ENTREVISTA A ERNESTO E. CALO, SECRETARIO DA AELG
(A título de
limiar:
Baixamos a
reciclar cousas vellas e pesadas do que xuntara en vida o meu sogro na aldea.
Xa noite pecha pero nada de frío polas rúas. Logo decidimos dar un paseo ata as
bandeiras, alí onde o mar lambe as centenarias pedras do Caramanchón –outros din
a Coiraza-, alí onde unhas ondas brancas de material sintético recordan os
heroes galegos sacrificados no altar do Orzán en noite de invernía por
quererlle salvar a vida a aquela criatura na flor da mocidade... Nótase que vivimos días en memoria dos que se
foron... Camiñabamos alumeados polos dous faros tan distintos: o que dera nome
á amada cidade, faro brigantino, e a lúa en plenitude, vestida de nubes de
quita e pon, lúa xogando ao tulé. Unha beleza esta noite de augas quedas e de
chuvia tan desexada. E así relembrei que hoxe é xoves e que vos tiña
esquecidos. Mais aquí estamos. Vivos e con gana de comunicarnos. Algo do vivido
hai pouco, pensei. Unha xornada particular (Una
giornata particolare) foi a que pasamos en Lugo o 21 de setembro. Tiven a
honra de participar nas X Xornada de Literatura de Tradición Oral que
organizaba en Lugo a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
(AELG) e diso falaremos hoxe. A verdade é que foi un sábado moi entretido e
enriquecedor. Aprendín moitas cousas (algo vos falarei noutra ocasión) e
coñecín xente encantadora. A ver, sen pretender ser exhaustiva, coñecín a Sofía
–ex alumna, coma min, do Instituto ‘Eusebio da Guarda’- e ao seu esposo,
Ernesto E. Calo –quen exerce de secretario da asociación-, a Isidro Novo –o escritor-,
a Antonio Reigosa –o artífice de Galicia
Encantada-, e a Cesáreo Sánchez –preside
actualmente a AELG, bo conversador, falounos con entusiasmo na mesa de Edward
Said e insufloume a gana de lerlle unha das súas obras paradigmáticas, Orientalism-, entre outras persoas.
O caso é que por
razóns digamos técnicas eu con quen máis me comuniquei polo correo foi con
Ernesto e a el me dirixín facéndolle catro preguntiñas. Ofrézovos as respostas.
Hai moita información, pero que queredes, mellor é que sobre, non que falte).
ENTREVISTA A ERNESTO E. CALO
(De esquerda a dereita: Antonio Reigosa, Álvaro Santos -responsábel da Área de Goberno Interior e Relacións Institucionais da Deputación Provincial de Lugo-, Cesáreo Sánchez e Isidro Novo. A Deputación de Lugo presta o espazo, a súa magnífica sé provincial na cidade amurallada e axuda economicamente á AELG. Así fomos convidados a xantar os conferenciantes e así publícanse as Actas, nunha moi coidada edición. Conste aquí o noso humilde agradecemento a esa Deputación, a esa cidade milenaria)
-Mª R. Soto: Ernesto, estarías
disposto a responderme a catro preguntiñas?
-Grazas polo teu interese en
saber da AELG. Nunca me fixeran esas preguntas, que tratarei de responder tendo
en conta que eu só vivín 11 dos seus 37 anos de existencia. Quen mellor coñece
a AELG é Cesáreo Sánchez, o actual presidente, quen sempre estivo pendente da
vida interna da AELG, pois fixo parte do seu Consello Directivo, en distintas
funcións, desde 1982, como podes ver aquí: http://www.aelg.gal/consellos-directivos ).
Respondo, si, ás túas preguntas.
-Podes dicirme quen, cando e como se fundou a AELG?
-Tes información sobre isto aquí:
Tamén está estoutro documento
interno, con máis información:
A xénese da AELG
A modo de preámbulo, cómpre
rescatar do esquecemento a acta da reunión celebrada en Santiago de Compostela
o día tres de maio de 1980, no local da Federación de Libreiros de Galicia;
naquela primeira toma de contacto, un grupo significativo de persoas
vencelladas á creación literaria acordaba iniciar o proceso constitutivo da
Asociación de Escritores en Lingua Galega; dado o seu valor testemuñal,
consignamos o texto íntegro cos nomes das persoas asistentes á xuntanza, e
daqueloutras que enviaron adhesión á mesma:
“O tres de maio de 1980,
reunidos en Compostela Alfredo Conde, Enrique Feixoo, Xoán, X. Fernández
Abella, Xoel Gómez, Agustín González López, Paco Martín, Xosé Manuel Martínez
Oca, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé María Monterroso, Alfonso Pexegueiro,
Francisco Pillado Mayor, Manuel Rivas, Manoel Riveiro Loureiro, Euloxio R.
Ruibal, Xoán X. Santamaría Conde, Xavier Seoane, Xoán I. Taibo, Camilo
Valdeorras e Xosé Vilas Nogueira, e contando coas adhesións, previas á
xuntanza, de Xavier Alcalá, Isaac Alonso Estravís, Xoán Manuel Carreira, Manuel
Catoira, Daniel Cortezón, Xavier Costa Clavell, Carlos Durán, Alfonso Gallego,
Antonio Gil Hernández, Bernardino Graña, Eduardo Gutiérrez, X, López Arias,
Basilio Losada, Manuel Lourenzo, Manuel Miragaia, Uxío Novoneyra, María Xosé
Queizán e Siro, acordouse constituír a Asociación de Escritores en Lingua
Galega, destinada a defender os intereses da práctica escrita en
galego.”
Logo dunha segunda reunión
preparatoria, a AELG comeza a súa andaina oficial o 22 de xuño de 1980, no
Museo do Pobo Galego, coa aprobación por unanimidade dos seus estatutos, e
tamén coa elección da primeira Xunta Directiva, formada por Bernardino Graña
(presidente), Carlos Casares (vicepresidente), Alfonso Pexegueiro (secretario)
e Xoán Ignacio Taibo, Salvador García-Bodaño, Luís Álvarez Pousa e Paco Martín
(vocais).
(Aquí está falando o señor Isidro Novo, con auténtica paixón, propia de quen ama as palabras: o seu tema versa sobre un arquivo de voces, do que el é cofundador, que non figuran nos dicionarios. Un arquivo que medra coas achegas de todas as persoas que lles envían unha, dúas, tres palabriñas... Diso falaremos outro día)
-Para
que se funda?
-Os obxectivos estatutarios da
AELG, que non variaron practicamente desde a súa fundación, son:
Capítulo II: Carácter e fins da
AELG:
Art.- 6.- A AELG terá carácter
corporativo en canto se constitúe como órgano Superior de representación e
defensa dos intereses profesionais e non profesionais do escritor e da
escritora en lingua galega. A asociación traballará polo dereito de plena
profesionalidade do labor do escritor e pola plena normalización da nosa
literatura e o noso idioma.
Art.- 7.- Os fins da AELG son:
7.1 Defender e representar os
intereses e dereitos das persoas asociadas empregando para isto a lexislación
vixente no ámbito territorial da asociación, no marco de competencias da Xunta
de Galiza, do Estado Español e da Unión Europea.
7.2 Traballar a prol da
normalización do feito literario e da profesión do escritor en Galiza. Promover
medidas conducentes á pervivencia económica do escritor diante de todo tipo de
actividade pública, literaria e cultural.
7.3. Crear un vencello de
cooperación e de solidariedade entre os escritores e as escritoras galegos.
7.4. Defender e reclamar a normalización
plena da lingua galega. Para a consecución deste obxectivo a AELG poderá
promover cantas iniciativas estime oportunas ou colaborar con outras entidades
públicas ou privadas.
7.5. Participar nos organismos da
Administración Pública e nas entidades públicas ou privadas de calquera ámbito
en que se debatan cuestións de interese e importancia para as persoas
asociadas.
7.6. Fomentar as relación e o
achegamento entre todos os escritores do mundo, especialmente da área cultural
lusófona.
7.7. Promover o desenvolvemento e
a expansión da literatura galega e estimular o coñecemento das nosas letras
dentro e fóra do noso país. Para esta fin a AELG poderá estabelecer as medidas
de colaboración oportunas con outras entidades.
7.8. Apoiar as iniciativas organizadas
por outras entidades que teñan a ver cos fins que se marca esta asociación.
Art. 8.- A AELG adhírese á
Declaración Universal dos Dereitos Humanos, comprometéndose a loitar pola
xustiza social e as liberdades individuais, especialmente con respecto aos
escritores e escritoras, e as linguas e culturas minorizadas.
- Ti cres que se lograron os
obxectivos, ou?
Ao longo de case 40 anos a AELG
pasou por moitas vicisitudes, que permitiron circunstancialmente maior ou menor
capacidade de traballo e, por tanto, de conseguir os seus obxectivos. A
impresión que teño é que se empezou con moitas ganas pero con moitas
dificultades económicas mais, sobre todo, coa necesidade (compartida coa
sociedade en xeral) de chegar a determinados consensos que hoxe vemos como
obvios mais que daquela pexaban a organización e a vida interna da AELG. E
isto até o punto de que houbo que facer unha
15/06/1985 - 08/03/1986
XESTORA PROVISORIA
para que a AELG non morrese. Neste sentido diría que o feito de non ser
propiamente unha asociación cultural de acción directa e local fixo que os
debates de fondo tiveran moito protagonismo.
Creo que se traballou, máis ou menos dependendo das circunstancias e da
capacidade de traballo dos diversos consellos directivos, en todos os
obxectivos estatutarios. Probabelmente onde menos se teña avanzado sexa no
asesoramento legal ás persoas asociadas, e isto porque non se chegou a un
número de socias-os que permita manter unha estrutura que conte con persoal
especializado no ámbito xurídico.
- Como ves o futuro da
asociación?
A AELG segue dependendo
moito das achegas de fondos públicos (as cotas de socias-os supoñen apenas o
15% do orzamento) de modo que moitos dos esforzos do Consello Directivo se van
en conseguir eses fondos; e dado o nivel de esixencia exasperante que se
está impoñendo na súa xustificación ante as diversas administracións, tamén
supón un esforzo moi grande para a oficina técnica. Quedando menos tempo
do debido, por tanto, para organizar actividades de interese para a base social
da AELG e para a sociedade á que se debe en xeral. Tamén deixa pouco tempo para
as relacións con outros sistemas literarios.
Neste sentido, a AELG está
demasiado exposta á vontade política de apoiar ou non o sistema literario. A
día de hoxe a AELG ten moito máis apoio das Deputacións da Coruña, Lugo e
Pontevedra que da propia Xunta de Galicia.
A diferenza doutros países, onde
as empresas privadas apoian a cultura, en Galicia esta posibilidade está
practicamente pechada. Tense intentado desde a AELG, con pouco resultado.
En Galicia as empresas financian grandes eventos que reporten beneficios
publicitarios, e non entenden que o apoio á cultura propia faga parte da súa responsabilidade
social.
Dadas estas circunstancias
entendo como acertadas as liñas de traballo do actual Consello Directivo
que, ao meu ver, quere focalizar os esforzos nestes ámbitos:
1. Visibilización do sistema
literario (web, axenda cultural e redes sociais):
e de
actividades nas que o importante é o contacto autor-a, lector-a (paseos
literarios, obradoiros de creación literaria...), iniciativas que de camiño
sirvan
para poñer a
nosa parte para a renovación e continuidade dun sistema literario propio. Isto
inclúe tamén a sección "O territorio do/a Escritor/a", que permite xunguir
a literatura co territorio do que emana.
2.
Colaboracións coas Universidades, particularmente coas Facultades de
Educación e Filoloxía, para axudar a
complementar os currículos con contidos do sistema literario propio.
3. Na
literatura de tradición oral xa sabes que tamén traballamos, desde diversos
ámbitos, alén das Xornadas de Literatura de Tradición Oral.
4. Creación
dunha Sección de Literatura Dramática recentemente.
E isto é o que
se me ocorrre dicirche. Xa digo, a persoa que mellor coñece a historia da AELG
é Cesáreo Sánchez e, se necesitas máis información terías que dirixirte a el.
Quedo ao teu
dispor cun ben cordial saúdo,
Ernesto.
(Son eu a que
queda obrigada para convosco, Ernesto e demais, pola túa pronta resposta, polo
tempo que lle dedicaches ás miñas preguntas, pola cortesía e cordialidade con
que nos soubestes tratar).
Ningún comentario:
Publicar un comentario