sábado, 31 de xullo de 2021

VISITANDO

VISITANDO SANTA TREGA

(As fotos, salvo a de Calvo, foron feitas por Charo Soto)

 

Chegamos xusto nunha paréntese que nos abriu a choiva. E co tempo contado; aínda así, suficiente para apuntarnos in extremis ao grupo reducido que pasearía, en visita guiada, polo castro. Como diría o meu pai, coruñés, tivemos unha sorte macanuda (en galego tamén podiamos dicir papuda). Cando rematamos a visita era xa hora de ir xantar á hora comprometida previamente na Guarda. Mágoa, porque seguía a continuación outra camiñada con explicación relixioso-cultural. Non me importaría asistir e saber que dicían verbo da adxudicación de Trega a este mítico monte. Arriba, no curuto, cun vento voraz, puidemos ler nun cartel que entraba dentro do posible que fose a monxa galega Exeria a que trouxera aló no s. IV a veneración por esta santa oriental á volta da súa viaxe, de Exeria, de Xerusalén.


 

O guía

 

(O noso guía, Manuel Álvarez)

 

O noso guía era Manuel Álvarez (nome e apelido igualiños ao do meu bisavó valdeorrés, pero os seus son de Camposancos-A Guarda). Unha profesionalidade, paixón e amor pola arqueoloxía e paisaxe, dignos de seren aquí salientados. Así dá gusto: atopar xente que fai ben o seu labor debe sempre afianzar en nós os vínculos humanos, e mais tamén o orgullo de pertencermos ao mesmo grupo socio-cultural. Centrámonos no sector ou barrio Mergelina, así chamado en honra dun dos primeiros arqueólogos en escavar esa zona, Cayetano de Mergelina y Luna, arqueólogo e catedrático andaluz, quen levou -entre outras importantes campañas- as escavacións de Santa Trega entre 1928 e 1933. Aí, nesa zona, empezou verosimilmente a habitación do espazo, do monte, pola orientación favorable, ao sur, protexido do vento do norte e tamén supoñémolo polo tipo de construción, con certo deseño urbanístico (as outras faríanse máis nun boom e construíase onde se podía…). Todo isto nolo dixo Manuel. Falar falou de moitas cousas. Imposible dar cabida a todo. Seleccionemos.

 

As construcións singulares


 

A propósito da habitación rectangular, aquela específica, co recanto para hipotética recollida de augas, un rego ou condución que corría en paralelo e unha posible comunicación co "foso globular", dunha profundidade de 2 ou 4 metros.
Esta especie de foso en forma de globo que funcionalidade tiña? Funcionalidade de agregación social, é dicir, sería un edificio de uso público? M. Álvarez ofreceunos estas posibles respostas:

1. Alxibe para recoller auga da chuvia, ou sería un silo de almacenaxe para non sabemos que materiais…
2. Especie de mina de xabre.
3. Valor relixioso ou cultual (quizais baños purificadores?)

Conste que para Manuel a terceira parecíalle a menos plausible, mentres que para unha servidora esa foi a que lle levou a idea… (recordamos lecturas sobre grutas de barro con valor ritual e sacro en Clunia… Tedes máis información no enlace que segue, aí Rafael Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra e director da reexcavación do sector Mergelina no 2015-16, publicou as súas conclusións. El si que fala de pozos rituais: https://www.academia.edu/37102147/Re_excavando_Santa_Trega_A_Guarda_Pontevedra_Nuevos_datos_y_conclusiones_del_Barrio_Mergelina).

Manuel tamén nos ilustrou sobre outras construcións singulares, as cistas. Eran como receptáculos pequenos, coma caixas con catro lousas verticais. A interpretación da súa funcionalidade é complexa: quizais teñan que ver con prácticas funerarias, quizais con ritos de fundación das edificacións nas que se documentan ou, como dicía o noso guía, quizais para gardar algo valioso, pequenos tesouros.

 


A min gustoume moito a charla de Manuel. E, á parte da información que el procuraba sempre que fose o máis simple e obxectiva posible, gustounos especialmente a porta que deixaba de cando en vez aberta ao que el chamaba a fantasía. Imprescindible talvez. Xa que é imposible saber con certeza absoluta que pensaban eses nosos ancestros -falo das relacións co divino e das relacións socio-económicas cos outros seres humanos-, é lícito ata certo punto elucubrar con datos próximos na man…

A xente

Quen habitou ese castro? Probablemente os grovii ou grovios. E estes grovios ou crovios, que sabemos deles? Distintos autores latinos sitúanos entre tal e tal límite -desde o río Douro ata a ría de Vigo, grosso modo- pero hai inscricións de grovias ou grovios en Padrón… (Procula / Camali / f(ilia) Crovia / an(norum) XXX / h(ic) s(ita) e(st) Se/cundus et D/, en http://eda-bea.es/pub/list.php?refpage=%2Fpub%2Fsearch_select.php&quicksearch=Crovi

E o antropónimo Crovo da inscrición extremeña tamén ten orixe nun etnónimo desta mesma xente? Verosimilmente

Bassus / Medami • f(ilius) / Crovus • |(C invertida) (castello) / Verio / an(norum) • XXV / h(ic) • s(itus) • e(st) • s(it) • t(ibi) • (íbidem).

Eran ou non eran celtas? Porque, claro, no castro recolléronse mostras inequívocas da cultura material celta… Esa é outra discusión que deixamos aberta: Leite de Vasconcelos asegurou que si no seu día (primeiro no libro Religiões da Lusitânia, II, 74-77, e posteriormente, nunha nótula -cuxa referencia completa non temos a man- na revista O archeólogo português), e a el é que nos remitimos.

E xa á derradeira no que toca a estes nosos devanceiros, sabemos algo da etimoloxía? Nada puidemos ler en concreto sobre o tema. A título de hipótese ofrecémosvos dúas opcións: a raíz do vello irlandés cróeb, cráeb ‘árbore, arbusto, póla’ (en: https://lrc.la.utexas.edu/eieol_base_form_dictionary/iriol/17), posiblemente relacionada coa da verba do inglés actual grove ‘arboreda, bosque pequeño’. Se iso se aproximase á verdade os grovios serían ben os que habitan nas fragas, ben os que renden culto ás árbores. E a segunda opción tirámola de Delapierre (Noms de lieux celtiques de l’Europe ancienne (-500 / + 500), na edición de 2021): na entrada CROUION documenta Croviensis vicus en san Gregorio de Tours, e noutros lugares, principalmente das Galias, cita Crovio, Corovio, Crovus e Crovia, cuxa raíz remite ao sema ‘sangrante, cruel’. Gústanos máis a semántica do primeiro pero se tivésemos que apostar, inclinariámonos pola segunda. 

 

(Foto da campaña de I. Calvo en 1914)

 

A crítica (construtiva)

Non nos fixo ningunha graza que andaran por alí os ciclistas con bicis de montaña, polo propio camiño diante dos restos arqueolóxicos. Unha cousa é que se permitan paseos, camiñadas e sendeirismo, pero bicis a todo gas… Porén, voces autorizadas con quen o comentamos, mostráronse confiadas no sentido cultural-ecoloxista da xente que ama as bicis… Pois aí queda a cousa. Podedes opinar.

A outra crítica toca á que fora a casa do garda, punto de encontro das visitas guiadas: unha espléndida construción de pedra dos anos 40 ou 50 -algo relembra a arquitectura dos edificios ferroviarios- totalmente en desuso, abandonada. Habería que apelar ao espírito cívico, á boa Deputación de Pontevedra -boa porque ten feito cousas estupendas en prol desa provincia-, e poñer en uso ese espazo. Un centro de interpretación do castro e do contexto cultural en que se integra: unha boa tenda de agasallos con reproducións de calidade de trísceles, xoias, cruces, téseras de hospitalidade galaico-romanas, talvez reproducións de muíños castrexos de man -eu levaría unha para o xardín-  e libros. Libros, libros, libros, por favor! Pequenas biografías, de arqueólogos como Calvo e Mergelina; reedicións de artigos básicos sobre o castro; vida e milagres de santa Trega, de san Telmo; libros de fotografías paisaxísticas entre Caminha e A Guarda: seleccións de fotógrafos, locais e foráneos, con boas imaxes… En fin, que queredes que vos diga? Cando os nenos eran pequenos e visitamos en Soria as cidades prerromanas de Uxama Argaela, Tiermes, Numancia, que centros de interpretación había!, que souvenirs estupendísimos trouxeran: unha reprodución de categoría dun puñal celtibérico, un xabarín de bronce-tesera para colgar… A nós parece que nos falta espírito emprendedor dentro de casa.

Ata aquí chegamos por hoxe. Feliz inicio de agosto!

(O mar que rodea o monte onde se atopa o mítico castro. Os nosos devanceiros pescaban e mariscaban, vimos parte do vertedoiro onde depositaban os restos, agora obxecto de análise e estudo)

 

 

  

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario