PRIMEIROS PASOS (II)
Como vos prometera no seu día (non recordo xa
cal), falareivos do espléndido traballo dunha das nosas alumnas dos cazatesouros, Lucía Blanco Miguéns. Non
sei se sabedes que Pablo Ruiz Picasso, cando era rapaz e vivía aquí entre nós,
na Coruña, practicaba a sempre difícil pero apaixonante arte xornalística.
Emulaba en parte o que se publicaba na liberal cidade herculina de finais de
século XIX (tedes moita máis información no libro O primeiro Picasso A Coruña 2015, publicado polo Concello da Coruña
e mais a Xunta de Galicia; en concreto, cómprevos ler o artigo de Rubén
Ventureira: “Periódicos e Caricaturas”). Este rapaz era un pequeno xenio,
pillaba de medo o ambiente, enchoupábase dos trazos esenciais do contexto en
que vivía. Mirade a foto que vos selecciono máis abaixo.
O caso é que na Coruña este é o segundo ano
que se celebra un concurso entre os escolares imitando e relembrando esa faceta
do pequeno Pablo. Xa o ano pasado levou un premio (entre outros rapaces) un
alumno noso, da man do seu profesor Tomás Ruibal. E este ano o premio ao mellor
periódico foi para Lucía. O acto de entrega de premios celebrouse no
paraninfo-salón de actos do Instituto, coa presenza de distintas autoridades:
estaba o alcalde coruñés (quen lanzou un desiderátum case inviable, dixo que a
medio prazo quería que Coruña dispuxese dunha exposición permanente de obra
picassiana), o presidente da Asociación da Prensa Coruñesa, estaba o fillo de
Ángel Padín –un dos homes que máis fixeron por rescatar do esquecemento o paso
do artista malagueño por estes lares, por exemplo é mérito seu a investigación
que o conduciu á primeira exposición da obra de Pablo Ruiz nun comercio da rúa
Real, exposición da cal se cumpren agora 120 anos-, e tamén nos acompañaba a
filla de J. L. Bugallal Marchesi, outro dos primeiros galegos en investigar esa
páxina da historia (investigar e publicar, xa vos contarei proximamente...).
(Lucía Blanco co seu profesor de debuxo, o
catedrático D. Raúl Trillo Docampo; contábanos co corazón na man –con total
sinceridade exenta de falsa modestia- que o mérito del é mínimo, dada a
absoluta e rotunda brillantez de Lucía)
(Velaquí o bosquexo do periódico satírico
feito por Lucía Blanco, gañador do premio. Chamo a vosa atención sobre ese recap –un concepto moi de moda, por
certo, unha reutilización xenial dunha obra, dunha imaxe, dun obxecto
artístico- feito tomando como base o cadro que pintara Picasso cando estudaba
aquí, no noso edificio, A rapaza dos pés
descalzos, agora reconvertida en Lisa Simpson)
(Unha páxina do periódico feito por Pablo
rapaz, titulado “Azul y Blanco, revista
manuscrita” –arremeda a revista española
“Blanco y negro”-, datada o 28 de outubro de 1894; nas imaxes da parte
superior esquerda un home quéixase da chuvia–trasunto do pai, D. José Ruiz,
nada ben adaptado a este noso clima- con estas palabras: Ya ha comenzado a llover así continuará
hasta el verano, e ao seu lado a muller completa estupendamente: También ha empezado el viento q
continuará... hasta que no halla Coruña...”, disimulemos a ortografía e
quedemos co sentido do humor; claro que
esta é a cidade do vento, como a da canción fermosa de Quique González, que ben
o entendeu o neno...)
(Páxina do libro arriba citado onde se ve parte do periódico que Picasso titulou co nome da nosa cidade. Verbo dos seus xornais di Victoria Charles no seu libro sobre o malagueño: "Let us note here that the young Picasso's spontaneous drawings have a narrative, dramatic quality; for him the image and the word were almost identical. Both of these points are extremely significant to the future development of Picasso's art". Non en todos os libros sobre o pintor se fala da Coruña, nin moito menos, pero neste de V. Charles, si. E se entrades na páxina web da Galería Nacional de Washington, e procurades a obra picassiana, tamén a veremos citada)
Ningún comentario:
Publicar un comentario