula e amábanse no corredor –Branca pon cara de nena, hai algo de sutil ironía, e dese algo un mínimo é por min, porque sabe como me gusta conxugar o verbo amar, a ela gústalle menos, verbalizalo, que non vivilo, enténdase, pero eu fico suspensa perante a oración, amábanse no corredor..., evoca época bonita da vida, a bicos xunto ás fiestras e menos de vinte anos no peto, ostentosamente sendo diante dos colegas, chulísimo, Branca merece boa nota-,  pero un día xa non veu, pasaron días e nada, eu tiña curiosidade e pregunteille, Rainier, e a moza?”, “enganoume, profe, enganoume”, “como?, enganouno?”, “enganoumedicía rotundo”, “que sería, con un terceiro?”, Tulio riu alto “ claro! –díxome-, como vai ser se non?”, xa nos levantabamos, o recreo non chega a nada, pagou cortés o Tulio, eu dixen “pois..., podía ser un engano psicolóxico”, “psicolóxico?”, “faste pasar por quen non es”, “ah!, pode..., pero por antonomasia, o engano é con outra persoa”, “si, por excelencia, nestes casos adoita ser así”. O semáforo púxose verde. Cruzamos cara ao Instituto.

 (Charo Soto).

luns, 8 de xuño de 2015

PRIMEIROS PASOS



Primeiros pasos

Hoxe presentámosvos un relato romántico e gótico asemade dunha nosa alumna, das mellores que tivemos este ano. No blog da biblioteca (ofarodesofia) xa nos presentou, en colaboración cun seu condiscípulo, un traballo máis que discreto sobre a obra rosaliana.

 (Cemiterio coruñés de san Amaro. Fotos tomadas da Internet)


Este relato de Ainhoa ten o cemiterio como contexto. Hai boas obras na historia da literatura que en parte, canto menos, transcorren aí: no adro da igrexa imaxinamos a Hamlet co cranio de Yorick, e vemos aos personaxes de Un ollo de vidro; antes de Castelao xa  declamaron no camposanto D. Juan e mais D. Álvaro. A propia Rosalía dedícalle un poema ao encantador cemiterio de Adina. Os coruñeses temos seres queridos no marabillosísimo de san Amaro (unha servidora, sen ir máis lonxe ten unha bisavoa, dúas avoas, un bisavó e un avó: as avoas descansan moi pretiño do bardo –“Aquí jaz o cantor da raza galega”): Galicia enteira ten figuras inmorrentes descansando no noso san Amaro. Unha boa man delas. Séxanos a todos no seu día a terra leve.

 (Este venres nas VIII xornadas de Clubs de Lecturas agasalláronnos a algúns dos presentes con este libro, moi aconsellable)

Tamén hai historias reais nun cemiterio que superan xenerosamente a ficción: acaban de agasallarme cun libro estupenso, de Werner Fuld, e apenas encetado, xa ficamos abraiados co episodio da vida de Dante Gabriel Rosetti, quen –no cemiterio de Highgate, onde repousan os restos de Carlos Marx, unha pasada de beleza de lugar, ao norte de Londres…- en 1869 abre ás agachadas a tumba da esposa Elizabeth, non por afán enfermizo de volver vela, non, senón para recoller un cofre onde depositara o manuscrito único que contiña todos os seus poemas e que ofrendara como prenda de amor no seu día… Pero o tempo, grande médico e curandeiro, fixéralle mudar de idea e a fama puido tanto... En fin, déixovos xa con Ainhoa.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Morte

Morte permanecía coma sempre no cemiterio, calculador, eterno, imperturbable. Vendo as ánimas ir e vir sen que ninguén o puidese detectar. Miraba cos ollos ocos a longa cola de mortalidade plasmada nas lápidas e nos vivos camiño do cadalso. Miles de flores vermellas colocadas polos visitantes,  que coma eles se consumirían co paso do tempo,  manchando dunha efémera cor a pedra. Todo lentamente se dirixía cara el, para atopar descanso.

O reino de seu era vasto e interminábel, tiña un corazón indolente que vagaba ao carón da desdita miserable que padecían as xentes.

Sen rumbo entre as tumbas a el dedicadas, pasaba os séculos observando o transcurso do tempo con apatía. Tiña visto marcharse xa varios eóns e seguiríaos a ver, porque Morte estaba presente en tódalas épocas, pois cada cal requería del. Ocorreu entón que a casualidade fíxolle unha visita, viuse virando a súa ollada cara o leste, onde alguén reparara na súa presenza. A imaxe dunha moza cuns ollos grises e pel pálida coma a alborada sorpredeuno. Seus beizos eran camelias nocturnas, pechadas nun morriñento sorriso, plantadas na face perfecta. Uns cabelos de cinzas que semellaban ondas na medianoite caían polos seus ombros nus ata rozar un vestido de gasa branca.

Cruzou a verxa do grandilocuente camposanto. Aqueles pés descalzos andaron case flotando sobre os pétalos das rosas murchas. Rompendo o silencio coa respiración e o bater do seu peito, nun mundo onde os corazóns calados dormían.

Vida albiscou con temor a figura osuda ataviada cun impecable traxe negro. A cara inexpresiva posuía unha pel semellante ao papel agretado polos anos, firmemente adherida aos ósos sen apenas carne entremedias. Os beizos daquel rostro ilexible eran unha raia fina e horizontal, a xogo cuns ollos infinitos. Detívose a unha distancia prudencial para miralos, sentindo  que se afundía nun pozo seco e escuro.

“Fixeches desaparecer todos os que amei. Velaquí  estou, tómame e lévame tamén”,  declarou ela.

Pese ao desexo de Vida, el non puido afastala de si mesma. A Vida non podía morrer, porque aquilo significaría a fin da propia Morte. Entre laios ela suplicaba que rematase coa súa existencia agónica,  xa que estaba completamente soa, illada dos mortais aos que bicaba ao nacer. Tendo que ver os seres que amou incondicionalmente emprender un rumbo inevitable.

Morte, que acollía a aqueles que o buscaban, compadeceuse da Vida: A única que, coma el, non podería descansar xamais. Enxugou as bágoas dela e ofreceulle unha malva que secou ao entrar en contacto cos seus dedos. Unha mirada agradecida e rota pola dor cravouse nos ollos buxáns de Morte e comezou a respirar, a respirar…

Así aconteceu que a vida e a morte se namoraron.
Buscaban nos beizos do outro o sentido dun universo decadente e cruel. As súas mans esforzábanse por manter o contacto durante uns fuxitivos segundos de ledicia ata que sentían dor. Pois Morte e Vida consumíanse mutuamente. Creación e destrución coexistindo, amándose, xerando a existencia do oposto... acabando con ela tamén. Endexamais poderían estar xuntos nin separados, só a unha distancia suficiente para contemplarse pero cun valado. Eran como o sol e a lúa, astros que brillan celestes e quérense únicamente durante uns intres ata que o universo os separe.

Mentres persistían no seu afán por seguir xuntos non podían evitar ver o dano que se inflixían o un ao outro. A vitalidade ía marchando do corpo de vida, cuxo corazón se volvía cada vez máis xélido. Morte sentía unha dor crecente producida polo amor, do que ata aquela non fora vítima.

Mais eran ditosos cando se atopaban nos brazos do outro, a pesares da agonía que lles producía sentir así a ambos.  As veces mirábanse, e sen tocarse, aloumiñábanse. Non había nada máis, nin tempo nin realidade capaz de apartalos neses intres poderosos.

Un día vida estaba a cantar. Coa súa linda voz de cristal entoou unha balada que fixo estremecer a Morte.

You used to captivate me
by your resonating ligh,
now I'm bound by the life you left behind.

Your face it haunts
my once pleasant dreams,
your voice it chased away
all the sanity in me.

This wounds won't seem to heal,
this pain is just too real,
there's just too much the time can not erase.                                                    Adoitabas engaiolarme
coa túa luz resoante,
agora estou atada a vida que deixaches atrás.

A túa cara embruxa
os meus soños máis agradables,
túa voz levouse
tódala cordura en min.

Estas feridas non semellan curar,
esta dor é demasiado real,
hai demasiadas cousas que o tempo non pode borrar.

Non o soportou máis, vela aproximarse ao seu mundo anque o ansiase, todo o sufrimento que resistía. Non podía murchar outra flor, por moito que amase tanta perfección e fermosura.
Unidos nun vals de bágoas danzaron toda a eternidade, pospoñendo a despedida que seguía á fin do baile. Pero que chegaría de forma ineludible.
                                      Ainhoa Grandío Álvarez, 1º bacharelato


luns, 18 de maio de 2015

PRIMEIROS PASOS



PRIMEIROS PASOS (III)

Este venres pasado, 15 de maio, celebrouse na nosa Biblioteca a entrega de premios do segundo Concurso de Microrrelatos que organizamos para alumnos da ESO do centro. Houbo dous gañadores, un en lingua galega e outro en lingua castelá. Velaquí os tendes:
 
I.                   A fronteira


A miña vida en África estaba chea de desagradables situacións, entre elas a escaseza de auga, que fai que no meu país miles de persoas teñan que arriscar a súa vida na súa procura. Xa farto dunha vida chea de desgraza e crise decidín viaxar a Marrocos coa esperanza de emigrar a Ceuta e comezar unha nova vida.

A viaxe foi longa e pesarosa e, cando ao fin chegamos ataa a famosa barreira que nos separa de España, non din creto ao que vin. Uns sólidos valos de seis metros de altitude alzábanse contra min, rematados en intrincados arames con púas ameazadoras que se rizaban contra o meu grupo e mais eu. Apartei rapidamente aqueles pensamentos da miña cabeza, e despois comecei o meu ascenso. Ao alcanzar a parte superior tívenme que enfrontar aos endemoñados fíos de metal, os cales dificultábanme terriblemente o paso cravándose con forza nos meus brazos e no corpo, pero era xa tarde pra dar volta atrás e seguín avanzando.

Ao chegar ao outro lado, a ledicia e a felicidade que nos inundaban cegounos non puidendo ver aos vixiantes de turno, que nos estiveron observando durante todo o ascenso e reduciron ao meu grupo con facilidade. Estaba feble polas miñas feridas, así que decidín fuxir mentres duraba a confusión conseguindo escapar dese inferno. Como recompensa polos meus esforzos, a miña vida mellorou, pero nunca poderei esquecer o visto na fronteira de Ceuta.

                                               (Marcos Freire, 1º ESO)


II.                  Las lágrimas resbalaban...


Las lágrimas resbalaban lentamente por lo que había sido hermoso rostro, lloraba de furia, le golpeó, fue un golpe seco, pero bastó para hacerle caer al frío suelo. Fueron muchos años de sufrimiento. Basta, gritó.

Llueve. Susurró. Rápidamente cogió sus pertenencias, desastrosamente esparcidas por el suelo y se marchó...

Dejando tras de si, un gran rastro de frialdad. Entró en su coche, golpeó el volante violentamente enfurecida.

En el callejón ya sonaba fuertemente las sirenas de la policía. Sonrió, y emprendió la marcha. Ya era libre.


                                         (Germán Tojeiro, 4º ESO).

Estaredes de acordo comigo en que o tema é decisivo á hora de valorar o xurado o texto (Bühler non integrou o tema como elemento básico do paradigma da comunicación nos anos 30 do século pasado, integrou o emisor, o receptor e mais a mensaxe, mais mensaxe e tema non son –en principio-  sinónimos; algúns de vós, cando fostes alumnos meus en primeiro, recordaredes que xogabamos a comparar a relación tema-texto coa relación punto inicial orixe do big bang-universo: por expansión dun tema, producimos un texto: dado un texto, por síntese, procuramos o tema). 


O tema dos movementos migratorios en situación de angustiosa precariedade no planeta é un tema tan actual que non podemos pasar por el de esguello: hai que focalizar: abrir os ollos e como mínimo, como punto inicial, sentir empatía ou solidariedade, poñernos na pel deses seres humanos. Este día na televisión enfocaban os periodistas o barco ao pairo no sueste asiático, con xente escura vinda de Myanman ou de Bangladesh, alzando brazos ao ceo para ver se pillaban botellas de auga que outros máis afortunados lles lanzaban... Recordades, meus queridos, cando foi a última vez que alzastes os brazos ao ceo? Quizais vendo un partido, pola alegría; quizais nun baile... Nunha danza ritual, como na película que botaron este sábado, O home de vimbio (The Wicker Man de Robin Hardy, de 1973), onde homes e mulleres brincan coma nunha cerimoniosa muiñeira en honra duns deuses arcaicos..., en Rei David tamén Richard Gere danza ritualmente camiño do templo en honra de Yahvé;  sen dúbida gústalle que bailemos e dancemos a Deus. Tanto ou máis lle gusta que non pechemos mente nin corazón ao sufrimento dos conxéneres. Mentres os nosos rapaces amosen sensibilidade a flor de pel, aínda non morre a esperanza.
 (Mª Rosario Soto Arias).

 (Fotograma da película 'Rei David')

 (Foto tomada na coruñesa praza Emilio Romay, é a chamada Fonte da Tolerancia)

luns, 27 de abril de 2015

PRIMEIROS PASOS



PRIMEIROS PASOS (II)


Como vos prometera no seu día (non recordo xa cal), falareivos do espléndido traballo dunha das nosas alumnas dos cazatesouros, Lucía Blanco Miguéns. Non sei se sabedes que Pablo Ruiz Picasso, cando era rapaz e vivía aquí entre nós, na Coruña, practicaba a sempre difícil pero apaixonante arte xornalística. Emulaba en parte o que se publicaba na liberal cidade herculina de finais de século XIX (tedes moita máis información no libro O primeiro Picasso A Coruña 2015, publicado polo Concello da Coruña e mais a Xunta de Galicia; en concreto, cómprevos ler o artigo de Rubén Ventureira: “Periódicos e Caricaturas”). Este rapaz era un pequeno xenio, pillaba de medo o ambiente, enchoupábase dos trazos esenciais do contexto en que vivía. Mirade a foto que vos selecciono máis abaixo.

O caso é que na Coruña este é o segundo ano que se celebra un concurso entre os escolares imitando e relembrando esa faceta do pequeno Pablo. Xa o ano pasado levou un premio (entre outros rapaces) un alumno noso, da man do seu profesor Tomás Ruibal. E este ano o premio ao mellor periódico foi para Lucía. O acto de entrega de premios celebrouse no paraninfo-salón de actos do Instituto, coa presenza de distintas autoridades: estaba o alcalde coruñés (quen lanzou un desiderátum case inviable, dixo que a medio prazo quería que Coruña dispuxese dunha exposición permanente de obra picassiana), o presidente da Asociación da Prensa Coruñesa, estaba o fillo de Ángel Padín –un dos homes que máis fixeron por rescatar do esquecemento o paso do artista malagueño por estes lares, por exemplo é mérito seu a investigación que o conduciu á primeira exposición da obra de Pablo Ruiz nun comercio da rúa Real, exposición da cal se cumpren agora 120 anos-, e tamén nos acompañaba a filla de J. L. Bugallal Marchesi, outro dos primeiros galegos en investigar esa páxina da historia (investigar e publicar, xa vos contarei proximamente...).

(Lucía Blanco co seu profesor de debuxo, o catedrático D. Raúl Trillo Docampo; contábanos co corazón na man –con total sinceridade exenta de falsa modestia- que o mérito del é mínimo, dada a absoluta e rotunda brillantez de Lucía)

(Velaquí o bosquexo do periódico satírico feito por Lucía Blanco, gañador do premio. Chamo a vosa atención sobre ese recap –un concepto moi de moda, por certo, unha reutilización xenial dunha obra, dunha imaxe, dun obxecto artístico- feito tomando como base o cadro que pintara Picasso cando estudaba aquí, no noso edificio, A rapaza dos pés descalzos, agora reconvertida en Lisa Simpson)


(Unha páxina do periódico feito por Pablo rapaz, titulado “Azul y Blanco, revista manuscrita” –arremeda a revista española  “Blanco y negro”-, datada o 28 de outubro de 1894; nas imaxes da parte superior esquerda un home quéixase da chuvia–trasunto do pai, D. José Ruiz, nada ben adaptado a este noso clima- con estas palabras: Ya ha comenzado a llover así continuará hasta el verano, e ao seu lado a muller completa estupendamente: También ha empezado el viento q continuará... hasta que no halla Coruña...”, disimulemos a ortografía e quedemos co sentido do humor;  claro que esta é a cidade do vento, como a da canción fermosa de Quique González, que ben o entendeu o neno...)

 (Páxina do libro arriba citado onde se ve parte do periódico que Picasso titulou co nome da nosa cidade. Verbo dos seus xornais di Victoria Charles no seu libro sobre o malagueño: "Let us note here that the young Picasso's spontaneous drawings have a narrative, dramatic quality; for him the image and the word were almost identical. Both of these points are extremely significant to the future development of Picasso's art". Non en todos os libros sobre o pintor se fala da Coruña, nin moito menos, pero neste de V. Charles, si. E se entrades na páxina web da Galería Nacional de Washington, e procurades a obra picassiana, tamén a veremos citada)