domingo, 30 de xuño de 2019

VISITANDO

VISITANDO CELANOVA

“O Eusebio bótase ao monte”, edición XVIII (8 de xuño do 2019)

(Copia da tésera de hospitalidade que os coelernos fixeran no seu día co prefecto da 1ª cohorte dos celtiberos, Cneo Antonio Aquilo. Esta copia está no medio da vila e a orixinal no Museo Arqueolóxico de Ourense; foi atopada preto do castro chamado Castromao)

Unha vez máis botámonos en camiño, destripando terróns de cultura, de patrimonio, de paisaxe e de paisanaxe.
Desta volta saímos ao abrir o día para deixarnos sorprender por Celanova: o sol reloce na súa traballada pedra.
Nos primeiros pasos podemos adaptar o dito aquel de: “Instituto, Fogar da terceira idade, Policía local, Biblioteca pública, Oficina de turismo, Igrexa parroquial, oratorio de san Miguel… MOSTEIRO É”
O que non abarca esa monumental edificación queda baixo a súa alongada sombra. Por se fora pouco, se tivésemos ido o 21 de Marzo ou o 21 de Setembro presenciariamos a alineación de dúas xaneliñas mozárabes co astro rei, quedaroamos mudos, expectantes nun climáx, sorte de equinoccio no orto.

 (Interior de Casa Berta, onde almorzamos estupendamente)

Para recuperar a fala e tamén folgos paramos na CasABerta, desde agora lugar de acougo para todos nós. Namentres alimentamos o corpo, Berta acende a chama da inquietude polo coñecemento; a saber, o local foi destinado a variados usos e algúns coetáneos no tempo: mercería, taller de electrónica, con tenda e trastenda, o local en si é unha reliquia de hai cento e pico de anos. Poderiamos concluír que é un taller da memoria, de tradicións, de contos e cantos de taberna, un axente de desenvolvemento cultural (diso sabe moito Berta e as demais anfitrioas da casa).
A memoria está cincelada no leito rochoso, granítica idiosincrasia que é Celanova, antes do medievo, Vilar (nome vello: lugar de repoboación).

 (Cheminea da casa que comprara o pai do poeta Curros Enríquez, todo un símbolo do seu poder social)

Percorremos a rúa admirando a réplica da tesera de hospitalidade do mundo romano, estamos a nada da Vía Romana que comunicaba Astúrica Augusta con Brácara Augusta. De camiño á Casa dos Poetas, tomamos o oitavo vagón do Divino Sainete, este foi engadido para poder coñecer con espírito inquedo e crítico, somos as redes sociais da época esculcando o que vai acontecendo nos outros vagóns e sobre todo sen perder o último tren.

 (Soberbia arquitectura en pedra: o mosteiro)

A Casa dos Poetas, na que residiu porta con porta Manuel Curros con Celso Emilio, destila señorío e poderío, a escribanía e a súa cheminea desfumando con estilo presuntuoso e fachendoso. Consideramos con xustiza o bo facer de Curros, e así o facemos constar no Libro de Visitas que nos dan a honra de inaugurar: “A comunidade escolar do IES Eusebio da Guarda desfruta desta poesía en pedra, pedra amartelada coa pluma de D. Manuel e coas chispas, que alumean do braseiro nos nosos ollos e quecen o noso corazón”.
Curros e Celso Emilio deixan a súa impronta neste gran día de pedra, por sorte non longa noite.

 (Chama a nosa atención esta ficha sobre a científica que fora alumna do noso Instituto: na Biblioteca do Instituto de Celanova había unha exposición sobre mulleres que pasaron á historia)

 (Unha vez máis agradecemos á Dirección do Instituto a súa xentileza en vir en día non lectivo abrirnos as portas da Biblioteca. Moitas grazas, Rafael!)
 
Despois do bo facer de Paula saímos de volta á praza, falamos de poesía, de tradicións, daquela de beber no cano norte da fonte se queres nupciar na vila.
Temos a sorte de entrar no excelso instituto, entramos cunha sensación un tanto estraña, nin como alumnos, nin como docentes, entramos como papóns coa boa aberta, admirados polas monumentais escalinatas, polo artesonado, polo monumental poleiro do noviciado, polo claustro físico e polo de profesores, personificados en Rafael, magnífico anfitrión, hospitalidade a esgalla, a biblioteca, “mi madriña, ¡que biblioteca!”, onde chegaron a cohabitar fusís e libros.
Susana dálle o relevo a Paula para entrar na igrexa parroquial adicada a san Rosendo, aínda que o mosteiro é de orixe benedictina coa advocación do Salvador. Non damos crédito aos coñecementos e recursos artísticos que caen diante nosa cal fervenza musical amenizada hidraulicamente por María José, a organista, didáctica experiencia e maxistral concerto (a algún prestáballe como a sesta ao cabreiro).

 (As famosas portas que separan o recinto eclesiástico sagrado do espazo para o pobo. Son moi pesadas pero están instaladas nun riel cun mecanismo que as fai leves... Se a memoria non nos falla Blanco Amor, ao inicio de "Xente ao lonxe" fala de como o pobo de Celanova defendeu estas portas do saqueo canda a desamortización... Cómpre reler o clásico ourensán)

Saímos en busca do íntimo, do oratorio de san Miguel, mozárabe, bonita historia de cabeceira de Ilduara, nai de san Rosendo coa intercesión do arcanxo.
Xantamos no Muiño do Chirlo, na beira do Ourille. As pedras, moas e tolvas evocan pretéritas muiñadas de día acompañadas polo canto dos merlotes (chirlos) e de noite adobiadas por historias de medo na invernía dos tempos.
Comemos de medo, Marga e o seu equipo teñen todo controlado, todo moi bo.

 (Labra de madeira nunha das cadeiras do coro na parte superior, onde está o órgano: é un mono gaiteiro, motivo sumamente orixinal, mais quizais de fondo simbolismo: en Castromao apareceu unha escultura castrexa de valor posiblemente relixioso que representa un mono, segundo din os estudosos)

 (María José Mosquera interpreta varios temas de forma maxistral. Estudou órgano no Conservatorio de Ourense. Tocou unha alborada, "Negra Sombra", pezas antigas e tamén a Bach. Soberbio concerto! Grande acerto do noso querido amigo e profesor voso, Antonio Fondo, lograr este agasallo para os oídos de todos nós)

Na sobremesa subimos a Vilanova dos Infantes, pasando antes ao pé do santuario da Virxe do Cristal, lembramos a D. Adolfo que morreu coas botas postas, anxo custodio da Virxe no Cristal á que tamén lle cantara Curros. Tamén falamos do Cristo románico da parroquial.
Vilanova sorpréndenos da man de Berta nos arrabaldos dunha xudería espallada de canastros para secar o grao. De súpeto vémonos sorprendidos por unha sorte de construcción, tipo garita ou fielato, pero non ten porta, só respiradeiros que airean a cova do san Vivian (adega, cemiterio, escondite ou salvo conducto). 

 (A garita ou fielato que comunica coa cova de san Vivián, auténtico espazo mítico, onde nos contaba un paisano de Vilanova, o Camilo, que aparecera a "Cobra de sete cabezas". Este espazo marabilloso é recreado por Méndez Ferrín no seu relato "Fría Hortensia". Mito sobre mito. O mito non morre mentres haxa escritores na nosa terra da categoría dos mentados)

A cova é unha sorte de espazo en dous niveis que musealiza o traballo dos zapateiros; zapateiros e músicos profesións neste burgo do Sefarad.
Subimos á Torre de Homenaxe que tamén tivo diversos cometidos, centro comarcal, incluso foi sede do concello, antes de fusionarse con Celanova fai case cen anos.
A torre segue tendo o seu encanto, centro panorámico da comarca, tanto no paixasístico como no monumental.
Para rematar acodimos a antiga escola, hoxe Teleclub, sorte de espaozo a medio camiño entre as vivencias e un museo.
A nosa Ilduara particular (Berta) despídenos un a un como en día de festa, antes sorpréndenos cun concerto, marabilloso cume da nosa visita ás pegadas do seu particular Rudesindo (Terras de Celanova, súa terra de adopción), a canción O Carro de Fuxan os Ventos engaiólanos nunha brincadeira acústica e vocal:

Non canta na Chá ninguén,
por eso meu carro canta,
canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.

Non hai canto máis fermoso:
fino como un asubío,
anque é,as vegadas, saudoso
faise no ar rechouchío.

O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.
¡Que fermosa a sua feitura!

(Concerto improvisado no teleclub)
 
Longa vida a Celanova, longa vida para as súas xentes e para esas incansables anfitrioas e guías, que fan que a alongada penumbra da noite de pedra poida ser unha noite na eira do trigo.
Antonio Fondo, profesor do IESP ‘Eusebio da Guarda’ (Xuño-19)

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Nota: neste blog, noutro lugar, dedicámoslle un par de páxinas á familia de san Rosendo: aí dicimos que o pai do bispo santo era orixinario destas terras. Aquí tiñan raíces e propiedades. Falamos tamén nesoutras páxinas da lenda da "anunciación" particular de que fora obxecto a nai de Rosendo, santa Ilduara, por parte do arcanxo Miguel. Miguel anúncialle que por fin terá un neno. As fotos, as letras pé das fotos, e esta notiña foron feitas por Charo Soto.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario