mércores, 31 de outubro de 2018

VISITANDO


“Eusebio bótase ao monte”, Ancares galegos (27-outubro-2018)

 (A neve pillounos por sorpresa. Por volta das cinco empezaron as folerpas a cobrar un tamaño respectable...)
 
 Unha vez máis a expedición do profesorado do Eusebio da Guarda sae a descubrir alguna páxina da nosa xeografía, a coñecer lugares e xentes, para tal fin temos que ler entre liñas.

 (Beleza do castiñeiro nevado: un non podía deixar de pensar nos nosos ancestros nos castros no inverno...)

. Primeira liña, a boa disposición da empresa de servizo discrecional que nos leva aos diferentes lugares, sen eles non sería posible. Bo talante, bo trato e mellor manexo do volante. Sempre se apuntan ás nosas propostas.

 (Grupo de profesoras e profesores do noso Instituto. Estas viaxes que organiza marabillosamente Antonio son unha forma espléndida de unión)

. Segunda liña, a sorte do país que temos, alí onde imos recíbennos cos brazos abertos e ofrécennos o mellor que teñen. Tanto en Navia como no Piornedo á hora de pormenorizar na cultura gastronómica da comarca. Merece mención especial a acollida sinxela,  fraternal na Palloza do Sesto (“pásannos ata a cociña”), Isolina e Fuco achégannos a vida en tan familiar construción, edificio que alberga  todos os labores e tarefas do poboamento, menos o pastoreo e a agricultura. Levamos connosco toda unha serie de procedementos para acadar as competencias da vida en tan singular espazoo. Aprendemos de galocheiros (zoqueiros),  tecedeiras, gandeiros, cantareiras, agricultores de alta montaña, meleiras. Aprendemos a aprender a vivir na alta montaña, co xusto e cun digno aproveitamento dos manxares que a Nai Natura pon nas nosas mans.


 (Paixase nevada con can)

. Terceira liña, o turismo sostible que parte do traballo de tantos, intentando non fracturar a vida da comarca. Paisaxe, sendeirismo, arqueoloxía, patrimonio, etnografía, gastronomía, gandeiría de calidade, natureza ao fin e ao cabo, vestida con traxe glaciar do que destacan os diferentes elementos (cumes e tesos, circos e lagoas, gargantas e morrenas).

 (De novo nós, as mulleres, profesoras do 'Eusebio da Guarda', non están todas as que son...)

.Cuarta liña, o hábitat, tan disperso e cada vez máis reducido, hai núcleos de poboación que non teñen máis dun habitante, próximos a quedar deshabitados tamén mudan o topónimo (“o pobo ou a aldea de fulano”). Grandes dificultades para botar raíces, non é fácil chegar aos centros escolares, as estradas e camiños están deseñados con mil traballos para non romper a harmonía do terreo, tan só estremecida polos incendios.

 (Almorzo listo en Navia de Suarna a media mañá [a parva]. Boa terra, preciosísima ponte, saboroso embutido... Mirade como se preocupa Antonio por nós)

. Quinta liña, pouca xente volta do seu particular éxodo ou emigración europea. Voltan tentando aproveitar o turismo, gandeiría de carne, tarefas silvicultoras. Fan remocear os poboamentos, arranxan os diferentes edificios e construcións (orros, palleiros, pallozas, cuartos, casas, cortíns). A maioría está orgullosa de volver e de ver como os seus núcleos de poboación aparecen nos mapas, nos Ge Pe eSes, sacan peito véndose na televisión ao paso da Vuelta Ciclista a España ou da Volta a Galicia. 

 (A ponte de Navia de Suarna. O río leva nome de deusa prerromana)

. Sexta liña, as administracións intentan poñen os seus lugares no mapa e loitan por mellorar accesos, estradas, servicios, actividades propias e folclóricas,  ao cabo, comunicación e interacción. As vías de acceso aos concellos de Navia e Cervantes artéllanse desde o Alto do Restelo, desde Pedrafita ou desde o corredor natural do Navia, de onde parten estradas, antigas vías e a onde chegan as augas dos diferentes ríos, Cervantes ou Cancelada, Ser, Moia, Rao-Balouta, antigos glaciares. Non sei se a deusa Navia abreu os dedos da man cara ao sur para trazar no medio das glaciacións esas torrenteiras e regatos da man das gargantas e ríos que buscan o seu futuro, o seu norte na deusa fluvial.

 (Restos do castelo. Navia de Suarna, Lugo)

. Sétima liña, o esforzo por recuperar a historia de asentamentos como alzadas ou brañas e as diferentes cabanas; deseñar, en fin, unha ruta da Trashumancia ou da Mesta. Esmerar o coidado das diferentes especies de flora e fauna da zona. O coñecemento pode contribuír a un mellor coidado e conservación.

 (Bebemos as palabras dentro da palloza da guía, unha das derradeiras persoas, senón a derradeira, en nacer aí, na palloza ancaresa)

Rematamos as sete liñas seguindo o significado do número sete no mundo xudío. Sería posible seguir esbozando máis liñas que teñen que ver co xeito de ser dos naturais destas terras ancaresas, sinxeleza, amabilidade, cooperación, hospitalidade e sobre todo un carácter propio resultado de loitar contra os elementos.
                                                                                   Antonio Fondo Rodríguez, profesor de Relixión do IESP 'Eusebio da Guarda'. 


 (O gato é compaña imprescindible na vida da palloza, caza ratos...)

 
 (Ancares: vacas na neve)


.

Ningún comentario:

Publicar un comentario