luns, 10 de outubro de 2022

VISITANDO...

 

VISITANDO DEZA

ALGUNHAS CATAS NAS FONTES DO CAMIÑO DE SANTIAGO AO SEU PASO POR TERRAS DE DEZA II

 

(Fonte do Botico. O Foxo-Silleda. As fotos foron feitas por Charo Soto)

 

7. Fonte de Taboada: Se nos situamos no adro da fermosa igrexa de Santiago de Taboada (Concello de Silleda), a fonte está do outro lado da estrada, indo para Carballeda, e preto da taberna. A xente do lugar con quen falamos dinos que eles lle chaman ‘o picho’. É de moderna construción, a auga vén da traída e cando fixemos as fotos había peregrinos de Estepona, Málaga. Falamos, démoslles os parabéns por ter feito o camiño e relembrei cando era nena e meu pai traballaba para un banco que tiña en Cercedilla e mais tamén en Estepona aquelas magníficas “residencias” para pasar os empregados e as súas familias as vacacións.

(A fonte nova de Taboada-Silleda)

 

8. Fonte de san Tomé: Atópase pretiño do Pazo de Trasfontao (concello de Silleda) e mais da carballeira que recibe o nome do pazo. O tramo do camiño que vai entre os carballos é dunha beleza dificilmente superable. A fonte está agachada entre herbas e silveiras, mágoa, habería que limpar esa zona e recuperalo; nós calculamos que debeu ser feita, tal como agora a vemos, no s. XVIII, que é a época en que se fixo ou refixo o pazo. Recibe o nome do apóstolo baixo cuxa advocación estivo e supoñemos que está aínda a capela do pazo. Hai un estudo, unha publicación en liña, que vos recomendo; aí podemos ler: Está encostada [a capela do pazo] ao edificio formando escuadra e en 1560 noméase como a “ermida de Santo Tomei existente na aldea de Trasfontao” (en http://www.edu.xunta.gal/centros/iespintorcolmeiro/system/files/Congreso%20IDE%20Silleda%20%28patrimonio%20material%29.pdf)

Hai moitísimas fontes que levan o nome dun santo, podémolas etiquetar como fontes haxiográficas, incluída a Virxe cos seus ricos e variados nomes: ás veces é a propia fonte a que dá nome á fonte, tal parece ser o caso da Capela da Nosa Señora da Fonte, en Boqueixón [VP], unha pequena xoia granítica construída en época románica. Normalmente estas fontes están a carón dunha igrexa, ermida, convento ou mosteiro homónimo.

(A fonte de san Tomé. Trasfontao-Silleda)

 


Na Coruña (CI) temos a fonte do santo André, monumental, pero fonte ao cabo; é moi posible que a chamada hoxe en día fonte do Gurruchiño -nome popular e xa case esquecido, hai quen lle chama “da Cetárea”-, noutrora se chamase de San Roque, porque deita a súa fresca auga na pequena cala situada a carón do lugar onde estivo a Capela de San Roque de Fóra,  e conservamos a famosa fonte de santa Margarida, agora trasladada de lugar, instalárona dentro do parque de santa Margarida; antes estaba do outro lado da estrada, preto da capela que leva o nome da santa, agora reconvertida en igrexa de dubidoso gusto arquitectónico; a miña avoa coruñesa recitaba unha cantiga que dicía: miña santa Margarida, / miña Margarida santa, / a auga da túa fonte / curou a miña garganta). E sen saírnos do CI temos a Fonte da Santa ou da virxe dos Remedios, en Abegondo.

Veñamos ao CP: en Padrón está a fonte do Carme: Santiago golpeou tres veces co báculo e a auga brotou milagrosamente; nela represéntase o bautismo da raíña Lupa; é preciosísima esa fonte.

En Lugo (P) temos a de San Vicente e nas inmediacións da capela da Virxe do Camiño ou do Carme estaba a chamada Fonte de San Froilán, hoxe tapiada.

En Dumbría (CFM) localízase a de Santa Lucía. No CF podemos citar: a fonte de san Xoán en Melide, a fonte da Saleta en Arzúa (supoñemos que se refire á Virxe da Saleta, unha veneración que vén de Francia na segunda metade do XIX, de onde se deduce que o nome é relativamente moderno), a fonte de san Antón (tamén chamada da Orza) no concello de Pino, a fonte de santa Irene (tamén en Pino: contan que a auga desta fonte se recollía para as hortas e que grazas a iso as colleitas sempre eran boas).

E chegamos a Santiago, fin do camiño. Non faltan fontes haxiográficas: a de santa Clara, a da Virxe da Cerca, a de santa María, a de san Marcos, a de san Lázaro, a fonte da Virxe da Cuncha (no barrio de Conxo, documentada xa por Tirso de Molina no XVII), a de san Clemente, a de san Roque…

9. Fonte Lumia: Está en Mourelos-Silleda, non moi lonxe do recinto feiral da Semana Verde. Non é nada doado atopala: máis ca fonte, é manancial. Desde logo, a contorna é absolutamente un locus amoenus, un lugar de novela pastoril. En Mourelos hai varias fontes e houbo un manancial de augas termais, agora desfeito; o lugar onde estiveran esas augas termais agora é privado. No riquísimo mapa que confeccionaron os alumnos do IES Pintor Colmeiro chámanlle Fonte de Lumia ao que fora manancial de augas termais. A auténtica fonte Lumia é arestora coma Urganda a descoñecida. Quedou, iso si, o nome máis estendido de eidos de fonte Lumia… Unha persoa (que non quere figurar con nome e apelidos) que sabe moito desa zona contounos que da fonte Lumia víanse saír vapores, que debía ser sulfurosa, parece que eran eses vapores máis visibles pola noite… Algo de misterio ou de marabilla había, para darlle o nome que lle deron.

 

(Nesta obra de Manuel Lugrís fálase da "lumia da noite")

 

O nome desta fonte lévanos a abrir un novo apartado. A fonte Lumia forma parte das que imos denominar fontes míticas. As lumias son seres míticos; din os estudosos do folclore galaico que se corresponden coas lamiak vascas, son de condición polo xeral maligna e poden aparecer descritas con metade do corpo de muller e metade de dragón: en consonancia ou emparentadas con outras donas da auga, seres míticos mixtos (mouras-serpes que gardan tesouros nas fontes, sereas que viven nas augas mariñas, xacias con atributo de peixes etc.). Na literatura hai lumias na obra de Miguel Mato Fondo, por exemplo. Tamén na obra dramática de Manuel Lugrís (buscade a lumia da noite no TILG). Dinos o noso amigo César Morán Fraga que pola zona de Camariñas aínda se usa a frase de claras connotacións negativas filla/fillo dunha lumia!

Cales outras podemos considerar fontes míticas? Por exemplo, aquelas fontes nas que aparecen os chamados encantos. Un par de exempliños: a famosísima Fonte Pormás en Arzúa, ben estudada hai xa moitos anos por Fraguas e fraguas (con dona-serpe) e o manancial do Penedo do Leite, en Piñeiro-Silleda, xunta o río Deza: dise que alí hai un encanto que sae en forma de cobra e lle dixo a unha persoa que o que a queira desencantar ha de darlle tres bicos. Tan pronto llos deu, volveuse todo en ouro. Se non a desencantaban íanse cara ó río maldicindo (en: http://www.edu.xunta.gal/centros/iespintorcolmeiro/system/files/Congreso%20IDE%20Silleda%20%28patrimonio%20inmaterial%29.pdf), con lenda semellante á da Fonte Pormás. Tamén hai encanto na fonte da Niveira, nos montes de Zoñan, Os Remedios, Mondoñedo (CN). Sábese que hai un encanto porque fai lume e toca a gaita (En https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=5&id=2721).

Logo hai fontes que se chaman do ouro e verosimilmente agochan mitos vinculados a ese metal marabilloso. Nalgúns casos aínda hai lenda e daquela o conto está claro; noutros casos, só se conserva o nome e pouco máis podemos dicir. Amentemos a fonte do Ouro de Cotá (Friol, CN), hoxe desaparecida, asociada ao mito da galiña cos pitiños de ouro. Tamén na Coruña (nos Chas, a Zapateira, nunha zona ben estudada no seu día polo relembrado Luis Monteagudo) houbo unha fonte do Ouro: a fonte dá nome a un monte a a unha decena de túmulos.

Fonte da Coca (Vedra, Santa Cruz de Rivadulla, VP; non tivemos aínda ocasión de ir vela persoalmente nin preguntar mais cabe a suposición de que a coca sexa a bicha ancestral, a serpe proteica que protexe un encanto ou tesouro). En Vedra atopamos tamén a Fonte da Raíña Lupa, raíña mítica no territorio galaico por excelencia, a quen lle dedicamos hai anos un estudo non desprezable e a el vos remito (“Da raíña Lupa e da tradición Xacobea”, en Garoza 3, 2003, pp. 197-212). Nesta mesma liña, tocante a Lupa e a Translatio, debemos facer presente a famosa fonte do Franco compostelá (interesantísima non só pola historia dos bois que pararon alí indicando dese xeito onde debería erguerse o sepulcro de Santiago Apóstolo, senón tamén porque o nome da fonte permítenos encetar un novo capítulo proximamente, o referido a fontes con nome de posesor, queda prometido, heivos falar dese tema).

 

(Fonte do Franco)

 

Fonte da Vella (Gondomar, CPC): Esta foi a entrada á Paradela para quen, a través do camiño da Fonte da Vella, procedía de Baiona e outros lugares por Pousada. Segundo Soliño & Chamorro (en: https://concellodegondomar.gal/wp-content/uploads/2022/03/Percorridos-polo-patrimonio-de-Gondomar-01.pdf), a referida “Vella” fai alusión á antiga deidade precristiá das alturas e as profundidades, da terra e o mar (unha hipótese que unha servidora subscribe; é máis, diría que xa nos atopamos no país con esta forma latina de nomear a vella -nunca mellor dito- deusa ancestral, a celto-indoeuropea Caillech [hai que pronunciar Kálex, quen sabe se comparte Galicia e (Portu)gal raíz con esa deusa soberana]; dela falamos neste blog, en “Visitando Monteagudo de Bergantiños”, 26 marzo 2021).

Á derradeira (sen que con isto se esgote o tema nin moito menos…) podemos beber na fonte do Luar; unha vez máis a título de hipótese, pero tendo presentes casos ben documentados de aquellarres nas fontes, pode aquí pensarse nunha xuntanza dese tipo á luz da lúa… Está en Triacastela (CF).

10. Fonte do Campo: Preciosa fonte, bastante ben conservada (o matiz vén pola falta de limpeza); a mágoa é o contexto, de altos e faltos de garbo edificios cementosos. Conforme vimos de Lalín, a fonte está a carón da estrada, entrando en Silleda. Dicíanos o escritor e bo coñecedor da vila Xosé Ramón Castro que cando era neno ten xogado moitas veces nesa fonte ou máis ben no lavadoiro anexo: xogaban a botar os barquiños que eles, os rapaces, facían de casca de piñeiro… Temos un caso máis de fontes toponímicas. Fontes así chamadas, do Campo, hai máis. Un exemplo prototípico é a betanceira Fonte do Campo, nome con que o pobo sempre a coñeceu (a nós facilitounos o dato o noso amigo Javier Chao); é coñecida oficialmente como fonte de Diana. No caso de Betanzos (CI), o campo é o antigo da feira. En Silleda, o “Campo” é un dos tres barrios en que Silleda está ou estaba dividida: O Campo, Cuartel e as Baratas (polas Casas Baratas). 

 

(Fonte do Campo. Silleda)

 

Outras fontes con ese nome son: a fonte do Campo de Arriba en Rianxo (AO), a fonte do Campo en Gondomar, a fonte do Campo do Forno na santiaguesa rúa de San Pedro etc.

11. Fonte da Ra: Esta fonte silledense foi trasladada de lugar, antes estaba na praza a carón da igrexa, no que chaman ‘O Parque’ e actualmente no seu sitio hai outra fonte moderna con pedras que levan escrito o nome de todas e cada unha das parroquias do Concello de Silleda. Chámanlle ‘da ra’ porque orixinariamente tiña varias ras como elementos arquitectónico, da boca das cales deitaba a auga. Desapareceron. Inicialmente, cando oín por primeira vez ese nome pensei nas numerosas fontes que levan o nome dun animal, podiámolas etiquetar como fontes zoonímicas. Se queredes repaso algunhas convosco, sen ánimo de sermos exhaustivos. Temos, por exemplo: a fonte Cangrexeira (en Betanzos, está ao lado do antigo leito da ría, lugar que noutrora sería abundante en cangrexos; tamén lle chaman fonte de San Gregorio); a fonte dos Teixugos (Dodro-Laíño, CPC), a fonte das Cabirtas (Lalín), a fonte do Piollo (Parada-Silleda e hai outra así chamada en Monterroso, CF), a fonte do Sapo (Verín, VP), a fonte do Raposo (Fisterra, AO), a fonte do Lagarto (Muros, CMN; aquí, como na das Ras, o zoónimo débese a un elemento arquitectónico porque por riba do cano hai labrado un espléndido lagarto de pedra), a fonte dos Ranchos en Lugo (lemos na prensa que antigamente a xente levaba a esa fonte os cochos para que se bañasen, en https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2007/05/10/so-falta-rancha-canteria/0003_5793357.htm) e a fonte dos Bois (O Portiño-A Coruña; nós non chegamos xa a vela pero temos coñecidos que dan fe dela, agora a entrada está bloqueada con grandes bolos que non deixan ver a auga: son palabras literais do noso informante, o grande coñecedor desa contorna e dos nomes das pedras, o señor B.; á fonte dos Bois baixaban os paisanos cos bois para que bebesen; cando nós chegamos ao barrio de san Roque de Fóra, hai 33 anos, había polo menos un veciño que tiña na corte -nunha casiña baixa que inda se conserva, por certo- unha parella de bois…, o cal nos trae á mente os campos próximos á torre onde Manuel Rivas relembra ver pacer as vacas ou os bois…). 

 

12. Fonte Botico: Debémoslle a J. R. Castro o encamiñarnos a esta fonte. Está no Foxo-Silleda, en pleno Camiño de Santiago. O lugar é xeitoso e paga a pena ir visitalo. José Ramón non quixo dicirnos o nome da fonte, ide alí e preguntade á xente maior. E así o fixemos. Con moita sorte, porque na cartelería oficial veñen outras variantes (“Fonte da Botica ou do Picho”). Foi un par de amables veciñas as que me dixeron que no lugar a chamaban fonte Botico. O primeiro que pensei foi nun alcume, no nome dun posesor. Logo, ao saber que no Foxo houbo, e moi próxima á fonte, unha botica, xa mudamos de opinión; entendemos que botico é unha variante de xénero sobre botica para indicarnos un reducido tamaño. A fonte, xa que logo, entra dentro do apartado xa visto, son as fontes metonímicas, que reciben o nome do edificio que teñen próximo.

 

E por hoxe xa chega de abondo. Parabéns ás Pilares, Pilaras, Pilis, Pilochas, Pilucas e Pilaricas!

 

 ::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

LISTADO DE ABREVIATURAS:

AO: A Orixe

CF: Camiño Francés

CFM: Camiño Fisterra-Muxía

CMN: Camiño da Ría de Muros-Noia

CI: Camiño Inglés

CN: Camiño do Norte

CP: Camiño Portugués

CPC: Camiño Portugués da Costa

P: Camiño Primitivo

VP: Vía da Prata

Ningún comentario:

Publicar un comentario