domingo, 30 de xuño de 2019

VISITANDO

VISITANDO CELANOVA

“O Eusebio bótase ao monte”, edición XVIII (8 de xuño do 2019)

(Copia da tésera de hospitalidade que os coelernos fixeran no seu día co prefecto da 1ª cohorte dos celtiberos, Cneo Antonio Aquilo. Esta copia está no medio da vila e a orixinal no Museo Arqueolóxico de Ourense; foi atopada preto do castro chamado Castromao)

Unha vez máis botámonos en camiño, destripando terróns de cultura, de patrimonio, de paisaxe e de paisanaxe.
Desta volta saímos ao abrir o día para deixarnos sorprender por Celanova: o sol reloce na súa traballada pedra.
Nos primeiros pasos podemos adaptar o dito aquel de: “Instituto, Fogar da terceira idade, Policía local, Biblioteca pública, Oficina de turismo, Igrexa parroquial, oratorio de san Miguel… MOSTEIRO É”
O que non abarca esa monumental edificación queda baixo a súa alongada sombra. Por se fora pouco, se tivésemos ido o 21 de Marzo ou o 21 de Setembro presenciariamos a alineación de dúas xaneliñas mozárabes co astro rei, quedaroamos mudos, expectantes nun climáx, sorte de equinoccio no orto.

 (Interior de Casa Berta, onde almorzamos estupendamente)

Para recuperar a fala e tamén folgos paramos na CasABerta, desde agora lugar de acougo para todos nós. Namentres alimentamos o corpo, Berta acende a chama da inquietude polo coñecemento; a saber, o local foi destinado a variados usos e algúns coetáneos no tempo: mercería, taller de electrónica, con tenda e trastenda, o local en si é unha reliquia de hai cento e pico de anos. Poderiamos concluír que é un taller da memoria, de tradicións, de contos e cantos de taberna, un axente de desenvolvemento cultural (diso sabe moito Berta e as demais anfitrioas da casa).
A memoria está cincelada no leito rochoso, granítica idiosincrasia que é Celanova, antes do medievo, Vilar (nome vello: lugar de repoboación).

 (Cheminea da casa que comprara o pai do poeta Curros Enríquez, todo un símbolo do seu poder social)

Percorremos a rúa admirando a réplica da tesera de hospitalidade do mundo romano, estamos a nada da Vía Romana que comunicaba Astúrica Augusta con Brácara Augusta. De camiño á Casa dos Poetas, tomamos o oitavo vagón do Divino Sainete, este foi engadido para poder coñecer con espírito inquedo e crítico, somos as redes sociais da época esculcando o que vai acontecendo nos outros vagóns e sobre todo sen perder o último tren.

 (Soberbia arquitectura en pedra: o mosteiro)

A Casa dos Poetas, na que residiu porta con porta Manuel Curros con Celso Emilio, destila señorío e poderío, a escribanía e a súa cheminea desfumando con estilo presuntuoso e fachendoso. Consideramos con xustiza o bo facer de Curros, e así o facemos constar no Libro de Visitas que nos dan a honra de inaugurar: “A comunidade escolar do IES Eusebio da Guarda desfruta desta poesía en pedra, pedra amartelada coa pluma de D. Manuel e coas chispas, que alumean do braseiro nos nosos ollos e quecen o noso corazón”.
Curros e Celso Emilio deixan a súa impronta neste gran día de pedra, por sorte non longa noite.

 (Chama a nosa atención esta ficha sobre a científica que fora alumna do noso Instituto: na Biblioteca do Instituto de Celanova había unha exposición sobre mulleres que pasaron á historia)

 (Unha vez máis agradecemos á Dirección do Instituto a súa xentileza en vir en día non lectivo abrirnos as portas da Biblioteca. Moitas grazas, Rafael!)
 
Despois do bo facer de Paula saímos de volta á praza, falamos de poesía, de tradicións, daquela de beber no cano norte da fonte se queres nupciar na vila.
Temos a sorte de entrar no excelso instituto, entramos cunha sensación un tanto estraña, nin como alumnos, nin como docentes, entramos como papóns coa boa aberta, admirados polas monumentais escalinatas, polo artesonado, polo monumental poleiro do noviciado, polo claustro físico e polo de profesores, personificados en Rafael, magnífico anfitrión, hospitalidade a esgalla, a biblioteca, “mi madriña, ¡que biblioteca!”, onde chegaron a cohabitar fusís e libros.
Susana dálle o relevo a Paula para entrar na igrexa parroquial adicada a san Rosendo, aínda que o mosteiro é de orixe benedictina coa advocación do Salvador. Non damos crédito aos coñecementos e recursos artísticos que caen diante nosa cal fervenza musical amenizada hidraulicamente por María José, a organista, didáctica experiencia e maxistral concerto (a algún prestáballe como a sesta ao cabreiro).

 (As famosas portas que separan o recinto eclesiástico sagrado do espazo para o pobo. Son moi pesadas pero están instaladas nun riel cun mecanismo que as fai leves... Se a memoria non nos falla Blanco Amor, ao inicio de "Xente ao lonxe" fala de como o pobo de Celanova defendeu estas portas do saqueo canda a desamortización... Cómpre reler o clásico ourensán)

Saímos en busca do íntimo, do oratorio de san Miguel, mozárabe, bonita historia de cabeceira de Ilduara, nai de san Rosendo coa intercesión do arcanxo.
Xantamos no Muiño do Chirlo, na beira do Ourille. As pedras, moas e tolvas evocan pretéritas muiñadas de día acompañadas polo canto dos merlotes (chirlos) e de noite adobiadas por historias de medo na invernía dos tempos.
Comemos de medo, Marga e o seu equipo teñen todo controlado, todo moi bo.

 (Labra de madeira nunha das cadeiras do coro na parte superior, onde está o órgano: é un mono gaiteiro, motivo sumamente orixinal, mais quizais de fondo simbolismo: en Castromao apareceu unha escultura castrexa de valor posiblemente relixioso que representa un mono, segundo din os estudosos)

 (María José Mosquera interpreta varios temas de forma maxistral. Estudou órgano no Conservatorio de Ourense. Tocou unha alborada, "Negra Sombra", pezas antigas e tamén a Bach. Soberbio concerto! Grande acerto do noso querido amigo e profesor voso, Antonio Fondo, lograr este agasallo para os oídos de todos nós)

Na sobremesa subimos a Vilanova dos Infantes, pasando antes ao pé do santuario da Virxe do Cristal, lembramos a D. Adolfo que morreu coas botas postas, anxo custodio da Virxe no Cristal á que tamén lle cantara Curros. Tamén falamos do Cristo románico da parroquial.
Vilanova sorpréndenos da man de Berta nos arrabaldos dunha xudería espallada de canastros para secar o grao. De súpeto vémonos sorprendidos por unha sorte de construcción, tipo garita ou fielato, pero non ten porta, só respiradeiros que airean a cova do san Vivian (adega, cemiterio, escondite ou salvo conducto). 

 (A garita ou fielato que comunica coa cova de san Vivián, auténtico espazo mítico, onde nos contaba un paisano de Vilanova, o Camilo, que aparecera a "Cobra de sete cabezas". Este espazo marabilloso é recreado por Méndez Ferrín no seu relato "Fría Hortensia". Mito sobre mito. O mito non morre mentres haxa escritores na nosa terra da categoría dos mentados)

A cova é unha sorte de espazo en dous niveis que musealiza o traballo dos zapateiros; zapateiros e músicos profesións neste burgo do Sefarad.
Subimos á Torre de Homenaxe que tamén tivo diversos cometidos, centro comarcal, incluso foi sede do concello, antes de fusionarse con Celanova fai case cen anos.
A torre segue tendo o seu encanto, centro panorámico da comarca, tanto no paixasístico como no monumental.
Para rematar acodimos a antiga escola, hoxe Teleclub, sorte de espaozo a medio camiño entre as vivencias e un museo.
A nosa Ilduara particular (Berta) despídenos un a un como en día de festa, antes sorpréndenos cun concerto, marabilloso cume da nosa visita ás pegadas do seu particular Rudesindo (Terras de Celanova, súa terra de adopción), a canción O Carro de Fuxan os Ventos engaiólanos nunha brincadeira acústica e vocal:

Non canta na Chá ninguén,
por eso meu carro canta,
canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.

Non hai canto máis fermoso:
fino como un asubío,
anque é,as vegadas, saudoso
faise no ar rechouchío.

O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
¡Que fermosa a sua feitura!

(Concerto improvisado no teleclub)
 
Longa vida a Celanova, longa vida para as súas xentes e para esas incansables anfitrioas e guías, que fan que a alongada penumbra da noite de pedra poida ser unha noite na eira do trigo.
Antonio Fondo, profesor do IESP ‘Eusebio da Guarda’ (Xuño-19)

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Nota: neste blog, noutro lugar, dedicámoslle un par de páxinas á familia de san Rosendo: aí dicimos que o pai do bispo santo era orixinario destas terras. Aquí tiñan raíces e propiedades. Falamos tamén nesoutras páxinas da lenda da "anunciación" particular de que fora obxecto a nai de Rosendo, santa Ilduara, por parte do arcanxo Miguel. Miguel anúncialle que por fin terá un neno. As fotos, as letras pé das fotos, e esta notiña foron feitas por Charo Soto.

 

xoves, 13 de xuño de 2019

ENTREVISTA


ENTREVISTAS A MULLERES QUE AMAN GALICIA


ENTREVISTA A LOLA TOURÓN




- Mª R. S.: En primeiro lugar, queremos darche as grazas, Lola (espero que nos permitas o tratamento de ti) polo tempo que nos dedicas. Sabemos perfectamente que es unha persoa polifacética, moi activa, e que hai moitas ocasións en que non dás feito… Por favor, preséntate ti mesma aos nosos curiosos lectores.

- Moitas grazas a vós polo interese e tuteádeme por favor. Eu son unha desas persoas que me gusta que a xente me sinta cercana. Son curiosa por natureza e gústame aprender de todo, atráenme especialmente os oficios traicionais (fiar,tecer no tear, cestear, calcetar etc), pois creo que na súa práctica se agochan moitos dos saberes ancestrais do noso pobo.

- Como naceu o amor pola cestería?

- Na miña casa facíanse moitos destes labores no inverno e iso serviume para coñecer os procesos. E, como non, traballábase a cestería, que sempre me chamou máis a atención. Xa de maior asistín a un obradoiro con Chus Labrador, e quedei xa enganchada para sempre.

Estudei cerámica artística e tamén me apaixonou durante moito tempo, pero a liberdade da cestería foi a que me mantivo fiel a este oficio.

 (Cestaría de colmo, centeo e silva. Todas as fotos son propiedade de Lola Tourón, a quen agradecemos que nolas facilitara)


- A cestería é unha arte e/unha técnica moi antiga. Tanto ou máis cá olaría? Que sabemos dos primeiros vestixios?

- A cestería ou cestaría dise que é o primeiro oficio que desenvolveu o ser humano (probablemente a muller) a través da observación do traballo dos paxaros facendo os niños. Fálase tamén de que se colocaba barro cru dentro das cestas para poder trasportar liquidos e que unha destas pezas debeu caer a fogueira e así se descubriu que o barro podía cocerse.

 - En España son moi coñecidas, por citar só un par de casos, as artesanías do esparto (en Murcia: con restos arqueolóxicos polo menos desde o bronce), os cuevaneros cántabros (que fan cuévanos, uns cestos moi parecidos aos que se usaban aquí nas vendimas, creo que se facían de castiñeiro) etc. En Galicia, Xaquín Lorenzo -en Historia de Galiza, dirixida por Otero Pedrayo- fala dos cesteiros de Mondariz, que tiñan por certo unha xerga propia (a fala dos bugardeiros). E nos libros especializados que eu manexo méntanse como vellos núcleos de cestería galega Noia, Someso e Tabeaio… Pero nunca oíra falar do cesteiro de Armentón. Desde logo, Bergantiños é unha bisbarra chea de maravillosas sorpresas. Que nos podes dicir a este propósito?



- A pesar da súa antigüidade sábese mui pouco da cestería, poucos libros recollen esta arte, e poucas veces se lle prestou atención ata os nosos días. Méndez Ferrin recolleu a fala dos cesteiros de Mondariz, que foi quizais o único gremio como tal de Galicia , e ata o dia de hoxe chegan os dedos das mans para contar as publicacións sobre isto en Galicia. O libro de Bignia Kuoni , Cestería tradicional ibérica, que recolle información e técnicas ao longo da península é ata o dia de hoxe  o máis completo do que dispoñemos. É por iso que traballos coma  o do cesteiro de Armentón, José Cerviño , e moitos otros,  pasou totalmente desapercibido ata o dia de hoxe.

-Fálanos agora deses cursos que impartes no Concello de Arteixo.

- Os obradoiros que imparto coa asociación tradicional de Arteixo teñen como propósito inicial achegar a cestería aos veciños e outras persoas interesadas, tanto a técnica de colmo que chega ata nós dende o neolítico, coma as técnicas mais contemporáneas que nos permiten crear escultura ,vestuario, valados vivos, estruturas de xardin, ou paredes do fogar. Todas estas técnicas son xoias da nosa evolución e precisámolas en todos os tempos, porque nos facilitan e fan máis agradable a vida que o formigón e outros materíais.

A cestería xunto co barro son os  oficios dos que queremos un contacto directo coa terra.



 - Como podemos facer para adquirir algo feito por ti, prezada Lola?

-Ata fai pouco eu vendia o meu traballo polas feiras de artesanía. Por causa do traballo sufro unha tendinite fai máis de tres anos que me dificulta o traballo, así que neste intre fago só as pezas que preciso para os meus estudos e alguna cousiña por encargo.

-Que estás lendo arestora? E que proxectos digamos a medio e longo prazo tes?

-Neste intre estou lendo: Cuerpo de mujer. Sabiduria de mujer, e varios libros de plantas medicinais que xunto co seu cultivo é outra das miñas paixons.

Os proxectos que barallo a medio plazo son a creación dunha pequena escoliña de cestería, onde poder impartir formación sobre as diferentes técnicas, o cultivo e procesado dos materíais e poder ensinar a miña colección persoal de cestería, que vén de estar exposta no museo do Castro de Viladonga e agora se atopa almacenada.

Este traballo de recuperación da cestería de colmo en Arteixo estase a levar a cabo da man da asociación tradicional de Arteixo: eles son os que se puxeron en contacto conmigo e levan a cabo a organización desta formación. O Concello colabora cedendo o uso do local onde se imparte a formación.

O traballo dos arqueólogos(as) é mui importante, pois as poucas pezas de cestería que chegan ata nós achégannos moita información do que precisamos para manter vivo este oficio e entender un pouco mais a nosa traxectoria como humanos neste planeta, e o noso deber de manter esta información para as xeracions futuras.

-Só nos resta agradecer ás Institucións, como por exemplo o xa mentado Concello de Arteixo, e ás persoas, como a arqueóloga Purificación Soto, entusiasta da cestería e difundidora do teu labor, que traballen a prol da preservación do noso rico (e en perigo de extinción) patrimonio etnográfico-cultural. E réstanos xa transmitirche a ti, de novo, un fondo agradecemento por facer o que fas e por prestarnos atención. Moitas grazas e longos anos de produtiva vida!

-Moitas grazas a vós e a todas as persoas e colectivos que traballan  arreo por conseguir manter viva a nosa cultura e a nosa memoria.