mércores, 14 de xullo de 2021

VISITANDO

VISITANDO AS TERRAS DO BAIXO MIÑO II

 

(A ponte no Tamuxe. Fotos feitas por Charo Soto)

 

Hoxe ímonos centrar só na ponte do río Tamuxe e quede para o próximo día o castro de santa Trega, nunca suficientemente coñecido e valorado. O río Tamuxe presenta a raíz hidronímica do británico Támese, dos galaicosTambre-Tamara, Tamega (que baña Verín; xa citado por nós neste blog, vid. páxina de ‘Galicia inmorrente’ do 19 outubro 2017: nas súas ribeiras habitaron os tamagoni ou tamagani mentados por exemplo na ara votiva de Castrelo do Val, preto de Verín, que está no museo de Ourense ), o vello Tammaro itálico etc.; esta mesma raíz atopámola en varios topónimos peninsulares: Támara (Palencia), Tamarit de Campos (Valladolid), Tamarite de Litera (Lleida), Tamariz (Coruña), Tamarón (Segovia y Burgos) etc. e atopámola, xa por último, nas fontes tamaricanas que citou Plinio e que hoxe chaman A Reana (norte da provincia de Palencia). Os estudosos postulan a raíz *tā- ‘derreterse, fluír’: se alguén estiver interesado en afondar nesas augas filolólóxicas, unha boa fonte é Edelmiro Bascuas (desde aquí agradézolle unha vez máis o galano precioso que me fixo o que fora profesor de latín, bo amigo, D. Emilio Insua: el foi quen puxo nas miñas mans o libro Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia). 


 

A ponte está en terras do Rosal e aínda que reconstruído en época moderna, segue a ser digno de visita. Lemos nunha charla en Internet que o río Tamuxe tamén é denominado Carballas. En canto o vimos desde lonxe e fomos capaces de identificar a cruz de pedra no medio e medio xa pensamos na posible existencia de tradicións de bautismos paralelas ás que hai anos que coñecemos na ponte da Ramallosa. A posteriori puidemos confirmar que, efectivamente, a ponte do Tamuxe entra no listado de pontes galaicas onde noutrora se efectuaban eses ritos (así por exemplo na wiquipedia, se tecleades ‘Bautismo prenatal/anticipado’). 

 

(Polo tipo de letra xa se deduce a antigüidade. A reconstrución é do tempo de Isabel II)

Porén, cando nos achegamos andando, tras deixar o coche ben aparcado, nós nunca oiramos falar desta ponte: xa sabedes que a min o que realmente me gusta nun principio é falar man a man coa xente. Primum vivere, deinde legere ou scrībere (parafraseando o aforismo clásico, Primum vivere deinde philosophare). 

 


 

Saía dunha casa próxima un matrimonio sesaxenario a pasear e eles foron os meus amables informantes. Enorgullecíanse claramente do monumento, “ten letras da época de Isabel I, é moi antiga esta ponte, e si, si, aquí viñan bautizar as nais os fillos que levaban no ventre, sobre todo viñan as que tiveran antes malas experiencias, para que se lograsen ben” -dicía el, e ela engadía- “pero viñan tamén as mulleres que querían quedar embarazadas” -e niso insistía ela un par de veces: é dicir, ela aseguraba que o baño tamén tiña propiedades de fecundación, coma as nove ondas famosas da Lanzada- Quixemos saber quen era o padriño no bautismo dos neonatos: “O primeiro que pasaba”. Ninguén predeterminado. El relembraba perfectamente, ademais, outro dato: “meu pai, que tiña unha tenda, ten visto parar moitas mulleres tras o baño, paraban a tomar algo e descansar… pero moitas ten visto o meu pai…”. Sabedes? Impresionoume a viveza das lembranzas en xente non tan maior. Impresiona a convivencia dentro do mesmo século, o XXI, da chamada ‘Intelixencia Artificial’ -cuxa aprendizaxe nos nosos Institutos está xa anunciada, programada- con estoutro tipo de Intelixencia, a da Tradición, a inmaterial. Avogamos polas dúas. Que a artificial non mate a emocional, a viva, a tradicional no que ten de marabilla pura. Igual que o Mestre se baña no Xordán, a muller galega se bañou no Tamuxe. Que os bisnetos poidan bañarse en augas limpas dos ríos da Galicia do futuro.

 


(A cheminea, probablemente vestixio dunha antiga telleira, fíxonos relembrar a existencia dos “teilleireiros” ou cabaqueiros do Rosal: facían tellas ou ladrillos de forma artesanal, saían por toda España a traballar e tiñan unha xerga propia:  o verbo dos daordes, jaralleira, ou latín dos cabaqueiros)

 

 ::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

NOTAS:

. Non é a primeira vez que falamos deste tema, o do bautismo anticipado. A nosa amiga e profesora do ‘Eusebio’, Rosa Fernández Salmonte, agasallounos cunha historia inédita recollida en Cerceda (‘Colaboracións Especiais’, 30 de maio 2019).

. Sobre a raíz Tam-, resulta enriquecedor ler o artigo de J. Caridad Arias: “Las antiguas divinidades Tanit, Támara o Tamar, Tara o Tana y su proyección en la religión de los canarios”, en: http://www.almogaren.org/ic-digital/ICDigital_Almogaren_XLI-5_(2010).pdf

 


 (Preciosa foto, tomada de Internet da actualmente chamada fonte de 'La Reana', ao norte da provincia de Palencia. García y Bellido propón como étimo 'La Romana', pero non parece verosímil: documéntase moito a variante 'Riana', e tendo en conta que en época de Plinio e antes xa, eran estas as fontes tamaricanas, igual hai que pensar nunha aférese sobre 'Tamariana(s)', aférese reforzada pola toponimia con Ria- como Riaño, Riaza, Riazor etc.)