mércores, 7 de novembro de 2018

A CORUÑA


XENIO INDOMABLE: ROBERTO NÓVOA SANTOS



Xosé A. Fraga presentou aí atrás na Biblioteca Municipal situada na coruñesa rúa Durán Loriga, o libro da súa autoría titulado Xenio indomable. Roberto Nóvoa Santos. Xosé A. Fraga é o director do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses e dirixe tamén desde o ano 2011o Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega. Leva publicadas máis de mil páxinas con ese gallo en Internet. E antes fora director do I.E.S Monelos. É vello amigo do noso Instituto, o ‘Eusebio da Guarda’: de feito, colaborou connosco na publicación do libro dos 125 anos de Instituto da Guarda, co artigo abaixo citado, “As  Ciencias nas aulas do Instituto”. Non quero desvelar moito desta importante e rica biografía do ilustre médico, simplemente aconséllovos que a leades. Conta cun prólogo ben escrito pola man do tamén coruñés Manuel Rivas, o cal é un valor engadido. Empeza a traxectoria vital do novo Roberto cos logros académicos, coa súa estadía en terras francesas e alemás grazas ás bolsas que lle concedeu a JAE (a famosa Junta para Ampliación de Estudios, tan importante na vida doutros científicos vinculados tanto ao noso Instituto como aos homes e mulleres da madrileña Residencia de Estudantes: a JAE é o antecedente do actual CSIC). Segue o momento climático da súa traxectoria intelectual -ben simbolizado naquela cea no Hotel Suízo de Santiago cando só contaba con 31 anos de idade-,  as confrontacións cos pesos pesados do poder establecido, para chegarmos á prematura morte, ao escuro esquecemento, á necesaria revalorización do bo que hai na súa obra e no seu pensamento. Lamentaba Xosé A. Fraga o seu machismo difícil de comprender; lamentaba tamén en certa medida que non crease escola (logo dicíame un meu prezado ex profesor, Antón Santamarina,  que si deixou discípulos, e citou a D. García Sabell; E. Pérez Hervada tamén o foi...). Admiraba el, o autor do libro, e admiramos nós, o seu humanismo (En la profesión médica no basta procurarse el sustento, es preciso trabajar en pro de la Humanidad), a súa rebeldía, a súa entrega total ao traballo. A Coruña deu moitos personaxes á Historia. Este é un deles. 

 (Roberto naceu aquí preto, en María Pita. Na foto vemos a praza hoxe así chamada en 1891. "Carreira de velocípedos", pertence ao arquivo fotográfico do Casino coruñés)


Non podo pechar esta breve páxina sen relembrar que fora Roberto alumno do Instituto da Guarda. No libro do 125 aniversario dedicámoslle un parágrafo. Velaquí o tedes: 

 (Busto de Nóvao Santos, feito polo escultor Asorei)

“Nóvoa Santos, Roberto: A Coruña, 1885; Santiago de Compostela, 1933. Empeza os estudos de bacharelato en 1895 no Instituto, onde foi condiscípulo de W. Fernández Flórez. Foi un alumno brillante; cando remata, en 1900, con quince anos, leva o Premio Extraordinario na Sección de Ciencias (en troques, no seu expediente figura un aprobado en Gramática, nos cursos 1897-9). Volve obter Premio Extraordinario no exame de grao da Licenciatura en Medicina en Santiago de Compostela. Doutórase na Universidade de Madrid.  Na Coruña, obtén o posto de Medico Supernumerario de garda, do chamado Hospital de la Caridad. En 1911 noméano Profesor Auxiliar de Patología General na facultade compostelá. En 1912 obtén a Cátedra de Patología General  na Facultade de Medicina de Santiago. En 1916 publica a primeira edición do Manual de Patología General, que lle dará fama internacional no campo da  literatura médica do seu tempo. En 1926 é nomeado membro numerario da RAG. En 1927, animado por Gregorio Marañón, concursa e obtén a cátedra de Patoloxía Xeral da Universidade de Madrid. Levado pola súa amizade con Casares Quiroga, acepta presentar a súa candidatura dentro da Federación Republicana Galega e é escollido Deputado das Cortes da II República pola provincia da Coruña. En 1932 asiste en Bos Aires á colocación da primeira pedra do Centro Galego, o día de Galicia, 25 de Santiago.

[Bibliografía básica: https://historiadeza.wordpress.com/2014/10/27/roberto-novoa-santos-el-medico-humanista; vid. artigo “As  Ciencias nas aulas do Instituto” na presente publicación]. “


 (Na quinta fila, primeiro pola dereita, vemos o sello dedicado a Roberto Nóvoa Santos)


Nesa mesma publicación dos 125 anos de Instituto, Roberto Nóvoa Santos aparece citado ou mentado noutras entradas. Déixovolas a continuación (algunhas están recortadas) por se tendes curiosidade:


“Fernández Flórez, Wenceslao Antonio Félix Saturnino: A Coruña, 1885 (...)

Nun artigo publicado en ABC en 1931 deixou escrito: “En los bancos del mismo colegio –el Instituto Eusebio da Guarda, donde también estudio Pablo Picaso- Roberto Novoa Santos y yo hemos subido a un tiempo los cinco peldaños del bachillerato”.”



“Romero Corral, León: A Coruña, 1884-1973. Médico. Estudou o bacharelato no Instituto da Guarda entre 1893-9, con brillantes cualificacións. W. Fernández Flórez e Santiago Casares Quiroga foron condiscípulos seus. Inicia a carreira de medicina en Santiago, onde ten como colega e amigo a Roberto Novoa Santos.”



“Tenreiro Rodríguez, Ramón María: A Coruña, 1879 (na partida de nacemento conservada no seu expediente académico, hoxe no arquivo do IESSM, consta que naceu na casa paterna, sita na rúa Real, 32); Berna, 1939. Estudou no Instituto (Ingreso e primeiro no vello Instituto de Herrerías; no novo Instituto cursa por ensino oficial desde 1890 ata o 93; bo estudante, leva ‘Mención’ e ‘Premio’). Escritor e tradutor. Vinculado á Institución Libre de Enseñanza. Publicou na revista madrileña La Lectura, foi conselleiro do xornal El Sol e levou tamén a dirección política do mesmo.  Na Coruña foi un dos promotores da Colonia Escolar e mais da Universidade Popular. Con Madariaga, Novoa Santos e Rodríguez Cadarso, foi incluído por Casares Quiroga na candidatura da ORGA.”

“Vives Casademont, Luis: Llers, Xirona, 1866. Catedrático de matemáticas. Na Universidade Central de Madrid consérvase o seu expediente académico: sabemos que cursou a carreira entre 1880-7. Exerce como Catedrático de Matemáticas no Instituto da Guarda desde 1892 ata 1903, por traslado ao Instituto de Alacant. É autor dun Programa de matemáticas. Primer curso (A Coruña, 1894), e mais dun Tratado elemental de Aritmética (Málaga, 1907).  Foi profesor de Roberto Nóvoa Santos, entre outros.”

 (Instituto da Guarda. A Coruña: fins do século XIX-principio do XX)



Ningún comentario:

Publicar un comentario