BUSCANDO PALABRAS: O DAS ZAPATILLAS
(Gravado anónimo renacentista de Xesús tentado polo demo: fixémonos no calzado deste. Foto tomada de Internet)
O mes pasado, como
xa vos dixen, estivemos en Lugo nunhas Xornadas de Literatura de Tradición
Oral. Alí falamos de varias frases que
gardan certos valores míticos ou folclóricos. De todas as que tratamos hoxe
quero someter á vosa consideración unha en particular: O das zapatillas, referido ao demo. Copio literalmente o que
dixemos en Lugo sobre esa unidade fraseolóxca:
(Gravado de Hendrik Goltzius, 1595. O demo aparece con patas de cabra. Foto tomada de Internet)
“E hai tamén casos enigmáticos, como a UF O das zapatillas, referida ao demo.
Emilio Montero (1981:112), estudoso dos eufemismos galegos, recoñece non ter
explicación para esa frase. A nós ocórrensenos dúas posibilidades: unha,
necesita as zapatillas para tapar os seus pés deformes (é frecuente que apareza
mentado como o patexo, o patanexo, con pés deformes –ou coxo,
maltreito de perna e pé, tras a forte caída–, en forma de pata de galo ou de
cabra); dúas, quizais haxa aí unha reminiscencia do vello deus Lug[1].
Sabemos pola famosa inscrición de Uxama Argaela[2]
que era patrón dos zapateiros. No Mabinogion é chamado “un dos tres zapateiros
dourados”, e tamén “zapateiro divino”. El mesmo aparece na tradición galesa
serodia desempeñando o oficio de zapateiro. As zapatillas, no canto de zapatos,
sería un indicador máis da degradación que sofren os vellos deuses ao seren
demonizados”.
(Ara votiva dedicada a Lug atopada na provincia de Lugo)
(Zapatos dun príncipe celta recubertos de pan de ouro, atopados entre o enxoval da tumba do príncipe Hochdorf, século VI a. C. Foto tomada de Internet)
Non é a única frase
que nos fai pensar en Lug, hai outra: Sete
oficios tiña Adán e ningún lle daba pan, pero esta vai quedar pra outro
día. O realmente interesante da das zapatillas inda está por vir. Veredes o que
pasou: cando rematou a nosa intervención achegáronse varias persoas a facernos
unha serie de comentarios amables e curiosos. E entre esas persoas dirixiuse a
nós unha señora de mediana idade, encantadora, cuxo nome –lamentablemente- non
sei agora mesmo onde o apuntei (iso pasa por ter tantas libretiñas e tantos
bolsos, paciencia). E díxome isto: “Eu exercín o maxisterio en moitos lugares
de Galicia, e xa non sei dicirche onde foi exactamente que me falaron así, pero
recordo perfectamente que había un lugar onde se dicía Vai con xeito, que anda o demo en zapatillas”. Eu quixen insistir
para ver se lograba relembrar onde oíra esa estupenda frase con valor
proverbial pero só soubo dicirme que moi probablemente era un lugar da provincia
de Lugo. Quizais haxa que falar da área lucus-auriense para localizar esta
unidade fraseolóxica: Emilio Montero documentara O das zapatillas no ourensán Vicente Risco. Valorei altamente a
información da fermosa muller de Lugo (pois luguesa era). Díxome de inmediato
Luís: “Velaí tes, Charo, a orixe da frase nominal, nesa especie de refrán”. Que
o demo ande en zapatillas é forma metafórica de expresar que o demo é sutil e
ladino, que manexa os fíos e tende as súas trampas en modo silencioso, para que
non nos percatemos e nos poñamos en garda. Non digo máis. Cal é a orixinal e
cal é derivada só Deus o sabe, pero é, efectivamente, moi verosímil que o
refrán sexa anterior á frase que Risco nos transmitra.
(Escena do caldeiro de Gundestrup. Posible representación do deus Lug, á esquerda do deus pai Dagda, tocando a roda -símbolo solar indeeuropeo- a modo de arpa. Foto tomada de Internet)
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
As referencias bibliográficas:
Brañas Abad, R. (2007): “Entre mitos, Ritos y
santuarios. Los dioses galaico-lusitanos”, en F. J. González García (coord.): Los pueblos de la Galicia céltica.
Madrid: Akal, 377-445.]
Montero, Emilio (1981): “El eufemismo en Galicia”, Verba, anexo 17. Universidade de
Santiago de Compostela.
[1]O teónimo Lug parece que é o epónimo de Lugo, o asturiano Lugones e un
par de ducias de topónimos máis en Europa; hai aras votivas dedicadas polos
luggoni en Asturias.En Galicia acháronse, ata o momento, cinco aras dedicadas a
este deus, as cinco na actual provincia de Lugo (Brañas 2007: 402).
[2]Lugovibus / sacrum / L(ucius)
L(icinius) Urci/co colle/gio sutoru/m d(onum) d(at)
(en Hispania Epigraphica: http://eda-bea.es/pub/list.php?refpage=%2Fpub%2Fsearch_select.php&quicksearch=uxama
[data de consulta: 14/10/2017].
Ningún comentario:
Publicar un comentario