A CORUÑA
VERBO DO MICROTOPÓNIMO AS CONCHIÑAS
La primera pista de que
se trata del molino de A Gramela nos la ofreció una vista de la urbe datada en
1880, solo quince años antes de que Picasso pintase la tabla. En concreto, se
trata de una fotografía perteneciente a la colección Bartolomé-Chavert —la
mayor privada de foto antigua de la ciudad— que está tomada desde lo que hoy es
el edificio de R. Al fondo se ven con todo detalle cuatro molinos presidiendo
los montes coruñeses. Tres de ellos están juntos y se corresponden con Santa
Margarita. Otro, el del camino de A Gramela, se encuentra aislado y es el único
de ellos que conserva su techo, una estructura superior a modo de capuchón. (Rubén Ventureira, https://www.elidealgallego.com/articulo/a-coruna/picasso-pinto-1895-molino-gramela-5120011)
A día de hoxe o nome de As Conchiñas aplícase sobre todo ao mercado coruñés; hai tamén avenida (que parte da área do mercado e desemboca na chamada Praza do Comercio; noutrora, polo que se ve na prensa antiga, a Avenida das Conchiñas coincidía con parte da actual Ronda de Outeiro). Ese mercado das Conchiñas, situado no corazón da Agra do Orzán, instalouse nos anos 70. Porén, o microtopónimo aparece documentado polo menos cen anos antes. E sempre en galego, como debe ser. A localización exacta das Conchiñas énos imposible de precisar, é dicir, non podemos precisar nin onde estaba o núcleo orixinal que motiva o microtopónimo nin podemos delimitar con exactitude que área ou extensión abranguía. Pasounos o mesmo co microtopónimo coruñés de Garás[1]. Imos empezar por documentar a aparición do microtopónimo que hoxe nos ocupa ao longo do tempo, seguindo a orde cronolóxica que nos facilita a prensa:

(Cadro do que fora alumno do noso Instituto, Pablo Picasso, cadro ao que alude R. Ventureira no artigo amentado)
1872: “Sección de Conchiñas” (bastante impreciso, como vedes): Acordóse recibir provisionalmente las obras de reposición de la tubería de hierro por otra de barro cocido en la Sección de Conchiñas del ramal de la cañería de San Pedro de Visma, que conduce las aguas potables a las fuentes de esta ciudad (en: Boletín oficial de la provincia de La Coruña [BOPC], 13/12/1872).
1888: “Corredoira de las Conchiñas” (espléndido microtopónimo, absolutamente!, mágoa non conservarse; a onde conducía e a distancia que percorría exactamente só Deus o sabe, pero si sabemos que existía “Camiño da Gramela” que conducía a Visma desde o lugar da Gramela e xa lle pedimos ao Concello herculino que ten, xunto co pobo coruñés, potestade de decidir, que o conserve[2]). Y un terrendo donde existió un molino de viento que nombran de la Corredoira de las Conchiñas ó de la Revolta de Platero, sito en el barrio de Santa Margarita (en: BOPC, 10/9/1888). Sabemos con bastante exactitude, onde debía estar ese muíño e esa “Revolta de Platero” e sabémolo mercé a dous datos, un, porque noutra noticia que figura máis abaixo, lemos que o Grupo ‘Nosa Señora do Rosario’ [3]se construíu nas Conchiñas e dous, porque se dá a casualidade de que os nosos avós paternos adquiriran un piso nese grupo de casas. Na escritura do piso figura que esta edificado no lugar de La Prateira o de los Molinos de Viento. Está claro que o lugar coincide co da noticia de 1888. Ese piso, que é propiedade aínda da nosa familia, está na chamada actualmente Praza do Comercio. Os nosos avós sempre dicían que vivían en Santa Margarita, o cal era certo. O que non sabiamos era que, amais, estaba nas Conchiñas.

(Foto antiga, tirada de Internet, onde se ve a Cidade Xardín e parte da Agra do Orzán)
1930: “Camino de las Conchiñas”: (Falando dos lindes do vello Concello de Oza) Sus límites con él a que está anexionado y que demarcaban 46 mojones de piedra, eran: desde la atarjea donde desagua el arroyo de San Roque de Afuera en la carretera que por Riazor va a dicho lugar y seguían en su longitud por la mayor parte de dicho arroyo hasta Piruleiro y desde aquí por otro que allí hay cruzaban la carretera a San Pedro de Visma, arqueta de agua de la Gramela, Agra de la Bragua y camino de las Conchiñas y atravesando el kilómetro I de la carretera a Finisterre y camino de Nelle a Vioño…(en: El Ideal Gallego, 20/2/1930).
1953: “Lugar de Las Conchiñas”: Hoy, a las doce de la mañana, ha sido colocada en el lugar de “Las Conchiñas” la primera piedra de este grupo de viviendas que patrocina el Gobernador Civil de la provincia Sr. Pardo de Santayana (en: La Noche, 02/04/1953).
1953: “Barrio de las Conchiñas”: Finalmente se giró una visita a las casas que se están construyendo en las Conchinas [sic], barrio de Santa Margarita, por prestación personal de sus futuros dueños. El señor Fernández Cuesta escuchó de labios del arquitecto señor González Cebrián las explicaciones y referencias de las citadas viviendas, mostrándose gratamente impresionado por esta modalidad de construcciones (en: El Ideal Gallego, 13/8/1953). Esta información é moi interesante, porque nos di quen foi o arquitecto das casas da Praza do Comercio, o prestixioso cordobés J. González Cebrián, de quen falamos aquí, no blog, algo no seu día[4].
A partir desta data, hai igualmente imprecisión á hora de integrar As Conchiñas nunha área ou zona máis ampla: así, cando se fala na prensa de algo localizado en ou de alguén domiciliado en Las Conchiñas, especifícase: Conchiñas-Santa Margarita, Conchiñas-Agra de Orzán ou Conchiñas-Ventorrillo.
Antes de abandonar este apartado, fagamos fincapé nunha noticia en que se fala de Las Conchiñas de Arriba (El Correo Gallego, 11/10/1960, a edición é de Santiago mais esta noticia-suceso refírese á nosa cidade). Se damos creto a esta noticia, e non vemos razóns para dubidar da súa validez, a especificación arriba/abaixo estanos indicando unha certa amplitude de espazo[5]
O NOME. A ETIMOLOXÍA
Un estaría, de primeiras, disposto a pensar que o étimo é transparente. O nome é un diminutivo de cuncha/concha (o dicionario académico admite as dúas formas) e a imaxe que nos vén á mente son as cunchiñas mariñas. De feito, na Coruña hai (ou había) un par de lugares na costa así chamadas. Unha na zona da torre[6] e outra na zona de Riazor (vid. fotos, RIAZOR CONCHIÑAS 1, 2). Pero o noso As Conchiñas está lonxe do mar. Podía aínda pensarse que talvez a orixe está nun labradío cuxa terra fose enriquecida ou cuitada con cunchas esmagadas… Non nos paramos agora a averiguar se iso era costume, se se facía… Pode que si mais de facerse faríase en moitas leiras, non nunha en particular… Non acaba de convencernos esa explicación coas cunchiñas do mar.
Hai outra hipótese que nos semella sedutora e verosímil. Non hai xeito de certificada pero aí fica sementada. As Conchiñas está en zona de monte. En realidade, toda Coruña está chantada nunha rocha ou conxunto de rochas graníticas. Sálvanse as agras. Pero incluso as agras teñen aquí e acolá rochas, penedos… Desde Visma a Santa Margarida non faltan ou faltaron as canteiras[7]. E tamén hai bloques (ou bolos) graníticos senlleiros. Así, currente calamo, podemos amentar dous nese espazo trazado: a Pedra da Barca, en Visma e a pedra Bormenta (xa non existe, era de granito, enorme, a ver se falamos con calma de novo desta pedra), tamén en Visma, máis preto da Gramela. Nós coñecemos un home que foi barreneiro e traballou moito na Gramela (o edificio que está onde estivo o vello muíño da Gramela, o que se ve na páxina web da AAVV ‘Agra do Orzán’), de feito, foi barrenado por el e polos seus compañeiros) e contábanos: era puro ferro, nunca vin un granito así, a de barrenos que se necesitaron… nese edificio e moitos outros por esta contorna… era ferro!
El diario de Galicia, 30/11/ 1897
![]() |
| (Laxe con coviñas. Monte do Boi) |
Entre tanta pedra granito puido haber unha con coviñas. Puido ser unha pedra senlleira, con coviñas suficientes como para que quedase gravado o nome na memoria colectiva. Esa realidade, as coviñas inscritas na pedra dos nosos ancestros, as coviñas dos arqueólogos, dicimos, reciben en Galicia moitos nomes[8]. Un deses nomes é precisamente conchiñas. Así o temos documentado en dous lugares: un, no DdD, entrada aboada polo lexicógrafo Eladio Rodríguez González (s. v. CONCHIÑA), quen viviu moitos anos e faleceu na Coruña. E dous, nun artigo de prensa asinado por José María Moar: La existencia aquí [en Cabanas de Bergantiños, en Nemancos] de altares naturales con buraquiñas, cunquiñas, conchiñas ou posanquiñas… (en El correo de Galicia, 04/08/1915). Así que a posibilidade existe. Que este territorio está habitado desde tempos inmemoriais está fóra de toda dúbida, maiormente agora que, co gallo das obras do chamado Polígono de Visma 2, sabemos dunha cista do calcolítico nun punto existente entre a Gramela e Visma. E ata aquí chegamos por hoxe. Seguiremos outro día.
(Anta ou menhir con coviñas. Este está en Portugal)
.jpg)
(Espiral e coviñas. Laxe das Rodas. Muros, A Coruña)
[1] María Rosario Soto Arias, «Garás: aproximación ao topónimo coruñés». Cornide: revista do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, Nº. 4, 2023, págs. 281-308.
[2] Vid. neste mesmo blog a entrada correspondente: “A Coruña. Xoves, 10 de abril de 2025”.
[3] Na escritura amentada figura que as casas son da Cooperativa Nuestra Señora del Rosario. Nós relembramos perfectamente aquela magnífica vista que se albiscaba desde o amplo balcón da cociña: viñamos do Instituto andando para ir comer á casa dos avós, era o primeiro curso de bacharelato, 1965-1966. Subiamos pola av. de Fisterra arriba, chegabamos á altura da vella Imprenta Roel, máis ou menos onde estivera en tempos a famosa Fonte de Santa Margarida. Había un eucalipto único, enorme, unha fermosa árbore senlleira, e mais había unha fonte con lavadoiro onde sempre había mulleres lavando. Por alí colliamos o camiño entre leiras, deixabamos á man dereita as Pontes ou o Aqueduto, subiamos e xa de fronte a nós estaban as casas de “Nosa Señora do Rosario”/Praza do Comercio, a casa dos avós (Pura e Manuel, que en paz estean). Formaban a primeira liña de casas no alto daquela. Desde o balcón da cociña víase, á esquerda, a ringleira de casas de Cidade Xardín (que en boa parte aínda están), o mar por riba delas e logo víase a torre e toda a baía do Orzán. Unha vista que hoxe, como comprenderedes ben os que coñecedes a zona, xa está tapada, só vemos un patio interior e a traseira de novos edificios.
[4] “A nosa casa”. Xoves, 23 de setembro de 2021. Sen sermos expertos no tema, diriamos que percibimos algo do racionalismo que caracteriza boa parte da obra do cordobés na fachada antiga desas casas. Subliñemos a humanización, se se me permite a forma de dicilo, destas edificacións con amplos balcóns, por diante (no salón) e por detrás (na cociña). No interior o espazo está perfectamente aproveitado, elimínase corredor interno, deixando que a luz que entra polo balcón faga do salón, grande pola eliminación de tabique-corredor, un espazo diáfano. Os pisos (recordemos que son dos anos 50) teñen un cuarto de baño con bañeira e outro máis pequeño con servizo, e nese segundo cuarto de baño hai un “altillo” que aproveita tamén a parte do vestíbulo, moi útil para almacenar cousas. As vivendas foron feitas para empregados de comercio de clase media.
[5] Son moitísimos os espazos dentro do concello coruñés en que se daba esa dicotomía. Sen ir máis lonxe, temos documentado (na oralidade) Peruleiro de Arriba e Peruleiro de Abaixo (o de abaixo viña estar onde hoxe está a avenida de Manuel Murguía).
[6] para extraer mancomunadamente, arena en la playa de “As Conchiñas”, al pie del Cementerio Moro en la Península de la Torre (en: Boletín de información municipal, Nº 55 ao 60, xaneiro 1970)
[7] Xa relembramos a imaxe da adolescencia do noso pai coruñés. Desde a súa aula, Academia Dequidt, vía un día e outro día baixar das canteiras de Santa Margarida os carros do país coa pedra en dirección ao Muro (onde se cargaba en barcos). Na prensa antiga non se fala dunha senón de varias canteiras en Santa Margarida.
[8] No que nós sabemos: cazoletas, corgos, pociñas (en: https://www.fundacionlmonteagudo.com/OBRAS_MONTEAGUDO/1943_petroglifo_de_fregoselo_Vigo_Corujo_fundacion_luis_monteagudo.pdf). No Piornedo chámanlles cazolas dos mouros. Na Idade Media fálase de petras burgarias ou burgatas, e dos burgarios construídos en tempos pretéritos voz relacionada co portugués burgao, pequeno caracol. No diccionario da RAE figura BURGAO e BURGADO. Non hai nada desa familia no diccionario da RAG, e debería, vista a documentación do CODOLGA. Cómpre ler a páxina de Celtiberia.net (https://www.celtiberia.net/es/poblamientos/?id=619&cadena=petroglifos. Documentamos tamén petras cuppas, moi posiblemente porque as coviñas teñen forma de pequenas copas.

(Os veciños da Agra do Orzán levan tempo loitando por conseguir un pulmón verde para esa xigantesca área de cemento)






