luns, 20 de xullo de 2026

GALICIA INMORRENTE

Galicia Inmorrente

Cestaría

 

(Cestaría. Museo do Pobo Galego [MPG]. As fotos do MPG foron feitas por Charo Soto)

Este día, sábado, fomos á feira de artesanía de Agolada. Era nos pendellos, senlleiras construcións de pedra e madeira que datan do século XVIII, segundo se pode ler na páxina do Concello (https://agolada.es/turismo/patrimonio-civil/os-pendellos). Nunca visitara o lugar con tanta afluencia de xente, con tanta vida… Había cerámica de Gundivós, xoieiría en prata (o meu fillo trouxérame de Oakland-California, hai moitos anos, unha landra de prata preciosa, aquí nunca a vira daquela e vina en Agolada feita por unha prateira, vendía tamén arracadas facendo xogo), traballos en ferro, roupa de liño (ai!, aí piquei) e había cestaría. Estaba Carlos Rubio, a quen a miña irmá Puri trata, un cesteiro ártabro que sabe adaptarse aos tempos. Renovarse ou morrer, disque… O seu obradoiro chámase O carabel dos cestos, nome redundante en certa medida mais igualmente poético. Estivemos charlando un bocado. Fixemos fotos e pedinlle permiso para subir unha polo menos ao blog. Unha persoa encantadora, esa é a impresión que me causou. Comenteille que a voz carabela é polisémica, na terra da nosa nai falábase da carabela da merenda, mentres que as carabelas que chegaron a América con españois (a Pinta e a Niña) eran embarcacións grandeiriñas, talvez son así chamadas pola forma de cesta. Non sei por que pensei sen dubidar que a acepción primeira é a da terra e a da mar debía ser secundaria. Había que estudalo, ir a Coromines[1] e dedicarlle un tempiño. Outra vez será, miñas queridas e meus queridos. Non sempre un dispón do tempo que quixera. A Carlos moito lle chama a atención que no Barbanza atopou un cesteiro tradicional que facía a obra digamos ao revés do que é normal ou maioritario. Enténdese que o “normal” é empezar polo cu, polo fondo, e acabar pola boca do cesto ou da cesta. Este artesán do Barbanza empezaba por riba.

(Mesado de cesteiro, Lousame, A Coruña. MPG)

 

Ten un mesado onde espichan as costelas, tecen e rematan polo cu. É o cesto do Barbanza. Insiste en que el non está descubrindo nada, só fai fincapé en que lle chamou a atención… Amenta outro Carlos, autor dun libro de Cestaría tradicional galega. E hipotiza sobre posibles Influencias alleas a Galicia  que entrarían polo mar.

(Cesto feito por Carlos Rubio, cun pau "de arribazón", do que trae o mar á terra)

 

Puri cómpralle para un agasallo que ten que facer unha especie de mochila que toma como referente básico a antiga cesta de pescador. Ten vimbia autóctona, de cor alaranxada, e logo un sálex purpúrea (dinos Carlos Rubio que se chama así porque cando agroma ten cor púrpura, agora ten tonalidades verdes); botón e a tapa son de castiñeiro, dunha porta vella, unha xoia… Puri engade: porque nunca usa materiais que non sexan vexetais


 

Na casa da aldea teño un cesto con que me agasallaron os meus irmáns (incluído o político) feito por Carlos, a asa é un pau traído polo mar á praia. Como diría Santi (tamén ártabro), material de arribazón. Outro pequeno tesouro.

 

Logo, na TVG, de pura casualidade, vin un anaco dun documental interesantísimo que tiña como protagonista un cesteiro que eu, como tantas outras cousas, descoñecía e que, pescudando a posteriori, xuraría que era o documental titulado Cesteando, dedicado ao xa falecido Toño do Val. Impresionoume a súa humildade, de José Antonio (sempre, sempre me marabilla a humildade dos sabios; normal, en parte, porque non sempre os que máis saben son humildes…) e a súa clara conciencia de que a cestaría é un ben patrimonial pero non unha fonte de riqueza material, dicía que hai que velo cesto coma cultura, insistía en que resulta dificilísimo vivir diso, sobre todo se se ten en conta a competancia do plástico e da cestaría barateira que vén de China. Contounos que en China son os presos nos cárceres os que fan os cestos, máis efémeros ca os que facemos aquí, e fanse coma quen fai rosquillas. Quedei coa copla, que se di, ou mellor, quedei co conto. Miraba na casa da aldea un par de cestos made in China que temos por aló e verbalicei en voz alta, queres ver que agora os aprecio máis? É bo que un ser humano privado de liberdade poida traballar coas mans…


(Foto tirada de Internet)

 

E relembrei cousas antigas que un día lin sobre os primeiros eremitas, en terras de Exipto, que tecían para autoconsumo e para a venda, tecían nas súas celas ou cenobios, tamén eles privados (voluntariamente) de liberdade de movementos. Por exemplo, un santo chamado Pacomio. Lemos nas Vitas Patrem un capítulo titulado: Pacomio aprende a tecer cestas seguindo os consellos dun meniño. Curioso. Moi curioso. Outro título desa mesma obra: Dun monxe, fillo dun conde, que lle mandaran levar as spuertas polas prazas (manexo unha tradución do latín ao castelán-aragonés antigo; en calquera caso estas spuertas son chamadas noutra páxina capazos). O propio Pancomio destrúe 500 cestas que teceron uns relixiosos por non observar as regras da orde e para simbolizar o efémero de moitas  accións humanas. Normalmente estas persoas tecían esparto e follas de palmeira, cordas e vergas[2].

(Tirado de Internet)

 

En Galicia os cesteiros traballan, no que nós sabemos, con vimes, salgueiros, que fornecen madeira flexible; tamén se traballa con castiñeiro, carballo e abeleira (así nolo di un artesán da aldea de Pincelo[3]).

(Rapazas levando argazo. Noia. Anos 20 do século pasado. Foto de Ruth M. Anderson)

 

(A cestaría vinculábase aos oficios. Foto da portada do libro de Andrés Rodríguez Vergara sobre a pesca no mar de Galicia. Os mariñeiros están en Cedeira)


 


Tocante ao uso, vedes (por exemplo en Xaquín Lorenzo) que estaba moi vinculado aos oficios. Nós quixemos preguntarlle aos seres queridos próximos criados na aldea polo uso na súa infancia. Luís, dezao, díxonos: había aquelas cestas grandes de dúas asas que se levaban entre dúas persoas e nelas cargábanse as mazarocas do millo para levar ao hórreo. Logo estaban os cestos máis pequenos, dunha asa, para recoller da terra as patacas e levalas ao carro…  mamá tamén ía á horta coa cesta na man para as cornechas[4]... Despois pregunteille ao meu curmán Manuel, de Valencia do Sil, Valdeorras, a quen tantas veces acudimos por cuestións de lingua e etnografía. Relembrou tamén da infancia e mocidade: A mamá preparaba o xantar na carabela para os que traballaban nas viñas ou na terra. A carabela levábase en canastilla[5], que era de vimbio, era branca, moi bonita e cubríase todo cun pano. A mamá levaba a carabela ás viñas na cabeza, poñía antes a rodela e logo a carabela. Había logo a cesta, con asa, de vimbio que podía ser pelado ou sen pelar, usábase para as patacas e tamén para as castañas, ah!, e para os conchos. As cestas cheas de patacas ou de conchos botábanse no saco e os sacos ían no carro… moitos conchos se collían… Os cestos da vendima eran xa de castañeiro bravo [interrompo, non lles chamabades culeiros?]. Non, aquí eran os cestos da vendima. Os cesteiros viñan de San Vicente, preto de Vilamartín, tiraban 15 días antes da vendima. Faime dez cestos e facían dez cestos. Montaban o seu taller por exemplo nos Olmos e alí recibían os encargos da xente do pueblo.

(Lavandeira. Foto de Pedro Ferrer)

(Peixeira en Riazor. Foto de Pedro Ferrer)


 


 

 

Imos pechar este capítulo cunha man de refráns[6] e unha breve aproximación ao lexico específico.

 

(Vendedores de churros. Ano 1926. A Coruña. Foto de Ruth M. Anderson)

REFRÁNS:

 

A muller é a cesta e o home o angazo; si a cesta é rota, todo perdido (refírese á boa administración da muller)

A necesidá fai facer os cestos

Amor de nena, auga na cesta.

Amor de neno, auga nun cesto (hai variante: meniño…cestiño)

Ano bisesto, nin saco nin cesto

Arreeiro de unha besta, cesteiro de unha cesta e pescador de cana, máis perde do que gana

As castañas postas en xaneiro van na cesta e veñen no sombreiro.

As patacas de xaneiro van no cesto e voltan no sombreiro

Cartos na man, xurelos na cesta

Cesta patela arrumba máis que leva

Coller auga nun cesto non é de proveito.

Dúas mulleres e un cesto fan feira

Estas son fanequiñas da Pedra da Besta; o que as colle, ben as mete na cesta.

Horta no marzo, cesta no brazo.

Maínzo ralo dá cesta e carro; maínzo mesto, nin carro nin cesto.

Millo mesto vai no cesto; millo raro vai no carro (hai variantes)

Néboa no Castelo, sardiña no cesto (Castelo, Ribadeo)

No ano bisiesto caben as crías debaixo dun cesto

O leite fresco está no cesto (supoñenos que é metonimia polo alimento, polo contido)

O millo rascado enche a cesta e enche o ferrado.

O que fai un cesto, fai un cento, dándolle vrengas e tempo (variantes: vrenga conmuta por varas, corres, vimbos, vimbio, vergas, bimimio)

Paxe que moito refregan e home que moito se cura, pouco duran.

Por san Miguel colle o cesto e o caravel.

Por unha presa de aire non se perda unha cesta de tripas.

Pouco importa que o angazo xunte si a cesta verte

Quen fixo o cesto, que lle poña o aro.

Rachas e mais rachas fan un cesto (variante recollida dun alumno con avós nas terras do Avia: “Bago a bago unha vella fixo un mollo de viño”)

Saia peixe ou saia ran, ao cesto van

Unha lancha con dous remos, un sesto con do[u]s patelos (çesto no orixinal, nota dos editores de Vázquez Saco).

Vale máis unha boa presa que un mal cesto.

Xa vén o maio, carabel hastra o aro (recollido en Mugardos)

 

(O cesteiro ourensán Toño do Val. Imaxe tirada de Internet)

LÉXICO:

 

(Se non hai especificación, todas as voces  do listado figuran no Diccionario da Real Academia Galega, en liña. Salvo especificación, todas os nomes indican tipos de cestos ou son, simplemente, sinónimos de ‘cesto’.  Lembrade que DdD = https://ilg.usc.gal/ddd/

Barreleiro

Barrelo

Brenga, bringa

Burro (XL)


 

Cabaz

Cacifo, cacipo

Canastra

Canastrel

Canastro

Canistrel

Carabel

Carabela

Carabelo

Cesta

Cesto

Cestón

Coleiro

Corapachus ‘corozas’ (é un localismo)

(MPG)

 

Costelo ‘piso ou base do cesto’ (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2009/06/06/tradicion-cesteira-courel/0003_7766537.htm)

Culeiro (DdD)

Escriño (localismo

Ganacho (‘cesto para carrexar uvas’, DdD)

Gipo (DdD)

Goxa (Lembrade que nestes casos o morfo de xénero -a, -o indica diferenza de tamaño, a favor do feminino, é dicir, a goxa é máis grande ou ten maior diámetro  ca o goxo e o mesmo pasa co carabelo e a carabela).

Goxo

Meato (DdD: aboado por Sobreira e remite a Ponteareas. Figura tamén no dicionario de Estraviz).

Moñico (XL[7], vale ou valía para transportar pedra)

Paradoira (Empregando unha ferramenta chamada cuitelo ou paradoira, (https://asociacionculturaltrintaportelos.wordpress.com/2015/12/27/artigo-sobre-os-cesteiros-en-homenaxe-os-cesteiros-da-parroquia/

Panela

Patela

Paxe

Queipo

Tapamento ‘as vergas que forman a boca’; XL, a voz non figura no DRAG)

Verga (‘Lámina delgada e estreita que se tira dunha vara verde e que se utiliza para facer paxes, cestos etc.’).

Vergas de urdimento ‘a base, o fondo’ (XL)

Vinca ‘un tipo de verga’ (XL).


 

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

 

 

 



[1] Coromines segue para os filólogos da miña xeración, o mestre de mestres, a referencia obrigada; mais se queredes que sexa sincera, tamén hei revisar a raíz do carballo en Navaza, non vaia ser que o primitivo cesto, o vello carabelo, teña que ver coa dura raíz desa pranta. Como alcumes medievais no CODOLGA temos Caravelo e Caravo. E temos os topónimos Caraualleyra e Caravedo. Esa raíz, de materia vexetal dura, car- non é imposible que entre en xogo  na xénese do carabel(o/a).

[2] Fue un monge llamado Zacheo que a cabo de luengo tiempo que havía castamente vivido, siendo tachado de gota coral, tenía la cella de los otros religiosos apartada; e no comió ál en su vida salvo pan e sal; e de continuo texía algunas cestas, to huvo por Dios, que muchas vezes, retorciendo las cuerdas e vergas, se punchava las manos e se sacava sangre, tanto que por la misma hazienda se mostrava su paciencia (letra grosa nosa).

[4] As cornechas son os feixóns verdes en Trasdeza.

[5] Literalmente. Repetiu: a carabela levábase en canastilla. Eu quixen saber se eran 2 cestas, unha dentro da outra pero non. Carabela é voz galega, canastilla non. O máis que posible castelanismo, “en canastilla” fica coma un nobelo envolto na matriz galaica, a carabela. A nosa nai toda a vida lle chamou “canastilla” á da roupa do bebé. Había a frase “preparar a canastilla” cando se preparaba o enxoval do nasciturus, do bebé. E logo xa se usaba para outros menesteres, “tráeme a canastilla”, “está enriba da canastilla” etc. Pero non deixa de ser un castelanismo máis incorporado á nosa fala. A voz “concho” figura no DRAG. Exclúe a voz ‘noz’, é dicir, onde se fala de conchos, non se fala de noces.

[7] Xaquín Lorenzo, Os Oficios.

 

(XL)

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario