A CORUÑA
(Estatua de Porlier na Praza de España na Coruña. Descansa no cemiterio coruñés. Na Coruña atopou amigos liberais)
O día de san Miguel celebrouse a
festa de Pastoriza en Arteixo e con ese gallo houbo música, baile, postos de
venda de artesanía, roupa, melindres… e á noitiña houbo unha actuación teatral.
Representouse a parte final da vida de Juan Díaz Porlier.
Se abrides a páxina
actual da Galipedia poderedes ler datos básicos da súa biografía. Recordade que
un dos seus amigos, Sinforiano López, é tamén honrado na Coruña co nome dunha
rúa.
E igual non sabedes que a súa esforzada e sufrida esposa, Josefa Queipo de
Llano, era parente do ilustre matemático lucense, Vicente Vázquez Queipo. E un
terceiro dato que dificilmente coñeceredes moitos de vós: esoutro bo amigo que
tiña en Pastoriza, José Rojo del Cañizal, era dono do pazo chamado de Villariza
e a xente do pobo deu en chamar a esa familia liberal con posterioridade aos
feitos dos que falamos, os rojillos.
(Salvo a primeira, tomada de Internet, todas as fotos foron feitas polo fotógrafo Raúl Vázquez. Nótase a súa arte en todas elas)
O guion da obra foi feito por
Henrique M. Rabuñal e Miguel Sande, sobre unha idea de Xabier Maceiras. A posta
da escena foi cousa do grupo As Melandrainas, e os protagonistas (que me
desculpen os demais actores, porque non sei os seus nomes) foron Ana Mª Castiñeira Ures, no papel de Josefa, e Roque Ruiz Soto no papel de Porlier.
O que si sei é
que traballaron un montón, para facer os traxes e as espléndidas armas. A obra
representouse no adro do santuario de Santa María de Pastoriza e foi un éxito
de público. Titularon o espectáculo co nome Porlier
en Pastoriza. E antes de empezar deron as grazas a Grilo, a Pila a costureira, aos donos do
Mesón, a Repsol, ao Concello, á Deputación e a don José, o párroco de Pastoriza.
A min persoalmente
impresionáronme –á parte do traballazo dos actores e da estupenda posta en
escena de toda a tramoia relativa á forca…, a presenza impoñente dos cabalos, a
mestría dos actores que os montaban e dos actores todos- un par de cousas: unha,
a teimosía, a valente defensa dos ideais constitucionais por parte daquel home,
inda a sabendas do moito que arriscaba (como sorprende saber que nesa época,
principios e en xeral todo o século XIX, houbo varios pronunciamentos liberais,
que ansia infinita de liberdade leva dentro o ser humano…), e dúas, a forma
tremenda de ser degradado, quítanlle o título de mariscal que tan honrosamente
gañara pola defensa de España na Guerra de Independencia, arríncanlle a roupa
que o simbolizaba e afórcano vilmente… E logo nin se sabe en que parte do cemiterio
herculino descansan os seus restos. Triste fin.
Durante a representación, moito
oímos a palabra España. Pronunciada con sentimento, repetidamente vítima dos
mesmos males. Emporiso, a nobreza daquel matrimonio, a conciencia plena de que
loitaban por unha boa causa en beneficio dos máis, perdura e sobreponse sobre a
profunda saudade que produce sabermos que na historia se teceron e tecen moitas
inxustizas.
Most valuable and fantastic blog I really appreciate your work which you have done here. You can benefit yourself on Black Friday, have a look on best hosting deals available on Black Friday by Site Ground.
ResponderEliminar