venres, 8 de maio de 2020

COLABORACIÓNS ESPECIAIS


 OS ROSTROS DA CRISE

Benqueridos lectores e seguidores (followers) do noso blog!

Dentro da campaña da Biblioteca do IES Eusebio da Guarda para o curso 2019/20: E logo ti, de quen vés sendo? e na sección “OS ROSTROS DA CRISE”, continuamos dándolle voz a unha serie de personaxes que están en primeira liña. Hoxe traemos as experiencias e vivencias do personal da Alimentación.
Como ben sabedes, é un sector fundamental e non sempre tratado co debido respecto e merecemento. Temos escoitado noticias nas  que non se pode caer máis baixo, do tipo: “enfermeira, médico, caixeira de supermercado… son invitados con anónimos a deixar as súas vivendas”. Todos sabemos que a covardía agóchase e viaxa na noite dos tempos, sempre temos constancia dela na civilización, como sentimento do medo e das miserias humanas.
Vimos de falar hoxe con varias das 19 persoas desa pequena gran Familia, así se chama a cadena de supermercados, esta sitúase na zona das Conchiñas, rúa Alcalde Lens. O establecemento leva funcionando algo máis dun cuarto de século.

 
Habitualmente viña tendo un horario bastante amplo, desde as 9 da mañán ata as 10 da noite, dependendo da temporada. Hoxe os horarios sufriron algún cambio debido aos efectos da pandemia, abren de 9 da mañán a 8 da tarde, facendo un alto entre as 3 e as 3 e medio da tarde para desinfectar e facer limpeza.
Nel traballan: Iria, Sofía, Silvia, Patricia, Alfonso, Charo, Noelia, Cristina, Vanesa, Sonia, Rocío, Beatriz, Manuel, Jori, Isabel, Maica, Raquel, Mar, Víctor e Lorena.

Imos presentarvos a Lorena Mallo Gómez, carballesa nacida na Coruña, ten alma de locutora de radio, dálle xeito ás cuñas das promocións do día. Leva traballando no ramo da alimentación máis de dúas décadas, a metade da súa idade.
A todo esto, esta entrevista estase a facer vía WhatsApp, abusando algo dos audios, xa que a estas horas, noite xa, Lorena está bañando a súa filla pequena, porque estas persoas tamén teñen familia.
-Que tarefas vés desempeñando na tenda?
“Son charcuteira e tamén fago os descansos de carnicería e pescadería e tamén boto unha man na reposición de productos nas estanterías”.
-Contanos algo das medidas de protección.
“Desde o primeiro día contamos co necesario, vén un dos xefes traelo persoalmente, dispoñemos de: luvas, mascarillas, pantallas de metacrilato, solucións alcohólicas…”
-Como foron os primeiros días de cara ao público sen unas normas claras e precisas?
          “Tomamos conciencia da situación que nos deparaba o Covid 19, tamén tíñamos información de como se contaxiaba, das medidas hixiénicas a tomar, así como o distanciamento físico, tamén se limitou o aforo e pechouse a entrada pola rúa Corcubión”.
-Cantas veces debíchedes repoñer os productos hixiénicos nos primeiros días?
          “Os productos de hixiene e limpeza foron moi demandados, desde a lixivia,  o xabón para lavadoras, e sobre todo o papel hixiénico, literalmente voaba. Houbo xornadas nas que houbo que repoñelo varias veces, tamén tiñamos que ir acompañados do persoal de Seguridade, ou ir dúas, “parecíamos un convoi blindado”, saír do almacén e chegar ás estanterías sen nada, faciámonos paso como podiamos, incluso con algunha alocución: “por favor, apartádevos do camiño, levamos mercancía perigosa””.
-Abusando da confianza, cóntanos como vivíchedes entre vós eses momentos, a xente amontoándose, saltando as normas, levando todo por diante.
          “Ben coñeces a nosa tenda, por momentos a situación chegaba ao descontrol, por sorte reacionouse pronto e ben, entre todos houbo momentos delicados, parecíamos arrastrados da rabia, a tristura ou a depresión… Como grupo medramos, sobre todo como persoas: uns días caíache a alma aos pés e viñan as demais a animarte, outros días era ao revés, parece que todo isto nos colleu co paso cambiado”.

 
 
-Como foi o comportamento da clientela?
          “En xeral ben, houbo xente que incluso escribeu ao Departamento de Atención ao Cliente eloxiando o noso desempeño. Como che digo estamos moi sensibles, pasamos da tristura a emoción, por sorte prevalece o apoio mutuo, o agradecemento e as mostras de cariño. O 1 de maio, un neno veciño adicoume un debuxo  pegándoo na porta da casa. Xa ves, un aténtico tobogán de sensacións e de emocións”.

A continuación falamos con Manuel Iglesias Balboa, un rapaz venezolano con case medio século de experiencia vital nacido en Caracas, de ascendencia galega por parte de nai e pai, encárgase do reparto a domicilio, servizo que vén facendo desde hai un ano. De aspecto serio e tímido, pero dilixente nos seus cometidos. Cóntanos que hai dous anos que tivo que tomar o camiño de volta dos seus pais,  a situación social e política non a era máis idónea -por certo situación á inversa da que levou a seus pais ao Caribe na segunda metade do século XX.
-A que te adicabas en Venezuela?
          “Era xerente xeral da Crysler Fiat”.
-Adáptaste ben á vida en España?
          “Unha cousa é vir de vacacións e outra cousa moi diferente é o traballo. A min gústame España, fun educado nesta cultura, aínda que o fora en Venezuela, pero as circunstancias van mudando”.
-Como valora a clientela o teu traballo? Son amables contigo?
          “Pasa como co tema sanitario, non somos suficientemente recoñecidos”.
-Cal é a túa misión na tenda?
“Eu levo os pedidos a domicilio tanto os que se fan vía telefónica como os que se solicitan na tenda. A maioría da xente é e agradable e valora o noso traballo, pero tamén hai moito medo debido á crise sanitaria. Se me sobra tempo boto unha man na orden das filas e acceso”.
-Cantos quilómetros fas de media a semana coa furgoneta?
          “Máis de 500, algunha semana paso dos 600, pero moitos pedidos son servidos a pé polas dificultades de aparcamento”.
-Como te tratan as compañeiras e compañeiros de traballo?
          “En Alcalde Lens fanme sentir como unha gran Familia, tamén fago servizos noutros establecementos da marca, na rúa Gran Canaria, nos Rosais e en Tornos, en todas elas son ben recibido. Estou moi contento”.
-Como é o protocolo de desinfección dos carriños e da furgoneta?
          “A furgoneta límpoa a fondo, tanto ao comenzo como ao remate da xornada laboral e tamén entre os distintos servizos. No aspecto persoal uso mascarilla, pantalla, luvas e solucións desinfectantes. Antes e despois de cada entrega desinféctome”.


Agora tócanos conversar con Raquel López Tajes, quen leva dezaoito anos traballando no ramo, aínda non alcanza os 40 anos. É unha digna representante da Costa da Morte. Carácter e servicialidade acuñados da beiramar camariñá, filla de mariñeiro e palilleira-agricultora con berce nunha familia numerosa e moi unida.
-Cal é a túa misión na tenda?
          “Son a Coordinadora, somos 19 persoas, fago de todo ou case de todo, boto unha man no que se precise”.
-Como vos adaptáchedes ás medidas que viñeron dadas pola pandemia?
          “Reduceuse o horario e fixéronse máis reforzos nas diferentes seccións,  reforzouse a limpeza e a desinfección, incluso pechamos media hora a hora do xantar para a hixiene da tenda, tamén se contratou máis persoal para a limpeza e a desinfección, colocáronse mamparas para as caixeiras, fixéronse separación nas diferentes sección (pescadería, carnicería e charcutería)”.
-Relátanos un pouco os cambios de hábitos a hora de facer a compra, a periodicidade desta, a repercusión económica.
          “Mudaron os modos de mercar, notamos un descenso de case un terzo nas ventas, os motivos son dous:
-        a cantidade de familias que se mudaron ao rural, ás segundas residencias, e
-        o outro económico, a cantidade de familias que non dispón dos recursos suficientes para mercar o básico.
          Hai xente que vén mercar case todos os días, pero os máis veñen cunha periodicidade entre os 5 e 10 días, o volume da súa cesta é maior. Hai clientes que fan os pedidos por vía telefónica para non saír da casa, nós temos un servizo a domicilio que é gratuíto se o montante supera certa cantidade.
          Estamos a vender moitos produtos básicos, desde os de limpeza e hixiene ata os usados en repostería. Por outra banda acusamos o descenso na venta de repostería industrial e preparados lácteos, tipo iogures”.
-Como leva o teu pequeno (6 anos) iso de que chegues a casa e non te poida bicar ou dar unha aperta?
          “Moi ben, cando chego a casa paso ao baño para asearme e desinfectarme debidamente, el agarda como un cabaleiro a que saia, despois xa nos podemos acarantoñar”.


          Desde este humilde heraldo dámoslle as grazas a todo o persoal do Familia da rúa Alcalde Lens. Forman parte esencial das nosas vidas e sobre todo como provedores da nosa alimentación, e como doadores de sorrisos, iso si, por debaixo de mascarillas e pantallas.

Vémonos no super!!!
 
Antonio Fondo Rodríguez (Usuario do Super), membro do profesorado do Instituto ‘Eusebio da Guarda’ da Coruña.



         

Ningún comentario:

Publicar un comentario