EXPEDICIÓNS CIENTÍFICAS DO EUSEBIO: “Terras de
Burón e dos Oscos” (28/Outubro/2017)
O profesorado do noso centro vén desenvolvendo nos últimos
anos saídas culturais co fin de aprender e reflexar nas nosas aulas o
aprendido, promocionando valores como a amizade e a admiración do noso amplo
patrimonio. É un programa non escrito que podería denominarse: “O Eusebio
bótase ao monte”, que conecta co proxecto da Biblioteca “Grandes viaxes e
expedicións científicas”
Amañece o autobús as 8 da mañá no lugar acordado, despois de
ir recollendo aos diferentes membros da expedición, váisenos abrindo o día,
abrimos o rego ata pasar o Alto da Fontaneira en Terras de Baleira.
(Teixo centenario na néboa. Paradavella. Todas as fotos, agás a do pupitre e mais a da seimeira, foron feitas por Charo Soto)
Achegámonos a Paradavella (A Fonsagrada), Obdulia e
familia acarantóñannos no seu cubil cun encantamento ou parva, a saber (café
con leite, zume… e viandas con de denominación de orixe, chourizo afumado,
empanada de liscos, lacón, bizcochón…). Só con velos fartase un. A fama que
teñen é moi merecida por toda a fame que levan mitigando ao longo de décadas.
De novo encaramos o Camiño Primitivo de revés, vamos
saboreando expectantes as distintas voltas e reviravoltas da estrada do ano (60
km, 365 curvas), “colle fama e bótate a durmir”), cada recodo presenta una nova
panorámica, planeamos sobre un mar de nubes, a nosa nave é un luxo nas mans dun
“Capitán” con rango de Xeneral, horas e horas chupando roda, un auténtico
profesional.
¿Por onde imos?, ¿estamos en Galicia ou en Asturias?, xa
levamos as necesidades básicas cubertas e podemos falar do existencialismo.
Intentamos saciar a nosa curiosidade o
intelecto. Por veces alcanzamos os 1000 m de altitude, a atmosfera limpa
permítenos referencias históricas, xeográficas, elementos diferencias que
sobresaen dunha contorna coidada a pesares do ampla que é.
Facemos entrada no triángulo dos Oscos (San Martiño,
Vilanova e Santaia), o noso tránsito é sosegado, remansado nunha especie de
nebulosa.
(Desde o hórreo. Santa Eufemia)
Ao fin chegamos a Santa
Eufemia, agárdanos unha sorpresa moi agradable, Elena nunha Troia moi
particular, guía-continuadora da tradición, didáctica da vida. A súa fala nai soa como unha
torrenteira e empápanos cal fonte que discorre por prados e veigas, notas
musicais acompasadas de moendas, mallas, e coceduras de pan, “meu Deus, que pan”, “viva a Nai que o
pareu”, esmero e coidado, exquisito manxar a base da Masa Nai, adobiado por un sentimento relixioso de
agradecemento pola obra do Creador.
O culmen da descuberta farémolo en Santa María de Vilanova, igrexa parroquial, monacal-conventual,
onde os santos se identifican cos parroquianos, unha boa praxes. Tamén tomamos
conciencia das dificultades para preservar o patrimonio, esa parte tan
importante de nós e da nosa identidade.
(Verruga ou lobado dun carballo, especie de excrecencia, usada como arca. Casa onde naceu o Marqués de Sargadelos. Se algún de vós coñece outra palabra para designar esta verruga, que non deixe de comunicárnolo, por favor)
Encamiñámonos cara Santaia
para coñecer o berce do Marqués de Sargadelos, sáenos ao encontro Aritz
(“carballo” en euskera), “o pequeno marquesiño” expoñendo os seus dotes para a
mercadotecnia, namentres Iker, seu pai fai de espléndido anfitrión e vai
debullando unha a unha as diferentes estancias da casa así como a
industrialización e o capitalismo personificados no Marqués e nas xentes da
contorna. A casa é acolledora, non lle falta de nada, ten lavadoiro e lavadora
“mecánica” (un tronco oco no que se facía a vella coada con cinza). Sentímonos
partícipes do museo e da súa historia 200 anos despois do finamento do seu
dono.
(Este é un 'tambor' usado noutrora para asar as castañas. Na casa dos nosos bisavós valdeorreses o que había era un cacho, máis pequeno)
Temos moitos apuntamentos para aprender, falamos do ferro
e do caolín de camiño ao Mazonovo,
alí agárdanos Víctor, un malacitano empadroado no lugar que forma parte do
equipo de Fritz (ferreiro tirolés que veu facer un curso de navallas e chegou
para deseñarlle un novo destino a ferrería, “Deus llo pague”). Víctor é a cara
amable dun mineral malo de domear, e agria limonita. Vai percorrendo a
tipoloxía do traballo do ferro así como a xenealoxía dos actores, lembra o
papel das estirpes vascas (Lombardero, Lombardía, Legazpi ou Legaspi), e do ben
acollido e italiano Venturi (barquín mellorado e elevado a máxima potencia ao
servicio da dura tarefa), ferróns, forxas, carboeiros, talleres, réxime de
explotación. O lume, máximo expoñente da civilización desde a súa casual
descuberta, admiramos a súa atracción e a súa relación de amor-odio coa auga.
(A seimeira de Vilagocende, preto da Fonsagrada. A nosa irmá agasallounos hai tempo cunha lenda marabillosa aquí localizada; trátase dunha versión completísima dun arquetipo complexo e repetido en toda Galicia. Xa tratamos no blog ese tema. Ide ao buscador e escribide 'seimeira' se queredes relembrar o conto. Foto tomada de Internet. Lamentablemente o día da excursión había xa moi pouca luz e moi pouca auga. A atmosfera era igualmente, esa é canto menos a miña opinión, de misterio primixenio)
Falando da auga, estamos a medio cento de metros do Mesón
L´Augua, de cuxa presencia nos decatamos polo arrecendo das viandas e o
traqueteo de potas e tixolas nun “Bosque Animado”, animado por Joaquín e
familia. Servicio bo, acollida inmellorable e un marco digno do mellor dos
pintores románticos. Para continuar con oso particular bucolismo catamos viños
de denominación de orixe de Negueira de Muñiz, no curso do Navia. O branco
lexítimo e o Mencía son apreciados polos nosos padais. A continuación pasarela
de sabores, destacando as verdinas (fabas recollidas en verde), carne (déixase
querer, fáisenos a boca auga só con probala), proseguimos con outras viandas e
unha sobremesa como en día de festa.
Mazonovo é un recanto fai nada case despoboado, e nestes
momentos conta con 14 habitantes. Personifica o esforzo de moita xente que
busca modos de vida alternativos, praceres desestresantes baseados na sinxeleza
da natureza e dunha explotación racional dos seus recursos.
Á tardiña tomamos dirección a Fonsagrada, o “Dúo
Dinámico” vai amenizando a viaxe e implorándolle ao deus da choiva que se faga
presente, rememoran hits pretéritos e imitan sobrados de potencia ao gran Dr.
Félix Rodríguez de la Fuente, ralentizamos
o noso discorrer cara a seimeira de Vilagocende, a pobre está quedando nos
ósos, a estrica dieta hipoacuosa da nai natureza é a culpable. Vémola cal
delicadas crinas que modelan o rochedo hipnotizados polo son cadencial das súas
augas. As nosas fazulas refrescan as nocións e os conceptos en proceso de
aprendizaxe desta expedición.
Agradecemos e avaliamos as vosas competencias nos ámbitos da participación, da paciencia,
do traballo en grupo e as boas caras e o saber estar. Agardamos a formalización
da vosa Matrícula para vindeiras incursións eusebianas ao longo da nosa
xeografía.
Con todo agarimo: Antonio Fondo
(Foto para enmarcar: os vosos profes vólvense alumnos. Son Carmen Aquino e Antonio Fondo, a quen lle agradecemos que tomase hoxe a pluma. A foto foi feita por Pedro Rodríguez)
Ningún comentario:
Publicar un comentario