luns, 4 de novembro de 2019

GALICIA INMORRENTE


PILAR PALLARÉS



A poeta galega Pilar Pallarés acaba de recibir hai moi poucos días o Premio Nacional de Poesía. Dámoslle desde aquí os nosos parabéns. Parabéns, Pilar! Que o goces e che sirva de estímulo con que proxectarte ao futuro.

É este un bo momento de outono aínda, de saudadoso cromatismo e lecer nas anticipadas noitiñas para (re)ler a obra da poeta laureada. A pequenos ou grandes grolos, pero animémonos a facelo.

Por curiosidade deille ao ‘Buscador’ deste blog a palabra PALLARÉS e aparece Pilar mentada e tratada en catro ocasións distintas. Por orde cronolóxica temos:

2ª: AS DONAS DO EUSEBIO PRIMEIRO (21 setembro 2016: aí podedes ver que nos corredores do noso Instituto puxeramos distintas fotografías de profesoras do Eusebio, e entre elas a de Pilar)

1ª: BIOGRAFÍAS LECTORAS (XI): PILAR PALLARES (27 xuño 2015: aí tedes aquela estupenda entrevista que o noso colega e amigo Pepe Mondelo lle fixera a Pilar. Entrevista digna tamén de relectura).

3ª: AS GRANDES DAMAS DO ENSINO. Mª Teresa Rodríguez Taboada (12 Xullo 2017: nesas páxinas Mª Teresa relembra a Pilar, entre outros membros do noso claustro no pasado).

4ª: ENTREVISTA A SUSANA MARTÍNEZ-CONDE GARCÍA, EX ALUMNA DO INSTITUTO (19 xullo 2017). Susana lémbrase dela -fora a súa alumna- con cariño (podedes ver na prensa a entrevista que Sonia Vizoso lle fixo a Pilar para ‘El País’ e aí dise algo que as palabras de Susana corroboran: que Pilar deixou fonda pegada no alumnado que pasou polas súas mans,  falando metaforicamente).

 (Pilar Pallarés: foto tomada de Internet)



E xa para rematar (porque o importante está dito, quedade por favor, coa exhortación á (re)lectura da súa obra), deixádeme que vos recorde que no libro dos 125 anos de aniversario do Instituto da Guarda, dedicarámoslle un paragrafiño á poeta. Vóuvolo reproducir por se non tivestes ocasión de lelo.



Pallarés García, Mª Pilar: Culleredo (A Coruña), 1957. Poeta e crítica literaria. Cursa o C.O.U no noso Instituto. Estuda  Filoloxía Galego-Portuguesa na USC., onde foi alumna do profesor R. Carballo Calero. Colaborou en diversas revistas, como Grial, Coordenadas, Dorna, etc. En 1980 publica o seu primeiro libro, Entre lusco e fusco . En 1983 gaña o Premio  Esquío pola obra Sétima Soidade. Outra obra poética fundamental súa é Livro das devoracións (1996). Participou, ademais, en ducias de obras colectivas. Durante o curso 1984-5 imparte Lingua galega e Literatura no ‘Eusebio da Guarda’. Posteriormente e ata a súa xubilación, formará parte do claustro do IES ‘Ramón Menéndez Pidal’.

[Bibliografía básica: http://www.aelg.org/Centrodoc/GetAuthorById.do?id=autor226].





Ningún comentario:

Publicar un comentario