luns, 16 de novembro de 2026

VISITANDO TERRAS DE SOBRADO, TOQUES E FRIOL

 

17 de outubro (saída cultural do “Eusebio bótase ao monte”), por Terras de Sobrado, Toques e Friol

 

(Parte do grupo en San Xián de Cumbraos)

Á hora acordada partimos na nave de Autos Rico, leva o control Alexander Machín, un cubano que conduce como a seda ao son da batería (“foi músico antes que condutor”)

 

Ás nove da mañán xa nos encontramos na Ciadella (Sobrado dos Monxes), o nome é todo un propósito de intencións, unha “civitas romana”, aínda que anteriormente e constatándoo in situ, Campamento Romano, unhas dúas hectáreas e media, as medidas aproximadas son de 170 X 140 m. En si e xunto co campamento do actual encoro das Conchas, Aquis Querquennis (Bande), son os dous grandes e amplos expoñentes da arqueoloxía militar peninsular.

 

(Carmen e Luis en Ciadella)

No de Sobrado estaba unha cohorte, uns 600 soldados, coa fundamental tarefa de vixía nas comunicacións no NW galaico, concretamente no tránsito entre Brigantium e Lucus Augusti, e na cunca do Mandeo. Empezou a ser escavado a principios do S.XX, pero o gran impulsor a partires dos 80 foi o inesquecible Xosé Manuel Caamaño Gesto[1], quen traballou en varias campañas estivais acompañado de estudantes ávidos de aprender a coñecer “in situ”. Varios deses aprendices de arqueólogos e historiadores podemos atopalos asinando comunicacións sobre a “terra sigilata”, e outros rastros arqueolóxicos.

(Sabela e Gloria)

 

 

(Marta e Alba en Ciadella)

Dentro do campamento vense as dúas avenidas principais, a casa do xefe (uns 29 X 29 m), un hospital de campaña, os hórrea (para os víveres), un lugar para gardar os estandartes e dar culto aos deuses...


 

 

Da escavación diriamos que foi un éxito, tamén a nivel social, xa que o profesor Caamaño coñecía a comarca como a palma da man, as súas expedicións facían base no Mesón de Roade (parroquia sobradeña ao pé do nacemento do Mandeo). Todo o mundo da contorna sabía o que se facía e como, e ademais sabía facerse eco da oralidade  e das súas tradicións.

 

Ángel explica o funcionamento do muíño (no río Mandeo)

 

Os restos que hoxe quedan delimitan case toda a construción, aínda que sobre unha parte é probable que se levantaran outras construcións, e o propio templo parroquial. E a nivel social recórdanos a excursión a Celanova e a súa famosa tésera dos Coelernos, pobo co que tiñan trato aquí.

 

(Río Furelos, case sen auga)

De aquí partimos cara a Casa do Queixo na veciña parroquia de Grixalva, alí agárdanos un almorzar-espertar cultural-espiritual e físico no seu magnífico refectorio, cheo de alusións do rural, Ángel e o seu equipo téñennos preparado un bo refrixerio a base de queixo e outros produtos de primeira, namentres vai facendo un “showcooking”, unha demostración de como se facía o queixo, as peculiaridades do proceso e a variada tipoloxía galega.

 

 

(Pilar e José Carlos)

A compañía, o refrixerio e a clase fannos acougar para asimilar todo o que se nos ensina, o mergullamento no rural continúa pola súa granxa, vendo apeiros e animais domésticos. 

(Jesús e Pilar)

 

 

Para rematar lévanos a un muiño hidraúlico, en bastante bo estado moi preto do Mandeo. Parece que o paseo fai mella en nós como a filosofía nos peripatéticos., imos vendo como se configuran as parcelas e os seus usos, uns porcos do país, unhas corredoiras que evocan a noite dos tempos, e aquelas muiñadas, sensación e posta a punto das redes sociais da época.

(Pedro e esposa)

 (Milagros e esposo)


 

A media mañán continuamos cara a Toques, e subimos ao San Antolín na Capela, unha xoia do Románico inicial ou do Pre-Románico en pleno Bocelo. Recordamos a “fábrica das puntas” coetánea da Desamortización (1835). O templo, que foi cenobio beneditino ten un elenco de elementos románicos e lombardos (dentes de serra, arcos cegos, modillóns, motivos vexetais...) e dentro, baixo duns frescos, un relevo en pedra moi interesante, así como o seu Calvario con Xesús (con catro cravos[2]) escoltado pola Virxe e San Xoán. Agradecemos a colaboración do párroco da UPA de Toques, D. Evanando.

 

(Parladoiros en San Paio de Narla)

De volta buscamos no Careón a confluencia de dous regatos, un deles secou neste estío, algo infrecuente. A parroquia de Brañas acolle o nacemento do Furelos, desta volta non houbo sorte e a fervenza só parece un esbozo, “non abriron as fontes”, contemplamos o seu emprazamento e o seu muíño.

(Torre da Homenaxe. San Paio de Narla)

 

 

Pouco a pouco vai chegando a hora de xantar, e para tal fin acudimos á de Ángeles, en Brañas. Unha cociña bilbaína e outra máis moderna dan conta dos últimos amorosos coidados do noso menú, menú de “terra-mar”, unhas ameixas á mariñeira de lamber as cunchas, un xarrete a lume lento con pataquiñas asadas e unhas filloas á moda da casa. Que marabilla e que reconfortados! O servizo e as viandas son de primeira, quedamos moi agradecidos e con ganas de voltar.

(Calvario de San Antolín de Toques)

(Frescos de San Antolín de Toques)


 


 

 

Caendo a tarde subimos de novo ao bus para coñecer de cerca unha explotación de porco celta, que vén funcionando desde o 1999 na friolesa parroquia do Carballo, 700 hectáreas, con cabalos, porcos e piñeiro roxo americano de crecemento lento (80-100 anos). Alí aprendemos sobre a manutención sostible, o mantemento dos terreos como protección anti-incendios, aínda que dificilmente do lobo. Lito fai de magnífico anfitrión, e cóntanos como se van cebando eses porcos de forma pausada, necesitando 12/14 meses. Eles cébanos despois de compralos de ranchos, de crías. Sabemos que nos falan dun produto de primeira e consólanos saber que vivir no rural pode ter premio, neste caso todos os que moren ou residan na parroquia 10 meses ao ano xa son comuneiros.

 


A noitiña vai caendo e o frío a 700 metros de altitude xa fai acto de presenza entre o Corno do Boi e o Careón, aquí enfilamos cara á veiga do Narla, para admirar a fortaleza de San Paio, defensiva e habitacional, hoxe un dos edificios do Museo Provincial de Lugo, referindo a etnografía e a súa parte histórica con Vasco Núñez das Seixas[3] como caudillo, e a nivel oral a famosa lenda coa Cova da Serpe como escenario.

 

Xa é noite e volvemos cara terras de Sobrado, pasando pola lagoa artificial (1500/1530) para facer acopio de auga no mosteiro e nos seus predios, un sitio donde se dan de maravilla as troitas, e desa canle viña a enerxía para mover os muiños e o batán, así como para regadio e demáis.

O Císter é quen de artellar a Europa medieval, buscando unhas boas terras que poder cultivar, unha vía de comunicación de primeiro orden, naquel momento o Camiño Primitivo que comunicaba Oviedo con Santiago, e un curso de auga, o incipiente Tambre.

 

Seguimos ata Cumbraos (San Xulián ou San Xiao o hospitaleiro), para admirar o seu paseo entre carballos, e rememorar as paisaxes da película “El bosque animado”, sobre a obra de W.Fernández Flórez, que xunto cas carballeiras próximas e coa Casa do Gado danlle vida a persoaxes como Geraldo o poceiro, os señores Dabondo, Marica da Fame, Malvís ou Fendetestas.

 

A Cumbraos arribou hai menos dun ano D. Ernesto Villegas, sacerdote venezolano que viña de pasar a “mili galega” en Terras de Vimianzo e Muxía, e antes na ribeira do Guadiana (Ojos del Guadiana e a contorna de Cidade Real), antes de recibir o encargo das parroquias de Sobrado. Non só idea, senón tamén se pon a funda e tanto pinta, como calea, ou fai cemento e coloca mobles. A veciñanza está moi contenta porque veu alguén que os sacou do esquecemento para darlles unha nova vida as súas comunidades parroquiais, para elo fai un uso moi bo das Redes Sociais, a maior parte da xente está nelas e ten información das noticias: cabodanos, misas, celebracións, enterros...

 

Agradecemos a Xosé Manuel, o sacristán e a encargada de amosarnos con orgullo as súas raíces, e aquí podemos recurrir a Fariña Fajardo, quen sinalaba a importancia da parroquia ou freguesía como elemento emerxente da identidade no rural, e cabeza visible de moitos pequenos núcleos espallados e diseminados pola amplitude da nosa xeografía.

(Parte do grupo, pendente da explicación)

 

 

Moitas grazas a todos os participantes, e continuaremos viaxando polas interioridades da nosa terra.

 

“O Eusebio sempre en Camiño”.

 

Antonio Fondo Rodríguez.

 

Outubro do 2026.

 



[1] José Manuel Caamaño Gesto (1946–2019) foi un destacado arqueólogo e historiador galego, profesor titular de Arqueoloxía na USC. Especializouse no estudo da romanización de Galicia e dirixiu importantes escavacións arqueolóxicas. O noso amigo Antonio Fondo foi alumno seu nos cursos de doutoramento (en concreto, impartía un curso sobre os camapamentos romanos) e ben se nota cando fala do tema o aprecio e lei que lle tiña. Para a obra completa do arqueólogo larachés tendes á vosa disposición a páxina de Dialnet (https://dialnet.unirioja.es/servlet/autor?codigo=141840). De todo canto lle oímos ao prof. Antonio Fondo sobre o seu mestre, compartirei convosco esta reflexión: “cando se facía unha escavación e tal, el sempre dicía que había que recorrer ás fontes do lugar, e cales eran as fontes do lugar? Pois a taberna, e alí preguntabas e aquí hai un castro, aquí hai… e esa información da taberna, dándolle o seu debido tratamento, axudaba”.

 

[2] O noso prezado colega e amigo Antonio Fondo, licenciado en Historia e bo coñecedor da arte fai fincapé no número de cravos porque ten o seu aquel. O debate histórico e artístico na iconografía da cruz de Xesucristo céntrase realmente entre os tres cravos ou os catro cravos, xa que a opción de dous cravos non é habitual, aínda que parece ser que as  primeiras representacións paleocristiás podían amosar  dous cravos só para as mans mentres o corpo quedaba suxeito por cordas, pero esa representación  axiña evolucionou. Digamos que os catro cravos son propios da arte románica.

[3] Hai un artigo fundamental para as/os que queirades saber máis deste señor feudal, da autoría de Felipe Arias Vilas. A saber: Arias Vilas, F. (1984). “El museo etnográfico e histórico de San Paio de Narla, Friol (Lugo)”. Boletín do Museo Provincial de Lugo, (2), 211-228.