mércores, 28 de novembro de 2018

A NOSA CASA


A NOSA CASA


O venres 23 de novembro xuntáronse no Instituto varias ex alumnas para celebrar 50 anos des que acabaron o bacharelato (promoción 1962-1968) no vello Feminino, no ‘Eusebio da Guarda’. Nós falamos cunha delas, Manuela Pérez Fernández, máis coñecida como Lela, quen fora profesora de Educación Física de moitos de vós no centro. Lela transmite enerxía e entusiasmo, e si, a verdade é que foi unha estupenda iniciativa esta de xuntárense. Hai un punto no que insiste para que tome nota: eu recordo que viñan do Facho para darnos clase de galego... Eu aprendín galego con eles... Estouche falando do curso 66-67, si, creo que si, que era en quinto, non sei se era unha hora semanal ou dúas, ata creo relembrar que era aí ás seis da tarde. Heime achegar á sede do Facho para falar con eles, xa che contarei máis. Naturalmente, queremos saber. 

Quedei pensando que habería que agradecerlle á Dirección de entón –curso 1966, 1967- a súa colaboración para coa xente do Facho que impartía esas clases de galego naqueles tempos de ditadura: collo do fondo da gaveta o Libro de calificación escolar dunha servidora e vexo que na convocatoria do meu Ingreso, en xuño do curso 65-66, o Secretario é Juan Mansito e o Director é A. Vázquez; en maio do 67, en cambio, asina a páxina A. Respino como Director e Luis Artigas como Secretario. Se non erro, estes Respino veñen de Valdeorras (como Meijide), pero ese é outro tema.

A Lela hai máis cousas que lle chaman a atención: E ti sabes que cando nós estudabamos o bacharelato había no Instituto unha ‘Escola Preparatoria’? (a verdade é que algo me soa, por terllo oído contar a Pola e mais a Fátima, ambas amigas dunha miña amiga) Era para facer o ingreso e preparaba as rapazas unha mestra de fóra, que non tiña que ver co profesorado do Instituto, eu relembro perfectamente as meniñas con mandilón en fila, terían 8 ou 9 aniños, e as clases recibíanas no segundo andar, na chamada “aula de castigo”, onde castigaban a Pablo Picasso... 

 (A chamada 'aula de castigo', onde estivo Picasso castigado; aquí é onde recorda Manuela Pérez Fernández que se impartían as clase de preparatoria para o ingreso)


E ti seguro que xa non o viviches, pero nós nos recreos tiñamos que ir paseando polo corredor  sempre na mesma dirección [non recordo eu iso xa, non, eu lembro que baixabamos ao patio como cabalos desbocados e que xogabamos ao brilé, ao racacá –racacá!, xogo empezado está!, teño escrito sobre esa frase-lema-berro de guerra nun artigo para os Cadernos de Fraseoloxía Galega-, e recordo que nos gustaban as pipas -as pebidas de xirasol- pero que estaban prohibidas e había que gardar ben gardadas as cascas e a min pillárame unha vez Lolita a bedel e levárame ao Xefe de Estudos que impoñía un montón e chamábase Felipe, e nós, mellor dito, as maiores alcumábano Felipe el Hermoso..., iso si que o recordo], a bo ritmo e sempre na mesma dirección, e xogabamos ás tabas... Eu interrómpoa: As tabas? [porque xa sabedes como é a memoria, traidora algunha que outra vez, poderosa aliada outras, un lampo de luz onde crías que só reinaba o esquecemento, claro, as tabas, eu era malísima pero tiña amigas que dominaban a antiga arte con pericia e faciamos círculos sentadas no chan, super emocionante o pasado tan distante que volve así sen esperalo e sorpréndete, claro, e alégraste] Si, ás tabas, e ti non sabes, iamos así arrimadiñas á ventá e zas, escapabamos do control de Concha, e subiamos ao faiado, alí nos agachabamos, había un montón de trangalladas...


Xa o creo: eu subín hai poucos anos, con Isa, con Beni, con Maribel, cando formabamos parte do mesmo equipo directivo: moita poeira, iso fixo, pero era un auténtico faiado de libro, de novela de Carmen Martín Gaite... espazoso, con restos do que fora o fogar do conserxe, estantes, cuncas, pratos, botellas, lámpadas vellas, farois, unha especie de facistol de madeira, garrafóns enormes de vidrio verde, libros, libros de contas, revistas do ano da polca, cadernos, pupitres arrombados medio rotos, vellas mesas de profesor, aquilo era o soño dun artista quizais, a habitación do vello mariñeiro –polos trastes- de Lugrís, que sei eu... Quen vería aquelas nenas correndo e xogando á beira do reloxo...


(Algúns dos "trastes" do faiado, antes da reforma habida para reparar as trabes e o teito. Arriba, o que chamamos o facistol, abaixo estante con variados obxectos)

Rematamos xa: non sen antes recordarvos un último dato a propósito do ensino do galego no noso Instituto. Tamén a profesora Pilar García Negro –profesora de Lingua Española un tempo no ‘Eusebio’- deu clases fóra do horario oficial en galego, impartía para as alumnas que libremente acudían, unha hora semanal. Ela, Pilar, foi a primeira en dar a docencia en galego no noso Instituto, no curso 1976-1977. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario